Novas

O Concello executa a sentenza do 010 e avanza na redacción dos novos pregos que garantan a prestación do servizo

O Concello de Lugo vén de celebrar esta mañá unha Xunta de Goberno Extraordinaria para abordar a situación das traballadoras do 010 co obxectivo de executar a sentenza, xa firme, ditada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia este mes e que recoñece o seu dereito a ser admitidas como persoal laboral indefinido da Administración local.

Deste xeito, o Executivo acordou a súa incorporación, acatando así o ditame mais, a continuación, procedeu a aprobar o seu posterior despido, seguindo as pautas recomendadas por diferentes informes técnicos, en prol de garantir que o servizo de atención telefónica poida prestarse axeitadamente á cidadanía.

A tenenta de Alcaldesa e responsable de Recursos Humanos quixo, en primeiro lugar, “agradecer e enxalzar o labor desenvolvido por estas catro empregadas, comprometidas co seu cometido e o valor da excelente función que viñan desempeñando como interlocutoras da Institución coa cidadanía de Lugo”. Pero sostivo que, “na decisión entre o que se quere facer, a continuidade destas traballadores, e o que podemos facer como Administración debe imperar sempre a garantía xurídica, os valores da función pública e o interese xeral”.

A edil explicou a argumentación na que foi substentada a decisión, en tanto “incorporar nestes momentos a estas catro persoas, sen praza contemplada na Relación de Postos de Traballo, as mantería sen funcións, xa que non é posible adscribilas a postos vacantes porque non existen postos de teleoperadoras semellantes que estean baleiros”.

Habería que artellar, por tanto, unha modificación da RPT e asignar os seus postos a outros departamentos, mantendo a súa función como teleoperadoras, e mentres habería que descontar a partida de 85.000 euros á que ascenden conxuntamente os seus salarios da consignada para prestar o servizo de atención telefónica, cuxo orzamento anual é de 93.000 €, o que minguaría, e case impediría, a funcionalidade do 010”, referiu a concelleira.

A edil asegurou, así mesmo, que o Concello está a avanzar na preparación dos pregos dun novo procedemento para sacar a licitación o 010 despois de analizar os custos que suporía asumilo con recursos propios.

“Compre engadir a necesidade de incorporar, tamén a través da RPT, as outras 6 prazas restantes (a maiores das 4 que recoñece a sentenza do TSXG), descontándoas do total das 22 previstas na OEP deste ano, para o que tamén sería preciso contar co beneplácito da Mesa Xeral de Negociación. O desenvolvemento desta Oferta Pública tardaría un mínimo de ano e medio en executarse, o que significaría non poder poñer en marcha o 010 até ese momento.

A Xunta mantén aberto ata o 8 de abril o prazo de matrícula nas Escolas Infantís

A Consellería de Política Social mantén aberto ata o 8 de abril o prazo de matrícula nas 20 escolas infantís públicas autonómicas da provincia de Lugo, que a partir do vindeiro curso serán gratuítas para todo o alumnado.

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, visitou hoxe na cidade de Lugo o centro Paradai, onde salientou que todas as familias con nenos e nenas de 0 a 3 anos poderán matriculalos sen custo ningún en calquera escola, con independencia da súa titularidade.

Arias fixo fincapé no beneficio que supón esta medida para as familias, que aforran de media 1900 euros por ter gratis a matrícula e a atención educativa en todas as escolas infantís desde que a Xunta comezou a aplicar en 2020 o custo cero para os segundos fillos e sucesivos.

Coa ampliación desta vantaxe a todos os cativos, Galicia é pioneira en ofrecer a atención educativa gratuíta en todas as fases do ensino, “desde os primeiros anos, que son fundamentais na vida dun neno, ata o bacharelato”, apuntou Arias.

