Novas

Os Codex estrean hoxe dúas películas excepcionais

Hoxe chega aos cines Codex os filmes  A NOVELISTA E O SEU FILME do director Hong Sang-soo e RMN o novo filme de Cristian Mugiu

Hong Sang-soo volve a propoñer unha nova meta reflexión sobre o seu cine, esta vez centrada na encrucillada da literatura e dende un punto de vista feminino, cunha clara demarcación sempre inestable entre a arte e a vida. A Novelista e o seu filme gañou o Oso de Plata (Gran Premio dO Xurado) no Festival de Berlín.

A NOVELISTA E O SEU FILME conta  cunha promoción que consiste en que cada espectador que merque unha entrada para ver a película recibirá un marca páxinas. Ao presentar este marca páxinas na librería dos Codex obterán un desconto do 5% en calquera libro que se merque en dita librería.

SINOPE: A famosa novelista Junhee reúnese con dúas amigas e a velada parece estar cargada de certa amargura. Unha delas deixou a escritura para abrir unha librería e aínda non lle dixo a Junhee que opina do seu último libro. A segunda é cineasta e nunca adaptou o libro de Junhee, algo que tiñan planeado. Aínda que o máis desconcertante é que Junhee non publicou nada nun tempo. En lugar diso, empezou a cuestionar o seu enfoque literario e ten dúbidas sobre a sensibilidade que forxou o seu estilo e a súa personalidade

O novo filme do director Cristian Mungiu, RMN, unha mostra do seu cine máis comprometido coa realidade, tan claro como conciso, tan preciso como relevante, volve a demostrar a súa facilidade para construír metáforas delicadas. Mungiu no perde un ápice da súa sensibilidade para converter ao espectador en privilexiado observador.

SINOPSE: Uns días antes de Nadal, Matthias volve ao seu pobo natal tras deixar o seu traballo en Alemaña. Está preocupado polo seu fillo e polo seu pai que se quedou só, desexa tamén volver ver á súa exmoza. Trata de implicarse máis na educación do neno, que pasou demasiado tempo a cargo da súa nai. Cando a fábrica que Csilla dirixe decide contratar a empregados estranxeiros, a paz desta pequena comunidade verase perturbada.

Adxudicado o novo contrato para o mantemento de zonas verdes de Lugo

O Concello de Lugo adxudicará mañá, en Xunta de Goberno, o novo contrato para o mantemento das zonas verdes do municipio. Unha licitación na que se investirá 14.846.611 euros nos vindeiros cinco anos que dura a concesión (sen posibilidade de prórroga), outorgada á empresa Calfensa.

A rexedora anunciaba hoxe o derradeiro trámite do procedemento antes de que a nova prestación entre en vigor, despois do tempo de espera que supuxo a resolución do Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia.

A alcaldesa lucense comunicou que, “entre as zonas que abrangue esta licitación, atopanse tamén os espazos de nova creación que, con motivo de obras futuras, ampliacións, cesións, recepcións de urbanizacións e adquisicións de todo tipo incrementen a superficie de actuación municipal, respectando as mesmas condicións que contempla a adxudicación”.

Unha das melloras que incorpora o novo contrato terá en conta a singularidade do Parque de Rosalía de Castro no que se renovarán ou incrementarán os seus equipamentos.

O responsable de Medio Ambiente, Miguel Fernández, salientou que “a nova adxudicación contempla a contratación de medio cento de operarios, en diferentes postos de traballo, cunha pequena variación que oscila entre os 47 empregados que deben figurar no cadro de persoal en tempada baixa – de decembro a febreiro – e os 52 que debe manter o resto do ano. Esto significa que o cadro de persoal, que é subrogable e actualmente dispón de 31 operarios, experimentará un incremento en torno a un 68%, favorecendo tamén a xeración de emprego”.

Igualmente apuntou que “a empresa deberá dotarse de medios materiais e mecánicos para executar o seu cometido. En total, pasarase de 166 unidades de maquinaria a 186 (un 12% máis) – a tempo parcial, completo e vehículos – como cortacéspedes, rozadoras, motoserras, sopladoras, tractores, trituradoras e camións basculantes, furgonetas, vehículos multiusos ou remolques, garantindo a suficiencia de recursos propios e a axilidade e eficacia do servizo”.

Preto de 2.000 nenas e nenos menores de 5 anos recibiron as dúas doses da vacina da gripe

Preto de 2.000 nenas e nenos da provincia menores de 5 anos recibiron xa as dúas doses da vacina da gripe nos tres hospitais da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos. 

