Novas

O TSXG ordena volver xulgar á veciña de Muimenta condenada por asasinar á súa filla

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) declarou nula a sentenza da Audiencia Provincial de Lugo que condenou, de acordo con o veredicto do tribunal do xurado, a prisión permanente revisable a unha veciña de Muimenta por asasinar á súa filla de sete anos en maio de 2019, cando se atopaba “durmindo con ela na súa habitación e, probablemente, adormecida pola Trazodona que lle subministrara”.

A Sala do Civil e Penal, que acolleu o recurso de apelación interposto pola defensa da condenada, ordenou a devolución da causa á Audiencia Provincial de Lugo para a celebración dun novo xuízo con diferente tribunal. Os maxistrados conclúen que a resolución carece de motivación nun “elemento esencial”: a determinación do grao de imputabilidade da acusada. Así, explican que esa cuestión é “o verdadeiro cabalo de batalla da causa”, tendo en conta de que, “á marxe de determinadas circunstancias, de todo punto inocuas”, a acusada deu morte á súa filla.

O TSXG indica que o tribunal do xurado considerou probado que “o trastorno psicótico non especificado e/o trastorno da personalidade de tipo mixto que tiña diagnosticado a acusada, afectaba parcialmente ás súas facultades mentais e non de forma importante e, polo tanto, á súa capacidade para comprender a licitude do feito e/o á súa capacidade de autocontrol e autodeterminación para actuar conforme á devandita comprensión”. Esa declaración probatoria, segundo advirte o alto tribunal galego, “simplemente se ten por certa coa seguinte mención: ‘Baseado nos informes da pericial conxunta de Psicoloxía e Psiquiatría’”.

A sala sinala que a propia sentenza da Audiencia Provincial “recoñece a dificultade que presenta a decisión sobre a posible concorrencia de causas que poderían determinar a apreciación dunha circunstancia modificativa da responsabilidade”. De feito, o órgano provincial apunta na resolución: “o xurado foi informado, en presenza das partes, da transcendencia xurídica das súas decisións, sempre limitando a súa apreciación aos feitos xustificativos das eventuais circunstancias, con indicación da súa obriga de despexar a posible dúbida na forma máis favorable á acusada. Optou pola mínima afectación de facultades”.

O TSXG salienta que o xurado “simplemente opta, pero non motiva a súa decisión, non especifica o porqué da súa elección”. Os maxistrados inciden en que “non pode admitirse como suficiente a referencia xenérica, acrítica, en bloque, á proba pericial psicolóxica e psiquiátrica, precisamente pola complexidade que entraña e a súa falta de univocidade”. A Sala do Civil e Penal asegura que basta a lectura da sentenza para comprobar como non houbo un só criterio -referente á imputabilidade da acusada-, “senón que existiron opinións enfrontadas que esixirían, ou esixen, un grao de motivación, sequera sucinto, breve ou compendioso, para fixar ou comprobar a racionalidade da decisión”.

De feito, fai referencia a que, segundo o fallo da Audiencia Provincial, a xuízo dunha doutora, a acusada presentaba un trastorno mental severo de tipo psicótico, constitutivo dunha anomalía grave das súas facultades intelectivas e volitivas. “A sentenza afirma que ese informe psiquiátrico e a súa explicación en xuízo non foron convincentes para o xurado, con todo, nada diso dixo o xurado ou, cando menos, non xustificou por que non era convincente, dato esencial”, aseguran os maxistrados.

“Un pronunciamento inmotivado é arbitrario, por máis que poida ser acertado”, recalca o TSXG, á vez que aclara que á hora de resolver o recurso de apelación presentado pola acusada non decide “sobre o acerto da decisión, senón sobre o modo e maneira ao que se chegou á decisión que se plasma no veredicto e, finalmente, na sentenza”. Contra a resolución cabe presentar recurso de casación ante o Tribunal Supremo.

