Novas

Conferencia sobre “A minaría aurífera romana”

O vindeiro 9 de xullo terá lugar ás 11.30 na Casa da Cultura de Foz a conferencia “A minaría aurífera romana” que correrá a cargo do arqueólogo especialista en minería romana, Iván Álvarez Merayo, que tamén fará de guía na visita programada á mina de ouro romana da Espiñeira. A visita á antiga explotación mineira arrancará ás 17.00 dende o Campo da Feira de A Espiñeira.

A Mariña Luguesa é unha zona rica en explotacións mineiras antigas, lamentablemente pouco coñecidas e escasamente estudadas. Unha mostra da existencia destas explotacións auríferas na Mariña son as dúas minas romanas localizadas pola asociación Mariña Patrimonio no ano 2013 na desembocadura do Masma. Concretamente, unha atópase na zona de Covas (Barreiros) e a outra en A Espiñeira (Foz). O achado de ambas explotacións foi notificado pola citada asociación á Xunta, que incluíu en 2014 estes bens patrimoniais no catálogo de xacementos arqueolóxicos de Galicia.

Respecto ás minas de ouro romanas da desembocadura do río Masma, o enxeñeiro Guillermo Schulz xa nos fala sobre esta explotación mineira da ría de Foz – da que destaca a súa gran extensión – nunha publicación do 1835 titulada Descripción geognóstica del Reino de Galicia.

Na visita organizada á mina de ouro romana da Espiñeira para a xornada do sábado 9 de xullo, terase a oportunidade de ver, grazas á corta do monte realizada recentemente nunhas parcelas situadas na antiga explotación mineira, unha parte importante da que puido ser unha das explotacións de ouro máis grandes de toda Galicia.

 

Izada a bandeira azul na Praia do Torno en San Cibrao

A bandeira azul ondea xa na praia do Torno, en San Cibrao, a insignia, que premia a xestión ambiental do concello, foi izada polo alcalde, Alfonso Villares, a tenente-alcalde, Dolores García Caramés e o edil de Turismo, David Rodríguez, acompañados por varios traballadores municipais.

Ademais, desde esta fin de semana xa locen tamén a bandeira Ecoplayas concedida por sétimo ano consecutivo, a de praia sen fume e tamén o distintivo de Sendeiro Azul, que “recoñece o valor medioambiental desta ruta” e pon de manifesto “o compromiso municipal co turismo sustentable e de calidade”, precisou o rexedor. Dende este venres, e durante dous meses, xa está operativo tamén o servizo de socorrismo para velar pola seguridade dos bañistas.

O rexedor sinalou que “volver contar coa bandeira azul, outorgada pola calidade das augas e os servizos que ofrece o areal, é unha boa nova para Cervo “ Asemade puxo de manifesto que “aínda que O Torno é a praia que ten bandeira azul, todos os areais do Concello contan cuns servizos axeitados a disposición dos usuarios, e cunha calidade óptima para o baño”.

Lugo Monumental propón ao Concello organizar unha exposición da obra de Paco Pestana

O pasado día 20 de xuño deu comezo a SECAL, unha cita na que se homenaxeou ao insigne artista Paco Pestana e que, tras ser prorrogada, finaliza mañá domingo. Nesta SECAL expuxéronse obras de 20 artistas lucenses en 19 locais, houbo visitas guiadas a Museo Provincial, a Catedral e a exposición sobre a Ofrenda do Antigo Reino de Galicia que alberga a igrexa de San Pedro, un concerto de Noemi Mazoy que reuniu 1.400 euros para ASPNAIS e mesmo unha sesión de DJ’s en Quiroga Ballesteros.

No peche da SECAL Lugo Monumental fixo unha proposta ao Concello para organizar, xunto á familia de Paco Pestana, unha exposición do artista no Vello Cárcere. A familia de Paco ten un amplo depósito da súa obra, suficiente como para cubrir gran parte dos espazos de exposición do inmoble, un lugar perfecto para a devandita actividade porque as súas liñas sinxelas e luminosas combinan moi ben coa produción de Pestana, con gran colorido e formas atrevidas.

