Novas

Un fenómeno meteorolóxico adverso de nivel laranxa afectará maña a todo o litoral galego

A Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) vén de informar dun fenómeno meteorolóxico adverso por costeiros de nivel laranxa que afectará a todo o litoral da Comunidade Autonónoma.

Segundo a información facilitada pola AEMET, prevense ondas que poden chegar aos sete metros de altura e que os efectos comecen ao mediodía de maña, 6 de novembro. Xa desde primeiras horas da mañán en todo o litoral de Galicia a mar combinada do NW acadará valores de 4 a 5 metros (nivel amarelo).

Para tratar de paliar estes efectos da situación meteorolóxica adversa, cómpre adoptar as seguintes medidas de autoprotección: Afastarse de praias, paseos marítimos, rompentes ou diques; Evitar navegar, nadar ou practicar deportes acuáticos; Non deterse a sacar fotografías; Aseguar a embarcación.

Concerto de Gloosito esta noite na sala Tebras

Gloosito que actualmente conta con preto de medio millón de oíntes en Spotify e que xunto a CTDS (Shynelevell, JayDime) liderou un novo son e estética que asombrou ao público más esixente, visita Lugo, na sala Tebras, para corroborar a súa reputación.

Barras de peso sobre Detroit Beats e unha cadencia abraiante levaron ao mozo madrileño a presentar a súa música en Infierno, Costa Social Club, Chachá ou Teledeporte (Madrid Urban Sports) e a colaborar con artistas como Kaydy Cain o Yung Beef. Cun ritmo de traballo enérxico en 20/21 presentou Talking Shit EP, Rx Bushido, Port Au Prince, CTDS Vol.1, CTDS Vol.2. Participou nas Gallery Sessions e HOMENAJE onde acadou máis dun millón de streams en Spotify. 2022 preséntase como o ano perfecto para confirmarse como a mellor aposta do panorama urbano. Artistas convidados: Dury Lanasa, Sir Lamar e Darius C.

Ademas de o artista madrileño subirán ao escenario da sala Tebra: Duri, La Nasa, Sir Lamar e Darius C. Os concertos comezarán ás 20:00 horas.

Lugo acolle este sábado os Xogos de Baloncesto Special Olympics

O concelleiro de Deportes e Xuventude de Lugo, Mauricio Repetto, presentou hoxe os XXVI Xogos Autonómicos de Baloncesto ‘Special Olympics Galicia’ para persoas con discapacidade intelectual, que se celebrarán este sábado, 5 de novembro, nas instalacións municipais do Polideportivo de Frigsa (instalación principal) e o Palomar.

O encontro contará coa participación de 153 deportistas de 13 asociacións, dos que máis do 50% son da provincia de Lugo, e 35 adestradores. A inauguración será ás 10.30 horas.

Na presentación destas probas tamén estiveron presentes Eladio Fernández Pérez, presidente de Special Olympics Galicia, Efrén Castro, deputado de Deportes, e Manuel Otero Méndez, xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta. Además, acudiron, por parte do Centro San Vicente de Paúl, os deportistas Lorena Dacosta e José Marcos; o seu presidente, Juan José López, e a educadora social, Ana Toubes

SPECIAL OLYMPICS GALICIA

É unha Asociación de Pais, Profesionais e Amigos de persoas con discapacidade intelectual que traballan para promover a inclusión social das persoas con discapacidade intelectual a través do deporte, o lecer, a cultura e o voluntariado.

O obxectivo é fomentar as capacidades persoais de cada participante, potenciando características como a iniciativa, o liderado, a cooperación, o valor e o  autodominio, o que se traduce nunha mellora da confianza e amor propio da persoas con discapacidade intelectual.

EU demanda a instalación dun paso de peóns nun tramo perigoso da ronda de Magoi

Dende Esquerda Unida demandan a instalación dun paso de peóns na ronda de Magoi, fronte ao supermercado e a cafetería existentes na zona. “Esta vía supón un serio perigo para os peóns, tendo en conta a grande distancia que hai que percorrer para chegar ao extremo da rúa onde se ubica o único paso de peóns actual, e o estreitamento no paso de vehículos (dificultando constantemente o tránsito do autobús urbano) debido aos aparcamentos indebidos, produto dunha mala planificación do tráfico e dos carrís”, apuntan dende Esquerda Unida.

