Novas

Reixtro Civil

Un xulgado declara improcedente o despedimento de catro traballadoras do servizo 010

O Xulgado do Social número 4 de Lugo declarou improcedente o despedimento, feito efectivo o 1 de abril de 2022, de catro traballadoras adscritas ao servizo 010 do Concello de Lugo e, en consecuencia, condenou á empresa Abante Business Process Outsourcing a que opte entre readmitir ás demandantes no seu posto de traballo ou indemnizalas cun total de 11.382 euros (sumadas as catro indemnizacións) pola extinción da relación laboral. Desa contía, segundo especifica a maxistrada na sentenza, debe deducirse a indemnización que por cesamento do contrato puidesen percibir as traballadoras.

Na resolución, a xuíza explica que a empresa, por decisión unilateral, deixou de prestar o servizo de atención telefónica 010 desde o 8 de marzo de 2022. “É evidente que se trata dun suposto de despedimento tácito, debido a que existe unha vontade evidente do empresario de poñer fin á relación laboral, debido a que procedeu a dar de baixa na Seguridade Social ás traballadoras”, recalca a titular do Xulgado do Social número 4 de Lugo no fallo, no que indica que os despedimentos deben ser cualificados como improcedentes porque “non se axustan ás formalidades establecidas na lexislación vixente”, que establece que “o despedimento deberá ser notificado por escrito, indicando os feitos que o motivan e a data de efectos”.

A maxistrada eximiu de responsabilidade solidaria á entidade Central de Llamadas porque “non asumiu o servizo de atención telefónica 010 que prestara previamente Abante”. A xuíza asegura que non se tratou “dunha sucesión de contratas”, pois Central de Llamadas, “provisionalmente e durante apenas tres meses, asumiu a atención de chamadas ante o abandono do servizo por parte de Abante, pero, na actualidade, o servizo é prestado polo propio Concello de Lugo”. Contra a resolución cabe presentar recurso de suplicación ante o TSXG.

Candia acusa a Méndez de ser “complice” do peche do vicerreitorado

A candidata do PP de Lugo Elena Candia acusou a Lara Méndez de “ser cómplice “unha mala decisión que rompe co esforzo que se fixo hai anos  para achegar a universidade ao centro rehabilitando un edificio na Praza de Pío XII”.

Para a candidata do PP é grave a inacción da alcaldesa “que tiña  coñecemento dos plans do vicerreitor, que foi ex concelleiro socialista, de pechar este edificio e que non fixo nada para impedírllelo”. “O que nos parece moito máis grave é que Lara Méndez intente minimizar as súas repercusións manifestando que o debate é innecesario, cando con este peche se restan servizos ao casco histórico descapitalizando o centro”.

Candia cualificou de sorprendentes as declaracións de Méndez e pídelle que “deixe de enganar á cidadanía con eufemismos xa que o peche do vicerreitorado é algo real e non se trata dunha cuestión metafórica como pretende facernos crer”.

A popular agarda que a alcaldesa reconsidere a súa actitude e traballe para reverter esta situación.

 

A Xunta autoriza a remodelación da rúa e a praza do Carme

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades vén de autorizar o proxecto do Concello de Lugo para a  remodelación da praza do Carme e da rúa do Carme, se ben establece algúns condicionantes que tamén apuntou no seu informe o Consello Asesor do Camiño de Santiago.

 Asi, a resolución da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural insta a minimizar todo o posible a pavimentación dura a modo de explanada na praza, recuperando elementos verdes e arboredo, especialmente no entorno inmediato da igrexa. Neste sentido, indica que deberá terse en conta non só a reforma do espazo en si, senón as características ambientais e históricas do conxunto, evitando unha reurbanización por supresión que conleve una modificación substancial do entorno da igrexa e dos espazos libres que a ela están asociados.

