Novas

A Audiencia de Lugo condena a sete anos de cárcere a un home por agredir sexualmente a un menor

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo condenou a sete anos de cárcere a un acusado de agredir sexualmente a un menor co que contactou a través da aplicación Grindr. O tribunal considera probado que, en febreiro de 2022, o procesado, que tiña 41 anos, concertou unha cita “para manter un encontro de carácter sexual” coa vítima, de 14 anos, tras intercambiar “mensaxes de índole sexual”. Os maxistrados aseguran que mantivo relacións sexuais co menor no interior dun vehículo, a pesar de ser “consciente da súa escasa idade”.

A Sala descarta a existencia de motivos espurios ou de inimizade previa. Así, salienta que o menor “só contou os feitos tras ser visitado polos axentes do Corpo Nacional de Policía que investigaron os mesmos ao poñelo no seu coñecemento o pai dunha das amigas deste, recoñecendo varias veces en sede xudicial que non quería denunciar, que non sabía por que estaba alí, que quedara voluntariamente co acusado, chegando a manifestar que non se sentía violado porque non dixera que non”. En canto a verosimilitude da versión ofrecida pola vítima, o tribunal entende que se trata “dun relato coherente e que se ve avalado por outras circunstancias”, entre elas as mensaxes que ambos se intercambiaron.

pasos de peóns elevados

O PP dí que “todos os pasos de peóns elevados analizados incumpren a normativa”

Nunha nota emitida esta mañá, o PP de Lugo comunicaba que, “nos últimos meses foron moitos os lucenses que se puxeron en contacto cos concelleiros do PP para queixarse polas dimensións dalgúns dos pasos de peóns elevados de Lugo e para preguntar se as medidas dos mesmos estaban dentro dos límites legais marcados. Tantas foron as queixas, que dende o PP encargouse a un estude de enxeñería que se comprobase se as medidas destes elementos estaban dentro dos límites establecidos. Tanto os pasos de peóns elevados como os redutores de velocidade coñecidos como “lombos de asno réxense por unha normativa estatal pero que non é de obriga cumprimento para as cidades. A pesar de que non hai que cumprir con esas medidas, sería axeitado adaptarse ás recomendacións xa que teñen o mesmo efecto disuasorio sendo menos agresivos”, destacan.

Os resultados deste estudo amosaron que os pasos de peóns avaliados superan a altura máxima recomendada hasta nun 80%. É dicir, os pasos de peóns elevados teñen que ter unha altura máxima de 10 centímetros e os cinco avaliados teñen unha altura de ata 18 centímetros. “Superan a altura máxima hasta nun 80% o que provoca serias dificultades para superalos, chegando nalgún caso a rozar na parte baixa dos coches”, apuntan.

Os lombos de asno teñen, destacou Ameijide,“unha problemática semellante, pero con diferenzas de altura que superan o límite máximo, nalgún caso, nun 135%. A altura máxima para estes elementos é de 6 centímetros e detectáronse algúns de ata 14 centímetros de altura”.

Malia esta denuncia o voceiro popular subliñou que “os concelleiros populares destacan que están a favor da colocación destes elementos redutores da velocidade en Lugo, xa que axudan a mellorar a seguridade de peóns e de condutores.

Elementos avaliados

Pasos de peóns:

Avenida de Ramón Ferreiro, Rúa Angelo Colocci (marxe dereita), Rúa Angelo Colocci (marxe esquerda), Avenida Paulo Fabio Máximo (marxe dereita), Avenida Paulo Fabio Máximo (marxe esquerda)

Lombos de asno

Avenida de Magoi (marxe esquerda), Avenida de Magoi (marxe dereita), Rúa Santo Graal (á altura do número 20), Rúa Santo Graal (á altura do número 32), Rúa Santo Graal (á altura do número 68).

A SD Sarriana consegue o ascenso a Terceira División

A SD Sarriana conseguiu onte ante a Residencia o seu ascenso a Terceira División.

Aínda que o seu adestrador, Brais Prados, dixera durante a semana que o ascenso tería lugar na derradeira xornada, o triunfo da SD Sarriana ante a Residencia por 2-1 e  o empate entre o Boiro e o Noia, fixo que a Sarriana  xa sexa equipo de Terceira RFEF. Un ascenso que o equipo de Sarria levaba moito tempo esperando e que onte, nun partido no que dominaron claramente, conseguiron.

O Goberno local aproba o mércores o programa para rexenerar 57 vivendas do Centro Histórico

A alcaldesa, Lara Méndez, anunciou esta mañá que o Concello de Lugo aprobará esta semana, en Xunta de Goberno, a Memoria, correspondente á Fase XVII, do Programa de Rehabilitación no Centro Histórico da cidade, ao abeiro das axudas do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado pola Unión Europea – Next Generatión.

Nesta convocatoria, – que como até o de agora se xestionará dende a Empresa Municipal de Vivenda e Solo (EVISLUSA) – o Executivo local proxecta rehabilitar un total de 57 vivendas, ubicadas no recinto amurallado.

