Novas

A Asociación Si, hai saída lanza unha nova mensaxe de alerta ante a última vaga de asasinatos machistas

Desde a Asociación Si, hai saída, en relación coa tráxica vaga de crimes machistas acontecidos neste Nadal que aínda non rematou, desexamos manifestar o seguinte:

En primeiro lugar, lembrar que esta vaga non é froito da casualidade, se non, agás algunha escasa excepción, o resultado dunha serie de graves eivas na protección das vítimas e da falta de prevención ante un mais que demostrado incremento da violencia de xénero
nestas datas por múltiples factores, como poden ser a maior convivencia entre parellas con conflitos previos, as xuntanzas familiares, o consumo de alcohol ou outras substancias, o intercambio de menores por mor das vacacións, etc, etc, etc.

Cada ano, desde que comezamos a nosa traxectoria, hai case 9, desde Si, hai saída, dado o noso traballo en estreito contacto coas vítimas, e, porén coa súa realidade, alertamos do exposto anteriormente, do cal hai constancia por escrito, non soamente a nivel local, se non chegando mesmo a dirixirnos a algunha institución a nivel nacional, como sucedeu este mesmo ano no que nos diriximos ao Ministro de Interior, Fernando G. Marlaska, pregando que non se dera a mesma situación de desprotección de anos anteriores, con Ufam e comisarías baixo mínimos, sen obter resposta algunha, nin moito menos resultado ningún.

É totalmente inxustificable que fora preciso ter chegado a estes tráxicos extremos para que, desde o ministerio de Igualdade, que conta, desde que chegaron ao poder, no seu haber, cun mais que considerable aumento da violencia de xénero, para que se convocara un comité de
crise, ao que, irónicamente, denominan urxente, tras o cal manifestan ter conclusións tan obvias como as expostas por nos anteriormente, coma se foran, ademais, algo novo, así como para solicitar unha xuntanza co ministro do Interior ante as evidentes eivas no seo dos CFSE,
priorizando claramente campañas, actuacións e aparicións mediáticas cuxo resultado a vista está.

Igualmente inxustificable e alarmante é que o propio ministro Grande Marlaska manifeste que esta vaga de crimes constitúe unha proliferación inusual e que non responde a ningún patrón temporal nin doutro tipo, demostrando así, non soamente o seu total descoñecemento da realidade da violencia de xénero, se non que a súa prioridade é desviar a atención de que él é un dos grandes responsables do que está suceder por tolerar o que está a acontecer no seo dos CFSE, e que é, obviamente, da súa directa competencia.

Non esquezamos que moitas das mulleres asasinadas tiñan denunciado, e que mesmo se deron casos nos que existían ordes de afastamento, sen que se estivera a facer, pola contra, seguimento ningún da vítima nin do agresor o que deixa claramente patente que, a maior o
risco, maior desprotección.

Non podemos, ademais, pasar por alto o feito de que, no acabado de rematar 2022 foron varios os casos relacionados coa violencia de xénero ou coa violencia vicaria no que se viron implicados membros dos CFSE, e, como xa manifestamos en ocasións precedentes, non se trata de condenar a un colectivo, pero tampouco de negar a realidade.

É, por outra banda, arrepiante, comprobar como, lonxe de buscar solucións coherentes, urxentes e prácticas, se segue a politizar a violencia de xénero, a sacarlle rendemento, e a tentar acadar méritos de cara a vindeiros procesos electorais, a costa de tanta dor, de tantas vidas.
Aproveitamos para lembrar que a loita contra a violencia machista nin é unha competición entre as CCAA, a ver quen arroxa unha menor ou maior porcentaxe de vítimas ou denuncias, nin se debe fragmentar como semella que se pretende facer, e, de feito, se fai.
É, ou debería ser, unha loita conxunta, na que todos os actores que intervimos nela, e toda sociedade en xeral, temos a nosa parte de responsabilidade.

