Novas

Arias lembralle á Federación Veciñal que as obras da unidade do ictus xa están en licitación

Logo de que Federación Provincial de Asociacións de Veciños emitira un comunicado reclamando unha “unidade completa de ictus”, para o HULA advertindo de que convocarían mobilizacións se non se cumplía dita demanda, o delegado territorial de Lugo, Javier Arias, replicoulles que “a Xunta xa anunciou unha unidade do ictus no Hospital Universitario Lucus Augusti (Hula) e, de feito, están licitadas as obras de acondicionamento dos espazos necesarios, que suporán un investimento de 700.000 euros, e outros 1,2 millóns de euros en equipamentos neurovasculares, o que supón unha inversión total para esta nova área do Hula de preto de 2 millóns de euros”.

Ante a postura amosada pola Federación Provincial de Asociacións de Veciños, o delegado sinala que “a unidade de neurorradioloxía prevista reforzará a atención aos doentes con ictus e outras patoloxías. Contará cun novo equipo de radioloxía neurovascular intervencionista, que se adquirirá no marco da compra conxunta de diverso equipamento para os hospitais galegos por importe de 8,4 millóns de euros”.

Neste contexto, o delegado entende que as críticas realizadas desde a Federación veciñal “carecen de base, porque a Consellería de Sanidade xa está traballando nas melloras, como se ven publicando desde hai meses”.

“En todo caso -afirmou-, entendendo a súa función reivindicativa, suxiro que en lugar de reclamar medidas que xa están licitadas colaboren para que o Concello de Lugo poña á disposición da Xunta canto antes unha parcela na que poidamos construír o novo centro de saúde no barrio do Sagrado Corazón”.

Adega Lugo presenta as xornadas de verán “os catro elementos”

Nos meses de xullo e agosto, a delegación de Lugo de ADEGA organiza un ano máis, as xornadas de verán “Os catro elementos”, coas que pretenden achegar as persoas á natureza a través da poesía, atendendo aos cantos das aves, achegándonos a mámoas onde observar estrelas e reconstruíndo un valado de pedra coa técnica de xunta seca.

Catro actividades, unha por cada un dos elementos:

TERRA Obradoiro de reconstrución dun muro coa técnica de xunta seca Venres 22 de xullo de 17 a 20h en Albeiros, Lugo Os valados en pedra seca son elementos característicos da paisaxe galega, pezas de gran importancia na conservación da biodiversidade proporcionando acubillo a numerosas especies.

AIRE Andaina identificativa de aves a través da observación e dos seus cantos sábado 23 de xullo de 10 a 13h en Coeses, Lugo Achegarémonos a Coeses, para facer unha iniciación na identificación de aves. Aprenderemos algunhas características das aves habituais deste tipo de hábitats

LUME Andaina nocturna e observación de estrelas Venres 26 de agosto de 23 a 2h en Guldriz, Friol Este ano acudiremos ata Friol para observar o ceo nocturno na finca Rego Salgueiro, na parroquia de Guldriz. Esta finca acaba de ser cedida por unha socia a ADEGA na que se atopa a mámoa nº2 da necrópole Costa de Mera, que segundo a Asociación Patrimonio dos Ancares, é única na Galiza, pois conta cun gravado dun sol no dolmen. Nun pequeno percorrido nocturno, chegaremos ata a medorra, onde poderemos observar o ceo e as estrelas sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan.

AUGA: Roda poética e andaina ata a Fábrica da Luz Domingo 28 de agosto de 11 a 14h no Paseo do Miño, Lugo A poesía, presente en todas as cousas, pode ser unha potente arma reivindicativa. Nesta ocasión xuntarémonos ao redor dunha roda, na que contaremos con poetas de Lugo e da provincia, Todas as actividades son de balde pero é preciso inscribirse chamando ao 982240299 ou escribindo a adegalugo@adega.gal indicando nome, apelidos, DI e teléfono de contacto

Presentado o programa Feminino rural. Evolución

O Deputado de Participación Cidadá, Roberto García Pernas, participou este xoves na presentación do programa gratuíto Feminino rural. Evolución, celebrado no Saviñao. Detrás desta iniciativa, está a Asociación de Empresarias de Lugo (AELU) e está dirixida a mulleres empresarias e emprendedoras do rural da provincia para mellorar ou lanzar os seus negocios.