Dende a Asociación Lugo Monumental consideran que Pestana merece unha exposición propia, relevante e única (salvo, por suposto, os espazos dedicados a exposicións permanentes) dada a relevancia da súa obra. De feito resúltalles chocante que “tras o falecemento do artista non houbese ningunha iniciativa cultural ou artística para reunir as pezas dispoñibles e por iso gustaríalles solicitar o préstamo do Vello Cárcere para organizar alí unha exposición. A exposición debería ter unha duración mínima dun mes, quedando a expensas da dispoñibilidade do inmoble as datas que desde a administración consideren apropiadas”.

Inauguración dos actos do Bicentenario do Concello de Paradela

O próximo mércores, 6 de xullo en  Paradela, darán comezo ás celebracións do seu Bicentenario como Concello, que se prolongarán atamediados do próximo mes de decembro. Esta conmemoración tivo que ser adiada pola epidemia do Covid,  e celébrase agora, neste Xacobeoprolongado.

Ás 12,00, será inaugurado o Monumento aos Cabaleiros de Santiago, protectores do Camiño e dos peregrinos, obra de Cándido Pazos. Intervirán o Conselleiro de Cultura Román Rodríguez  o  Alcalde Xosé M. Mato e o propio escultor. A continuación realizarase polo Edificio Multiusos un percorrido polas exposicións: “Do tempo das luces…” – Fotos antigas de xentes de Paradela. “Paradela, senda infinita” – “Viaxe” pola historia e realidade do Concello.  “Manuel Rodríguez López, 2.0” – Exposición audiovisual, Homenaxe ao. escritor , Fillo predilecto de Paradela e a escultura do paradelense Álvaro de la Vega, coa que se suma á celebración. Ao remate, ofrecerase aos presentes viño da Ribeira Sacra e petiscos

Arias Fouz lémbralle á alcaldesa que coñece o informe sobre a praia fluvial dende 2018

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias Fouz, lembrou hoxe á alcaldesa de Lugo que as conclusións do último informe da Xunta sobre a localización da praia fluvial son as mesmas que xa comunicaron nun primeiro informe que data de xaneiro de 2018.

“Non entendemos como a alcaldesa sinala que estaban agardando polas conclusións do último informe; que se fagan os sorprendidos e que falen de boicot da Xunta, cando levamos catro anos dicindo o mesmo. A Xunta de Galicia non se moveu neste sentido e sempre apuntou a necesidade de facer un estudo da barimetría e do caudal antes de realizar a actuación, ademais de comprobar a presenza de especies. O problema aquí é que o Concello tampouco se moveu para avanzar neste proxecto desde hai máis de catro anos”.

Neste sentido, o delegado territorial da Xunta en Lugo sinalou que “o primeiro dos informes remitido polo Servizo de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda é de xaneiro de 2018, e as conclusións e os requirimentos que se fan son iguais aos enviados ao Concello e á Confederación Hidrográfica Miño-Sil o pasado martes. Tiveron moito tempo para facer estes estudos e comprobacións nas épocas adecuadas”.

Por outra banda, Arias Fouz cre que no que atinxe aos riscos para a seguridade nesta zona do río, “pola escasa profundidade, os problemas de calado, os afloramentos rochosos e as fortes correntes en caso dunha subida do caudal, son cuestións que todos os lucenses saben, e que calquera pode ver e comprobar nas épocas de verán”.

 

Nova concentración de “Outro Garañón na muralla”

O vindeiro luns día 4 ás 20 horas nas inmediacións da Porta de San Pedro, o colectivo “Outro Garañón na muralla”convoca unha nova mobilización para pedirlles ás “responsábeis políticas a inmediata paralización das obras de urbanización que se están acometer na confluencia do Camiño Primitivo e a Muralla, dous dos Patrimonios da Humanidade que temos na cidade de Lugo, así como a retirada da Modificación Puntual do PEPRI no quinteiro 214 A”. Asemade solicitan a redacción dun novo plan máis respectuoso con este lugar de tanto valor histórico e patrimonial para a cidade.