Voto particular

A sentenza do alto tribunal galego conta cun voto particular en contra dun dos tres maxistrados, quen entende que o fallo da Audiencia Provincial de Lugo contén “unha explicación suficiente da decisión adoptada no ámbito da imputabilidade, pois os xurados eran conscientes, polas explicacións dadas, da transcendencia da súa decisión”. O xuíz afirma que a conclusión do xurado flúe da proba pericial conxunta, pois considera que se mantivo “só un certo matiz sobre o grao de afectación, coincidindo todos en que é parcial, aínda que a psiquiatra de Teixeiro cualifícao de máis significativo que os seus compañeiros”.

“O xurado tivo que elixir entre catro posibilidades en relación coa patoloxía padecida pola acusada, e fíxoo no sentido de que concorría unha afectación parcial, que non limitaba de forma importante a súa aptitude para entender e querer o significado da súa acción”, indica o maxistrado, quen asegura que a opción elixida é “coherente co resultado probatorio, do que resulta que a súa patoloxía, que tivo episodios delirantes, nin a padecía no momento dos feitos nin tiña relación coa nena”.

Roteiro de Adega-Lugo na Ulloa

Baixo o lema “Corazón da Galiza. Biodiversidade, auga e terra, a Delegación de Lugo de Adega continúa co programa de roteiros 2022/23 que leva por título “Depredación da natureza ou autosuficiencia”. Este domingo os participantes farán un percorrido de dificultade baixa, arredor da finca de Quintas, cunha lonxitude de entre 8 e 10 km e cunha superficie de 200 hectáreas no centro de Galicia, nunha zona relativamente cha entre a serra do Careón e o río Ulla. Nesta área os asistentes ao roteiro poderán observar  aves e, sobre todo, unha “vexetación e flora de extraordinaria rareza”.

Os seguintes Roteiros serán: – 18 de decembro: “o Miño ameazado en orixe” (Meira) – 15 de xaneiro: “Mámoas e petróglifos: custodiando ós nosos ancestros” (Friol) – 26 de febreiro: “A depredación a mantenta das nosas florestas” (Lugo) – 26 de marzo: “As aves na trampa do vento” (A Mariña) – 23 de abril: “A fonte sagrada” (A Fonsagrada) – 21 de maio: “Biodiversidade ameazada polo lume no parque natural” (O Invernadoiro) – 25 de xuño: “A loita dun pobo, gañar e perder” (Castrelo do Miño).

Os  roteiros de Adega-Lugo son andainas pola natureza que organiza a Delegación de Lugo da organización ecoloxista Adega desde hai máis de 20 anos e que están dirixidas á poboación de todas as idades, co obxecto principal de achegar as persoas á súa contorna natural para que coñezan os valores naturais, patrimoniais e culturais que enriquecen e identifican o noso territorio. Información e reserva da praza na propia bitácora de roteiros de Adega-Lugo (http://roteirosadegalugo.wordpress.com).

 

Irreversible

Imos á peonalización irreversible da cidade de Lugo e estamos de acordo en que a cidade é para os humanos e non para os coches. A matizar será a velocidade na que deberemos ser peóns no canto de condutores. Porque os maiores aínda llembramos cando non había circunvalacións e todo o tráfico pasaba pola Ronda, e cando se circulaba e aparcaba na Raíña, Progreso, San Pedro ou Conde Pallares.

A peonalización do centro costou porque os comercios temían ter que pechar se os coches non entraban nas súas rúas, pero os aparcamentos soterrados paliaron as carencias, e o tempo foi asentando unha situación non demasiado problemática. Mesmo se argumentaba en tempos que quitar os camións do centro e da Ronda, e os aparcamentos preto da Catedral, era porque o fume dos coches afectaba aos monumentos, pero conseguido o resultado xa só se argumenta a humanización da cidade.

Os coches son enemigos das cidades, e se non se emprende unha cruzada de eliminación é porque son unha fonte de ingresos para os concellos, só por existir; e para un sector económico amplísimo por existir, funcionar e consumir. Por iso, o ataque faise complicando a circulación para ir desde un punto da cidade a outro, polos desvíos causados polas peonalizacións.