García Pernas, que no acto estivo acompañado pola técnica do proxecto, Úrsula Pérez, animou ás empresarias e emprendedoras a participar nun programa que facilita  ferramentas para mellorar os negocios. “Feminino rural. Evolución está destinado a negocios que xa están en marcha, pero tamén a aqueles que necesitan un apoio para dar os primeiros pasos e lanzar un novo proxecto coas garantía necesarias”.

“A creación de emprego, especialmente o xuvenil e o feminino, é unha das nosas apostas, porque é un factor imprescindible para que haxa actividade económica e para fixar poboación no territorio”, recordou o Deputado.

Unha vez rematados estes primeiros encontros, cada comarca contará con 25 prazas para as persoas interesadas co obxectivo de crear sinerxías entre os establecementos de cada zona, fomentando o intercambio de coñecementos e de experiencias entre empresarias e emprendedoras. Na segunda fase participará unha selección de 35 empresarias e emprendedoras, cinco por comarca, que sairán das reunións de traballo. Recibirán unha formación e un asesoramento personalizados dirixidos a mellorar o funcionamento, gañar competitividade e abrir novos mercados no caso das empresarias que teñan os negocios en marcha, e para

CCOO denuncia ”altas temperaturas na Escola Infantil Municipal Gregorio Sanz ante a pasividade da concellería de Educación”

CCOO esixe que “na escola se cumpran as condicións de temperatura e niveis de CO2 establecidos na normativa vixente. A escola infantil municipal Gregorio Sanz está a sufrir a presente onda de calor dunha forma moi acusada. O edificio acumula a calor das altas temperaturas destes días e os termómetros das aulas rozan os 30 graos nalgunha zona da escola mesmo 32”.

Segundo o sindicato, “para paliar esta situación o persoal ten que tomar as medidas básicas de autoprotección é desposuír aos menores das súas roupas, especialmente aos bebés, e todos eles dificilmente poden descansar, comer ou xogar, con un mínimo de normalidade. As traballadoras da escola puxeron en coñecemento da Directora e da Concellería de Educación, esta situación á que se enfrontan sen obter máis solución que a de tentar no mes de agosto a instalación dalgún sistema de ventilación e ao mesmo tempo que xere calor no inverno xa que a calefacción tampouco funciona correctamente nesta estación e provoca temperaturas moi baixas nalgunha aula”.

CCOO subliña que non se cumpre a normativa e “neste caso estase a incumprir sen que os responsables políticos mostren o máis mínimo interese ou preocupación. CCOO esixe que se deixe de poñer en risco a saúde das nenas e nenos escolarizados, así como das traballadoras do centro”.

Xa no ano 2017 un grupo de titores de usuarios puxeron unha queixa ante a Xunta de Galicia e corroborouse pola súa banda o exceso de temperatura dando instrucións ao Concello para emendar esta situación. A solución dada  de aquela “foi ventilar o edificio. Sen máis. Unha vez máis se segue sen solucionar un problema nin a curto nin a longo prazo. A única resposta é desabrigar e ventilar. O persoal do centro segue esperando algunha medida para resolver este problema de control de temperaturas do edificio, xa que é unha parte moi importante no benestar de menores e un dereito da protección da saúde do persoal municipal que debe exercer o seu labor cunha temperatura moi elevada”.

CCOO tentou poñerse en contacto co BNG, como responsable desta Área, co fin de atopar unha solución urxente a este problema, “sen que ata o momento se dignaran a devolver as chamadas. Dende o sindicato CCOO denunciamos a actitude do BNG que por unha banda dí defender os dereitos da cidadanía, e pola outra ten abandonados a neniñas e neniños, e ás propias traballadoras”.