 O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, aportou os datos rexistrados ata o pasado venres durante a visita ao punto de vacinación no Hospital Universitario Lucus Augusti (Hula), onde se está a completar o proceso de administración de vacinas. Neste sentido, sinalou que a cifra dos que contan polo menos cunha dose na provincia ascende a 3.873 nenos e nenas. Deste xeito, a taxa de cobertura acumulada desde o inicio da campaña é do 49,8%.

 A Consellería de Sanidade incluíu este ano no calendario de vacinación infantil a opción da vacina antigripal tetravalente para os menores de entre 6 e 59 meses, para “achegar tranquilidade ás familias ante a preocupación polo aumento das enfermidades respiratorias entre os nenos e nenas”, segundo indicou Arias. Trátase dunha medida pioneira entre as comunidades autónomas coa que se pretende evitar a transmisión desta doenza entre a poboación, xa que está demostrado que os menores constitúen o principal motor de transmisión da gripe.

Concerto de Nadal do Orfeón Lucense

Hoxe, ás sete da tarde, no salón de actos da Biblioteca Provincial, vai ter lugar o Concerto de Nadal que a institución organiza especialmente dirixido aos usuarios  desta instalación cultural, e ao público en xeral.

Cantará o ORFEÓN LUCENSE, coro oficial da Catedral de Lugo que, a continuación, no centro da cidade, participará nos concertos de música de Nadal.

(Non) carril bici

Desde a miña fiestra ollo un bo anaco de rúa modificada sustancialmente coa supresión de aparcamentos por un (non) carril bici para bicicletas do futuro. Leva meses construído – vin unha vez un ciclista – pero tomámolo a broma, e raro é o momento en que non se aproveita para outros fins. Intuimos que é un carril bici porque cada poucos metros tiña pintado un ciclista.

Pero unha noite observo que xa non están eses sinais, senón outro símbolo, que primeiro coidei fose unha árbore frondosa pintada encima, co que podería pensarse que alguén opinaba que mellor era nesa vía plantar árbores ca inventar ciclistas. Pero unha visita ao lugar permitiume ver que os ciclistas foran tapados con brochazos de pintura para ocultar o símbolo que se pretendía para a rúa.

Non se sabe se alguén tomou a xustiza pola man e decidiu que non tiña sentido unha vía vergonzante, que despois de expropiala aos habitantes da zona ninguén utilizaba, aínda que a violencia artística non solucione nada. Hai tamén a posibilidade de que os tachóns os fixera persoal do concello porque alguén con mando decidise facer “borrón e conta nova” do desastre, en tanto cavilan que facer co que xa non ten remedio.

Cábenos triste consolo de que están peor na Ronda dos Deportes que para coexistencia entre os xeitos de circular, teñen en paralelo beira-rúa, carril bici e aparcamento, nunha toleada circulatoria que obriga a advertir aos que aparcan o coche que coiden ao abrir a porta de non cargarse algún ciclista (que non hai).

Por se acaso, de cando en cando, asómome á fiestra por se vexo algún sinal de vida no que coidamos segue a ser un (non) carril bici.

Adega Lugo denuncia que o Concello agasalla árbores vivas como adornos de Nadal

Estes días fomos coñecedoras da nova de que a alcaldesa Lara Méndez, xunto co edil responsábel de medio ambiente Miguel Fernández, un ano máis estaban a repartir abetos entre os comercios locais adscritos ao movemento Localmente Lucense. Segundo indican no comunicado do concello, “…Todo vai enfocado a fomentar o negocio de proximidade, facendo os establecementos máis agradables en época de Nadal cunha decoración natural e típicas destas datas, seguindo o modelo de cidade verde e sostible no que estamos a traballar”. Dende ADEGA consideramos que agasallar árbores  vivas no Nadal, sen a garantía de que sexan plantadas e non rematen no lixo unhas vez rematadas as festas, non é unha práctica sustentábel en canto a pegada de carbono, nin ten que ser a área de Medio ambiente quen se faga cargo da proposta.

Exiximos ao Concello transparencia e que informe da orixe e destino das árbores da campaña do ano pasado e da actual, especificando o número de árbores e os espazos naturais nos que se plantaron e se prevé plantar. Tamén solicitamos información sobre os custos económicos derivados desta actuación en ambas campañas.

