Arias Fouz lémbralle á alcaldesa que coñece o informe sobre a praia fluvial dende 2018

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias Fouz, lembrou hoxe á alcaldesa de Lugo que as conclusións do último informe da Xunta sobre a localización da praia fluvial son as mesmas que xa comunicaron nun primeiro informe que data de xaneiro de 2018.

“Non entendemos como a alcaldesa sinala que estaban agardando polas conclusións do último informe; que se fagan os sorprendidos e que falen de boicot da Xunta, cando levamos catro anos dicindo o mesmo. A Xunta de Galicia non se moveu neste sentido e sempre apuntou a necesidade de facer un estudo da barimetría e do caudal antes de realizar a actuación, ademais de comprobar a presenza de especies. O problema aquí é que o Concello tampouco se moveu para avanzar neste proxecto desde hai máis de catro anos”.

Neste sentido, o delegado territorial da Xunta en Lugo sinalou que “o primeiro dos informes remitido polo Servizo de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda é de xaneiro de 2018, e as conclusións e os requirimentos que se fan son iguais aos enviados ao Concello e á Confederación Hidrográfica Miño-Sil o pasado martes. Tiveron moito tempo para facer estes estudos e comprobacións nas épocas adecuadas”.

Por outra banda, Arias Fouz cre que no que atinxe aos riscos para a seguridade nesta zona do río, “pola escasa profundidade, os problemas de calado, os afloramentos rochosos e as fortes correntes en caso dunha subida do caudal, son cuestións que todos os lucenses saben, e que calquera pode ver e comprobar nas épocas de verán”.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com