Novas

Xoana Almar remata o seu mural en favor da liberdade de expresión

A artista Xoana Almar rematou esta tarde os últimos detalles dunha obra que xa pode contemplarse con todas as súas características

O mural, cuxa realización se encadra na terceira edición do festival de arte urbano Culturban e nas celebracións do Día Internacional da Liberdade de Prensa o pasado 3 de maio, reivindica o exercicio do xornalismo a través das figuras femininas, que representan tanto o peso maioritario das mulleres dentro da profesión como a necesidade de multiplicar as voces femininas nas informacións e romper os teitos de cristal dentro das redaccións. Ao mesmo tempo, Xoana Almar homenaxea coa súa obra o o xornalismo local como un alicerce esencial para a liberdade de información, que garante os dereitos de toda a cidadanía.

A obra está realizada sobre o muro circular dun dos edificios da antiga Frigsa, que alberga na actualidade a sede de Radio Taxi e a Unión de Radioaficionados de Lugo, no parque da Milagrosa. A súa presenza na cidade das murallas servirá como recordatorio do papel fundamental do xornalismo e da información na construción das sociedades democráticas, así como de estímulo para a consecución dunha profesión xornalística verdadeiramente igualitaria.

O TSXG autoriza prorrogar ata o 21 de maio a esixencia do certificado COVID-19 en hospitais

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) autorizou á Xunta a prorrogar en toda Galicia, ata o próximo 21 de maio, a obriga de presentar o certificado COVID-19 de vacinación, recuperación ou proba diagnóstica negativa para visitar aos doentes ingresados en centros hospitalarios e sociosanitarios residenciais de maiores e de persoas con diversidade funcional.

 A Sala asegura que se mantén a “idoneidade, necesidade e proporcionalidade da medida”, pois destaca que os valores que mostra o estudo técnico achegado pola subdirectora de Información sobre Saúde e Epidemioloxía “seguen sendo elevados”, o que indica que o virus “continúa tendo unha elevada circulación” na comunidade. Os maxistrados advirten no auto que “continuamos nunha situación epidemiolóxica que determina un risco de transmisión do virus”, en especial nos lugares para os que se autorizou a prórroga da esixencia do certificado.

 O tribunal explica no auto que a proporcionalidade da medida para o acceso a determinados establecementos “con alto risco de transmisión” se xustifica “coa existencia doutras alternativas ao certificado de vacinación, como son a proba diagnóstica de infección activa, pasar a enfermidade e, mesmo, a posibilidade de someterse voluntariamente a unha proba diagnóstica realizada no hospital”. Ademais, subliña que as medidas de prevención que adoptan as autoridades sanitarias “quedan suxeitas a un seguimento e avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria”. Contra o auto cabe presentar recurso de casación ante o Tribunal Supremo.

O Concello ofrece 75 prazas de balde nun curso de manexo de drons

O Concello, a través do Servizo de Prevención de Drogodependencias e outras adiccións da área de Xuventude, que dirixe o edil o Mauricio Repetto, organiza un curso gratuíto de piloto de drons, que disporá de 75 prazas, dirixido a lucenses de 16 a 30 anos empadroados no municipio.

O obxectivo da iniciativa, que se enmarca no programa ‘+Xti’, subvencionada polo Plan Nacional sobre Drogas, é ofrecerlle á mocidade unha oportunidade de formación “nunha actividade que está a emerxer con forza con moitas saídas en diversos sectores do mercado laboral”, sostén o concelleiro, que indica que “é unha primeira toma de contacto totalmente práctica”.

O alumnado, que non necesita ter coñecementos previos para participar neste curso, estará en todo momento de monitores profesionais do sector.

A actividade dura 2 horas, en horario de 16.00 a 18.00 horas ou de 18.00 a 20.00 horas, os xoves e venres, e os sábados de 10.30 a 12.30 ou de 12.30 a 14.30. Os interesados poden inscribirse de maneira individual ou en parella, xa que cada hora atenderase exclusivamente a 2 persoas para asegurar a atención merecida e a oportunidade de participación dos asistentes.

As prácticas realizaranse nunha pista con permiso para voar con drons, situada en Lugo. O monitor encargado da actividade contactará previamente con todos os rexistrados para aclarar calquera dúbida relacionada coa ubicación.

As inscricións abriranse o vindeiro 9 de maio, e deberán realizarse través da web: www.lugomasxti.org . Finalizarán os venres anteriores ao comezo da actividade semanal:

Dende o 09 de maio ata o 13 de maio para os interesados/as nos días 19-20-21 de maio

Dende o 09 de maio ata o 20 de maio para os interesados/as nos días 26-27-28 de maio

Dende o 09 de maio ata o 27 de maio para os interesados/as nos días 02-03-04 de xuño

Dende o 09 de maio ata o 03 de xuño para os interesados/as nos días 09-10-11 de xuño

Dende o 09 de maio ata o 10 de xuño para os interesados/as nos días 16-17-18 de xuño

Dende o 09 de maio ata o 17 de xuño para os interesados/as nos días 23-24-25 de xuño