Desde a Milagrosa ao centro, no coche, vinte minutos; a pé, quince. Gosto de ir a pé, pero hai veces que por traballo, compras, porque chove ou porque xa fixen o traxecto un par de veces no día, collo o coche. Pero isto acábase. Hai que esquecerse do coche pola cidade, e xa non polo custo abusivo dos combustibles – agardemos que o aumento non sexa irreversible – senón porque non se poida circular con el.

Arde por completo unha casa en Burela

O único ocupante non precisou asistencia sanitaria e puido saír ao exterior polos seus propios medios, e as lapas afectaron a toda a vivenda e a algúns dos cables eléctricos próximos.

Dez minutos despois das 12 horas, un particular chamaba ao 112 Galicia para alertar de que estaban a saír lapas polo tellado dunha casa situada na rúa Vilar, en Burela. Segundo o mesmo alertador, o único ocupante do inmoble estaba no exterior desde o primeiro intre e non requiría ser atendido polo persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061. Nos momentos posteriores, varios particulares máis chamarían para dar aviso dos feitos, engadindo que as chamas parecían estar estendéndose aos cables eléctricos instalados preto da casa.

Entón, os xestores do 112 solicitaron a intervención dos Bombeiros de Barreiros, do GES de Cervo, da Garda Civil e de Protección Civil de Burela.

Ao chegar ao lugar, os servizos de emerxencias valoraron a situación. Era necesario informar á distribuidora eléctrica da zona polas chispas que saían dos cables. Así, e tras cortar o persoal desta última a corrente, os equipos de extinción procederon a apagar as lapas.

Finalmente, os Bombeiros de Barreiros comunicaron os danos materiais rexistrados: ardera a totalidade da casa, agás un reducido anexo.

Pouco despois das 18:20 horas, desde a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Burela informaban de que o lume podería estarse reavivando, polo que un membro del GES de Cervo desprazouse de novo ao lugar a fin de refrescar a zona.

Ás 19:40 horas desta tarde, os membros de Protección Civil de Burela indican que na última intervención unicamente ardeu roupa que quedaba no interior da vivenda, que aínda presentaba unha importante carga térmica.

Inauguración da nova sede de Aspnais situada no antigo hospital San José

A nova sede de Aspnais foi inaugurada esta maña. Estas instalacións foron sometidas a unha rehabilitación integral para levar a cabo a adaptación e modernización dos espazos, o que permitiu aumentar a capacidade asistencial da asociación e agrupar nunha mesma sede a residencia, os talleres, o centro de día e o centro ocupacional.

Ao acto inaugural asistiu o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, que subliñou “o compromiso do Goberno Galego coa atención á discapacidade, e un incremento nun 16% do orzamento que o ano que vén se destinará a esta fin. Esa significativa suba permitirá incrementar nun 37% as liñas de colaboración con entidades como ASPNAIS, ademais das axudas a través do IRPF, para a adquisición de vehículos adaptados ou para a construción e rehabilitación de centros de maiores ou persoas con discapacidade”

Asemade a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, que tamén participou na inauguración, felicitou a Aspnais “polo excepcional labor que levan realizando dende hai máis de medio século -56 anos-, día a día, cunha gran dedicación, para mellorar a calidade de vida e favorecer a integración das persoas con diversidade funcional” e reiterou o compromiso do executivo municipal “con todas as persoas que sofren esta doenza, coas súas familias e cos colectivos que traballan por e para eles”.

A alcaldesa quixo felicitar tamén á asociación pola iniciativa de dedicar unha escultura na entrada das instalacións a Conchita Teijeiro, “quen dedicou a súa vida a visibilizar, dignificar, mellorar a calidade de vida e traballar pola integración real e efectiva das persoas con diversidade funcional”.

