Novas

Arde unha casa por completo en Cospeito

Unha casa quedou reducida a cinzas en Cospeito nun incendio que se declarou arredor das 00.00 horas desta noite. Tratábase dunha vivenda de dúas plantas situada no lugar de Muíños, en Pino.

A persoa que alertou ao 112 asegurou que na residencia non había ningunha persoa, pero si animais. Ata o lugar desprazáronse os bombeiros de Vilalba, a Garda Civil e os membros do GES de Friol, que lograron extinguir as lapas e salvar aos animais que estaban na parte de atrás do inmoble. Por fortuna, non houbo que lamentar danos persoais.

 

Falece unha muller e outras dúas persoas resultan feridas nun accidente en Viveiro

Unha muller falecida e dúas persoas feridas son o resultado dun accidente que tivo lugar esta noite en Viveiro. Arredor das 00.00 horas, o turismo no que viaxaban as tres persoas colisionou contra un camión estacionado na LU-539, moi preto da rotonda da Misericordia.

Ao lugar desplazáronse efectivos da Garda Civil, bombeiros, Urxencias Sanitarias e Protección Civil de Viveiro. Ao chegar ao lugar do accidente, un dos tres ocupantes estaba xa fóra do vehículo, pero os outros dous permanecían no seu interior. Foi precisa a intervención dos bombeiros para excarceralos.

Unha vez fóra, o persoal sanitario certificou o pasamento dunha muller pola que non puideron facer nada. Tamén trasladaron aos dous feridos, un home e unha muller, ao Hospital de Burela.

‘Toponimízate’ chega á Pobra do Brollón á procura de colaboradores para a recolla de topónimos da zona

‘Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra’ chegará o venres 10 de novembro ao concello da Pobra do Brollón. A Casa da Cultura acollerá a partir das 19.30 horas unha das charlas da nova edición da campaña coordinada pola Real Academia Galega, na que as persoas asistentes aprenderán a empregar a aplicación Galicia Nomeada, coa que poderán colaborar na recolla de nomes de leiras, fontes, camiños, devesas e outros microtopónimos que corren o risco de se perder. A entrada estará aberta para todo o público que desexe asistir.

O coordinador técnico da plataforma, o filólogo da RAG Vicente Feijoo, explicaralles ademais aos presentes a orixe e o significado dos topónimos que designan este municipio e as súas parroquias e aldeas, unha información elaborada coa colaboración do académico de número Gonzalo Navaza na parte etimolóxica.

‘Toponimízate’ ten dous obxectivos principais: divulgar a riqueza toponímica de Galicia, que fai do país un lugar único no mundo pola insólita abundancia de nomes tradicionais que nomean case palmo a palmo o territorio; e involucrar a poboación de todas as idades na recollida e xeolocalización dos microtopónimos aínda non rexistrados empregando Galicia Nomeada. Nesta edición a campaña visitará unha ducia de municipios onde no seu día non se completou o Proxecto Toponimia de Galicia á procura de persoas que queiran colaborar neste labor. No caso da Pobra do Brollón, a través desta aplicación rexistráronse ata o momento un total de 315 achegas públicas.

A Pontenova acolle a IV Xornadas da Terra de Miranda os días 10 e 11 de novembro

A Pontenova acollerá os días 10 e 11 de novembro unha nova edición das Xornadas da Terra de Miranda, unha serie de encontros nos que se analizará a situación do medio rural galego na actualidade. As xornadas están organizadas polo movemento de renovación pedagóxica Nova Escola Galega e contan coa colaboración activa de 38 colectivos de toda índole da comarca, ademais da dos concellos da Pontenova, Riotorto, Meira e Trabada. Ao longo de todo o programa participarán un total de 26 relatores e relatoras.

Segundo a organización, estes encontros teñen varios obxectivos: analizar e explicar a realidade educativa no medio rural galego en xeral, e na Terra de Miranda en particular; identificar as características naturais, económicas, sociais, asociativas… que determinan o estado actual da comarca; situar estes elementos no contexto de Galicia e na procura da concepción dunha estratexia global de desenvolvemento do medio rural; e poñer en común experiencias educativas, asociativas e económicas que contribúan á planificación dunha estratexia galega de desenvolvemento concibida desde e para o medio rural.