A Xunta impulsa a creación das mesas dos camiños Norte e Primitivo

A Delegación Territorial da Xunta en Lugo hoxe acolleu dúas xuntanzas, a primeira cos municipios do Camiño Primitivo e a segunda cos do Camiño Norte. Por parte do Goberno galego asistiron o delegado territorial, Javier Arias, e o Director de Administración e Relacións coas Asociacións de Amigos do Camiño, Ildefonso de la Campa. Ambos destacaron que a suma de sinerxías e a creación de órganos xestores para cada ruta facilitaría o labor de promoción, a programación de accións e actividades e o acceso ás subvencións e axudas públicas, entre outras vantaxes.

Os municipios galegos polos que atravesa o Camiño Primitivo son os da Fonsagrada, Baleira, Castroverde, Lugo, Guntín, Friol, Palas de Rei, Toques e Melide. No Camiño Norte están Ribadeo, Barreiros, Lourenzá, Trabada, Mondoñedo, Abadín, Vilalba, Begonte, Guitiriz, Friol, Sobrado, Vilasantar, Boimorto, Arzúa e O Pino.

Nesta primeira toma de contacto, os asistentes valoraron a proposta e amosáronse receptivos a estudar o contido e a figura que daría forma a unión dos concellos no obxectivo común de potenciar as rutas. Dado o seu coñecemento sobre organismos similares á Mancomunidade de Concellos Galegos do Camiño Francés, ambas convocatorias contaron coa asistencia do presidente da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago na Provincia de Lugo, Ángel Trabada, para aconsellar e expoñer as distintas liñas de actuación que poderían seguir os concellos que integren estas mesas.

Antecedente

Os estatutos da Mancomunidade de Concellos Galegos do Camiño Francés aprobáronse no ano 2001, logo dun proceso no que cada un dos concellos participantes aceptou a incorporación ao organismo.

Desde entón, vén sendo un axente dinamizador da ruta e un interlocutor coas administracións no que respecta á súa conservación e promoción. A Xunta mantén unha estreita colaboración coa Mancomunidad. Así, o pasado mes de marzo asinou un protocolo de colaboración coa entidade para levar a cabo actuacións de mellora paisaxística e de promoción do Xacobeo neste Camiño.

Este protocolo será o paso previo para executar o convenio bianual 2022-2023, dotado con máis de 1 millón de euros e destinado a medidas tanto para a propia mancomunidade como de forma individual aos 11 concellos que a integran para traballos de mellora paisaxística e embelecemento de recursos do Camiño, así como actividades culturais e turísticas de promoción do Xacobeo 21-22.

Mostras de condolencia

Antes do comezo de cada unha das reunións, os participantes amosaron as súas condolencias polo falecemento de Aída Menéndez, a principal impulsora do Camiño de Inverno. Arias gabou “o incansable traballo que fixo durante décadas para promover esa ruta e conseguir a súa oficialización”.

Foto; reunión representantes do  Camiño do Norte

 

O Foro do Camiño Primitivo denuncia irregularidades na urbanización da esquina  de San Roque

Os colectivos que conforman o Foro do Camiño Primitivo veñen de emitir un comunicado onde explican que “denunciamos diante do Concello de Lugo, en dous escritos presentados no pasado mes de xuño (aos que non obtivemos resposta), graves irregularidades que afectan as obras que se están a realizar na esquina entre as rúas San Roque e Carril das Flores (Camiño Primitivo), solicitando a súa inmediata paralización. Estas obras estanse a realizar actualmente fóra do prazo concedido ao efecto (establecido en seis meses na resolución de aprobación do proxecto de urbanización, publicada no BOP de Lugo o 20 de outubro de 2021), sen reunir os requisitos e garantías necesarias para salvagardar o patrimonio arqueolóxico que se puidera ver afectado, e vindo definidas nuns documentos (Modificación do Plan Especial do Conxunto histórico de Lugo -en diante PEPRI- e proxecto de urbanización do quinteiro 214-A, aprobados o 31.01.2019 e 06.10.2021, respectivamente) os cales incumpren a normativa de accesibilidade. Ditos documentos técnicos non só contemplan a reurbanización do tramo do Camiño Primitivo adxacente ao quinteiro 214-A, senón a súa reconfiguración en planta e en perfil, alterando as aliñacións e rasantes actuais desta vía”.