A rexedora explicou que, “con estas achegas, 35 inmobles poderán reducir entre o 30% e o 45% o seu consumo de enerxía primaria non renovable, mentres que 12 acadarán unha diminución de entre o 45% e o 60% e 10 edificacións rebaixarán a súa demanda de enerxía por riba do 60%”.

Dende o seu orixe, estas axudas levan contribuído a impulsar a reforma de 636 vivendas (354 nas seis primeiras fases e 282 máis ata a 14 edición) e máis dunha vintena atópanse en tramitación.

Olga Louzao vivenda

Ciudadanos aposta pola rehabilitación e o fomento do aluguer cunha liña de axudas para inquilinos e bonificacións fiscais para propietarios

A candidata de Cs, Olga Louzao, deu a coñecer esta mañá o seu plan de vivenda municipal que pretende solucionar os problemas que vive Lugo nesta materia. “Lugo é a terceira capital da provincia de España con máis vivendas baleiras. Tamén contamos cunha gran cantidade de edificacións en estado ruinoso ou moi deteriorado cuxa habitabilidade é nula. Non obstante, o prezo da vivenda de segunda man e dos alugueres non para de subir, xa que a oferta é moi limitada. Propoñemos executar un programa de rehabilitación de inmobles con fondos europeos e facilitar o acceso ao aluguer dos mozos a través dunha liña de axudas para inquilinos e bonificacións fiscais para propietarios. Ademais, no próximo mandato poremos en marcha un programa de convivencia interxeracional en colaboración coa USC, que permite que os universitarios compartan vivenda só con persoas maiores”, apuntou a candidata.

“O 20% do noso parque de edificios está baleiro e case o 40% ten máis de 40 anos. Un dos principios dunha cidade verdadeiramente sostible debe ser reutilizar e recuperar o que existe. É vital para o futuro de Lugo recuperar vivendas para rexenerar as zonas degradadas. Para iso queremos crear unha liña de axudas, que conte cunha partida orzamentaria propia, e que poida cubrir ata o 100% da rehabilitación dos inmobles destinados a primeira residencia en zonas degradadas. De forma complementaria apostamos pola creación dunha oficina de rehabilitación de vivendas no norte da cidade, que axude aos veciños no proceso de rehabilitación e tramita as diferentes liñas de axuda. Deste xeito poderemos ampliar o parque de vivendas e rexenerar os nosos barrios ao tempo que determinamos a poboación”, explicou Louzao.

“Esta medida compleméntase cunha partida creada nos orzamentos municipais para axudas ao aluguer para mozos e bonificacións fiscais para os propietarios coa Administración local como mediadora no proceso, dando garantías a ambas as partes. Son moitas as familias que optan por residir nos concellos limítrofes debido á á falta de abastecemento na cidade. Hai que dar solucións á perda de atractivo como concello”, afirmou Louzao.

Día das Letras Galegas en Burgas-Bulgaria

A pasada semana percorreu Bulgaria un numeroso grupos de membros da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago na provincia de Lugo, en viaxe cultural organizada pola asociación que preside Ángel Trabada.
Como é tradicional nas viaxes que coinciden con esta data, celebraron na cidade de Burgas un acto con motivo do “Día”, no que interveu o xornalista Xulio Xiz, membro da Asociación, que falou de Fernández del Riego, o seu papel na creación do “Día das Letras”, os 60 anos que se cumprían desde a primeira edición en 1963, e o exemplo que para a vitalidade do Galego supón a existencia de destacados escritores “alófonos” – Pérez Creus, Anne Marie Morris ou García Lorca, entre moitos outros -, asi chamados por Alonso Montero os non galegos con obra importante no noso idioma.
O acto rematou co canto colectivo do Himno Galego.
Similares actos téñense celebrado nos últimos anos con motivo da viaxe dos Amigos do Camiño a Rumanía, Xordania ou Sicilia.

Presentado o libro Mr. Smith e a festa murada do lucense Paco Martín

Está tarde presentouse na Feira do Libro de Lugo a última obra do lugués Paco Martín, Mr. Smith e a festa murada. Acompañou ao autor na presentación do libro Alejandro Tovar especialista da obra do autor das “Cousas de Ramón Lamote”

Da expedición científica que Mr. Smith realizou polas rúas e prazas dunha cidade galega, coa xenerosa intención de dar cunha nova vía que servise de atallo no camiño da investigación socioxeográfica e, de presentárselle a ocasión, aproveitar para facer algún descubrimento de carácter etnográfico, zoolóxico ou mesmo botánico, que lle proporcionase a sona precisa para que alguen tivese un fundamento, por cativo que fose, que o levase a realizar algún comentario ao respecto na hora da lectura dos xornais en calquera club londiniense ó que asistisen membros da Royal Geographic Society, ou calquera outra entidade de sona e prestixio parellos.

Martín foi mestre de primaria ata o ano 2000, durante sete anos foi director do Departamento de Producción de Material Didáctico para o Ensino en Galego da Consellería de Educación da Xunta de Galicia.