A pesar de que sexa a área de medio ambiente quen asume a execución, as etiquetas que definen á nova do concello son “desenvolvemento social”, “cultura e turismo”, “programación cultural”, “desenvolvemento local”, “desenvolvemento económico”, e “economía e comercio”. É dicir, que con esta actuación o que se pretende é fomentar unha actividade económica dende a área de medio ambiente.

Instamos a que o Concello empregue os cartos de forma responsábel, e que se destinen os orzamentos da área que xestiona Miguel Fernández, a resolver os problemas ambientais acuciantes da cidade como os que xa temos denunciado en múltiples ocasións, e que afectan directamente á calidade de vida das persoas. Un

exemplo é o problema das toalliñas e outros produtos de hixiene que rematan nos inodoros, que cada vez que chegan as grandes choivas, converten as marxes do río Rato nun vertedoiro, ademais estes produtos van degradando ata se converter en microplásticos que rematan na cadea trófica. A xestión dos pozos de tormenta é responsabilidade do Concello de Lugo, e polo tanto que isto siga acontecendo. Tamén, instamos ao goberno municipal a que destine fondos para a conservación e mellora do río Miño, das súas marxes, e das especies catalogadas e en perigo de extinción presentes.

Unha cidade verde non é aquela que aparenta coa axuda dunha pintura verde, corrosiva e perigosa como é a do “Greenwashing” aplicado polo Concello. Falan de cidade verde cando actúan en contra da conservación da biodiversidade e dos grandes espazos naturais que hai na contorna de Lugo, promovendo a súa destrución; a proposta de urbanización da ampliación do Ceao sobre as nacentes do río Rato, a falta de grafado de regos e regatos no PXOM, a construción dunha praia fluvial nunha zona con especies en perigo de extinción, a pretensión da construción dun barrio multiecolóxico co que expandir a cidade aínda máis, a construción da rolda leste coa que potenciar o uso do transporte privado e destruír o cinto verde da cidade…

Esta proposta do Concello é a reafirmación dunha política medioambiental desenfocada da alcaldesa, caracterizada por unha total falta de sensibilidade ecolóxica e pola continua deturpación da etiqueta “sustentábel” en proxectos con fins meramente económicos que implican un consumo de recursos, ocupan e degradan espazos con alto valor ambiental e dan as costas aos problemas ambientais presentes na cidade, que de solucionarse, melloraría a calidade ambiental da cidade e de vida das persoas.

Concerto de Nadal da Escola Municipal de Música de Mondoñedo

O pasado 23 de decembro celebrouse no auditorio de Mondoñedo o concerto de Nadal que este ano, ademais, coincidiu co 25 aniversario da fundación da Escola Municipal de Música de Mondoñedo, que dirixe o lucense Xan Carballal. Cinco foron as agrupacións que subiron á platea, todas dependentes da escola. Así, os diferentes grupos: coro, orquestra, banda, grupo de jazz e  infantil, foron interpretando pezas, algunhas , estreadas neste concerto e procedentes do arquivo da catedral.

Ao concerto asistiu o alcalde de Mondoñedo, o deputado de Participación Cidadá, Roberto García Pernas. A institución provincial colabora con esta entidade a través do Plan Único de Cooperación cos Concellos. Con este acordo, sufrágase o salario e os seguros sociais do director e dous mestres da escola. Este é un centro que depende do Concello e desenvolve a súa actividade ao longo de todo o ano. Na actualidade conta con 70 alumnos e alumnas de diferentes concellos da Mariña que se forman nesta escola, fundamental pola súa contribución e posta en valor da cultura musical.

O Belén de Begonte pode verse nun vídeo 360º

Desde hoxe, na web www.belendebegonte.es pode contemplarse un video 360º do Belén electrónico de Begonte de 2 minutos de duración, que proporciona unha visión diferente, totalmente nova, sobre esta instalación cultural que está celebrando o seu primeiro cincuentenario, e ten convertido a Begonte na capital do Nadal en Galicia.

Os irmáns Alfonso e Miguel Díez Veiga, da produtora lucense Audiovisual Media A.D.V.M., en colaboración co experto en fotografía e video 360º, Suso Barral, confeccionaron este video que permite contemplar diversas partes do Belén desde ángulos totalmente imposibles para o espectador que o visita na súa sede begontina.

Para a filmación deste video, os especialistas desplazaron os equipos técnicos ao Belén, instalando cámaras en diversos lugares para conseguir os planos que conforman esta visión panorámica total do Belén creado en 1972 por José Rodríguez Varela, e impulsado polo daquela párroco, José Domínguez Guizán, que da nome ao Centro Cultural que durante este medio século potenciou este Belén.

