Novas

Falece Julio Agrelo Trigo, referente histórico do sindicalismo en Lugo

Comisións Obreira anunciou esta maña o falecemento de Julio Agrelo Trigo, un dos referentes históricos do sindicato na provincia de Lugo e membro tamén da primeira corporación democrática do Concello de Lugo. Pola súa traxectoria, o sindicato concedeulle en 1993 o Premio 10 de Marzo e hai dous anos foi homenaxeado —canda outros compañeiros lugueses— pola súa achega ao sindicato e á loita obreira.

O presidente da Fundación 10 de Marzo e ex secretario xeral de CCOO, Xan María Castro, salienta o labor de Agrelo na constitución das Comisións Obreiras. «Julio asistía, aínda na clandestinidade, ás reunións da coordinadora das CCOO de Galicia», explica Castro. «Foi un dos fundadores do sindicato» e unha das «persoas clave» na súa expansión e consolidación na provincia de Lugo, apunta.

Outro ex secretario xeral de CCOO, Xosé Manuel Sánchez Aguión, incide tamén no papel de Agrelo na expansión do sindicato no ámbito comarcal e provincial. Ambos pertencían á antiga Federación de Alimentación, Bebidas e Tabacos, da que Aguión foi secretario xeral varios anos.

Aguión lembra a Agrelo como un «sindicalista a pé de conflito» e «moi recoñecido e valorado tanto polos compañeiros do sindicato como polos da súa empresa», o matadoiro Frigsa. A de Lugo «era e aínda é unha comarca con moita industria cárnica e tivemos moita relación, especialmente no longo conflito de Frigsa», sinala.

Nunha das súas últimas entrevistas, Julio Agrelo cualificaba a sede comarcal de CCOO, na rolda da Muralla, como un dos seus lugares preferidos na cidade. «É o meu sindicato de sempre e para min foi importante ao longo da miña vida», afirmaba.

Abre o prazo de solicitude das axudas para impulsar o territorio das Reservas da Biosfera

A Deputación de Lugo abriu hoxe o prazo de solicitude das axudas de concorrencia competitiva destinadas a entidades sen ánimo de lucro do territorio das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, xestionadas pola
propia institución, para desenvolver actuacións e proxectos vinculados ao medio ambiente e ao rural que poñan en valor o patrimonio natural, cultural e paisaxístico das propias reservas.
Tras a súa publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOP) este pasado luns, 18 de abril, as asociacións e entidades interesadas poden consultars toda a información na web da institución provincial: https://www.deputacionlugo.gal/gl/temas/medioambiente/subvencionsRRBB

Os concellos que poden solicitar estas xudas son Becerreá, Cervantes e Navia de Suarna, as destinadas á Reserva dos Ancares Lucenses, e Abadín, Alfoz, Baralla, Begonte, Castro de Rei, Castroverde, O Corgo, Cospeito, Friol, Guitiriz, Guntín, Láncara, Lugo, Meira, Mondoñedo,
Muras, Ourol, Outeiro de Rei, O Páramo, A Pastoriza, Pol, Rábade, Riotorto, O Valadouro, Vilalba e Xermade, no caso da Reserva da Biosfera Terras do Miño.

Esta iniciativa,  permite fortalecer unha rede de colaboración integradora, na que os colectivos locais e entidades sen ánimo de lucro propoñan e impulsen actividades no marco dos Plans de Acción aprobados para as Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares
Lucenses.

Este venres, día 15 de Abril, sae á venda ” Blame the Boogie” , o novo single dos galegos Dj Frisco e Marcos Peón xunto á alemá Martina Budde

O sadense Dj Frisco e os lucense Marcos Peón colaboran de novo coa raíña do Jackin House, Martina Budde . Neste novo lanzamento, volven apostar polos sons ochenteiros con bases e sons actuais que tan bo resultado están a dar nas pistas de baile máis selectas. Nesta ocasión a formación hispano alemá, fixo unha versión do mítico ” Blame It On the Boogie” de The Jacksons . Unha aposta segura, coa que confían entrar nas listas de éxitos máis importantes de Europa e Latinoamérica.

