Novas

Altri confirma que instalará en Palas de Rei a súa fábrica de fibra téxtil

Nunha comparecencia diante dos medios de comunicación o CEO da empresa Altri, José Soares de Pina, afirmou que a empresa fixa definitivamente en Palas de Rei a ubicación da nova fábrica de fibra téxtil.

O investimento será duns 800 millóns de euros e a creación de 2.500 empregos directos e indirectos. Esta fábrica convertese na única do estado destas características.

Cómpre salientar que este proxecto sustentable que forma parte do Polo para a Transformación de Galicia convertese nun dos proxectos máis importantes deste Polo.

O Concello de Palas de Rei, a CEL e a Xunta de Galicia felicitáronse pola consecución deste importante proxecto para a provincia de Lugo.

Aberto o prazo de inscrición nas Xornadas Pedagóxicas da Rede Museística Provincial

A Rede Museística Provincial ven de abrir oprazo de inscricións na vixésima edición das súas xornadas pedagóxicas, unha proposta formativa dirixida a docentes, profesionais de museos eestudantes de titulacións relacionadas coa museoloxía, que se celebrarádo 25 ao 26 de maio e do 1 ao 2 de xuño nos catro museos da Rede.

Baixo o epígrafe “O poder da educación nos museos”, as xornadas inclúen relatorios e mesas redondas sobre o cometido educativo dos museos a cargo de persoal da Rede, e persoas expertas doutros museos coma Ana Moreno, coordinadora da área de Educación do Museo Nacional do Prado

https://www.museodelprado.es/ ou Rufino Ferreras, xefe da área de Educación do Museo Thyssen Bornemisza, ademais  de artistas visuais como María Gar e Virgina Rivas.

As inscricións están abertas ata o 20 de maio. As persoas interesadas poden reservar praza no enderezo electrónico concertacionsrmpl@gmail.com no caso dos profesionais dos museos e estudantes e do Sistema de
Xestión de Formación do Profesorado (eduxunta.gal/fprofe) no caso dos docentes, xa que a actividade conta co recoñecemento da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

A temática das Xornadas Pedagóxicas apunta na liña do lema co que se celebra este ano o Día Internacional dos Museos, unha efeméride que se conmemora o 18 de maio a proposta do ICOM , e que este ano propón reflexionar sobre “O poder dos museos”, poñendo o foco na capacidade destes espazos culturais para transformar o mundo que nos rodea, “descubríndonos o pasado e abrindo as mentes a novas idea.

  O PP denuncia unha guerra soterrada entre Psoe e BNG

O Partido Popular cuestiona os 74 “hortos de alto standing que a alcaldesa de Lugo vai montar na contorna do edificio Impulso verde e que custarán máis de 700.000 € cando é incapaz de adxudicar as 32 hortas que oferta no parque dos Paxariños”.

Dende o PP aseguran que “todos estamos de acordo con vivir nunha cidade ecolóxica, cun urbanismo sostible pero investir os cartos de todos en proxectos para potenciar a imaxe persoal de Lara Méndez ou de Rubén Arroxo é unha irresponsabilidade”.

Aos do PP resúltalles curioso que se estean montando 74 hortos VIP de 10.000 € en Infanta Elena cando na lista provisional de adxudicatarios dos Paxariños quedaron 6 parcelas dispoñible. “Quizás este modelo non resulte atractivo” reflexionan no PP que destacaron como “para facer a lista provisional tiveron que tirar de 4 peticións rexistradas fóra de prazo doutros tantos candidatos que xa desfrutaran anteriormente das parcelas municipais”.

O PP recrimina que “PSOE e BNG compitan tamén na política eco friendly co obxectivo de sumar unha foto máis a súa política. Os populares fan esta reflexión logo de comprobar que as hortas ecolóxicas que se han facer na contorna do edificio Impulso Verde supoñen unha competencia ao programa que o BNG está a desenvolver nos centros escolares”.