A activista e defensora dos dereitos das mulleres iraniana Nilufar Saberi visitará Lugo o 9 de novembro

Nilufar Saberi, defensora dos Dereitos Humanos de Irán, chegará o vindeiro mércores a Galicia da man de Amnistía Internacional nunha xira de tres días na que parará en Lugo o xoves 9 de novembro ás 20.00 horas no patio do Vello Cárcere.

Saberi abordará nestas charlas a problemática dos Dereitos Humanos en Irán dende a chegada ao poder de Jomeini e a súa teocracia islamista no 1979, así como a súa esperanza ante os cambios que se están a producir grazas ao movemento de Muller Vida e Liberdade.

Nilufar é unha activista de longa traxectoria e moi coñecida no noso país, xa que leva 40 anos vivindo en España, onde chegou coa súa familia como refuxiada sendo nena. Durante estas 4 décadas leva denunciando as violacións que se están a cometer no seu país, especialmente no tocante aos dereitos das mulleres e nenas. No seu tempo fundadora e máis tarde presidenta da Asociación Iraní Pro-Derechos Humanos, hoxe en día prefire adicarse á divulgación de forma independente, como dan conta as súas colaboracións con organizacións como Amnistía Internacional, Medicus Mundi, Cultura de Paz, Culturas y Tierra e moitas outras.

FAC-USO denuncia que o concello de Monforte non delega os procesos de selección da Policía Local

A Federación de Atención á Cidadanía da Unión Sindical Obreira en Galicia (FAC-USO Galicia) denuncia que o Concello de Monforte de Lemos non ten delegados os procesos selectivos da Policía Local na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP).

O sindicato avisa de que o consistorio monfortino non está adherido ao Convenio asinado pola Vicepresidencia e Consellería de Presidencia da Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias para a selección dos membros dos corpos de policía local. De feito, o Concello convocou dúas prazas de policía local a principios de xuño e outras dúas por oposición libre o pasado mes de outubro, poucos días despois de que AGASP celebrara varios procesos selectivos para cubrir 89 prazas de axentes locais en 24 municipios galegos.

Este sindicato tamén denuncia que isto non é a primeira vez que sucede, xa que hai un par de anos, o Concello fixo coincidir a data do primeiro exercicio das probas para a cobertura de tres prazas de policía local coa data da primeira proba da convocatoria da AGASP, provocando que 280 aspirantes tiveran que decidir entre as dúas convocatorias e que as tres prazas do concello de Monforte quedaran sen cubrir.

Nun comunicado, a FAC-USO pide ao Concello de Monforte que “se adhira ao Convenio para a selección dos membros dos corpos de policía local, vixiantes municipais e auxiliares de policía local, delegando na AGASP estes procesos selectivos”.

 

O PSOE de Bóveda denuncia a falta de médico no ambulatorio

O PSOE de Bóveda denuncia que o centro de saúde do municipio leva toda a semana sen médico nin persoal de enfermaría.

Segundo a voceira socialista, Carmen Macía, no Centro de Saúde de Rubián si que contan cun substituto, pero non no de Bóveda, o que implica o desprazameto dos enfermos. “Nunca a atención sanitaria foi tan débil e nunca tivemos unha situación tan mala como a de agora. Antes aínda alternaban o médico substituto dalgún dos dous centros de saúde para atender a todo o municipio, pero agora nin iso: nin cobren os días libres dos médicos, nin vacacións, nin as baixas”, sinalou Macía.

Dende o partido urxen tanto ao Concello como ao Sergas que doten ao ambulatorio do persoal necesario xa que consideran que a situación “é insostible no tempo; non podemos ter o núcleo de Bóveda sen atención sanitaria”.

Os bombeiros rescatan a un home que quedou atrapado no seu coche tras un accidente en Lugo

Un home tivo que ser excarcerado despois de dar varias voltas de campá co seu coche en Lugo, concretamente nunha rotonda situada no quilómetro 1 da LU-546, na parroquia de San Mamede dos Anxos.

Foi unha testemuña a que chamou ao 112 para informar do accidente, que ocorreu preto das 14.30 horas de onte. No operativo de rescate participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, bombeiros de Lugo, axentes da Garda Civil e os servizos de mantemento da estrada.

Xa na escena do accidente, os bombeiros comprobaron que o conductor -que era o único ocupante do vehículo- era incapaz de saír polo seu propio pé, polo que procederon a liberalo con material de excarceración.

