Novas

Abre o prazo de solicitude de instalacións deportivas municipais para a tempada 22/23

Hoxe abriu o prazo de solicitude de instalacións deportivas municipais para a tempada 2022 / 2023 ata o próximo venres 1 de xullo.

Para realizar a solicitude, as entidades interesadas deberán presentar telemáticamente a solicitude co formulario 801 cuberto (solicitude IDM) dirixida á Concelleria de  Xuventude e Deportes no rexistro do Concello. O formulario atópase dispoñible no seguinte enlance: https://bit.ly/3OeUCp5 Para poder solicitar instalación é obrigatorio estar dado de alta no Rexistro Municipal de Asociacións.

Un total de 110 clubs da cidade de Lugo utilizan todas as instalacións deportivas municipais ao longo da súa tempada.

Por Paradela

Viaxo por Paradela, terra de fragas, montes e ríos; mesopotamia entre o Miño dominado e o modesto Loio que naquela sacra ribeira viu nacer e morrer mosteiros, e ollou o xurdir da Orde dos Cabaleiros de Santiago para a protección dos peregrinos.

Á beira do embalse, que tanta riqueza e tanta vida sepultou, falamos da auga que o río non leva, non só porque a enerxía eléctrica esixiu máis da que parecía razoable senón porque non chove e o embalse está case baleiro.

Xorde o tema porque cae unha tromba de auga que parecía querer encher o embalse dunha vez. Os entendidos comentan que faría falla que chovese meses para solucionar o problema da auga, e que unha choiva tormentosa, en época de seca, non chega a penetrar a costra da superficie. E aínda que caiga unha boa choiva de tormenta, que penetre na terra e a agarime, pode poñer en perigo produtos que estiman a choiva lenta máis que a que cae a cachón.

Estrana falar de problema da auga en Galicia, en terra de dous ríos, na que o máis pequeno abastece ao concello, e o grande é un mar interior. Pero hai problema cando antes alí aparecía auga a trinta metros e agora hai que afondar máis de cen. E o embalse, que semella inagotable, non recuperou o nivel mínimo de tranquilidade cara ao verán. Preocúpannos minucias cando o importante nos esbara, chámese cambio climático ou protesta da terra polo maltrato que sofre. Os países reaccionan a unha brutal agresión como a de Ucrania, pero en canto ao clima proceden coa calma imposta por intereses que os superan. Os cambios que notamos non os sufriremos nós, pero os nosos fillos e netos herdarán un mundo con serios problemas. Empezando pola auga.

 

Reunión da ANPA da Anexa e o Delegado da Xunta para buscar solucións ao uso do pavillón do centro

A Xunta de Galicia e a Anpa do Ceip da Anexa reuníronse onte para buscar posibles solucións ao uso do pavillón do centro, nun encontro ao que asistiron cinco representantes da Anpa, entre eles a súa presidenta María Gallardo; o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e a xefa territorial de Educación, Mariña Gueimunde.

 Arias Fouz calificou a reunión de “cordial”, sinalando que “foi un bo punto de partida para buscar solucións ao uso do pavillón do centro. Polo pronto, e tal e como quedei con eles, trasladarei as súas reivindicacións e propostas tanto ao Secretario Xeral Técnico da Consellería de Educación como ao xerente da USC, nunha próxima reunión que agardo ter nos vindeiros días”. 

 A Anpa explicou as principais reivindicacións, que pasan por manter o uso do pavillón que pertence ao centro, ademais de solicitar outras actuacións que mellorarían ao seu xuízo o funcionamento do colexio. Ademais, o delegado territorial da Xunta en Lugo destacou que “foi unha reunión frutífera; na que tamén atopamos puntos en común e que mellorou moito a comunicación, o que é indispensable para acadar solucións”.

Campaña “Outro Garañón… Na Muralla?”

Un colectivo de persoas que están en contra do proxecto aprobado polo Concello para a esquina de San Roque coa Ronda, Montero Ríos e Carril das Flores, convoca a cidadanía de Lugo para informala das  construcións que está previsto  se ergan nos solares desta esquina.

Na mesa redonda que está convocada para o vindeiro día 14 ás 19:30 horas no auditorio do Vello Cárcere estarán: Camino Casabella, licenciada en belas artes e pintora, en representación do Foro do Camiño Primitivo e os arquitectos Raúl Veiga, Xosé Anxo Carreira Montes e Carmen Figueiras; o moderador será Froilán Pallín, secretario xeral de Adega. Logo das diferentes exposicións dos participantes abrirase  un debate entre todos asistentes ao acto.

Charla sobre eutanasia e testamento vital

O vindeiro luns, día 13 de xuño, ás 20 horas, vai ter lugar no Centro Sociocultural “O Vello Cárcere”, unha charla-coloquio organizada pola asociación DMD (Dereito a Morrer Dignamente), charla na que, baixo o título “DEREITOS SANITÁRIOS: EUTANÁSIA E TESTAMENTO VITAL”, se falará da necesidade de reflexionarmos sobre como queremos finalizar a nosa vida. A charla tamén xirarrá, sobre o que é para nós unha vida digna de ser vivida, en que condicións non desexariamos seguir vivindo, entre outros moitos aspectos, e sobre a importancia de termos rexistrado o noso Testamento Vital ou Documento de Instrucións Previas. Un documento legal no que as persoas maiores de idade, capaces e libres manifestan anticipadamente a súa vontade sobre o alcance dos coidados e tratamentos que queren recibir no final da súa vida.