Asemade sinalan que “nesa zona atopamos edificios residenciais, comercios e en xeral moita circulación de persoas que en ocasións deben cruzar a rúa atravesando a mediana, poñendo en risco a súa integridade e a dos condutores, tendo o gravísimo precedente dun atropelo mortal acaecido nese mesmo punto”.

“Agardemos que o concello faga os estudos necesarios e tome con celeridade as medidas oportunas para arranxar esta situación o antes posible”, conclúen.

 

 

A Asociación Si, hai saída condena o parricidio de Gijón e manifesta a súa preocupación ante algunhas das reaccións xurdidas tras este

Desde a Asociación Si, hai saída contra a violencia de xénero, ante o cariz dalgunhas das reaccións e manifestacións xurdidas tras o presunto asasinato da pequena Olivia, de tan so 6 anos, a que súa nai tería subministrado unha elevada cantidade de fármacos coa finalidade de
acabar coa súa vida, desexamos manifestar o seguinte:

En primeiro lugar, e, como non podería ser doutro xeito, queremos expresar a nosa mais rotunda condena e a nosa dor ante tan tremendo crime, e trasladar todo o noso agarimo a cantos queren a pequena Olivia, xa que entendemos que ten que ser indescritible a dor pola
perda dun ser querido en tales circunstancias, especialmente cando se trata, coma neste caso, dun ser indefenso pola súa curta idade.
Unha vez mais vemos, con enorme consternación, como unha nena, como xa dixemos, indefensa, é vítima do que semella foi unha longa batalla entre ambos proxenitores, sexa esta dilación responsabilidade de quen sexa, algo que, obviamente, descoñecemos.
Cremos que están totalmente fora de lugar os numerosos comentarios que están a aparecer en diversos medios de comunicación e redes sociais poñendo en tela de xuízo o tratamento que se lle está a dar a esta traxedia polo feito de ser a autora do crime a nai da nena, e, porén,
unha muller.

Un crime é igual de execrable o cometa un home ou unha muller, coma igualmente execrable é o feito de que as horribles circunstancias nas que lle foi arrebatada a vida a pequena Olivia sexan aproveitadas por todos e todas aqueles que negan ou cando menos cuestionan a
existencia da violencia de xénero.

Así mesmo, é totalmente inxustificable que un suceso tan tremendo, tan doloroso, como é o presunto asasinato de Olivia sexa politizado e utilizado coma arma arroxadiza dunha cor política a outra, sen o menor escrúpulo, esquecendo que estamos a falar da vida,e, o que é
peor, da morte, dunha nena.

Non esquezamos, así mesmo, que neste, coma en case todo-los casos de violencia violencia vicaria, o tráxico desenlace ven precedido dunha longa batalla, coma xa dixemos, entre ambos proxenitores, que descoñecemos, e que non nos corresponde a ninguén erixirnos en xuíz e
parte, levando a cabo,como, lamentablemente, adoita suceder, xuízos paralelos que a nada bo conducen e que non nos corresponden en absoluto.

Deixemos que a xustiza faga o seu traballo, que se dirima que é o que fallou, e que, unha vez feito,se actúe en consecuencia, e, por riba de todo, non esquezamos o mais importante, que, unha vez mais, un ser totalmente indefenso pagou coa súa vida as diferencias entre
os seus proxenitores, foran cales foran as circunstancias nas que estas se produciron e que, repetimos, descoñecemos.

Accidente entre un coche e un camión na A-6 á altura de Guitiriz

Un particular que circulaba polo lugar chamou ao 112 Galicia minutos antes deste mediodía, dunha colisión entre un coche e un camión na A-6, ao seu paso por San Xiao de Roca, en Guitiriz. Segundo o alertador, o coche quedara incrustado no camión. Polo tanto, desde o 112 se lle pasou o aviso a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, ao GES de Friol-Palas, á Garda Civil de Tráfico, á Policía Local e Protección Civil de Guitiriz e aos servizos de mantemento das estradas.

