Novas

“In memoriam” de Pepe Seijo

Mi querido amigo!, esa era a contestación que indefectiblemente contestabamos un ou outro cando nos chamabamos por teléfono. Esa frase, con toda a retranca do mundo, por vir de quen viña e quen a puxo en uso, era o noso saúdo.

Máis ou menos cada quince días, aínda que nos víramos en persoa nese tempo, faciámonos unha chamada, as máis das veces pasadas as 11 da noite dos venres ou sábados e, como canta Sabina, podían darnos as dúas e as tres e… e nós dándolle  á trécola.

Esas conversas eran unha especie de “informe quincenal” do acontecido nesas dúas semanas. Nese “programa off the record” faciamos unha análise da política local, provincial, a de Santiago e mesmo a estatal (tamén do persoal) e era nese tempo de conversa cando, de verdade, se manifestaba a sapiencia e os coñecementos que atesouraba.

Ninguén sabía máis da información política e social deste mundo chamado Lugo. Coñecía polo miúdo os trasuntos de calquera cuestión, coñecía as razóns e os porqués das actuacións duns e outros.

Toda esa bagaxe e experiencia foinos roubada para sempre, á mañanciña, cando o albor de agosto invita á vivir, a pasear, ou tomar un café cos amigos na rúa como a el lle gustaba logo de informarnos cada día, pero A Parca, nin dorme nin descansa.

Fóisenos Pepe, a pescudar ao  alén, teño por seguro que aló onde estea seguirá na procura da noticia, pois un xornalista de raza como el non abandona nunca, como nolo deixa ben demostrado.

Pepe déixanos orfos dos seus coñecementos e do seu análise sempre claro e preciso, mais, sendo consciente de dita perda, nada que ver coa magnitude da perda da persoa, dese home co que podías contar para o que fora, sempre co seu sorriso e a súa retranca. Nacer, nacera en Bilbo, como el gustaba denominar á capital biscaíña, pero as súas raíces afundíanse no Friol dos seus devanceiros.

Falamos por última vez o mércores pasado no acto civil polo pasamento doutro amigo ao que tamén fomos render a nosa admiración. Ao despedirse díxome por enésima vez, temos que facer a entrevista do novo disco de Brath, contesteille: chámote despois da ponte e quedamos.

Xa non vai poder ser, meu querido amigo!

 

 

Lembrando a Pepe Seijo

O Grupo Fonmiñá lamenta fondamente o pasamento do destacado xornalista e bo amigo, Pepe Seijo, que tanto ten axudado na difusión da Semana de Cine e, en xeral, da fotografía e do cine en Lugo.

Era o primeiro en chamarnos pola mañá para saber o que ía pasar no día que comezaba; era a voz de ánimo nun labor que sabía interminable; era o amigo comprensivo que se alegraba connosco polos pequenos avances de cada día.

Coa nosa lembranza agradecida para Pepe Seijo, o desexo de que nesta nova singladura sexa tan feliz e entusiasta como na que ata agora vivíu.

A Asociación Si, hai saída manifesta o seu pesar polo falecemento do xornalista Pepe Seijo

Desde a Asociación Si, hai saída desexamos expresar o noso mais sincero e profundo pesar polo falecemento do xornalista Pepe Seijo.
Grande como profesional e non menos grande como persoa, non podemos por menos que manifestar o noso inmenso agradecemento polo apoio que sempre nos brindou, pola súa lealdade, sempre por encima de calquera interese ou convencionalismo, valorando de xeito incondicional o noso traballo.

Desde Si, hai saída despedimos non soamente a un excelente profesional, se non, con moita dor, a un gran amigo.
As nosas condolencias a todos os seus seres queridos, aos seus compañeiros da Ser e xornalistas en xeral , os cales saben que contan, a si mesmo, coa nosa estima, e a ti ,
queridísimo Pepe, soamente nos queda dicirche que nunca te esqueceremos e que a túa pegada ficará para sempre con nos.

Boa viaxe, amigo.

Asociación Si, hai saída.

Falece o xornalista Pepe Seijo

Esta mañá cando preparaba o informativo das 7.50 horas nas instalacións de Radio Lugo, onde traballaba dende hai máis de dúas décadas, falecía o xornalista José Seijo Mendoza, coñecido por todos como Pepe. Seijo entrara para dar as noticias nas duas anteriores conexións, pero ao chegar a das 7.50 non o fixo. Parece ser que quen o atopou, xa sen vida, foi un compañeiro que chegou a emisora a primeira hora da mañá.