 No que respecta á pavimentación da senda que discorre por detrás da igrexa do Carme,  explica que poderá ser con elementos consistentes, se ben conservaranse as franxas de vexetación das súas beiras. Así mesmo, a pavimentación con formigón desactivado da Travesía Noriega Varela tamén manterá franxas de vexetación nos seus laterais.

 As actuacións realizarase baixo un control arqueolóxico continúo e a pé de obra, para establecer as medidas oportunas que permitan a conservación ou a documentación, de ser o caso, das evidencias ou elementos de interese arqueolóxico que poidan aparecer.

 A zona obxecto de intervención sitúase no territorio histórico do Camiño Primitivo e contigua á Muralla, ambos elementos declarados Patrimonio da Humanidade; ademais, trátase dunha área de protección arqueolóxica e hai outros elementos protexidos como a igrexa do Carme. 

Fotografía: Google maps

Vilalba Aberta levará a pleno as demandas dos veciños de Noche

Vilalba Aberta volve saír ao paso das necesidades das parroquias. Logo dunha comunicación coa Asociación Cultural e Recreativa Nausti, a formación municipalista vén de anunciar o rexistro dunha nova solicitude ao goberno demandando o arranxo de varios viais de titularidade municipal en Noche.

Así, e tal e como explicou o seu voceiro, Modesto Renda, Vilalba Aberta defenderá a necesidade de actuar na intersección da pista da Igrexa coa estrada xeral (A Paloma) – Pista Caspepito a Rabilonga – Cruce casa Fermin – Escourido – Carraña a Outeiro -Cruce pista de Escourido.

Ademais, e ao tempo, a formación solicitará tamén que se fagan as tajeas na pista da Bouza para a maquinaria pesada dos gandeiros da SAT, así como o arranxo do camiño de zahorra de Outeiro ás SAT para evitar o deterioro das pistas coa maquinaria.

Outras reivindicacións da veciñanza

“Dende Vilalba Aberta recordarémoslle á Alcaldesa a promesa que fixera sobre o financiamento por parte do Concello da instalación da auga no cemiterio parroquial” declarou Renda, logo de explicar que os veciños xa dispoñen dos permisos necesarios do Bispado e Patrimonio (Xunta de Galicia).

“Polo que nós sabemos, non tiveron contestación do Concello e nese senso a iniciativa”, argumentou.

Por último, e de xeito complementario o voceiro de Vilalba Aberta comprometeuse tamén cunha serie de melloras na parroquia “máis alá das descritas”, e que “tampouco tiveron contestación”, entre as que destacan a impermeabilización e pintado exterior da  Casa Escola e a mellora no mantemento das tullas do Campo da Igrexa.

A Pontenova acolle mañá o primeiro Workshop turístico da Mariña

A Pontenova organiza no seu concello o I Workshop turístico que se realiza na Mariña Lucense. Un evento que contará coa participación de axentes turísticos locais e axentes de toda Galicia relacionados con diversos ámbitos como natureza, turismo activo ou medios especializados, entre outros.

Comezará ás 11:00 horas coa presentación institucional, na que se coñecerán os puntos sobre os que se fundamenta e fundamentará, a estratexia na que se está traballando dende o concello; tras esta presentación, darán paso ós axentes locais, que presentarán os seus servizos e propostas de valor e, posteriormente, será a quenda dos axentes externos.

Durante o evento, haberá ocasión para a creación de sinerxías, tanto durante o “café networking”, programado para as 12:15, como ao rematar as diferentes presentacións. O obxectivo é poñer en valor os recursos de A Pontenova, dinamizar os axentes locais e conectar diversas empresas e entidades do sector turístico galego e externos, que poidan ter interese no conxunto da zona.

A participación no evento é totalmente gratuíta e estará aberto a todos aqueles que queiran acudir como público e presenciar o acto.

Malestar entre os comerciantes de Camiño Real pola época das obras de peonalización

A peonalización dun tramo de camiño Real comprendido desde Concepción Arenal ata a Rolda da Muralla, crea malestar aos comerciantes da zona, segundo queixas recibidas na Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais da Milagrosa.