Unha vez no punto, os servizos de emerxencias puideron comprobar que a persoa ferida, ocupante do turismo, atopábase no exterior, polo que foi o persoal dos servizos sanitarios quen a trasladou ao centro hospitalario de referencia.

Os efectivos do GES, pola súa banda, participaron nas tarefas de limpeza para restablecer o tráfico coa máxima celeridade.

Codex Cinema estrea maña “L’inmensitá” un filme protagonizado por Penelope Cruz

Os cines Codex estrean maña venres, o filme italiano L’IMMENSITÀ, dirixido por Emanuele Crialese e protagonizado por Pènélope Cruz; asemade hoxe, xoves, a partir das 20:00h proxecta un novo filme da retrospectiva da cineasta húngara Márta Mészáros, DESAPARICIÓN, drama realizado en 1973.

L’IMMENSITÀ, trasládanos a Roma dos años 70. Conta a historia dun matrimonio, Clara e Felipe que aínda que está acabado son incapaces de separarse.  O único que os mantén unidos son os seus fillos, nos que Clara (Penélope Cruz) volca o seu desexo de liberdade. Adriana, a maior, acaba de cumprir 12 anos e presenza moi de preto os estados de ánimo de Clara e as tensións cada vez maiores entre os seus pais. Adriana rexeita o seu nome e a súa identidade, quere convencer a todo o mundo de que é un rapaz, e a súa obstinación fai que o seu fráxil equilibrio familiar alcance un punto de ruptura. Mentres os nenos esperan unha sinal que os guíe, todo cambia a seu redor e no seu interior.

Hoxe xoves, , a partir das 20:00h Codex continúa a Retrospectiva Márta Mészáros coa proxección de “DESAPARICIÓN”. Mészáros xa realizara un documental sobre tecedoras, A lőrinci fonóban (At The Lőrinc Spinnery, 1971), cando se decidiu a rodar DESAPARICIÓN. Aquí, a actriz Erzsébet Kútvölgyi mestúrase entre verdadeiras obreiras para ofrecer un realista retrato das súas condicións de traballo. Antes de abandonar a fábrica, adoita darse unha ducha, acto que a realizadora capta de forma sensual e empoderada. É un momento de calma e paz ante as tensións psicolóxicas e físicas que veñen despois. A dramaturxia céntrase na imposibilidade de integración das clases, resultando irónico que os que mandan nun estado soviético sexan acomodados burgueses.

A Audiencia de Lugo condena a dez anos de cárcere a un acusado de agredir sexualmente a unha menor nun inmoble

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo condenou a dez anos de cárcere a un home por agredir sexualmente a unha menor de idade, a cal na data dos feitos -finais de 2018 ou principios de 2019- contaba con 14 anos. O tribunal tamén lle impuxo ao acusado, que tiña 18 anos, a prohibición de aproximarse e de comunicarse coa vítima por calquera medio durante vinte anos e dez anos de liberdade vixiada, posteriores á pena privativa de liberdade.

Os maxistrados indican na sentenza que o investigado e a menor, os cales eran amigos, acordaron, “aínda que por indicación do condenado, argumentando que facía frío”, dirixirse ao interior dun inmoble situado en Lugo. Unha vez no interior, segundo consta na resolución, comezou a bicala na boca, en contra da súa vontade, e, a pesar da resistencia física mostrada por ela, agarrouna polos brazos e a cintura para retela. Despois, segundo relata a Sala, desprazouna, pola forza, polas escaleiras do inmoble, ata o relanzo, onde a violou.

O testemuño da vítima resultou “plenamente crible” para o tribunal, que cualificou a declaración como “lóxica, clara, firme, coa debida convicción, con ausencia de contradicións e lagoas”. Ademais, salienta que tamén quedou acreditado o requisito da persistencia na incriminación, pois mantivo, ao longo do tempo, a mesma versión, sen modificacións nin alteracións.

A Sala, ademais, entende que se probou -a pesar da súa negativa- a presenza do procesado na cidade de Lugo no nadal do ano 2018, cando sucederon os feitos. Contra a sentenza cabe presentar recurso.