É a cuarta colaboración entre os djs e produtores galegos coa artista de proxección internacional Martina Budde. No single conxunto, ” Hard work for Money” chegaron a situarse en listas importantes como: House en Itunes España que chegou ao nº 3, en House Itunes Portugal Nº2 ,en House en Itunes Mexico Nº2 en House Itunes Suecia Nº9,  e así en moitos máis países. Nas súas últimas producións, Taibo e Peón, lograron situarse dentro do “circuíto” House mundial e as súas cancións foron incluídas en Charts e Listas de éxitos de países como Estados Unidos, España, México, Colombia, Reino Unido, Italia, Alemaña, Francia ou Canadá. Ademais recibiron o apoio nas súas producións de artistas internacionais da talla de Joachim Garraud , Djs From Mars, Leandro dá Silva, Nicola Fasano ou Silvio Carrano.

Doutra banda, Dj Frisco & Marcos Peón, seguen traballando duro nos proxectos que teñen para 2022, con novos singles e

novas mesturas, e a súa festa ” STAR PEOPLE” xunto ao radio deejay máis coñecido do noso país, Fernandisco.

Dúas novas estreas nos cines Codex a partir deste venres

Os cines Codex estrean este vindeiro venres, a espectacular Un cielo tan turbio de Álvaro Fernández Pulpeiro, unha viaxe alucinante ao centro de Venezuela, unha historia de piratas e de traficantes de petróleo feita desde a máis absoluta independencia. O filme terá dous pases o venres e o domingo.

Ademais, unha nova película premiada no festival de Cannes, Compartimento Nº6, do finés Juho Kuosmanen, a historia de dous descoñecidos que se encontran viaxando no famoso tren transiberiano.

A Policía Local denuncia a 23 condutores que non levaban posto o cinto de seguridade

A Policía Local de Lugo cooperou coa DXT nunha campaña que se desenvolveu entre o 4 e o 10 de abril sobre cinto de seguridade e sistemas de retención infantil (SRI), realizándose diversos  filtros de seguridade viaria nos que se controlaron 379 vehículos e a pesar de que de forma maioritaria utilízase o cinto de seguridade, formuláronse 23 denuncias ao detectar a outros tantos condutores que non levaban posto o cinto de seguridade, o que carrexa unha sanción de 200 euros e a retirada de 4 puntos do permiso de condución.

Desde a Policía Local lémbrase que tanto en vía urbana como interurbana, o condutor e pasaxeiros dos vehículos deberán utilizar os cintos de seguridade correctamente abrochados.

Un incendio destrúe parte das instalacións do complexo hoteleiro A Cabaña de Palas de Rei

Segundo a información recollida no 112 Galicia, o incendio orixinouse nas cociñas dun dos tres complexos que compoñen as instalacións do hotel. Arestora, o lume está controlado e os servizos de emerxencia continúan a traballar para atallar as brasas que se manteñen acesas.  Afortunadamente, malia que había persoas aloxadas nas instalacións, ningunha resultou ferida.

O 112 Galicia recibiu a alerta do incendio ás cinco e media da pasada madrugada, a través dos axentes da Garda Civil.

A partir de aí activouse un operativo no que están a intervir os Bombeiros de Chantada e de Arzúa, os efectivos do GES de Monterroso, membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Palas de Rei, unha motobomba da Central de Incendios de Lugo e o Grupo de Apoio Loxístico da AXEGA.

Os equipos de extinción desprazados para atallar o lume declarado no complexo hoteleiro situado na Rúa Bernardino Pardo Ouro, en Palas de Rei, comezan a retirarse do lugar, ao mellorar as condicións do incendio, soamente continúan coa súa intervención os Bombeiros de Chantada, os efectivos do GES de Monterroso e unha motobomba enviada pola Central de Incendios de Lugo.

Arestora quedan cascallos e brasas nos lugares afectados polo lume. Concretamente, ardeu unha parte das instalacións que corresponde á cociña e o comedor. Ademais, produciuse o colapso dunha destas zonas e caeu unha parte próxima ao aparcadoiro. Afortunadamente, ningunha persoa resultou ferida.

Asociación de Veciños de Lugo

Veciños de Albeiros ameazan con mobilizacións se non se implanta a fibra óptica no barrio

A Asociación de veciños de Albeiros reclámalle ao Goberno Central a implantación de fibra óptica no barrio e lembran que dende hai un ano, cando xa denunciaran a falta de banda ancha no barrio,  non houbo ningunha mellora. “Chegados a este punto, ano 2022, evidenciamos que dita medida é, en todo punto, insuficiente, porque a situación actual mostra unha realidade irrefutable: o barrio de Albeiros, na capital lucense, sigue, actualmente -mediados de abril de 2022- exactamente igual que cando emitimos la nota de prensa anterior -xuño do pasado año 2021”.