O comunicao dos colectivos prosigue afirmando que “deste xeito, ambos documentos estendéronse sobre unha vía pública (Carril das Flores/Camiño Primitivo) exterior ao ámbito no que o PEPRI lles facultaba a actuar (terreos privados edificables do quinteiro 214A), sen que os servizos técnicos do Concello tiveran feito reparo ningún a tal irregularidade. Por outra banda, o proxecto de urbanización tampouco é concordante, como debera, coa Modificación de planeamento previamente aprobada, no que atinxe á pendente resultante no Camiño Primitivo/Carril das Flores (maior na modificación de planeamento que no proxecto de urbanización) e ao muro que actualmente salva o nivel entre o Carril das Flores e a rúa Montero Ríos (a modificación prevía a construción dun novo muro nunha posición distinta ao actual, en tanto que o proxecto de urbanización da a entender que se manterá na súa posición actual)”. Segundo o Doro do camiño Primitivo, “a normativa de accesibilidade vixente (art. 39 da Lei galega 10/2014 de Accesibilidade e art. 63 do decreto autonómico 35/2000) establece o deber de xustificar expresamente o cumprimento de dita normativa nos planeamentos urbanísticos, así como o deber dos Concellos de esixir e verificar dito cumprimento como requisito para a súa aprobación, deberes ambos incumpridos de forma manifesta na tramitación da modificación do PEPRI e do proxecto de urbanización que afectan ao quinteiro 214-A, en cuxos expedientes non consta advertencia ningunha nos informes emitidos polos servizos técnicos municipais. Na actualidade, o desnivel existente no tramo afectado do Camiño Primitivo/Carril das Flores sálvase mediante un tramo cunha pendente sensiblemente uniforme próxima ao 11,16%. Na Modificación do PEPRI proponse un novo trazado lonxitudinal, no que a práctica totalidade do desnivel existente sálvase nun subtramo de lonxitude notablemente menor ao da dita fronte, o que se traduce nun incremento moi considerable, -mais de 2 puntos porcentuais-, da pendente actual en dito tramo, do que resultaría unha pendente aproximada do 13,38 %. Esta proposta de incremento de pendente, coa que se empeoran aínda máis as actuais condicións de accesibilidade nunha rúa cuxa pendente excede as pendentes máximas establecidas nas normas de accesibilidade vixentes1 , no só contravén de xeito manifesto dita normativa, ao tempo que resulta especialmente grave, ao afectar a unha rúa cunha importante función peonil -non só como vía de peregrinación senón tamén de acceso ao centro histórico desde barrios exteriores ao mesmo- e a un tramo da mesma de carácter moi singular -tramo inmediatamente previo á entrada na cidade histórica-, e discordante con documentos estratéxicos como a Axenda Urbana Española 2019, tanto no que atinxe aos obxectivos en materia de mobilidade como daquelas perspectivas que velan pola protección de grupos sociais con necesidades específicas (mulleres, persoas con mobilidade reducida, etc.). A indebida aprobación dos citados documentos urbanísticos por parte do Concello faculta ao promotor a executar a urbanización nas condicións que neles se definen, o que traería como consecuencia a imposibilidade de recibir unhas obras de urbanización que incumpren de xeito flagrante a normativa de accesibilidade”. Desde o Foro do Camiño Primitivo tampouco teñen constancia de que o Concello “estea a adoptar as medidas necesarias para salvagardar o patrimonio arqueolóxico que se puidera ver afectado, nunha zona de fertilidade arqueolóxica acreditada polos achados descubertos nas proximidades co gallo doutras obras. Fixéronse remocións de terras que afectan ao subsolo do quinteiro 214A, sen que haxa constancia real de control municipal ningún, non constando a presenza dos arqueólogos do Concello. A principios da segunda semana do mes de xuño, a cidadanía lucense mesmo puido observar como dentro do quinteiro quedaron ao descuberto muros pétreos de presumible interese ou valor arqueolóxico, muros que motivaron a curiosidade dos transeúntes (imaxe de abaixo) e que foron rapidamente ocultados (imaxe darriba). 1 O Decreto autonómico 35/2000 (base 1.1.2.B do Código de Accesibilidade) establece unha pendente máxima do 8% para itinerarios adaptados e do 10 % para itinerarios practicables. A normativa estatal (Ordes VIV/561/2010 -art. 5.2.h)- e TMA/851/2021 -art. 5.2.g) establece unha pendente máxima do 6 % para itinerarios peonís accesibles) A maiores, as obras en execución levan máis de tres meses ocupando parcialmente a vía pública sen contar cos preceptivos carteis, requiridos polas ordenanzas municipais (cartel onde deben figurar o tempo de ocupación autorizado e as dimensións do espazo público ocupado) e pola normativa urbanística (cartel con identificación das obras que se están a acometer, e dos responsables da súa dirección e supervisión -art. 357.6 do Decreto 143/2016 polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016 do solo de Galicia). E por todo isto, tendo expirado o prazo de execución das obras e advertíndose que a urbanización proposta traería como consecuencia un incumprimento grave da normativa de accesibilidade no tramo afectado do Camiño Primitivo e a imposibilidade posterior de recibir tales obras por parte do Concello, foi polo que se solicitou á máxima autoridade municipal a paralización inmediata de ditas obras en tanto non se emenden as deficiencias detectadas e se garanta o mantemento das actuais condicións de accesibilidade no dito tramo. Así mesmo, solicitouse que se adoptaran as medidas pertinentes para salvagardar os restos arqueolóxicos merecentes de protección, requirindo a inescusable inspección e supervisión das obras por parte dos arqueólogos municipais”. Rematan.