En canto á escola de Paradai, ofrece 115 prazas distribuídas en oito aulas e conta cun cadro de persoal integrado por 19 persoas traballadoras. Como explicou o delegado, a Xunta investiu 73.000 euros nos dous últimos cursos para mellorar as instalacións. Entre as actuacións realizadas destacan a renovación de carpinterías metálicas e o acondicionamento do patio.

Na cidade de Lugo, a Consellería de Política Social tamén ten aberto o prazo de matrícula na escola infantil do Sagrado Corazón e na da Rede Galiña Azul, situada na avenida Paulo Fabio Máximo.

O paro do transporte e a inflación, causas da tardanza na apertura do tráfico ferroviario entre Lugo e Monforte

A falta de materiais de construción, principalmente formigóns e aceiro; o encarecemento de materiais; a paralización das cadeas de produción de elementos prefabricados e os paros no sector do transporte por estrada desde o 14 de marzo afectaron ao ritmo de execución das obras de infraestrutura ferroviaria que Adif está a executar entre Monforte de Lemos e Lugo.

Estas razóns comprometeron a planificación inicial e determinaron que o restablecemento do tráfico ferroviario, previsto para o 10 de maio, trasládese á segunda quincena do mes de xuño. Ata entón, Renfe seguirá mantendo plans alternativos de transporte por estrada para os viaxeiros dos servizos afectados.

Adif realiza investimentos de 330 millóns de euros neste tramo de 75 km, que inclúen adecuacións en pontes, túneles e explanaciones, sinalización e comunicacións e a ampliación de gálibos ou cerramentos en zonas urbanas, así como a execución da electrificación (incluíndo telemando de enerxía e execución da nova subestación eléctrica), renovación da vía, a construción do novo túnel de Oural e o tratamento de plataformas e cruces entre plataformas.

Na actualidade, Adif acomete actuacións en infraestrutura (obras de drenaxe, pasos superiores, noiros de trincheiras e túneles) e en vía para permitir a electrificación do tramo entre Monforte de Lemos e Lugo  mercadorías.

En fase de proxecto, trabállase ademais noutras actuacións, como a supresión de trinta pasos a nivel no tramo e a ampliación da variante de Poboa de San Julián.

Unha vintena de grupos danse cita en Sarria esta fin de semana na volta do Esmorga Fest

O Goberno provincial participou esta tarde na presentación do Esmorga Fest, que se celebra o venres e o sábado en
Sarria. O festival de música independente volve tras dous anos de parón forzado pola pandemia cun cartel formado por unha vintena de bandas, que levarán a música en directo á sala Litmar e á Unión.

A Deputación de Lugo colabora na organización do festival, que “se converteu nun referente na programación de música independente no Estado apostando por bandas que logo despuntaron e demostrando que desde vilas pequenas coma Sarria tamén se pode estar na vangarda musical e cultural”, sinalou o deputado de Deportes, desplazado ata o lugar, no acto de presentación.

O deputado tamén valorou “a capacidade da organización do festival para involucrar a veciñanza na celebración do evento, poñendo en valor e dinamizando espazos como A Unión con propostas tan singulares como esa sesión vermú na que disfrutar da música en directo nun ambiente moi especial”, sinalou Efrén Castro no acto de presentación.

Venres 1 de abril. Litmar

La Paloma – Dharmacide – Pinpilinpussies – Boneflower – Le Temps du Loup – Rayotaser – Juanita Dinamita – John Axiom. Apertura de portas ás 20:00 horas.

Sábado 2 de abril. La Unión
Shego – Marta Knight – Vulk – El Chico lópez – Salífero (opus 4) – Don Gonzalo. A partir das 13.00 horas.

Sábado 2 de abril. Litmar.
El Columpio Asesino – Le Boom – Cala Vento – The Haunted Youth – Apartamentos Acapulco – La élite – Pálida. Apertura de portas ás 20.00 horas.

As entradas poden adquirirse na web esmorgafest.com e en dous locais da vila, Adarve e Xarope, a 35 euros, ou na taquilla, a 40 euros, os días do festival.