Os comerciantes quéixanse de que as obras se iniciaron sen o seu coñecemento e das datas nas que se están realizando, xa que, co Nadal en portas, a recepción de mercadorías está a verse complicada, debido a que coa rúa cortada é complicada a entrada e estacionamento dos coches de repartición o que dificulta o abastecemento dos comercios da zona”. Tanto os veciños como os comerciantes, “son conscientes de que as obras son necesarias, pero quéixanse de que non fosen realizadas noutra época, e que polo menos fosen avisados do inicio da peonalización”. Lamentan que “na zona onde máis comercios concéntranse de camiño Real non se lles tivese en conta, e temen que, tras os anos de pandemia, véxanse prexudicados na campaña de Nadal”. “Coas obras suprímense toda unha liña de aparcamento. Isto dificulta tremendamente as compras do Nadal e supón un quebranto económico importante para uns comercios xa en crises”.

Mortos galegos

Hai unha antiga foto do profesor Eduardo Sampayo impartindo clase de ciencias naturais nos xardíns da praza Maior de Lugo, que é a imaxe perfecta dunha educación axeitada ao medio, especialmente en Galicia na que a vida asoma por calquera contorno.

Dixen “a vida”… pero o día de Difuntos, presentei e presenciei unha clase de galego no cemiterio de San Facundo de Ribas de Miño, en Paradela, o único de Galicia que ten todas as súas lápidas en galego.

A lección recibírona corenta nenos e nenas de primaria do colexio de Paradela, acompañados polo seu profesorado, entre os nichos do cemiterio para escoitar ao Alcalde de Paradela, José Manuel Mato; os arquitectos lucenses Jorge Salvador e Alberte González, responsables da obra; Xosé González, Presidente da Asociación de Funcionarios polo galego e M.ª Xosé Gómez, Xefa de Cultura e Educación da Xunta en Lugo.

A mellor lección é o exemplo, e mellor exemplo ca que os mortos de San Facundo teñan nas lápidas no idioma que falaron en vida, non pode habelo. Se a min, de pequeno, me tivesen levado a un sitio así – non o había, claro – non o esqueceria na vida, e estes nenos experimentaron un impacto especial, contarano nas súas casas, e lembrarán sempre o día en que os levaron a un cemiterio para a lección do día.

Para ensinar galego é bo calquera día e lugar, porque sempre atoparemos exemplos que aplicar. Pero no día dos que habitan a parroquia do máis aló, hai que ir ao exemplar lugar de S. Facundo, para atopar o exemplo perfecto de como relacionar a memoria dos mortos coa presencia dos vivos: Vendo que se lembran en galego os restos dos que en vida falaron sempre no idioma do país.

Dez concellos da provincia contarán cunha biblioteca móbil o vindeiro ano

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades porá en marcha a principios do vindeiro ano un proxecto piloto de biblioteca móbil en dez concellos lucenses das comarcas dos Ancares, A Fonsagrada e Sarria.

Os concellos nos que se porá en marcha deste programa son: Baleira, Cervantes, Folgoso do Courel, O Incio, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Samos e Triacastela, que ocupan unha extensión aproximada de 1.500 qm2 e suman arredor de 10.000 persoas que serán potenciais usuarias do servizo.

O obxectivo é prestar un servizo bibliotecario de calidade e versátil nestas áreas caracterizadas pola escasa entidade de poboación ou pola dispersión territorial. Unha furgoneta recalará dous días ao mes en cada concello, un deles na capitalidade e o outro en ruta por algunhas parroquias.

Responsables da Consellería reuníronse estes días cos alcaldes na Delegación Territorial de Lugo para explicarlles a iniciativa e comezar a concretala; son os concellos os que elixen as datas nas que queren contar co servizo no municipio e as rutas a seguir.