Dende o PP insisten en que “o seu Grupo está a favor de proxectos que fomenten o autoconsumo e a  ecoloxía pero nos parece un exceso que, por xustificar un gasto de diñeiro de Europa e para facerse a foto do día da alcaldesa, se faga este despilfarro”

Adif licita as obras de supresión de catro pasos a nivel na provincia

Adif aprobou a licitación do contrato de obras de execución dos proxectos de supresión dos pasos a nivel situados nos puntos quilométricos ( pp. kk.) 428/980, 429/811, 430/129 e 430/407 da liña León-A Coruña, ao seu paso polo termo municipal de Lugo.

Para a supresión destes catro pasos a nivel executaranse dous novos pasos inferiores e varios camiños de acceso a estes pasos (no caso dos tres primeiros) e unha conexión cun paso inferior existente próximo no caso do paso a nivel do p. k. 430/407.

As actuacións para levar a cabo están definidas en tres proxectos construtivos diferentes. Unha vez executadas, procederase ao levante dos pasos a nivel existentes mediante a demolición do firme, a restitución da aliñación da liña ferroviaria (tanto en planta como en alzado) e o desmonte das instalacións ferroviarias relativas ao paso a nivel.

As tres soluciones proxectadas son as seguintes:

Pasos a nivel dos pp. kk. 428/980 e 429/811 A solución proposta consiste na construción dun único paso inferior baixo a liña León-A Coruña á altura do p. k. 429/350, é dicir, nun punto intermedio entre os dous pasos a nivel existentes. Para os accesos ao novo paso inferior proxéctase un novo camiño que conectará o paso cos camiños xa existentes, a través de dous camiños de ligazón e un camiño de acceso a leira. O camiño de acceso ao paso inferior terá unha anchura total de 8 m e o seu trazado está condicionado polo corredor reservado para a futura rolda Este de Lugo. A estrutura do paso inferior consistirá nun van de formigón armado empuxado baixo a vía, cunha anchura total de 8 m, unha altura de 5 m e 14 m de lonxitude. As súas características permiten unha posible ampliación a dobre vía pola marxe dereita en sentido Lugo.

Paso a nivel do p. k. 430/129 Neste caso construirase un paso inferior no p. k. 430/040, cun novo camiño de acceso a través de dous camiños existentes. Devandito acceso terá unha anchura total de 8 m, con orixe no núcleo rural de Castelo de Abaixo e fin no núcleo de Penoucos. Do mesmo xeito que no caso anterior, a estrutura do paso inferior consistirá nun van de formigón armado empuxado baixo a vía, cunha anchura total de 8 m, unha altura de 5 m e 14 m de lonxitude. As súas características permiten unha posible ampliación a dobre vía pola marxe dereita en sentido Lugo.

Paso a nivel do P.K. 430/407. A solución proxectada pasa pola construción dun novo camiño cara ao paso inferior existente no p. k. 430/587, a apenas 180 m de distancia. O novo camiño terá unha anchura de 3 m, idéntica á do actual camiño de acceso ao paso inferior existente. O seu firme será de formigón en masa sobre unha capa de saburra artificial, as mesmas características que presenta o camiño actual.

Abre o prazo de inscrición no programa Reiníciate

A Deputación de Lugo  abre o prazo de inscrición no programa de formación e emprego de persoas desempregadas de longa duración Reiníciate, encamiña o teu futuro, que impulsa coa colaboración da Escuela de Negocios – EOI Escuela de Organización Industria) co dobre obxectivo de
favorecer a inserción laboral deste colectivo e nutrir de man de obra cualificada a sectores con demanda, como o do viño ou o sociosanitario.
O programa, dotado con 355.000€, constará dunha parte de formación gratuíta en aqueles sectores con alta demanda de persoal capacitado, e doutra parte de formación práctica.
Ademais, establécense tres zonas de actuación para impartir as formacións, que comezarán a finais de abril: a zona norte (Burela); a zona sur (Monforte de Lemos); e a zona centro (Lugo).
Poderán acollerse a este novo programa un total de 120 persoas, sen límite de idade, que acrediten levar un ano, como mínimo, inscritas no Servizo Público de Emprego.
As persoas interesadas en inscribirse poden facelo en https://lugoempleo.com. Todas as persoas participantes acadarán a capacitación básica e clave para acceder a un posto de traballo cualificado, o que permitirá a aquelas que carezan de formación mínima -graduado escolar ou ESO- acceder a capacitacións profesionais. As formación realizaranse enfocadas a sectores con alta demanda, como a atención sociosanitaria, os idiomas ou a
viticultura.