 

A XXXIII edición do Triatlon do Miño reunirá nesta edición a máis de 200 participantes

 Área Recreativa de Los Robles acollerá este domingo a XXXIII edición do Triatlón do Miño, proba que contará con máis de 200 participantes. Está organizada pola AD Fefeme Triatlón do Miño, o Cidade de Lugo Fluvial e a Federación Galega de Triatlón e Pentatlón Moderno e conta coa colaboración da área de Deportes do Concello de Lugo.

Todas as categorías participantes realizarán o mesmo percorrido, sobre distancia sprint, percorrendo  un total de 750m de natación,  no río Miño,   19,5 km. de ciclismo (3 voltas) na Estrada de Ombreiro, voltarán deixar a bicicleta na transición e rematarán realizando un percorrido de 5 Km (2 voltas) de  carreira a pé no paseo Fluvial do Miño.

HORARIOS

 10:30h.- Saída masculina

12:00h.- Saída feminina

13:45h. – Entrega de Premios

 Distancia: Sprint: Natación 750m – Ciclismo: 19,5km – Carreira a pé: 5km.

Dúas persoas resultan feridas de gravidade nunha colisión frontal en Vilalba

A N-634, ao seu paso por Vilalba, rexistrou unha colisión frontal entre dous turismos, que se saldou con dúas persoas feridas de gravidade.

Ambos os dous implicados sufriron a perda de consciencia como consecuencia do impacto, que os bombeiros calificaron como “bastante forte”.

Malia a mobilización dunha dotación, os efectivos do parque comarcal comprobaron que os ocupantes dos vehículos estaban liberados e accesibles, polo que colaboraron co equipo médico na estabilización dos feridos, especialmente debido á perda de consciencia que padeceron.

A activación deste operativo produciuse ás 23 horas da noite pasada, logo de recibir o 112 Galicia a chamada de alerta dunha persoa particular. Segundo explicou, ambos os dous coches bateron de fronte e quedaron no medio da estrada, en Sancovade. Quizais pola dureza do golpe, quen alertou pensou que habría persoas atrapadas dentro dos coches, polo que os xestores do 112 avisaron aos Bombeiros de Vilalba. Tamén aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos da Garda Civil de Tráfico e a un equipo de limpeza e mantemento do Ministerio de Fomento.

Finalmente, os feridos foron evacuados ao centro hospitalario de referencia despois de seren estabilizados polo equipo médico e tras sufriren a perda de consciencia.

Comezan os tardeos do mes de xullo

Este luns dará comezo a programación de tardeos dentro do movemento Localmente Lucense, para o mes de xullo. A praza Anxo Fernández Gómez acollerá o primeiro tardeo deste mes que contará con xogos infantís, pasarrúas con carriño musical e unha sesión DJ. Neste senso, a rexedora lembrou que “este verán retomamos os tardeos e noiteos no marco do Plan de dinamización de barrios, a través do que buscamos incentivar as compras e o consumo nos establecementos de proximidade da cidade”.

Os tardeos naceron o pasado ano para adiantar o horario das actividades de animación nas rúas en horario máis temperán, de 17:00 a 20:00 horas, pensando especialmente nos e nas máis pequenas. “Esta iniciativa serve, así mesmo, para fomentar as relacións interxeracionais entre a veciñanza e a socialización”, apuntou a rexedora.

En total, ao longo do mes de xullo celebraranse 14 tardeos, que se completarán con concertos, monólogos e teatro a través dos noiteos, en horario de 21:00 a 23:00 horas. O primeiro noiteo deste mes de xullo terá lugar este mesmo venres, na rúa Bispo Aguirre, coa actuación musical de Iria Estévez “Atlántica”. O resto de programación de noiteos, xunto con toda a información puntual de actividades, que se desenvolve desde a concellería de Desenvolvemento Local e Emprego poderase consultar a través da seguinte ligazón: https://localmentelucense.gal/

Datas e ubicacións dos tardeos no mes de xullo:

LUNS 4

  • Pr. Anxo Fernández Gómez
  • Xogos de Feira no teu Barrio
  • DJ Marcos Peón

MÉRCORES 6

  • Pr. Agro do Rolo
  • Cirqueando na praza
  • DJ Leivas

VENRES 8

  • A Ponte
  • Xoguemos cos avós: xogos populares galegos
  • DJ Jaypee

LUNS 11

  • Praza Roxa de Fingoi
  • Festa e bailes na praza
  • DJ Fetén!