PARGANONSEDIVIDE reclama a reapertura inmediata do Centro Médico de Parga

Dende a asociación #PARGANONSEDIVIDE esixen da Xerencia da Área integrada de Lugo- Mariña – Monforte o cumprimento “inmediato” do compromiso de reapertura paulatina do centro de saúde unha vez superada a sexta vaga e cualifica o anuncio de apertura a partir de setembro coma “unha nova tomadura de pelo á cidadanía sen xustificación algunha e que supón un retraso inaceptábel”.

Dende a plataforma valoran a reunión entre os concelleiros do PP de Guitiriz, o Xerente do Hula e o Delegado da Xunta coma unha “pantomima preelectoral” que supón un “aval ao peche do centro médico” durante dous anos xa e que “nos reafirma no “carácter político da decisión, que agora avalan e refrendan tanto o líder do PP de Guitiriz coma o concelleiro de Parga que esta formación ten”. “Porqué se non, está presente o delegado da Xunta en Lugo?” preguntan.

“A resposta é que non había e non hai unha motivación baseada en criterios médicos e sí en plantexamentos políticos de recorte auspiciados pola Xunta de Galiza e executados pola Xerencia do Hula. E todo co beneplácito dos nosos representantes políticos no Concello que ata o de agora estiveron calados”, din.

A plataforma veciñal lembra o compromiso da Xerencia de reapertura paulatina ao rematar a sexta vaga, recuperando primeiro o servizo de enfermería e despois a atención médica en Parga, expresados nunha reunión a mediados de decembro. “O que onte anunciaron é un incumprimento do que prometeron”, denuncian.

“A sexta onda pasou afortunadamente e xá tiñamos que ter recuperada totalmente a enfermería e estar a incorporarse os médicos, mais prefiren agardar ata despois do verán escusándose nas vacacións cando, até a pandemia, cos mesmos efectivos, nunca tiveron problemas para cubrilas”, rematan.

O Concello lanza unha Guía Práctica do Emprego no Fogar para visibilizar os dereitos do colectivo

Coincidindo co Día Internacional das Traballadoras do Fogar, a Concelleira de Muller e Igualdade presentou a Guía Práctica do Emprego no Fogar que elaborou o Concello co fin de “visibilizar os dereitos dun colectivo moi feminizado e un dos máis vulnerables, desprotexido e con peores condicións laborais do mercado laboral español”.

A edil, que estivo acompañada polos representantes de UGT e CCOO que forman parte do Foro de Participación Cidadá municipal en materia de Igualdade (A CIG escusou a súa asistencia), así como Juan Rodríguez Gude, Director da Tesourería Xeral da Seguridade Social, explicou que con esta guía “queremos difundir información dun xeito moi práctico, sobre os dereitos laborais das persoas empregadas do fogar, así como os pasos a seguir pola persoa empregadora para unha contratación responsable”.

Neste senso, incidiu. “impulsamos unha campaña en favor dos dereitos das persoas empregadas do fogar que busca sensibilizar á cidadanía sobre as condicións laborais destas persoas, na súa maioría mulleres e migrantes”.

A edil avanzou que esta acción enmárcase dentro do Plan de Igualdade do Concello e das accións feministas impulsadas polo Goberno nestes meses.

A concelleira lembrou que, segundo datos do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, a xaneiro de 2022, en España máis de 380.000 persoas traballaban neste sector. A edil lembrou que “durante a situación sobrevinda pola pandemia provocada pola Covid-19 a cotización -cando se producía- levábase a cabo no Réxime Especial de Empregadas do Fogar que, entre outras cuestións, non xeraba dereito á prestación por desemprego, abocando ás mulleres traballadoras do fogar que quedaron en situación de desemprego e a un maior risco de pobreza e vulnerabilidade social”.