Dende o 09 de maio ata o 24 de xuño para os interesados/as no día 30 de xuño

Ciberataque ao Concello de Lugo

O Executivo local informa de que o Concello de Lugo acaba de ser víctima de un ciberataque que xa foi comunicado e denunciado ante o Centro Criptolóxico Nacional e a Policía Nacional que, dende a UDEF, iniciou a correspondente investigación para esclarecer os feitos.
Debido a este extremo e para non interferir no labor policial, dende o Concello anuncian que non é posible facilitar máis información ao respecto aínda que se descarta que se trate dunha actuación de tipo indiscriminado dirixida por mafias senón que parece obedecer a un ataque dirixido especificamente contra a Institución local xa que foi executado empregando como reclamo datos concretos e moi elaborados relacionados coa actividade da Administración.

Inaugurada a I Feira de emprego e talento

A I Feira de Emprego e Talento impulsada desde a Asociación de Empresarios do Polígono O Ceao-As Gándaras quedou inaugurada esta mañá. A xornada iniciouse cunha serie de intervencións  por parte das autoridades asistentes, ás que foi dando a palabra Ramón Alonso, vicepresidente da Asociación de Empresarios. Alonso explicou na súa intervención que o obxectivo desta feira era crear un punto de encontro. “Ofrecer un lugar onde dar visibilidade aos distintos actores” do ecosistema laboral. Así manifestou que é indispensable a colaboración entre as catro patas fundamentais deste ecosistema: o mundo empresarial, o mundo académico, o mundo institucional e aqueles que ocupan os postos de traballo ou están en busca de emprego ou dunha mellora laboral. O directivo tamén destacou a importancia dos empresarios e  anunciou a continuidade da feira de fronte ao futuro e fixo un chamamento aos empresarios que aínda non son socios a asociarse: “porque xuntos somos máis fortes”. Tras declararse inaugurada a I Feira de Emprego e Talento, autoridades, empresarios, académicos e público asistente fixo un percorrido polas diferentes casetas interesándose polo que ofrecían e polo perfil das persoas que se estaban achegando desde primeira hora da mañá ás diferentes casetas.

A Xunta destina 277.000 euros para contratar 83 socorristas para praias e piscinas de 31 concellos lugueses

A Consellería de Emprego e Igualdade vén resolver a orde de axudas pola que colabora cos concellos na contratación de socorristas, que este ano suma 277.000 euros para realizar 83 contratos en 31 municipios lugueses.

Así o anunciou o delegado territorial da Xunta, Javier Arias, quen explicou que o Goberno galego coopera coas entidades locais para cubrir estes postos no verán, durante un período de dous meses. Precisou que son os propios concellos os que teñen a competencia para contratar persoal de vixilancia e salvamento que garanta a seguridade nas praias marítimas e fluviais e nas piscinas.

Arias apuntou que o 60% dos contratos corresponden á comarca da Mariña, onde a Administración autonómica destina 169.500 euros a financiar 50 socorristas en 11 municipios. Así, Foz, Xove, Burela, Viveiro, Cervo, O Vicedo e Ribadeo contratarán a seis traballadores co apoio da Xunta; e A Pontenova, Mondoñedo, Ourol e Trabada terán dous cada un.

A cidade de Lugo recibe 12.400 euros para cubrir catro postos a través desta convocatoria. Outros dous concellos da mesma área, Guntín e Outeiro de Rei, benefícianse de dous cada un.

Na Zona Sur a Xunta inviste 32.000 euros para facilitar a cobertura de dez prazas en seis municipios: O Saviñao, Quiroga, Sober e Pantón terán dous socorristas cada un; e Taboada e Chantada un.

A Xunta tamén financia a contratación de socorristas nos tres concellos da Ulloa -dous en Antas de Ulla e un en Palas de Rei e Monterroso-; e nos municipios de Riotorto, Paradela e Cospeito -dous cada un -; así como en Meira, Láncara, Baralla, As Nogais e Pedrafita do Cebreiro -un traballador-.

 

LugoSiradio

Volven os debates e entrevistas a LugoSiradio Ancares

Despois dun tempo sen debates en Lugo Siradio Ancares que emite na  frecuencia 107.4 da FM, volve o programa Estoa  e farao a partires da vindeira semana   de sete a oito da tarde e de luns a xoves. Nesta nova xeira  participaran xornalistas, políticos en activo, expolíticos e persoeiros da sociedade luguesa, que tarde a tarde analizarán, polo miúdo, a actualidade da provincia e da capital. Nuns momentos tan interesantes dende o punto de vista político e social e necesario analizar cos protagonistas e con persoas que estiveron na primeira liña de fogo o que está a acontecer e o que nos depara o porvir.

Codex Cinema estrea esta fin de semana dúas películas que teñen como marco primordial a Segunda Guerra Mundial

A partir de maña venres, os cines Codex inclúen na súa programación dúas estreas moi relevantes que teñen como marco primordial a Segunda Guerra Mundial.