36 concellos lugueses reciben axudas para a dinamización da lectura

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución das axudas a entidades locais para programar actividades de dinamización da lectura nas bibliotecas e axencias de lectura de titularidade municipal, das que se benefician 36 concellos da provincia de Lugo.

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, explicou que as achegas van destinadas a desenvolver actividades incluídas no catálogo do programa Ler conta moito, que ofrece espectáculos variados para inculcar na cidadanía o gusto pola lectura dunha maneira lúdica e atraente.

Hai actividades específicas para nenos, mozos e para o público en xeral. A programación é moi diversas, desde contacontos, maxia, obradoiros creativos, narración oral, divulgación do coñecemento ou audiovisual na biblioteca ata actividades de dinamización con música, teatro e danza, entre outros.

Once das bibliotecas municipais beneficiarias son da Mariña (Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Lourenzá, Ourol, Ribadeo, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove); dez da Zona Sur (Bóveda, Carballedo, Chantada, Monforte de Lemos, Pantón, A Pobra do Brollón, Quiroga, O Saviñao, Sober e Taboada); sete da Terra Chá e Meira (Castro de Rei, Guitiriz, Meira, Muras, Riotorto, Vilalba e Xermade); catro da comarca de Sarria (Láncara, Paradela, O Páramo e Sarria); e tamén as de Lugo, Antas de Ulla, Monterroso e A Fonsagrada.

Arias apuntou que a Xunta tamén acaba de publicar as axudas dirixidas a concellos e entidades sen ánimo de lucro para colaborar na mellora da organización dos seus arquivos, co fin de facilitarlles a descrición dos fondos documentais que custodian segundo a metodoloxía arquivística. Chantada, A Pastoriza, Cervantes, Samos e A Pontenova son os municipios lucenses beneficiarios desta edición, orientada a mellorar a xestión dos documentos que gardan os arquivos co obxectivo de facilitar a súa conservación e consulta pola cidadanía.

xectivo de facilitar a súa conservación e consulta pola cidadanía.

O TSXG autoriza a prorrogar ata maio o certificado Covid en hospitais e residencias de maiores

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) autorizou á Xunta a prorrogar en toda Galicia, ata o próximo 7 de maio, a obriga de presentar o certificado COVID-19 de vacinación, recuperación ou proba diagnóstica negativa para visitar aos doentes ingresados en centros hospitalarios e sociosanitarios residenciais de maiores e de persoas con diversidade funcional. A Sala destaca que, para autorizar a medida, que ten como propósito “defender a saúde pública malograda pola pandemia”, tivo en conta os informes técnicos presentados pola Xunta.

Os maxistrados consideran necesario, dada a situación epidemiolóxica actual, esixir na comunidade a exhibición dun dos tres certificados COVID-19, “tanto para evitar a transmisión do virus como para contribuír a que a poboación máis resistente a vacinarse o faga”. Ademais, salientan que a medida é “necesaria, idónea e proporcionada” en relación “cos sacrificios” que se esixen para procurar a defensa da saúde pública.

No auto, a Sala resalta que no territorio nacional tamén se mantén a obrigatoriedade do uso de máscara nos centros, servizos e establecementos sanitarios, sociosanitarios e nas residencias de maiores, “ao ser os ámbitos onde pode haber unha maior concentración de persoas vulnerables, nas que o risco de enfermidade grave é maior, e onde a probabilidade de transmisión é máis alta”. Contra a resolución cabe presentar recurso de casación ante o Tribunal Supremo.

Abre o prazo de inscrición do curso de navegación e copilotaxe 4X4

O Concello de Lugo, a través do Servizo de Prevención de Drododependencias e outras adiccións, abre á mocidade lucense o prazo de inscrición do curso de navegación e copilotaxe 4×4.