Ana Pereiro, Secretaría da Muller do Sindicato UGT, e Carmen Seoane, Secretaría da Muller do Sindicato CC.OO, aproveitaron a ocasión para reivindicar os dereitos das traballadoras do Fogar ao tempo que deron os parabéns pola iniciativa. Pola súa banda Juan Rodríguez Gude, apuntou que “o número de afiliados no sistema especial de empregados do Fogar na provincia de Lugo, no mes de febreiro de 2022, é de preto de 3.000, sendo un 98% mulleres, polo que podemos afirmar que é un colectivo altamente feminizado, tamén racializado e polo tanto máis vulnerable”.

Quen son as persoas traballadoras incluídas no réxime laboral do servizo do fogar, que tarefas profesionais realizan, como debe ser o contrato de traballo, a existencia de período de proba e temas vinculados co salario e as xornadas laborais son algunhas das cuestións que se inclúen na guía.

O documento poderase descargar na web do Concello de Lugo (concellodelugo.gal), e recollerse en papel de forma gratuíta na Casa da Muller (Parque da Milagrosa en horario de 09:00 a 14:00 horas). Faranse ademais accións de rúa para a súa difusión.

A CIG reclama redobrar a seguridade dos traballadores de Pizarras La Campa ante a posibilidade de novos derrubamentos

O Secretario Comarcal da Federación da Construción e da Madeira da CIG en Lugo-A Mariña, Afonso Losada, visitou o pasado xoves a nave de elaboración de lousa de Pizarras La Campa en Folgoso do Courel a fín de comprobar os efectos do derrubamento producido na ladeira da montaña na que está situada a empresa e a súa canteira no Concello de Folgoso do Courel.

Unha vez alí, puido constatar, acompañada da delegada da CIG e membro do comité de empresa Tania Cobo, os danos producidos polo derrubamento da ladeira da montaña sobre a que se asenta a canteira de lousa de Pizarras La Campa e a carón da nave de elaboración.

O derrubamento de dúas galerías nas que afortunadamente non se estaban a realizar labores extractivas, provocou o derrubamento da ladeira da montaña ocasionando graves danos na estrada Lu-651 que quedou inutilizada nun tramo de 200m.

“Ao día seguinte ao derrubamento, a empresa xá requiriu aos traballadores a acudír a traballar pola tarde, a pesar da inquietude da plantilla e sen ofrecer mais explicación ca “está todo en orde” relata Afonso Losada, quen intentou visitar a zona da canteira para comprobar in situ os danos, sen que dende a empresa se llelo permitirán e sen dar mais explicacións ca “están os nosos técnicos revisando e está todo en orde e isto é un tema interno da empresa”, denuncia Losada.

“É por iso, que dende a CIG imos solicitar unha reunión do comité de empresa coa direción para que nos aporten informes técnicos que avalen a continuidade dos traballos e a seguridade de que non vai a haber afectacións futuras en zonas de labor para, dese modo, axudar a tranquilizar ao persoal. Reclamamos porén, redobrar as medidas de seguranza e inspeción na ladeira da montaña e en tódalas zonas de labor, tanto na canteira, coma na propia nave, que está moi preto da zona afectada”, aseguran.

Posteriormente á visita na empresa, os responsables da CIG dirixíronse ao Concello de Folgoso do Courel onde foron recibidos pola Alcaldesa Dolores Castro a pesar de non ter concertada unha cita. “É de agradecer que a sra. Alcaldesa nos recibira e nos aportara a información que obra no seu poder e que resultou, moitísimo mais ampla
que a aportada pola empresa.” Incide Afonso Losada quen resaltou a preocupación mutua polo estado da ladeira da montaña e polas repercusións futuras nos empregos, así como pola propia comunicación por estrada do Concello e da propia empresa”.

Neste sentido, dende a CIG e, despois de comprobar o estado da estrada alternativa que están a empregar veciños e traballadores e traballadoras, reclama a realización de traballos de mellora urxentes nas devanditas vías, tais coma a ampliación da estrada onde sexa inmediatamente posíbel a fín de favorecer o cruzamento de vehículos dada a estreitez da vía e o realfastado para mellorar o firme, posto que os traballos na LU- 651 se van a demorar cando  menos varios meses” reclama Afonso Losada.