 

 

“Debate sobre o 5G” no Centro Social A Hedreira de Lugo

O vindeiro sábado 16 ás 12h no Centro Social  “A Hedreira” Xulio Carmona falará do 5G, un tema que segundo os organizadores “ nos afecta a toda a sociedade e do que convén ter información”. Ecoloxistas en Acción propón debates como este para “reflexionar sobre a progresiva desprotección cidadá e ambiental, que, presentada como verde e dixital, ten fortes impactos para as persoas e o planeta. Propoñen crear as bases para “regular unha limitación da exposición ás radiacións en base ao principio de precaución; protexer o ambiente da hiperdixitalización sen fíos (enerxívora, implicada no quentamento global e no extractivismo mineiro); así como garantir a privacidade e frear as estratexias de control social”. A organización ecoloxista impulsa o desenrolo de normativas e prácticas locais biososteníbeis, impulsando debates e mocións de moratoria do 5G, como a aprobada por unanimidade o 1 de xuño en Hoyos (Cuenca), ou a Iniciativa Cidadá Europea STOP 5G

Este venres Codex Cinema estrea a longametraxe “Diante de Ti” do prestixioso director Hong Sangsoo

Esta semana os cines Codex estrean  “Diante de ti”, longametraxe da prolífico e prestixioso director surcoreano Hong Sangsoo. O filme foi estreado na sección Premiere do Festival de Cannes de 2021 e acadou o Premio Especial do Xurado no Festival de Xixón dese mesmo ano.

O cinema de Sangsoo acostuma a ser moi autobiográfico. Pese a elo o tema da familia non é dos máis habituais nos seus filmes, no entanto en Diante de ti o director conecta coa vida da súa nai, produtora xunta ao seu pai na segunda metade dos anos sesenta a través da empresa Yeonhap Films. Isto conecta coa actriz protagonista de Diante de ti, Lee Hyeyoung, estrela de cine nos anos oitenta e que, ademais, é filla de Lee Manhee, director surcoreano clave na historia do país a quen a propia nai de Hong Sangsoo produciu cinco filmes.
Diante de ti cóntanos como Sangok regresa dende os Estados Unidos a Corea para reencontrarse coa súa irmá. A muller percorre a cidade e decide encontrarse cun director de cinema que quere contar con ela para o seu próximo proxecto. Sangok leva anos sen actuar e desexa regresar a ese mundo a pesar de que garda un segredo que a fai dubidar.