Unha vez fóra do vehículo, o conductor foi trasladado ao hospital en ambulancia.

O comité científico da UNESCO rexeita a o proxecto da piscina fluvial de Lugo

O Consello Científico do Comité Español do Programa MaB da UNESCO vén de presentar un proxecto no que afirma que a praia fluvial que o Concello tiña previsto construír sería perxudicial para o entorno natural do río Miño.

O informe, solicitado o pasado mes de xuño pola Sociedade Galega de Historia Natural, sinala que a construcción desta praia reduciría e alteraría o hábitat fluvial, afectando a especies protexidas, a raíz do “incremento de ruído, pisoteo, residuos, facilitación de dispersión de especies exóticas invasoras, etc”.

O proxecto tamén chama a atención sobre o perxudicial da translocación das poboacións naturais de bivalvos acuáticos do Miño, xa que esta construción resultaría “contraria” a manter o seu estado de conservación. “Este tipo de propostas son dificilmente asumibles na xestión prudente e racional da biodiversidade que expón tanto o Convenio da Diversidade Biolóxica, a Estratexia de Biodiversidade da Unión Europea ata 2030 e o recentemente aprobado Marco mundial Kunming-Montreal da Diversidade Biolóxica”, afirman no escrito.

Reserva da Biosfera Terras do Miño

Ao longo de todo o informe recálcase a importancia da Reserva da Biosfera Terras do Miño, puntualizando non só a importancia do entorno, senón tamén a existencia de hábitats e especies de flora e fauna endémicas, raras e ameazadas que, a pesar de estar tan preto dun núcleo urbano como a cidade de Lugo, se manteñen en bo estado de conservación.

Concretamente, na zona onde se pretende instalar as piscinas destacan unha colonia de bivalvos acuáticos que están protexidas (Unio delphinus, Potomida littoralis e Margaritifera margaritifera), o peixe espiñento (catalogado como vulnerable), unha planta coñecida como ninfeido (considerada en perigo de extinción), e unha importante presenza de aves, anfibios, reptís e mamíferos que habitan o tramo do río entre a ponte romana e antiga pesqueira A Illa e das que moitas das cales “figuran no Listado de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial”.

Antecedentes 

Esta non é a primeira vez que a Unesco tomba un proxecto do Concello de Lugo. Alá polo ano 2007, ano no que Xosé López Orozco era alcalde, un informe da Icomos -un órgano asesor da Unesco- desaconsellou establecer o novo auditorio de Lugo no cuartel de San Fernando polo “impacto visual” que causaría sobre a Muralla Romana. O novo emplazamento do Auditorio trasladouse á Avenida de Magoi, onde 16 anos despois aínda non foi inaugurado.

 

 

A Deputación aprobou unha partida de 360.000 euros para invertir en Viveiro, Castroverde e Guitiriz

A Deputación aprobou hoxe o investimento de arredor de 360.00 euros para a creación, mellora e mantemento de varios servizos públicos dos concellos de Viveiro, Castroverde e Guitiriz.

Desta partida, 200.000 euros destinaranse para a dinamización do turismo de Viveiro, con accións como o reforzo da información e a potenciación das rutas turísticas, a contratación de concertos para as festas patronais, ou o alugueiro de escenarios para  eventos culturais. Tamén se empregará este diñeiro para manter algúns servizos públicos coma o cemiterio, o alumeado público, a plaza de abastos ou o servizo de poda, entre outros.

A Castroverde destinaranse 150.000 euros para a mellora da mobilidade no concello. Para iso acondicionaranse as vías que pasan polos núcleos de Miranda, Vilacote, Lourentín, Furís de Abaixo, Riomol e A Meda. Tamén se pavimentará con formigón o núcleo de Miranda e se mellorará a recollida de augas pluviais de Folgueiras.

En canto ao concello de Guitiriz, o groso das obras terán lugar na rúa Boa Veciña, na parroquia de Lagostelle. Destinaranse algo máis de 7.000 euros en comprar materiais para as obras de humanización desta rúa, e 114.000 euros para a rehabilitación e pavimentación dun firme máis groso e a redución da altura existente entre a calzada e as beirarrúas. Tamén se instalarán novos bancos e papeleiras.

 


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com