MARTES 12

  • Pr. da Soidade
  • Funny Photocall
  • DJ Mr. Think

MÉRCORES 13

  • Pr. do Camiño Primitivo
  • Xogando no Barrio: xogos xigantes
  • DJ Zé Pequeno

XOVES 14

  • Pr. da Milagrosa
  • Xogo de palas: Spiribol Challenge
  • DJ Alex Nite

LUNS 18

  • Fonte dos Ranchos
  • Tardeo con maxia, co Mago Lolo
  • DJ Leivas

MARTES 19

  • Pr. Viana do Castelo
  • Xoguemos cos avós: xogos populares galegos
  • DJ Popy García

MÉRCORES 20

  • Ronda das Mercedes (esquina Avda. Madrid)
  • Festival da Reciclaxe
  • DJ Lanetti Jr.

VENRES 22

  • Rúa Rafael de Vega
  • Festa e bailes na túa praza
  • DJ La Sombra del Humo

MARTES 26

  • Pr. Campo Castelo
  • Xogando no Barrio: xogos xigantes interxeracionais
  • DJ Marcos Peón

MÉRCORES 27

  • Pr. da Milagrosa
  • Conto Contigo con Trastenda dos Contos
  • DJ Fetén!

VENRES 29

  • Pr. do Castiñeiro
  • Xogo de palas: Spiribol Challenge
  • DJ Juan Chousa

O Concello solicita á Confederación Hidrográfica desprazar a Plataforma de Baño para poder abrila este verán

O Concello de Lugo vén de solicitar á Confederación Hidrográfica o desprazamento da Zona de Baño Pública augas arriba, no Miño, para poder abrila este verán.

A área de Medio Ambiente tomou esta decisión á vista das apreciacións realizadas pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural no seu informe, que, finalmente foi trasladado á Institución local esta mañá tras solicitalo por escrito, “despois de detectar que os protocolos de seguridade informática estaban a bloquear o Sistema de Interconexión de Rexistros e de varios intentos infrutuosos de comunicación co departamento autonómico”, sinalou Miguel Fernández.

O concelleiro de Medio Ambiente referiu que “se trataría de desprazar a estrutura flotante un máximo de 40 metros e lixeiramente cara o eixe do leito, manténdose na área do proxecto orixinal, xa que os estudos realizados consideran que esta é a opción máis respectuosa co río, en consonancia cos permisos concedidos pola CH”, afirmou.

Con relación ao contido do documento entregado hoxe pola Xunta, Miguel Fernández lamentou que “a maior parte das consideracións obedezan máis a unha enumeración de conxecturas e hipotéticos supostos sobre os que, para poder valorar a súas consecuencias en caso de chegar a producirse se reclama a realización de estudos e informes que xa obran no expediente, no que parece, ademais dunha excesiva sobreactuación, un intento de frear a apertura con especulacións”.

Non é moi previsible que, en plena época estival, poida chegar a producirse unha riada”, apuntou como exemplo ao tempo que volveu aclarar algunha das informacións erróneas que recolle o texto.

O Concello non comezou a instalar a Plataforma, senón que o único que fixo, atendendo ás apreciacións realizadas pola Xunta de Galicia instando a incrementar a estabilidade e flotabilidade das estruturas, foi realizar precisamente unha comprobación ao respecto, depositando no leito unha plancha da devandita estrutura fixada á terra, na beira, de maneira provisional. Simultaneamente realizou, alén, a mostraxe da fauna existente na zona por parte de biólogos que oficiosamente in situ lle trasladaron as conclusións obtidas aos técnicos da Xunta que compareceron no lugar, pero tamén a través do correo electrónico”, sostivo o edil.

O tenente de alcaldesa solicitou, iso si, todos os organismos implicados a máxima colaboración para axilizar a tramitación da súa apertura, porque as institucións non poden facer refén á cidadanía nin secuestrar proxectos públicos con fins partidistas”.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com