O TSXG autoriza a prorrogar ata maio o certificado Covid en hospitais e residencias de maiores

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) autorizou á Xunta a prorrogar en toda Galicia, ata o próximo 7 de maio, a obriga de presentar o certificado COVID-19 de vacinación, recuperación ou proba diagnóstica negativa para visitar aos doentes ingresados en centros hospitalarios e sociosanitarios residenciais de maiores e de persoas con diversidade funcional. A Sala destaca que, para autorizar a medida, que ten como propósito “defender a saúde pública malograda pola pandemia”, tivo en conta os informes técnicos presentados pola Xunta.

Os maxistrados consideran necesario, dada a situación epidemiolóxica actual, esixir na comunidade a exhibición dun dos tres certificados COVID-19, “tanto para evitar a transmisión do virus como para contribuír a que a poboación máis resistente a vacinarse o faga”. Ademais, salientan que a medida é “necesaria, idónea e proporcionada” en relación “cos sacrificios” que se esixen para procurar a defensa da saúde pública.

No auto, a Sala resalta que no territorio nacional tamén se mantén a obrigatoriedade do uso de máscara nos centros, servizos e establecementos sanitarios, sociosanitarios e nas residencias de maiores, “ao ser os ámbitos onde pode haber unha maior concentración de persoas vulnerables, nas que o risco de enfermidade grave é maior, e onde a probabilidade de transmisión é máis alta”. Contra a resolución cabe presentar recurso de casación ante o Tribunal Supremo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com