Presentación da II xornada Quéremonos Vivas, Libres e Iguais para visibilizar a lacra da violencia machista no 25N

A Deputación de Lugo presenta un programa de actividades con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller que se estenderá do 23 ao 25 de novembro. O programa arrancará o vindeiro mércores coa segunda xornada Querémonos Vivas, Libres e
Iguais, que lanzou o ano pasado a institución provincial co obxectivo de dar visibilidade á lacra da violencia machista e combatela entre o conxunto da sociedade da provincia.

Este ano a mesa redonda, que terá lugar ás 19:30 horas no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, estará formada pola xornalista, investigadora, doutora e profesora na Universitat Oberta de Catalunya, Ana Bernal-Triviño, e unha representante da Comisaría da Policía
Nacional de Lugo. “Trátase dun espazo para o debate e a reflexión, pero tamén para escoitar a convidadas de excepción”, sinalou a Deputada. Esta xornada está aberta a toda a cidadanía interesada en participar ata completar aforo.

O xoves, 24 de novembro, proxectarase ás 19:30 horas no Salón de Actos do Pazo de San Marcos o documental No se Oye, realizado polo estudantado do centro de ensino da Deputación de Lugo. Este audiovisual, realizado por oito alumnos da escola, céntrase no roubo
de bebés durante a ditadura no antigo Hospital de San Xosé, unha edificación que é agora de titularidade provincial. A cinta, de media hora de duración, acadou un recoñecemento no Festival Internacional de Cine de Ponferrada.

O programa complétase o venres, 25 de novembro, coa celebración da sexta edición da andaina reivindicativa En Camiño contra as Violencias, que sairá ás 12 horas na Praza de San Marcos e rematará no Centro de Formación Audiovisual da Deputación.
Esta andaina percorrerá puntos emblemáticos da cidade de Lugo onde se levarán a cabo diferentes actuacións e outras iniciativas para chamar a atención da cidadanía fronte a esta loita. Ao comezo, ante o Pazo de San Marcos, farase a lectura dun manifesto en repulsa á
violencia machista.

 

A Asociación de Veciños de San Roque solicita a renovación do alumeado público

Dende a Asociación de Veciños Roque – Santo denuncian o estado da iluminación pública da rúa San Roque, que une a avenida de Madrid coa Rolda da Muralla. “A escasa potencia que teñen os farois que iluminan dita rúa, provocan unha sensación de inseguridade aos habitantes da zona, xa que a iluminación está obsoleto e ineficiente desde o punto de vista enerxético”, sinalan.

A rúa San Roque é unha zona moi poboada da cidade de Lugo e cun importante número de comercios polo que, dende a Asociación de Veciños Roque – Santo instan “a que dita renovación da iluminación pública se realice con luminarias modernas, de alta potencia, pero baixo consumo, respectuosas co Medio Ambiente e que nos orzamentos do ano 2023 contémplese a renovación das luminarias da devandita rúa”.

E solicitan á concellería de Infraestruturas do Concello de Lugo “a que proceda á súa remodelación con carácter urxente, dada a importancia que supón na vida diaria de miles de persoas e cambie os farois actuais, que «dan unha luz amarelada que apenas ilumina a rúa», e tal e como se pode comprobar nas fotografías que achegamos, iluminan máis a rúa os comercios que a propia iluminación pública”.

Rexistrase un incendio nun edificio en Ribadeo

Os feitos tiveron lugar esta tarde nun piso dun edificio de seis andares situado na avenida de Asturias, en Ribadeo. O falso teito dunha das salas viríase abaixo por mor das altas temperaturas alcanzadas.

Varios particulares chamaron ao 112 para comunicar os feitos, pois saía abundante fume do interior do inmoble. Rapidamente, os axentes da Policía Local de Ribadeo evacuaron á única persoa que estaba no interior, que non resultou ferida.

A continuación, os Bombeiros de Barreiros controlaron e apagaron as lapas, que se propagaron por varios puntos do salón, caendo o falso teito, aínda que non chegaron a estenderse a outras zonas pola rápida actuación dos equipos de extinción. O resto do edificio non resultou danado. Tamén se solicitou a colaboración de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 de xeito preventivo.