Nunha nota de prensa remitida aos medios de comunicación, afirma que “os veciños e veciñas merecen desfrutar das comodidades que o ano 2022 pon a disposición da sociedade, e o  seu lugar de residencia non pode ni debe supoñer un agravio comparativo en ningún caso”.

A asociación ameaza, de non ver cumpridas as súas demandas, con mobilizacións diante doa Subdelegación do Goberno de España.

Detida unha persoa polos delitos de malos tratos, condución temeraria e carecer de permiso para conducir

Sobre as 2:15 horas do día 11 de abril unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo, de servizo na rúa Mariña Española, detectou un ciclomotor ocupado por dúas persoas, os axentes procederon a comprobar a través das bases de datos policiais e detectan que carece de Seguro Obrigatorio e de Inspección Técnica de Vehículos.

Por tal motivo proceden a darlle o “alto”, facendo caso omiso o condutor, acelerando bruscamente para evitar a acción policial, sendo perseguido polas rúas Mariña Española, Armórica, Rolda Fingoi e ao chegar a Estrada da Granxa perde o control do vehículo impactando contra unha barreira quita medos,o que fixo que  os ocupantes caeran ao chan.

Momentos despois foron identificados, comprobando que o condutor carecía de permiso de condución, requirindo a presenza dunha ambulancia do 061, sendo atendidos no lugar da detención, xa que presentaban feridas leves.

A acompañante do condutor no ciclomotor manifestou que cando se deu á fuga pediulle varias veces que se detivese, facendo caso omiso, temendo pola súa vida no traxecto.

Asemade declarou aos axentes que o condutor a agredira en varias ocasións, xa que é moi celoso e quería iniciar unha relación sentimental con ela pero ela non quería e que hai uns días propinoulle unha puñada e que continuamente a estaba a ameazarameaza dicíndolle que “tes que ser miña e de ninguén máis”.

O condutor, de 41 anos, confirmou aos axentes que si agredira á moza, procedendo á súa detención, sendo trasladado a dependencias policiais onde se instrúen dilixencias por un delito de malos tratos, outro delito de condución temeraria e outro contra a seguridade viaria ao conducir sen autorización administrativa.

Fondo pesar polo pasamento do escritor Arcadio López -Casanova

Fondo pesar no mundo das Literatura Galega polo pasamento dun dos grandes escritores das nosas letras. Arcadio López-Casanova. A Real Academia Galega emitia un comunicado destacando a López – Casanova como “unha das voces destacadas da renovación da poesía do último terzo do século XX e investigador literario autor de traballos imprescindibles sobre estilística que abranguen escritores esenciais da historia das letras galegas. O académico de honra, nado en Lugo no ano 1942, vivía na Comunitat Valenciana dende o ano 1968, onde se instalara tras aprobar as oposicións de catedrático de instituto de lingua e literatura españolas. Dende 1986 era profesor da Universitat de València, institución da foi nomeado catedrático emérito tras a súa xubilación.

Como creador, deixa libros como Mesteres (1976), obra fundamental na renovación da poesía do seu tempo na que mantén a cerna do seu universo poético: a vivencia e a representación do desposuimento e do exilio nadas cando, por circunstancias profesionais, deixou Galicia para se instalar á beira do Mediterráneo, onde nunca deixou de cultivar a lingua galega como poeta e como investigador do feito literario.

Tras estudar bacharelato Instituto Masculino de Lugo, Arcadio López-Casanova licenciouse en Filosofía e Letras pola Universidade de Santiago de Compostela, cidade na que entrara en contacto coas figuras máis relevantes do galeguismo da época e comezara a publicar os seus primeiros textos en xornais como La Noche ou La Voz de Galicia e a gañar premios nos certames poéticos organizados durante os Xogos Minervais.

De volta na súa cidade natal, traballou como docente no Colexio Fingoi, dirixido entón por Ricardo Carballo Calero, e publicou, en 1967, Palabra de honor, que o converteu nun dos referentes da poesía galega da súa xeración. O volume contén un capítulo de poemas celebratorios nos que retrata a Rosalía, Antonio Machado, Ramón Cabanillas, Miguel Hernández e Celso Emilio Ferreiro e reflicte as súas inquedanzas estéticas e éticas. O capítulo finaliza cun “Envío e revelación pra Carlos Casares”, unha orixinal evocación da infancia perdida, tema ao que o académico de honra volvía constantemente.