É, así mesmo, lamentable, que se continúe sen escoitarnos a aqueles que traballamos directamente coas vítimas, que coñecemos de primeira man a súa realidade, sinxelamente por negarnos a obter rendemento desta letal lacra e que temos como única prioridade axudar as vítimas de violencia de xénero e aos seus fillos.

Tamén a nivel local temos que seguir lamentando a total falta de colaboración por parte dunha institución vital para a loita contra a violencia de xénero, como é a Policía Nacional, algo que ven sucedendo desde comezos do ano 2017, co cambio de responsable da mesma, botando
por terra un magnífico traballo coordinado que se levou a cabo durante mais de tres anos, do que se beneficiaron moitas vítimas, o cal era o obxectivo, priorizando cuestións puramente persoais, que nada teñen que ver con esta loita, e que non son, ao noso entender, o mellor
exemplo de profesionalidade, nin de implicación, máxime ante a situación tan grave que estamos a vivir, malia que desde Si, hai saída estivemos, en todo momento, dispostos a reconducir esta situación, da cal, e con toda humildade o dicimos, temos claro que non somos
para nada culpables, se non todo o contrario, xa que se nos prexudicou de xeito mais que notable, poñendo toda clase de atrancos ao noso traballo, que incluíron, en mais dunha ocasión, claros intentos de desprestixiarnos.

Son, o temos moi claro, momentos para loitar, para traballar, unidos, se a preocupación é real, e non para leas mais propias de patio de colexio. Estamos loitando para tentar axudar a mulleres, a nenas e nenos, a saír do terror, e, tal vez, para salvar algunha vida.
Afortunadamente, temos que dicir todo o contrario no que atinxe ao eido xudicial, no que contamos con todo o apoio e ao que manifestamos o noso profundo agradecemento por colaborar nesta loita dura, longa e para a que, polo momento, non se albisca, nin de lonxe,
unha solución.

Para rematar, non podemos por menos que manifestar a nosa profunda tristura ante unha sociedade que, cando non pasou nin unha semana dun tráxico e cruel rosario de crimes machistas, polos que se amosaba consternación, aparente dor, xa os relegou, aos poucos días, ao esquecemento mais absoluto.

En Si, hai saída nin esquecemos , nin mudamos a nosa prioridade que é axudar a cantas vítimas sexa posible, e aos seus fillos e fillas.
Cos nosos erros, por suposto, e dentro das nosas mais que limitadas posibilidades, pero sempre, con mais forza se cabe, e coa mesma vontade e coa mesma fe non que estamos a facer que o primeiro día.

Asociación Si, hai saída.

Os Reis Magos visitan o Círculo das Artes

O Círculo das Artes organiza un Festival Infantil de Reis. A Granja Show Musical será a encargada de amenizar unha velada marcada pola música en directo e animacións cos personaxes favoritos de péquelos. A Granja Show ofrece un percorrido musical polos temas máis famosos da discografía infantil: a Galiña Turuleta, Cóxegas,… e ademais conta con invitados moi especiais: Mary Poppins, a Patrulla Canina, e moitos máis.

Ás 18.00 horas, S.S. M.M. de Oriente chegarán ao Círculo, para atender as peticións de péquelos. Todos os nenos gozarán dunha merenda gratuíta.

A festa será o vindeiro mércores 4 de xaneiro de 17.00 a 20.00 horas no Salón Rexio.

Abre ao tráfico a esquina de San Roque

Esta mañá abriu ao tráfico a esquina de San Roque logo das obras que permitiron erradicar os espazos que resultaban insalubres ou entrañaban situacións de perigo para a veciñanza como podía ser a propia pasarela de acceso aos establecementos comerciais.

Os Traballos realizados permitirán que o fluxo peonil da Rolda da Muralla teña a súa continuación cunha beirarrúa de 4 metros de ancho que conecta co espazo que dá acceso ao edificio lindeiro cara a rúa Montero Ríos, ao tempo que o tráfico rodado veuse tamén mellorado co ensanche da rúa San Roque, incorporando un novo viario para o acceso ao Carril das Flores, onde coexiste o tráfico peonil e o rodado restrinxido, cun tratamento de firme diferente ao ser Camiño Primitivo. Neste caso, usouse granito con formigón desactivado, seguindo as preferencias de Patrimonio.