O curso desenvolverase en dúas sesións no Polígono do Ceao, a primeira terá lugar os días 6 e 7 de maio, e a segunda o 17 e 18 de xuño. “O obxectivo é desenvolver unha actividade na que os alumnos despois de recibir a pertinente instrución en canto a condución 4×4 e navegación, desenvolvan un roteiro de navegación 4×4 por distintas paraxes das proximidades da cidade de Lugo”, explicou o edil, quen incidiu que son actividades que requiren toda a atención e concentración, e ao mesmo tempo que entusiasman sen necesidade de buscar “falsas alegrías ou emocións” a través de substancias psicoactivas nada recomendables.

O curso terá unha parte teórica de 4 horas onde se explicarán os contidos didácticos para desenvolver unha navegación en vehículos 4×4 e nocións de navegación con rumbos e coordenadas  UTM, así como dos  rutómetros utilizados neste tipo de probas.

A parte práctica consistirá nun roteiro de navegación “secreta”, onde os alumnos en grupos e en vehículos 4×4, durante 4 horas completarán un roteiro, validando  puntos de ruta, navegando e  copilotando con  rutómetros dixitais e sistemas de navegación utilizados neste tipo de probas.

A inscrición, que se realizará a través da web lugomasxti.org, será por rigurosa orde e ata cubrir prazas. Terán prioridade as persoas empadroadas no Concello de Lugo. A actividade é gratuíta e inclúe 18 prazas para cada sesión.

A Xunta recibe ofertas para adquirir 13 parcelas no polígono das Gándaras

A Xunta acaba de iniciar a análise para a adxudicación de 13 parcelas do parque empresarial das Gándaras, en Lugo, que suman
case 44.000 m 2 .
O pasado 30 de marzo pechou o prazo para a presentación de propostas para a adquisición de solo empresarial neste polígono no marco do concurso convocado en febreiro, polo que agora o Instituto Galego da Vivenda e Solo está a analizar as ofertas presentadas. En total, as parcelas polas que existe interese suporían un investimento de 2,7 millóns de euros, xa aplicada a bonificación do 50%.
No que respecta ao conxunto de Galicia, recibíronse ofertas para adquirir 22 parcelas en 6 parques empresariais, que suman un total de máis de 66.000 m 2 e implicarían unha venda por valor de 5 millóns de euros unha vez aplicados os incentivos.
Cómpre lembrar que no concurso deste ano dispuxéronse catro modalidades de compra das parcelas: adxudicación con prezo bonificado, en dereito de superficie, en alugueiro e en compravenda con pago aprazado, esta última por primeira vez.
Tras a formalización dos contratos de adxudicación do concurso, o solo dispoñible no polígono das Gándaras e no resto de parques poderá adquirirse nas mesmas condicións da última convocatoria deste procedemento.

O luns iníciase a recudación de fondos da campaña #LugoconUcrania

A campaña de recollida de fondos #LugoconUcrania, presentada durante a Semana Santa na cidade amurallada, arrinca o vindeiro luns con tres mesas de voluntarios distribuídas pola cidade.

Concretamente, estas mesas estarán operativas a semana próxima (de luns a venres) en horario de 10:00 a 13:00 horas en tres localizacións: a Rúa da Raíña – esquina Praza Maior, Bispo Aguirre na esquina fronte ao Seminario e na Praza da Milagrosa.

A campaña Lugo con Ucraína é unha iniciativa que busca recadar fondos para os afectados polo actual conflito bélico e, en especial, para os máis vulnerables, os nenos ucraínos.

A campaña esta liderada pola Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) e a Federación de Asociacións de Veciños de Lugo “Lucus Augusti”,  e colaboran, entre outros, Cafés Candelas, Caixa Rural Galega, Clínica Dinán..

Finalmente, os fondos recadados nos próximos días serán cedidos a UNICEF Lugo, entidade seleccionada tras a valoración de distintas opcións polas súas liñas de traballo directamente dirixidas ao colectivo considerado como máis vulnerable polospromotores desta iniciativa, os nenos ucraínos afectados o conflito bélico.

As entidades impulsoras da iniciativa animan aos lucenses a achegarse ás mesas de voluntarios e colaborar con esta campaña, así como a fotografarse coa camiseta e subir as súas fotos a redes sociais co hastag #LugoconUcrania para dar a coñecer a proposta e lograr que o máximo número de lucenses posible anímense á solidariedade cos nenos ucraínos.

 


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com