Con Pepe Seijo, un xornalista dos que xa quedan poucos, vaise unha persoa excelente e, sen dúbida o comunicador que máis sabía da política lucense e luguesa. Se alguén podía dar unha clase maxistral sobre a política de Lugo, ese era el. Coñecía polo miudo cada andanza o porqué de cada acción que realizaban as distintas forzas polítcas e mesmo os propios políticos.

Colaborador de El País e da axéncia de noticias Europa Press foi tamén delegado de CC.OO durante máis de 20 anos.

O sindicato enviou unha nota de prensa prensa erxpresando a súa dor polo pasamento deste mestre e compañeiro.

A Unión Comarcal de CCOO de Lugo amosa a súa consternación polo falecemento de José Antonio Seijo Mendoza, xornalista de Radio Lugo e El País. «Pepe Seijo  un gran profesional e un compañeiro moi querido», apuntan desde o sindicato. O

«Fóisenos demasiado novo», indican desde o Comisións Obreiras, pois o xornalista tiña só 57 anos.

«Quédanos todo o que nos deu», sinalan en referencia a quen foi a voz máis recoñecible de Lugo nas ondas e no papel impreso nos últimos anos.

Ademais da identificación con Lugo, o sindicato salienta «o compromiso demostrado por Pepe durante os máis de vinte anos que representou os seus compañeiros e compañeiras como delegado sindical de CCOO.

De feito, o pasado mes de abril viña de revalidar a condición de representante dos traballadores e traballadoras de Radio Lugo.

Apertura, provisional, da pista de pádel e circuito pumptrack do Concello de Becerreá

O Concello de Becerreá ven de emitir un comunicado onde di que se “permitirá o uso de forma provisional das instalacións recentemente finalizadas da pista de pádel e circuíto pumptrack, instalados no parque empresarial de Becerreá, e rematados a pasada semana a partir do próximo mércores día 16 de agosto.

O custo das obras para a execución do Proxecto titulado pistas de pádel e circuíto pumptrack do Plan Único do 2022, cun importe de 211.145€.
E á espera de contratar e executar unha segunda pista de pádel
por importe de 38.779€.
Para o seu uso temporalmente, a súa apertura será de 10h a 22h e para utilizala, deberán dirixirse ao teléfono 629022731, cunha antelación de tres horas. O tempo máximo de uso por petición, será dun máximo dunha hora e media, por persoa e día.

A pista deberase desocupar á finalización da reserva efectuada,
independentemente de se se atopa baleira ou non, polo que non
abandonar a pista á finalización da reserva será considerada como
unha ocupación indebida e advertirase ao usuario ou usuarios do
incumprimento.

Os usuarios da pista de pádel deberán ir correctamente vestidos
con roupa deportiva e calzado adecuado ao uso do céspede sintético.

En ningún casose deixará facer uso das pistas a usuarios con roupa de rúa tipo vaqueiros etc… e calquera calzado non deportivo.
Está completamente prohibido xogar desprovisto de camiseta e co torso espido.

Normas de uso do circuíto de PumpTrack

O circuíto de PumpTrack é de acceso libre e gratuíto coas limitacións nestas normas de uso.

Non está permitido o uso de elementos motorizados ou eléctricos na pista.
Non está permitido levar nas bicicletas estriberas e pedais
metálicos ou calquera material que poida danar a instalación.
É obrigatorio o uso de casco para facer uso do circuíto de PumpTrack.

É moi recomendable utilizar proteccións articulares tales como covadeiras, muñequeiras, luvas, xeonlleiras…., así como roupa e calzado adecuado. O uso deste circuíto supón un risco que asume cada usuario baixo a súa propia responsabilidade.

Os espectadores e usuarios que non estean a practicar situaranse fóra do circuíto de PumpTrack. O circuíto de PumpTrack foi concibido para a práctica deportiva polo que non está permitido sentar, transitar por el ou realizar un uso non deportivo sobre eles ou o utros usos inapropiados.

Non está permitida a entrada de animais.

Manter distancia de seguridade entre os outros Riders.