A perda da infancia e da terra están no núcleo dun mundo poético que, en palabras do propio Arcadio López-Casanova, ten como foco motivador «a representación da desfeita, da desgraza ou do desposuimento como identificadores do humano vivir». «En cada ciclo e no seu mesmo desenvolvemento ese desposuimento queda contemplado dende perspectivas moi distintas (e complementarias). Así, do ámbito da infancia perdida e o espazo mítico do meu páramo lugués que aparecen nos poemas “adolescentes” de Palabra do honor, xa en Mesteres -dez anos despois e coa experiencia da saída de Galicia-, esa desfeita convértese nun total e alucinante espectáculo de destrución coa imaxe simbólica do exilio como eixo fundamental», dicía nunha autopoética do ano 1990.

Esa perda seguiu a deixar pegada ata os seus últimos versos publicados en títulos como Diario da Casa Grande (2019), que é tamén poesía sobre a perda provocada non só pola distancia física, senón sobre todo polo paso do tempo. O libro, dedicado á memoria da súa avoa Manoela, do seu pai e dos tíos Celia e Emiliano na casa do Rodo, inclúe tamén outra paisaxe vital que o marcou, a de Ondara (Alacant), «fermosa, chea de luz e mar, de acollida, pero na que está o sentimento do exilio, da perda das raíces», explicaba.

 

Labor investigador

Alén do labor estritamente creativo, Arcadio López-Casanova é un recoñecido ensaísta no ámbito dos estudos literarios. O académico Xesús Alonso Montero, encargado de dar resposta ao seu discurso de ingreso na RAG, refírese á súa obra como a máis importante e orixinal da historia das letras galegas no que atinxe á estilística. Nela profundou na análise da poesía de autores como Curros Enríquez, Eduardo Pondal, María Mariño, Roberto Blanco Torres, Eduardo Blanco Amor, Luís Amado Carballo, Luís Seone, Celso Emilio Ferreiro, Álvaro Cunqueiro, Luís Pimentel ou a autora fundacional das letras galegas contemporáneas, á que dedicou o seu ensaio de entrada na Academia, A modernidade poética de Rosalía: unha interpretación (2013).

O académico é tamén autor de obras de carácter teórico e práctico de referencia como El análisis estilístico (1975), El texto poético (1994), ou Poesía. Teoría, método de análisis y práctica textual (1982), onde comparten atención versos de Garcilaso, Juan Ramón Jiménez, Mendiño, Luís Pimentel ou Salvador Espriu, deixando clara unha riqueza e diversidade lingüística e creativa por cuxa visibilización sempre pulou. Unha pluralidade á que volve noutros títulos como Macrotexto poético y estructuras de sentido (2007), monografía baseada nos Seis poemas galegos, de García Lorca, e Viaxe ao País dos ananos, de Celso Emilio Ferreiro, e tres poemarios casteláns (Diario de un poeta recién casado, de Juan Ramón Jiménez, El rayo que no cesa, de Miguel Hernández, e Historia del corazón, de Vicente Aleixandre).

Cómpre salientar tamén o seu Diccionario metodolóxico de análise literaria. I. Textos líricos galegos da Idade Media ós nosos días (2001), achega clave aos estudos das creación poética galega”.

O Plan Renove Electrodomésticos da Xunta suma 1018 solicitudes en Lugo

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, subliñou o éxito desta convocatoria, de concorrencia non competitiva e que se solicitan a través dos comercios adheridos como entidades colaboradoras.

Neste sentido, Arias sinalou que neste momento participan na campaña 86 establecementos da provincia, se ben os comercios que o desexen teñen prazo para adherirse ata o 30 de xuño. Os particulares poden solicitar as axudas ata o 30 de setembro.

O programa, que ten por obxectivo “mellorar a eficiencia enerxética nos fogares substituíndo os electrodomésticos antigos por outros de menor consumo. Prevese que este plan permitirá a 13.000 familias galegas aforrar en conxunto 540.000 euros ao ano na súa factura eléctrica, nun momento en que a elevada inflación dos produtos enerxéticos está a impactar considerablemente nos fogares”.

As achegas do programa Galicia Renova Electrodomésticos están dirixidas a persoas que residan en vivendas localizadas en Galicia e queiran renovar os seus equipos por outros da mesma tipoloxía e coa

seguinte cualificación enerxética: frigorífico ou frigorífico conxelador A, B, C ou D; conxelador A, B, C ou D; lavadora A, B ou C; lavalouza A, B ou C; ou encimera de indución total.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com