Un dos seus grandes intereses foi o ensino da nosa lingua, para o que escribiu libros de texto e colaborou noutras iniciativas para as aulas. Entre a súa extensa obra destaca sobre todo Das cousas de Ramón Lamote (1985), Premio Barco de Vapor (1984), Premio Nacional de Literatura infantil e xuvenil (1986). A primeira obra que se editou do autor foi Muxicas no espello ao que seguiririan, entre outras, Os libros do Castromil, Santiago, Historias para ler á noite, Pierre, Dous homes ou tres, Andanzas e amizades dun robot pequeño,  ou O home que mercou un libro.

 

 

 

Olga Louzao proporá rehabilitar todos os barrios degradados

A candidata de CS, Olga Louzao, visitou o barrio do Carme acompañada por gran parte dos membros da súa lista onde puido conversar con algúns dos veciños que aínda residen na zona. Louzao anunciou que no próximo mandato impulsará “un novo marco normativo que permita rexenerar zonas con alto grao de degradación como é o Carme, A Tinería, A Milagrosa ou o Barrio Feijoo.

“É necesario comezar a redacción dunha novo PXOM e modificar o PEPRI. Ademais é necesario crear un Programa de axudas á rehabilitación nas zonas degradas utilizando a oportunidade que brindan fondos europeos para alcanzar o 90% de financiamento da reforma dos inmobles destinados a residencia habitual. Pola contra, moitos propietarios non poderán asumir os custos e a recuperación será un fracaso», expuxo Louzao.

“De nada serve que o Goberno local planee unha intervención puramente cosmética na vía pública ou que anuncie aos catro ventos un plan de rehabilitación, de xeito evidente insuficiente, na Milagrosa. Estes proxectos de pompa están abocados a ser un novo fracaso xa que falto financiamento, falta vontade política e, sobre todo, falta unha normativa urbanística que ampare a transformación que necesitamos na nosa cidade”. “O PEPRI é un claro exemplo, impide a rehabilitación, xa que en moitos ámbitos, como é o caso de o Carme, con esta norma só se pode realizar traballos de conservación”, sinalou a alcaldable.

Para Olga Louzao, “a degradación por falta de investimento público trouxo aparellados unha serie de problemas comúns en todos os barrios degradados da cidade: ocupación, delincuencia, venda de drogas, marxinalidade, problemas de convivencia, e unha clara sensación de falta de seguridade.

O barrio do Carme, segundo Louzao” reúne todas as problemáticas que nos atopamos ao longo da cidade. Aos problemas de ocupación, prostitución, vandalismo, falta de seguridade, inmobles en risco de derrube, súmase aquí un abastecemento de auga obsoleta, infraestruturas desfasadas e unha iluminación pública deficiente que fan complicadísimo que esta zona sexa habitable”.

Para rematar aseverou que “o 20% das edificacións están en ruínas e o 76% baleiras. Debemos lograr que esta xoia patrimonial sexa un espazo para vivir”, explicou. A xestión do Goberno rematou por  afundir estes barrios emblemáticos da nosa cidade convertendo aos seus veciños en cidadáns de segunda”. Concluíu.

A Plataforma de Veciños do Barrio Centro de Lugo” rexeita este plan de tráfico do concello”

A Plataforma de veciños do centro emitiu un comunicado no que se reitera no rexeite do plan de tráfico que deseñou o concello. Como é sabido, onte iniciouse o plan de tráfico derivado das obras de peonalización do Centro e comezaron a circular os coches pola Rúa Nova segundo o Plan previsto polo Concello e tal e como xa declararan membros do citado colectivo “A Plataforma de Veciños do Barrio Centro de Lugo rexeita este plan de tráfico e lamenta que non se aceptara o Plan alternativo que presentou no seu día ao Concello. Ademais, actualmente estase executando con nulas medidas de seguridade para os peóns e veciños, dos que se están recibindo xa innumerables queixas”

Segundo a Plataforma Veciñal, “está a observarse ausencia total de Policía Local na zona para control do tráfico e na propia Rúa Nova non existe sinalización horizontal, nin sinalización do límite de velocidade para os vehículos. Os vehículos de todo tipo conviven cos peóns, esquivándose mutuamente ao non haber separación física entre eles, o que supón un risco importante e innecesario para os cidadáns”.

O condutor dun vehículo resultou ferido nunha saída de vía en Carballedo

O accidente tivo lugar sobre as 11:45 horas deste xoves. Foi a esa hora cando o mesmo persoal sanitario comunicaba ao 112 Galicia da saída do helicóptero medicalizado con base en Ourense para Carballedo, para evacuar a unha persoa que resultara ferida despois de saírse da vía. A causa do accidente puido ser unha indisposición ao volante pola que o condutor se saíra da vía cando circulaba á altura de Castro, no concello de Carballedo.

Ademais dos servizos sanitarios tamén acudiron os axentes de Tráfico e os efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade. Así mesmo, os xestores do 112 puxeron os feitos en coñecemento dos Bombeiros de Chantada.

O persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 confirmou ao 112 Galicia a evacuación do condutor ferido ao centro hospitalario de referencia.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com