Dentro do circuíto haberá deportistas de diferentes idades e niveis respéctaos e dá prioridade sempre ao menor e ao non iniciado.

Non entrar a pé e transitar en sentido contrario.

Evitar pedalear sobre as ramplas.

Non recomendable para menores de 4 anos.

Ata os 10 anos deberán estar acompañados por un adulto.

Homenaxe ás persoas represaliads polo franquismo o 16 de agosto en Montecubeiro, en Castroverde

O vindeiro 16 de agosto, ás 20.00 horas, en San Cibrao, en Montecubeiro, a carón do monolito que lembra o acontecido nesta parroquia de Castroverde en 1937.

O acto contará coas intervencións do historiador e escritor Xosé Manuel Sarille, autor do libro “Polos fillos dos fillos” (Candeia Editora, 2003), sobre a matanza de Montecubeiro, e familiar de vítimas do franquismo e Ricardo Polín, cronista de Castroverde, e coa actuación da cantautora folk Paloma Suanzes, quen musicou o poema de Claudio Rodríguez Fer “As tres mapoulas de Montecubeiro” para o proxecto Mulleres na Memoria promovido pola área de Cultura da USC e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo ven organizando este acto desde 2019 así como outros actos de homenaxe ás persoas represaliadas polo franquismo na contorna do Día da Galiza Mártir, a fin de apoiar a institucionalización desta data – 17 de agosto, na que foi executado Alexandre Bóveda – e de subliñar o dereito á verdade, xustiza e reparación as vítimas do franquismo.

O lugar elixido este ano, o monolito de Montecubeiro, pretende servir tamén de recordatorio do vinte aniversario da instalación do monumento e de recoñecemento ao traballo a favor da memoria do seu impulsor, Manuel Sarille.

 

O Concello de Lugo asina un convenio coa Asociación Down Lugo en prol da integración e inserción de persoas con diversidade funcional

A área de Cohesión Social, a través do CEI Nodus, e Down Lugo veñen de subscribir un convenio para que persoas con discapacidade intelectual realicen prácticas laborais nos diferentes servizos municipais. A finalidade deste acordo en prol da integración é facilitar a inserción das persoas con diversidade funcional.

“Desde o Concello, como a administración máis próxima á cidadanía, seguimos a impulsar medidas que promovan a igualdade de oportunidades, suprimindo as barreiras que aínda existen e nos limitan en moitos ámbitos da vida. Sen dúbida, este labor debe involucrar a toda a sociedade, e de forma particular ao noso rico tecido asociativo que fai un gran traballo neste eido, mais como responsables públicos temos o compromiso de propoñer as solucións e as liñas xerais de acción máis axeitadas para acadar este obxectivo”, sinalou a responsable de Cohesión Social, Ana González Abelleira.

Froito desta colaboración, que estará en vigor como mínimo ata o ano 2027, no vindeiro mes de setembro dúas persoas desenvolverán a súa actividade profesional nas dependencias municipais. Trátase dun período de natureza formativa que terá unha duración de 120 horas – e durante o cal os participantes estarán titorizados en todo momento – “para favorecer que adquiran experiencia e que obteñan os coñecementos necesarios que lles permitan superar con éxito os procesos de oposición aos que concorren”, abondou a edil.

Nesta mesma liña, o Concello de Lugo coopera tamén con outras entidades, como a Fundación Feafes. Unha relación a través da cal a Institución local posibilitou a inserción laboral de máis de 80 persoas con enfermidades mentais nos últimos anos.

“Estamos convencidos de que este tipo de sinerxías son o camiño correcto para acadar o noso obxectivo de que as persoas pertencentes a colectivos con diversidade funcional poidan ser partícipes de todas as facetas da vida, cos dereitos que nos son inherentes a todas e todos, en iguais condicións que o resto da cidadanía”, sostivo González Abelleira.

Vilalba celebra o vindeiro 19 de agosto a quinta edición da Nocturna de San Ramón

Vilalba será escenario o sábado 19 de agosto da quinta edición da Nocturna de San Ramón, organizada polo Club Atletismo Vilalba coa colaboración do Concello de Vilalba.

Tras uns anos de parón desde a pandemia regresa a proba, con chegada e saída á praza da Igrexa. As carreiras comezarán ás 20:00 horas coas diferentes categorías infantís e xuveniles.