 

Abre o paso peonil que comunica o Parque Marcos Cela co Mirador da Volta da Viña

Esta mañá a alcaldesa de Lugo procedeu  a abrir o paso que comunica o Parque Marcos Cela co Mirador da Volta da Viña.

Un treito que ten tan só dez metros de lonxitude pero que está afectado por un importante desnivel que dificultaba a conexión peonil directa entre ambos espazos e que, agora coa instalación deste paso peonil, consistente un valado de madeira que delimita o percorrido de escaleiras de pedra existenteque exerce, alén, como punto de apoio.

“A nosa vontade é a de seguir incrementando a accesibilidade da capital e ir habilitando e rexenerando espazos para permitir que a veciñanza poida desprazarse con comodidade por todos eles, buscando unha mobilidade sostible pero tamén racional e sobre todo segura”, sinalou Lara Méndez.

Nese mesmo sentido, a alcaldesa lembrou que, precisamente, este enclave, coincidente co trazado do Carril Bici, conta cun novo paso de peóns intelixente.

A rexedora lucense explicou que este sistema automático se activa cun sensor de presenza, aumentando a intensidade lumínica dun 30 a un 100%, o que provoca unha chamada de atención ao vehículo que se aproxima sobre a existencia dunha persoa que pretende cruzar. Unha mellora que se completa coa súa elevación, mediante un badén, o que obriga á minoración da velocidade.

Mercado de Nadal "Merca o Teu 2013" Mercado de Nadal “Merca o Teu 2013”

Abre o Mercado de Nadal na Praza de San Marcos

Ata o 5 de xaneiro permanecerá aberto o Mercado de Nadal que  ase inaugurou hoxe na Praza de San Marcos. Pezas de cerámica, marroquinería, xoguetes ou complementos de moda, así como un obradoiro alimentario, conforman a oferta do Mercado de Nadal, que
ofrece a firmas de artesanía lucense a posibilidade de amosar e vender os seus produtos. O Mercado de Nadal estará aberto ata o 5 de xaneiro na Praza de San Marcos en horario de 11 a 14 horas pola mañá, e de 17 a 21 horas de tarde, rematando ás 19 horas os días de Noiteboa e Fin de Ano e pechando os festivos.

Os obradoiros participantes son:

María Sánchez Castedo é ceramista, deseñadora e ilustradora da marca
CENIZA DE PAPEL.

Mercedes Buján Paredes é a artífice de BOLBORETAS DE COIRO. Conta cunha longa traxectoria no traballo do coiro.

Alfonso Otero Regal  ceramista, as súas pezas crean unha atmósfera artística nos lugares mais cotiás.

Antonio  Fermández Vicente do taller ENXÓGATE, traballa con madeira reciclada.

Inmaculada Díaz  Cabado é a responsable do taller LA BELLOTA MÁGICA
dedicado á cerámica dedicado .

Ester Díaz aprendeu o básico do oficio dunha compañeira..Na actualidade colabora por tempadas con Idoia Cuesta baixo a marca  FONTEMEIMIL

Lucecús é o proxecto iniciado polasas irmás Belén e Rocío Barral decidiron deixar atrás a cidade e as súas respectivas profesións para dedicarse ao que máis lles gusta.

Alejandra e Rebeca teñen a súa tenda taller, entre as dúa coforman o tándem artesán-creativo-empresarial MI MADRE NO ME DEJA

Mónica García comezou con este proxecto cando quedou sen traballo. Daquela comezou a confeccionar detalles de moda para a súa filla
Mariña, de aí o nome do seu taller MIS MARINILLAS.

José Ramón  Lleo  dedícase á marroquinería no seu TALLER RAPPA ten un amplo catálogo de produtos  de pequeno formato.

Adriana  Romaní e Javier de Castro son os dous artesáns que compoñen otaller de marroquinería SENDA.

Ana  Novo do taller TRES CARACOLES onde realizan complementos de moda que inclúen pinzas etc.

Alejandro García Lourés, comenzou a realizar bonecos de personaxes coñecidos  para acabar elaborando bonecos sobre a tradición cultural e musical de Galiza.

Vidal Revilla Villegas, traballa o coiro no seu obradoiro de Cervo, ,onde  elabora diferentes pezas con este material.

Verónica Núñez e Daniel Arza son os compoñentes de CAURELOR as súas elaboracións son 100% vexetal, 70% froita e30% azucre, sen gluten, sen lactosa e sen conservantes.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com