A Audiencia de Lugo inhabilita ao exalcalde de Muras durante nove anos e medio por contratar irregularmente a empregados municipais

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo inhabilitou ao exalcade de Muras durante nove anos e medio para todo cargo público con facultades de contratación por cometer un delito continuado de prevaricación administrativa. O tribunal considera probado que entre 2012 e 2015 o acusado, na súa condición de rexedor municipal, subscribiu con diversas persoas contratos laborais de carácter temporal, “prescindindo total e absolutamente de calquera tipo de procedemento que garantise os principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade para o acceso á función pública”. Ademais, salienta que o procedemento era inexistente, “sen publicidade das bases e convocatoria”, e que a contratación era realizada “por el mesmo, segundo o seu libre criterio”.

Os xuíces aseguran que tiña “pleno coñecemento de actuar á marxe do ordenamento xurídico e vontade de facelo”, así como que sabía “que ocasionaba un resultado materialmente inxusto coa súa actuación”. O alcalde levou a cabo as contratacións, segundo a sentenza, “a pesar das advertencias da secretaria-interventora do Concello, quen llas realizou verbalmente e por escrito”. Os maxistrados sinalan que lle indicou que a Alcaldía era “un órgano manifestamente incompetente para a súa realización, aclarando que o órgano habería de ser colexiado e que non podería o alcalde formar parte do mesmo por ser persoal de designación política”. Ademais, a secretaria advertiulle de que “a maior parte do persoal viña concatenando contratos de traballo de duración determinada, desde o día 1 de xaneiro ao 31 de decembro de cada ano, a pesar de que se trataba de cubrir necesidades permanentes do servizo”.

Na resolución destacan que, como resultado, os xulgados do social de Lugo acolleron diversas demandas formuladas por persoas así contratadas polo acusado contra o Concello de Muras, declarando que a súa relación laboral era indefinida non fixa. A “contundencia” da declaración dos feitos probados, segundo salienta a Audiencia, “devén da proba documental, pericial e testifical practicadas no xuízo oral”.

Os veciños do barrio da Tinería impiden unha nova okupación

A coordinación dos veciños do Barrio da Tinería conseguiu que non se ocupase unha vivenda de Recanto do Miño 18 por parte de catro persoas.

Sen recuperarse aínda do susto da pasada Okupación que se viviu durante as festas de San Froilan no número 19 da Rúa Miño, volven vivir a mesma situación en menos dun mes no mesmo barrio. Segundo realatan dende a Asociación de Veciños, Comerciantes e Empresarios da Tinería “o domingo pola noite volveuse a vivr unha sensación de impotencia e de incredulidade cando una moza Okupa accedeu á vivenda subindo por un baixante dun canlón e rompendo o cristal da xanela; ao detectar a súa presenza os veciños chamaron á Policía e estes botárona; pero novamente ao dia seguinte volveu acceder á vivenda e ocupar a mesma xunto con outras persoas. Tras volver chamar aos donos que se atopaban en Almería os mesmos puxeron unha denuncia na Garda Civil e trasladouse a mesma á Policía Nacional para a súa intervención, pero por desgraza a patrulla que veu a pesar de todos os antecedentes non foi tan proactiva e alegando todos os preceptos legais que ampara a este tipo de individuos, marchouse deixando aos okupas na vivenda”.

A coordinación dos veciños a través do grupo de whatsapp que ten a Asociación, fixo que levasen a cabo xestións e se presionase aos okupas para que se fosen, conseguíndoo no día de onte.

Desde a Asociación de Veciños, Comerciantes e Empresarios da Tinería (AVECOEM dá Tinería) solicítase “maior presenza policial no Barrio, xa que se observou como os okupas seguen merodeando e oteando casas pola zona. Contribuiría a previr este tipo de situacións a instalación dunha comisaría de barrio nos locais baleiros que ten o IGVS na zona e que é unha das antigas demandas deste colectivo. Por todo o anterior, e sobre todo, porque estes feitos convertéronse nunha práctica habitual en distintos barrios da cidade, é polo que  instan aos grupos políticos do Concello de Lugo que expoñan unha petición aos seus respectivos grupos parlamentarios para que se cambie o Código penal para poder desaloxar aos okupas e se endurezan as sancións para este tipo de prácticas”.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com