Este tratamento diferenciado prolongouse ata o paso de peóns do inicio de San Roque, para que o acceso rodado fora máis gradual. Así mesmo, o Carril das Flores ten agora un ancho aproximado de 6 metros na súa zona máis ampla, e de máis de 4 metros na zona de acceso desde a Rolda da Muralla.

Alén disto, os muros que se xeraron pola diferencia de cota que se produce entre Carril das Flores e a Rolda da Muralla revestíronse de sillería de pedra para integralo na súa contorna, mentres que o muro lindeiro do Carril das Flores máis próximo á futura edificación resolveuse cunha varanda.

Entre outros detalles, a actuación contemplou obras de demolición e reposición de pavimentos na calzada, apertura de gabias para redes de servizos, derruba de muros e de dúas edificacións en San Roque (números 5 e 7), así como a construción da infraestrutura para a nova beirarrúa. Obras que afectaron ao subsolo nunha zona de ámbito PEPRI polo cal foi obrigada a realización das escavacións arqueolóxicas, sobre as que se exerceu un permanente e escrupuloso control.

Os traballos completáronse, así mesmo, coas medidas necesarias para o establecemento da prioridade peonil do devandito Carril das Flores, incorporando elementos de sinalización e regulación viaria.

3.669 fogares benefícianse do Ingreso Mínimo Vital

O Ingreso Mínimo Vital (IMV) chegou este mes de decembro a 3.669 fogares na provincia de Lugo con 9.804 persoas, das que 5.567 son adultos e 4.237, menores. Así, o Ministerio de Inclusión e Seguridade Social abónalles este mes un total de 1.472.516,04 euros. Son os datos analizados esta mañá pola subdelegada co director provincial do Instituto Nacional da Seguridade Social e da Tesourería Xeral da Seguridade Social, Juan José Rodríguez Gude, durante unha reunión de traballo celebrada na Subdelegación do Goberno.

Tal e como explicou a subdelegada do goberno, Isabel Rodríguez, o dereito a percibir o Ingreso Mínimo Vital, aprobado polo Goberno en maio de 2020, incrementado nun 15% en xuño deste ano e prorrogado para o 2023, contempla as situacións das unidades familiares en situación de vulnerabilidade económica, por iso o recoñecemento dun IMV pode beneficiar a varias persoas residentes nun mesmo fogar.

A subdelegada lembrou que o Ingreso Mínimo Vital ten como beneficiarias aquelas persoas de entre 18 e 65 anos que estean en situación de vulnerabilidade económica. En función das circunstancias concretas de cada fogar garántense uns ingresos de entre 6.783,36 e 14.924 euros ao ano (entre 565,28 e 1.243,74 euros ao mes). Ademais, está acompañado por un itinerario de inserción laboral.

Amplíase a Mercado Nadalmente Lucense da Praza Maior ate 5 de xaneiro

O mercado municipal Nadalmente Lucense ampliarase até o 5 de xaneiro  debido ao éxito de afluencia que tivo durante o mes de decembro e para facilitar á venda aos comerciantes dos distintos barrios alí instalado e incentivar á compra de proximidade.

O horario de apertura e atención ao público das casetas será de 11:00h a 14:30h e de 16:30h ás 21:00h, agás o día 5 de xaneiro, que  pechará ás 14:30h.

O mercadiño disporá de actividades de animación e entretemento, pensadas para todas as idades, pero especialmente para os nenos e nenas, incluíndo maxia con Roberto Lolo; contacontos coa Elfa de Nadal, Ángela Goás e o paxe real Caxoto, ou espectáculos diversos, que manterán o espírito de Nadal da man da Escola Star Dance, da Academia de baile Victoria Gil Danza e de Escena. Tamén permanecerá aberto o Osasis do emisario Real Ben-Alí.