Cómpre destacar que o programa realizarase en colaboración coas administracións locais, entidades prestadoras de servizos sociais e educativos, tecido asociativo e o público xeral, polo que terán cabida actividades en centros municipais, casas niño ou centros de maiores, entre outros.

A biblioteca móbil parte cunha colección de 500 títulos, que inclúen libros, películas, música, xogos físicos e dixitais, ou publicacións periódicas como revistas; pero da acceso ao catálogo doutros centros bibliotecarios de ámbito provincial ou autonómico, que se poden achegar a demanda.

Atenderá os servizos básicos de calquera biblioteca: expedición de carnés de usuario, préstamo e devolución, formación de usuarios no manexo do catálogo en liña e GaliciaLe (a biblioteca de préstamo dixital de Galicia), servizo de referencia bibliográfica, especialmente para buscas en Internet, ou prescrición de contidos e recomendacións de lectura.

Pero ademais, tendo en conta as características da poboación destinataria, atenderá especialmente aos servizos de alfabetización dixital para as persoas usuarias co obxectivo de reducir a fenda dixital.

Igualmente, promoverá o acceso á lectura e á cultura a través das adecuadas accións de dinamización lectora, e levaranse a cabo accións de difusión para dar a coñecer o servizo e achegalo ao público destinatario.

 

O PP acude ao xulgado para garantir a transparencia no proceso da Fábrica da luz

O Partido Popular anunciou que levou ao xulgado o procedemento da concesión da Fábrica da luz por entender que “os políticos responsables de tomar malas decisións na concesión da explotación e mantemento desta minicentral hidroeléctrica son os que deben asumir, co seu patrimonio, os 2,4M€ que se indemnizaron á empresa adxudicataria”.

Antonio Ameijide di que “o Grupo Popular acude á vía penal para garantir a transparencia nun proceso que dende o minuto 1 está teledirixido pola alcaldesa de Lugo. Unha nova proba do oscurantismo do expediente témola no feito de que o concello deixou caducar o expediente do procedemento o que supón que se volva a reanudar para, deste xeito, gañar tempo para alongar o proceso e que non coincida en campaña
electoral”.

O TSXG confirma a absolución do rexente dun pub de Chantada acusado dun delito de agresión sexual

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza da Audiencia Provincial de Lugo que absolveu ao rexente dun pub de Chantada dun delito de agresión sexual ao entender que non hai probas de que cometese os feitos polos que foi denunciado. A Sala do Civil e Penal rexeitou, desta forma, o recurso da denunciante. Así, indica no fallo que o tribunal de primeira instancia “non descarta a existencia do delito debido a unha ou outra concreta afirmación da presunta vítima, senón polo conxunto da súa declaración, en canto a contido e forma, pois contén elementos que propician a incredulidade da Sala sentenzadora, algúns dos cales lle resultan, ademais, especialmente rechamantes”.

Os maxistrados do TSXG indican que os xuíces da Audiencia Provincial de Lugo apreciaron “unha evidente falta de credibilidade nas manifestacións da denunciante, que impiden, en consecuencia, que se puideran ter como proba suficiente para enervar a presunción de inocencia do aquí procesado, ao non reunir aquelas, ao entender da Sala, os requisitos esixidos pola doutrina xurisprudencial”. Tamén destacan que a Audiencia Provincial de Lugo botou en falta, “ademais das decisivas contradicións, unha necesaria claridade, consistencia e concreción no relato”. O alto tribunal galego avala, polo tanto, a sentenza de primeira instancia, na que os maxistrados entenderon que non foi enervada a presunción de inocencia do acusado. “Este tribunal de apelación, cuxa misión non é elaborar unha propia versión dos feitos, a partir dunha nova valoración da proba, senón analizar o proceso de valoración desta efectuado pola Sala de instancia, non advirte erro algún nin falta de lóxica ou racionalidade na súa proceder, polo que se está no caso de rexeitar o recurso e confirmar a sentenza”, recalca.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com