A outra estrea desta semana nos cines Codex é Mali Twist, novo filme do francés Robert Guédiguian, figura imprescindible do cinema francés dende os anos noventa. Mali Twist foi presentada na Seminci de Valladolid e conta unha historia de amor no Mali inmediatamente posterior á recén adquirida independencia, onde a xuventude bailaba polas noites twist que viña de fóra. O seu protagonista, Samba, percorre o país en moto para amosar as vontades do socialismo aos campesiños e namora de Lara, rapaza casa á forza. Xuntos foxen asumindo as complexas consecuncias do acto. Unha película que fala da contradición entre revolución e hedonismo.

Máis información en: www.caldiae.gal

 

Paradela

Celebra Paradela o bicentenario como Concello, con retraso porque o Covid o aprazou, acaendo ben neste Xacobeo prolongado por ser Paradela fito no Camiño Francés, e por iso erixiu a estatua obra de Cándido Pazos, dun Cabaleiro de Santiago, Orde defensora do Camiño e dos peregrinos, que naceu no antigo mosteiro paradelense de Loio.

O bicentenario poden celebralo os concellos que naceron ao abeiro das Cortes de Cadiz e da Constitución de 1812, que estableceu o sufraxio universal, aboliu a inquisición, e fixo nacer o Novo réxime. E Paradela tiña claro que unha data así tiña que celebrala con brillantez e ofrece en seis meses tres exposicións, cinco libros, catro monografías, un monumento e un monolito, e moitos outros actos entre os que destacan a recuperación de romarías históricas e cadansúa homenaxe aos maiores, aos peregrinos, e aos músicos cun encontro de bandas entre a de Paradela (cumpre 149 anos) e “Sons e Soños” de Begonte, Rábade, Outeiro de Rei e Friol.

Destaca a exposición “Do tempo das luces”, con paneis de fotos antigas de xentes de Paradela de xentes de Paradela, subliñando que naqueles anos do século XIX naceu a fotografía, a luz fixo posible plasmar nun soporte físico as imaxes da vida que pasa arredor de nós, e ao tempo os pobos, gobernándose a si mesmos, comezaron un tempo de luz para a vida colectiva. Que logo houbera claroscuros non fai máis que poñer de manifesto o avance que supuxo adaquela que os votos da cidadanía marcasen o rumbo dos concellos.

Paradela festexa o inicio do seu “tempo das luces”, e as fotos lembran que a luz e a liberdade son elementos esenciais para a vida da sociedade e das persoas.

 

Vilalba aberta mobilizarase fronte aos recortes na oferta de ensino do IES Lois Peña Novo

Os edís de Vilalba Aberta, Modesto Renda e Mª Xosé Fernández, anunciaron na tarde de onte o inicio dunha campaña en contra da supresión das ensinanzas de adultos anunciadas pola Xunta no IES Lois Peña Novo.

A formación municipalista toma así a iniciativa política diante do que cualifican de “inaceptable órdago da Xunta de Galicia aos intereses da veciñanza de Vilalba, facendo seu o malestar do claustro coa decisión da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades de suprimir tanto a Esa (Educación Secundaria para Adultos)”.

Tanto no escrito a presentar diante da Xunta como na iniciativa a Pleno, Vilalba Aberta volverá reclamar “a implantación en Vilalba de dous novos ciclos formativos de FP, isto é; o curso FP de Explotacións Agrarias Extensivas e o de Procesos e calidade na industria alimentaria”.

“A nosa reivindicación parte da imperante necesidade de facer competitiva a estrutura produtiva do Concello, ao tempo que se melloran ás condicións de emprego e dun segmento de poboación, a mocidade, líder involuntario de todas as clasificacións de datos de paro e para o que Formación Profesional se concibe coma unha ferramenta imprescindible”, explicaron


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com