A primeira delas é Onoda, 10.000 noitas na xungla, filme francés que vén de gañar numerosos premios no circuíto de festivais e que afronta a incrible historia de Hirō Onoda, o soldado xaponés que, logo da capitulación do seu país, se rendeu no tardío ano de 1974. Galardoada no
Festival de Sevilla co Gran Premio do Xurado e o Premio ao Mellor Guión, gañadora do Premio ao Mellor Guión nos César 2022 seleccionado como filme inaugural da sección Un Certain Regard no Festival de Cannes 2021 Onoda, 10.000 noites na xungla terá un par de pases especiais en Codex.

A segunda estrea desta semana é Onde está Anne Frank?, agardado novo filme de animación do israelí Ari Folman tras conquistar o corazón dos espectadores de todo o mundo coas súas anteriores películas, Vals con Bashir (2008) e O congreso (2013). Detrás desta singular
abordaxe da tráxica historia da rapaza xudía está a Fundación Ana Frank de Basilea que propuxo a Folman que escribira o guión e fixera a película, a cal presentouse fóra de concurso durante o pasado festival de Cannes.
Onde está Anne Frank? traza un diálogo que abarca oitenta anos de historia, dende o Holocausto ata o presente. O filme sitúa na Ámsterdan actual a Kitty, a amiga imaxinaria a quen Frank lle adicou o seu diario, quen pensa que ao estar ela viva, Frank tamén o estará.
Desta maneira comeza un percorrido a través de Europa na procura da rapaza no cal teremos ocasión de observar de maneira crítica a percepción turística á que en ocasións está sometida unha páxina tan escura da historia como foi a shoah, coñecer a situación de clandestinidade que teñen que afrontar día tras día milleiros de inmigrantes en situación de ilegalidade ademais de desfrutar, por primeira vez na historia, do célebre diario de Ana contado integramente en imaxe animada. Un filme comprometido, necesario e valente que poderemos desfrutar en Codex tanto en versión orixinal titulada como dobrado ao castelán.

Irmán Feijóo

Irmán, mesmo como Cabanillas nos soñaba (“sereos/ coa limpa fronte erguida”), por galego, presidente noso en funcións, que o sábado brillou en Telecinco. Non digo “Pai Feijóo”, aínda que tamén saiba deso, que entón falaría do que no claustro grande de Samos nos acolle.
Eu teño a tele de brumosa compañeira mentras traballo na tranquila noite, e cando algo me chama a atención apunto os sentidos nesa dirección, sabendo que o desvío non me vai levar mais dun minuto. Pois o sábado estiven dúas horas e media atendendo a Telecinco onde un previsible Bertín Osborne confesaba a un inédito Feijóo (mesmo loubado polo ex Felipe) sobre o divino e o humano, aínda que dubido que a política encaixe neses campos de enerxía.

Só estiven ao lado de Feijóo Presidente o tempo que falou no cincuentenario de Aspnais, que eu conducía. Minutos antes, alguén do seu equipo me pasou o mañuzo de folios que ía ler, que cabe supoñer cheos de cifras e datos do especial papel de Aspnais na vida lucense. Sae a falar Feijóo, menciona aos seus irmáns de Aspnais, destacando a Julio, e este coñecido usuario desta benemérita institución que se ven para xunto ao presidente, cos centos de asistentes facéndolle a onda. Feijóo que non colle os papeis, abraza a Julio, e improvisa un discurso de irmán que arrebatou a todos.

Pois nada, que o sábado, entre Feijóo e Bertín, déronnos as doce e media. E como agora todo o mundo menos eu sabe como se volven ver os programas, recoméndoo aos devotos, para recrearse; aos de outra relixións, pasa saber a quen teñen; e aos paisanos nosos en xeral porque este irmàn que emigra nos fai un retrato a cor no que non quedamos nada mal.

Cogami denuncia a espera das persoas cunha discapacidade para ter unha valoración

Baixo o lema #EsperaYDesespera, a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) denunciou este martes, diante da delegación territorial da Xunta en Lugo, a desesperante espera que milleiros de persoas levan vivindo dende hai anos por unha valoración a tempo e unha baremación actualizada.

Mediante a formación dunha ringleira de máis de 70 persoas que iniciaba na delegación territorial, COGAMI quixo simbolizar e denunciar as intolerables esperas que deben asumir as persoas con discapacidade para poder acceder aos seus dereitos, causados aos retrasos existentes, tanto na valoración do grao de discapacidade como na implantación do novo baremo da discapacidade.
Este acto, organizado co motivo do Día Nacional da Convención Internacional sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade de Nacións Unidas, contou en Lugo coa asistencia de representantes da Federación Provincial de COGAMI en Lugo, persoas usuarias e traballadoras do centro que COGAMI ten en Fingoi e da entidade Alcer, xunto a persoas que permanecen á espera da súa valoración ou de que se renove o baremo actual, que exixiron o fin desta situación.

Durante as intervencións, denunciouse que non recibir unha valoración ou unha revisión do grao de discapacidade a tempo, prexudica ás persoas con discapacidade no emprego, a educación, a accesibilidade, a saúde e tamén impide acceder a prestacións que compensan
a desigualdade de oportunidades.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com