Os cines Codex proxectan a partir de hoxe o documental “Sintiéndolo mucho” de Sabina

A partir do xoves 17 e a un prezo de 6€, os cines Codex estrean “Sintiendolo mucho”, un retrato de Sabina feito polo seu amigo, Fernando de León de Aranoa. Un relato como a súa voz, áspero, que conta a intimidade do artista, a súa cara B. Comeza cando baixa do escenario, que lle acompaña no cotiá, e así no inesperado: na risa e no drama. “Sentíndoo moito” é o resultado de trece anos de rodaxe xuntos, e percorre todos os escenarios de Joaquín Sabina, públicos e privados, luminosos e ocultos. Un percorrido polas claves da súa vida e do seu traballo: polo que lle move, polo que lle inspira, polo que lle doe, desenvolvendo sempre a partires de situacións vivas, compartidas, entre músico e cineasta.

Asemade, os Codex estrean o venres 18 “La Maternal” dirixida por Pilar Palomero, que volve a dirección dous anos despois de “La Niñas” cunha longametraxe, interpretada pola moza Carla Quilez, premio no Festival de San Sebastián polo seu papel.  Carla ten 14 anos e é unha moza desafiante e rebelde. Vive nun vello restaurante de estrada nos arredores dunha vila coa súa nova nai solteira mentres falta a clase e pasa as horas co seu amigo Efraín. Cando a asistenta social se decata de que está embarazada de cinco meses, Carla ingresa en “La Maternal”, un centro para nais menores de idade onde comparte o seu día a día con outras mozas como ela. Xuntas cos seus bebés, enfrontaranse a este novo mundo de adultos para o que non lles deu tempo a prepararse.

Poden consultar toda a programación na páxina www.caldiae.gal

 

Mañá inaugúranse as novas instalacións de Aspnais

Mañá, venres, 18 de novembro, inauguraranse oficialmente as novas instalacións de Aspnais no edificio do antigo Hospital de San José.

Hai algo máis de dous anos que Aspnais ocupa o edificio -no que se efectuaron moi importantes obras de renovación interior e acondicionamento – cos seus usuarios e os talleres que viñan funcionando no edificio da Rampa de Claudio López e na nave de As Arieiras, pero por diversas razóns, a máis importante as limitacións por causa da pandemia, non foi posible facer a inauguración oficial da nova instalación que permitiu reunir todos os servizos da institución e aumentar en case un cincuenta por cento o número de usuarios e de traballadores.

Os actos comezarán ás 12:00 coa chegada do Presidente da Xunta, e o descubrimento, na entrada principal das instalacións, dunha placa conmemorativa do acto.
De seguido, as autoridades efectuarán unha visita ás diversas plantas do edificio, accedendo a Centro de día, Centro ocupacional,
Residencia de discapacidade e de maiores, apartamentos tutelados e taller de carpintería.

Rematada a visita, o Presidente da Xunta asinará no Libro de Honra no despacho do Presidente de Aspnais para, a continuación, no
exterior, xunto con usuarios, familiares, invitados e familia de Conchita Teijeiro, proceder ao descubrimento dun monumento na
honra desta destacada lucense, “alma mater” de Aspnais, polos excepcionais servizos e agarimo dedicados pola que é Presidenta
de Honra da Asociación.

Efectuará o descubrimento da estatua o usuario da entidade, familiarmente chamado “Cachu”, fillo da homenaxeada. Intervirán o
Presidente de Aspnais, José Reigosa; o escultor José Molares, autor da obra, e no nome da familia o tamén fillo de Conchita
Teijeiro, Bernardino Pardo Teijeiro, “Manu”.

O gaiteiro Marcos Foxo interpretará a “Muiñeira de Aspnais” (obra de seu pai, Xosé Luis Foxo, Director da Banda de Gaitas da
Deputación de Ourense), e a Marcha Solemne do Antigo Reino de Galicia.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com