O acto vai estar conducido polo presidente da asociación, Miguel Anxo García Álvarez, psicólogo clínico, e pola vicepresidenta Isabel Blanco Domínguez, médica. Os datos dos que dispoñemos refiren que na Galiza van rexistrados un total de 13.374 testamentos vitais, dos que 8.504 foron presentados por mulleres (un 63.6%), o que representa un 4.9 por 1.000 da poboación, lonxe do 19 ou 16 por 1.000 de Navarra ou País Vasco, o que nos indica que é necesario seguir divulgando e explicando estes dereitos de forma que a xente poida exercelos con plena consciencia e liberdade. Farase un breve repaso pola recente Lei de Eutanasia, aprobada hai un ano, a cal  garante o dereito das persoas con enfermidades terminais a por fin á súa vida. Sen esquecermos dunha das grandes reivindicacións deste movement, a de seguir a fomentar, mellorar e estender a toda a poboación o dereito a unha prestación de coidados paliativos que garanta a falta de sufrimento neste derradeiro da vida

Concentración do persoal do SAF en Vilalba

Traballadoras e traballadores do Servizo de Axuda no Fogar de Vilalba  concentráronse  hoxe convocados por CIG-Servizos na vila chairega de Vilalba. As traballadoras e traballadores do SAF reclaman unha subida salarial dun 6,5% correspondente co IPC do 2021, dereito recoñecido no seu convenio sectorial. Por isto, “demandan ás administracións que teñen externalizado este servizo a que defendan os seus dereitos e obriguen ás empresas adxudicatarias a cumprir esta regra”. Asemade, tamén reclaman a negociación dun novo convenio colectivo, xa que leva más de 12 anos sen actualizar.

.

Acondicionados e limpos tres solares da Xunta no conxunto histórico de Lugo

A Xunta de Galicia vén de limpar e acondicionar tres solares do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) situados no conxunto histórico de Lugo, dous deles visibles dende a Muralla, no marco dos labores de mantemento que se realizan todos os anos e para ofrecer a mellor imaxe do monumento de cara ao verán, a época de maior afluencia de turistas.

Así, actuou nunha parcela de 1300 m2 na contorna do pazo de Dona Urraca, eliminando o exceso de vexetación e reparando o valado que a delimita, que fora obxecto de ataques vandálicos. Tamén arranxou a parcela de Carril dos Fornos, con 2500 m2, e retirou unha valla informativa. Por último, limpou un solar de 1000 m2 nos patios traseiros da rúa Tinería.

 

 

A Federación de Veciños insta ao concelloa amañar de xeito urxente a rúa Frei Placido Rey Lemos

Nun escrito dirixido á Concellería de Vías e Obras do Concello de Lugo, a Federación de Asociacións Veciñais  Lucus Augusti solicita “por ser urxente a rúa Frei Placido Rey Lemosda súa competencia directa, a reparación urxente do pavimento da rúa Frei Plácido Rei Lemos da cidade de Lugo. Así mesmo, achegamos fotografías do lamentable estado actual da mencionada rúa, cuxos fochancas son inasumibles tanto en número como en dimensións e resulta incompatible cunha correcta circulación de vehículos e de viandantes, que son, cabe matizar, moi numerosos e de frecuencia diaria, xa que dita rúa atópase nas inmediacións directas do Parque Rosalía de Castro da capital lucense; ademais, da penosa imaxe que ofrece, tanto a turistas como aos propios lucenses. Desde a Federación instamos aos titulares da Concellería de Vías e Obras, a que acometan de forma urxente dita reparación”

Formoso urxe á Xunta que autorice os eólicos para a subministración de enerxía a Alcoa

O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Valentín González Formoso, visitou este mércores o concello lucense de Trabada para manter unha xuntanza cos alcaldes e alcaldesas da comarca da Mariña, así como cos portavoces locais dos partido, e explicar o seu proxecto para reactivar o tecido industrial e garantir a emprego na zona.

Nun encontro celebrado no Museo Etnográfico Xosé Rocha de Trabada, o número un dos socialistas galegos debullou a súa aposta pola pecontinuidade dos complexos industrias que considera estratéxicos para a economía de Galicia, como é o caso de Alcoa, na que a súa viabilidade pasa, dixo, por asegurar o subministro de enerxía renovable a prezos competitivos.

“Temos unha proposta para desenvolver novos parques eólicos”, sinalou Formoso, “e queremos facelo, ademais, dun xeito ordenado, con control, respectando os dereitos dos propietarios dos terreos e respectando tamén os espazos naturais sensibles e as zonas de aproveitamento agrícola e gandeiro”.

Insistiu o dirixente socialista en pedirlle ao goberno galego, en liña coa proposta que lle fixo ao presidente Alfonso Rueda na entrevista que mantiveron o pasado luns, que “autorice dunha vez a construción dos novos parques eólicos que son indispensables para blindar o futuro de Alcoa”.

O BNG pide no Congreso investigar o derrubamento do viaduto da A-6

O Bloque Nacionalista Galego impulsa diferentes iniciativas no Congreso dos Deputados para investigar o derrubamento do viaduto do Castro da autovía A-6, próximo á localidade de Pedrafita do Cebreiro.

A deputada no Parlamento galego Olalla Rodil, declarou que “débense explicar os motivos do derrubamento desta ponte, a que xa mantiña deficiencias estruturais e levaba case un ano en arranxo” no que destacou “desde o BNG pedimos que se analice non só nese punto, senón en toda a infraestrutura para deslucir(sic) deficiencias”

A formación nacionalista destaca que o estado xeral desta infraestrutura estatal mantén deficiencias por todo o seu trazado “o Goberno do Estado mantén nun abandono constante o mantemento e a conservación da nosa rede viaria, como se puido contemplar neste caso da A-6” sinalou Rodil.

O BNG xa desenvolveu en diferentes ocasións accións e peticións para mellorar o investimento desta infraestrutura, como por exemplo, nas emendas dos derradeiros Orzamentos do Estado.

 

 

 


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com