A proba senior, de cinco quilómetros, comezará ás 22:00 horas, e haberá tamén a esa hora unha andaina de tres quilómetros.

As incricións están abertas ata o 15 de agosto e poden realizarse en www.championchipnorte.com. As persoas interesadas en participar na andaina poden facelo telemáticamente ou presencialmente, o propio día da Nocturna de San Ramón desde as 17:00 ata as 20:00 horas na praza de Sta. María.

 

No Pasamento de Xesús(Suso)Arrizado Yañez

Hoxe ás catro e media da tarde celebrábase o acto civil na honra de Xesús Arrizado Yañez (Suso) tristemente falecido onte mércores.

Suso foi un exemplo para todos os que o coñecemos, en primeiro lugar, pola súa valía persoal, da que deixou a súa impronta nos lugares por onde pasou e tamén pola súa entrega a causas sociais e políticas nas que destacou dende moi novo polo seu traballo e compromiso.

Non foi Suso un home que se arredara diante das dificultades e así o amosou sempre que foi necesario. Foi un loitador tanto no plano persoal como no colectivo e nomeadamente no ámbito da defensa da nosa terra e dos seus dereitos políticos como militante nacionalista. Tamén o foi na reivindicación dos dereitos dos traballadores onde estivo batallando ata o fin.

A historia de Suso afonde a súas raíces na loita contra a ditadura franquista, onde demostrou a súa valentía e,  paralelamente, na organización dos primeiros movementos obreiros nacionalistas, cando a represión exercida polo réxime podía levarte á cadea ou mesmo á desaparición física, pero para el iso non era un problema, o seu compromiso e a súa palabra estaban por riba de calquera continxencia que puidera xurdir.

E isto, como dicía, demostrouno dende moi novo, sirva como exemplo os comezos na política e no movemento sindical que xa destacamos, ata a saída do Forga. Para el a loita e o compromiso a prol dos traballadores continuou ata onte. E mantivo,durante toda a vída, o seu ideario político e sindical en rumbo fixo, o cal non mudou, mesmo dende o posto no que traballou estes derradeiros anos na Deputación de Lugo.

En paz estea, este si, bo e xeneroso.

O Concello de Lugo incorpórase á Rede Innpulso

O Pleno municipal aprobou na súa última sesión a incorporación do Concello de Lugo á Asociación Rede Innpulso (ARINN), un foro de encontro de todos aqueles municipios distinguidos co galardón “Ciudad da Ciencia e a Innovación”, que outorga anualmente o Ministerio de Ciencia e Innovación, coa finalidade de avanzar na definición e aplicación de políticas locais innovadoras.

Así, o obxectivo da ARINN é recoñecer e impulsar as actuacións que en materia de ciencia e innovación realizan as administracións locais, propiciar a colaboración entre os concellos pertencentes á Rede, mellorar o seu potencial innovador e servir de modelo a outros municipios para contribuír ao cambio do modelo produtivo cara a un modelo económico e social sostible, baseado no coñecemento e a innovación.

O Ministerio concedeu neste 2023 a distinción de ‘Ciudad da Ciencia e a Innovación’ a dez novas localidades, entre as que se atopa Lugo, xunto a Algemesí (Valencia), Castelldefels (Barcelona), Irún (Guipúscoa), Puerto Real (Cádiz), Riba-Vermella de Turia (Valencia), Rubí (Barcelona), Sagunto (Valencia), L’Hospitalet de Llobregat (Bacelona) e Vitoria Gasteiz (Áraba).

  A ‘Rede Innpulso’ é un foro de encontro e de definición de políticas locais innovadoras e un espazo onde se comparten boas prácticas na súa xestión e na das iniciativas de comunicación para trasladar estes proxectos á cidadanía. Esta Rede é un axente cada vez máis activo de promoción de novas accións, como a compra pública de innovación, o apoio ás pemes e os emprendedores e a definición de criterios. Tamén promove e apoia a participación en proxectos no contexto dos programas europeos.

Por outra banda, cómpre subliñar que o Ministerio de Ciencia e Innovación está a destinar 10 millóns de euros para a incorporación de axentes locais de innovación nos concellos da ‘Rede Innpulso’. Deste xeito, e coa incorporación na devandita rede, o Concello de Lugo poderá acceder ás axudas para contratar persoal cualificado nesta materia.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com