O Belén de Begonte xa supera as 20.000 visitas

Nos primeiros vinteoito días de “O Nadal en Begonte”,  superáronse amplamente as 20.000 visitas, a pesar de que ata o día de 24 só se abriu ao público sábados, domingos e festivos. Neste momento, e ata o día de Reis ábre todos os días (11 a 13 e 16 a 19), volvendo desde esa festividade ata finais de xaneiro ao calendario inicial.

O promedio de asistentes cada día de apertura supera as mil persoas, tendo xa visitantes formando cola á hora de apertura, e debendo prolongar o funcionamento ata que todos os que veñen a Begonte puideron ser acollidos.

Mesmo os días en que non funcionaba o Belén recibíronse numerosos grupos (algún, superando as 150 persoas, en varios autobuses), sendo a mañá do pasado mércores o momento de maior afluencia, con sete colectivos atendidos.

Certamente, hai que considerar superadas as limitacións da pandemia, as cifras de visitas anteriores, e a evidencia de que estamos nun novo tempo do Belén que comeza, precisamente, coa celebración do cincuentenario da súa fundación.

A partir de xaneiro volve a programación do programa +Xti

A concellería de Xuventude activará en xaneiro a programación do programa +Xti, que inclúe actividades de ocio, formación e sensibilización como accións de prevención contra a drogodependencia dirixidas á mocidade e que se desenvolverán ata o mes de xullo.

O programa, dependente do Servizo Municipal de Prevención de Drogodependencias, inclúe accións que en edicións pasadas foron moi demandadas, como as sesións formativas pensadas principalmente para axudar ás persoas en paro ou con traballos moi precarios, cursos de condución segura ou iniciativas culturais. Pero tamén inclúe propostas máis novidosas, como Lugo Mola e Lugo Sport

Da programación, iniciáronse xa os plans de apoio escolar, que repercuten nos máis cativos e nas súas familias, onde se traballa coa comunidade educativa de Lamas de Prado para combinar esta actividade, con educación en valores, hábitos saudables e habilidades sociais nos momentos de descanso.

Do resto de accións, os prazos iranse publicando na plataforma de ‘Lugo+Xti’ (https://www.lugomasxti.org/), así como nas redes sociais da área de Xuventude e na web do Concello de Lugo.

Elena Candia presenta “Lugo, o primeiro” o slogan para a súa campaña

A candidata popular á alcaldía de Lugo Elena Candia, presentou xunto á secretaría xeral do PPG Paula Prado, o slogan que empregará ata as eleccións do vindeiro 28 de maio de 2023 e que se converterá tamén “na súa filosofía de goberno”.

Tal como detallou Elena Candia na súa comparencencia ante os medios de comunicación, este lema recolle “a filosofía” que moveu a súa acción dende que foi proclamada candidata, como reflicte o feito de “empaparse das ideas e das propostas das persoas veciñas de Lugo antes de trasladar os compromisos que incluirá o meu contrato coa cidadanía”.  Segundo a candidata popular o slogan “reflexa a idea de que Lugo exerza o liderado que lle corresponde ata consolidarse como motor indiscutible da provincia”.

Candia tamén quixo deixar claro que o slogan remarca a idea de que temos un municipio con identidade propia “que non quere copiar nin a Vancouver, nin a Pontevedra”. A candidata do Partido Popular á alcaldía de Lugo  destacou os 3 Patrimonios da Humanidade que temos “nos que hai que crer, e  hai que promocionar”.

 Balance do 2022.

Durante a súa comparecencia, a popular aproveitou para facer balance do ano que remata este sábado, e que definiu como “tan intenso como produtivo”. Así, explicou que nos últimos meses  conxugouse “a activación do músculo do partido, que é o noso principal  activo” coa presenza en barrios (A Milagrosa, A Residencia, As Fontiñas ou Augas Férreas) reunións sectoriais Asemade salientou alientou que rematará o ano “cumprindo o obxectivo de presenza nas 54 parroquias “con encontros abertos á cidadanía ou noutro tipo de formatos como visitas individuais ou  casa a casa”

 

 

Os socialistas de Pantón esixen que se  cubra unha praza de médico

Os Socialistas de Pantón esixen ao Concello e á Consellería de Sanidade que cumpra co seu compromiso de cubrir a praza do terceiro médico, e brindar así un servizo de calidade aos veciños e veciñas de Pantón. Advirten de que, tanto o Alcalde, como a Xunta “seguen sen facer absolutamente nada para cubrir a praza do terceiro médico, que se atopa vacante desde o 2021”.

Dende o PSdeG de Pantón “levamos moito tempo denunciando este compromiso incumprido do Alcalde e do PP co noso concello, e seguindo tamén este asunto como fonda preocupación”. Lembremos que se comprometeron tanto pola Alcaldía como pola Xunta de Galicia a cubrir esta praza no mes de xaneiro de 2022, “pero novamente fixeron caso omiso ás peticións da veciñanza, xa que comprobamos que seguimos sen contar con este servizo vital para o noso pobo”.

Ao longo de todo o 2022 esta praza non se cubriu, creando un gran malestar entre os usuarios e usuarias de Pantón. “E moitas veces, tanto por baixas como por vacacións, o centro de saúde quedou ao longo do ano cun só médico, que é insuficiente para atender a toda a poboación, incluíndo urxencias e servizos a domicilio”.

É importante sinalar que Pantón conta cunha poboación de 2.428 habitantes, e os maiores de 65 anos son máis do 47,4% do censo, “que é o arco de idade que conta con máis patoloxías e polo tanto, que require máis atención sanitaria”. “

Finalmente lembran que o Grupo Parlamentario Socialista defendeu iniciativas para mellorar esta situación, o pasado 28 de marzo de 2022, no Parlamento de Galicia. “Unha vez máis, o PP mirou cara outro lado, abandonando á veciñanza de Pantón”.

Os Codex estrean hoxe dúas películas excepcionais

Hoxe chega aos cines Codex os filmes  A NOVELISTA E O SEU FILME do director Hong Sang-soo e RMN o novo filme de Cristian Mugiu

Hong Sang-soo volve a propoñer unha nova meta reflexión sobre o seu cine, esta vez centrada na encrucillada da literatura e dende un punto de vista feminino, cunha clara demarcación sempre inestable entre a arte e a vida. A Novelista e o seu filme gañou o Oso de Plata (Gran Premio dO Xurado) no Festival de Berlín.

A NOVELISTA E O SEU FILME conta  cunha promoción que consiste en que cada espectador que merque unha entrada para ver a película recibirá un marca páxinas. Ao presentar este marca páxinas na librería dos Codex obterán un desconto do 5% en calquera libro que se merque en dita librería.

SINOPE: A famosa novelista Junhee reúnese con dúas amigas e a velada parece estar cargada de certa amargura. Unha delas deixou a escritura para abrir unha librería e aínda non lle dixo a Junhee que opina do seu último libro. A segunda é cineasta e nunca adaptou o libro de Junhee, algo que tiñan planeado. Aínda que o máis desconcertante é que Junhee non publicou nada nun tempo. En lugar diso, empezou a cuestionar o seu enfoque literario e ten dúbidas sobre a sensibilidade que forxou o seu estilo e a súa personalidade

O novo filme do director Cristian Mungiu, RMN, unha mostra do seu cine máis comprometido coa realidade, tan claro como conciso, tan preciso como relevante, volve a demostrar a súa facilidade para construír metáforas delicadas. Mungiu no perde un ápice da súa sensibilidade para converter ao espectador en privilexiado observador.

SINOPSE: Uns días antes de Nadal, Matthias volve ao seu pobo natal tras deixar o seu traballo en Alemaña. Está preocupado polo seu fillo e polo seu pai que se quedou só, desexa tamén volver ver á súa exmoza. Trata de implicarse máis na educación do neno, que pasou demasiado tempo a cargo da súa nai. Cando a fábrica que Csilla dirixe decide contratar a empregados estranxeiros, a paz desta pequena comunidade verase perturbada.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com