Becerreá aprobará mañá en pleno o Plan de Prevención e Defensa contra os incendios forestais

O Concello de Becerreá celebra mañá ás 20 horas o seu Pleno ordinario do mes de marzo. Así, dende o equipo de Goberno veñen de avanzar que o pleno aprobará, previsiblemente, o Plan Municipal de Prevención e Defensa contra os incendios forestais, proposto pola Alcaldía. Asemade, Alcaldía proporá tamén a modificación de crédito baixo a modalidade de crédito extraordinario e suplemento de crédito.

Entre outras mocións, o Grupo Municipal Mixto presenta a debate na sesión plenaria de mañá unha moción para que se dote dunha cuberta ao parque infantil da localidade, así  como a relativa ao transporte escolar para o alumnado de BAC e FP na que instarán á Xunta a cubrir as neccesidades dos estudantes de bacharelato e formación profesional dos institutos dos Ancares que teñen que desprazarse a diario para poder cursar os seus estudos.

Noutro senso, o Grupo Municipal Mixto tamén presentará tres rogos, o primeiro en relación á limpeza do espazo público, o segundo para que o Concello vixíe tanto o servizo como o prego de condicións da recollida do lixo e, por último un relativo á páxina web do Concello.

Doutra banda, ademáis dos temas xa comentados, a Alcaldía presentará unha proposición relativa ao pobo saharaui; e dará conta de varios asuntos de actualidade como das últimas resolucións aprobadas por alcaldía, as actas da Xunta de Goberno, e da aprobación da liquidación do Orzamento do ano 2021, así como o informe emitido pola Intervención.

Ademáis, poderán tratar outros asuntos presentados pola vía de urxencia se así o consideran.

A Asociación Si, hai saída condena as manifestacións da ex comisaria de Pontevedra e expresa a súa preocupación pola que, consideran, é a punta dun iceberg

Desde a Asociación Si, hai saída contra a violencia de xénero queremos expresar a nosa mais contundente condena ante as graves e inxustificables manifestacións realizadas pola ex Comisaria Provincial de Pontevedra, Estíbaliz Palma, quen acababa de aprobar o seu ascenso a Comisaria Principal, no transcurso dun xantar de homenaxe a un compañeiro membro a UIP (Antidisturbios), que padece graves secuelas por mor dunha agresión sufrida no conflito do procés.

Nestas, Estíbaliz Palma, manifestou, en ton xocoso, que “Ya les gustaría a algunas que las violara un antidisturbios”, para, acto seguido, continuar, aludindo a parella do compañeiro homenaxeado, “Dicen que detŕas de un gran hombre hay una buena mujer. Dentro de poco será detrás de una gran mujer hay un buen hombre, o bien otra mujer, o un fluido, o un algo”, todo isto celebrado con risas por parte do seu auditorio, membros, así mesmo da policía.

Non é preciso, cremos, puntualizar a gravidade de tales comentarios, non soamente pola aldraxe e a inmensa falta de respecto que amosan para as mulleres en xeral, e para as vítimas de agresións sexuais e as de violencia de xénero en particular, máxime cando o seu número non cesa de medrar, se non por proceder estes dunha persoa que ostenta un cargo público representando a unha Institución como é a Policía Nacional, fundamental na loita contra estas lacras, muller, que se gaba, ademais, do seu talante feminista, algo que lle favoreceu, sen dúbida, no seu ascenso profesional, adquirindo, entre outros compromisos, o de traballar para tentar paliar o notable machismo que aínda está moi presente no seo da institución policial, achegándose, ademais, moi intelixentemente, desde a súa chegada a Pontevedra, a colectivos que, non sendo, nalgúns casos, precisamente favorables aos FCSE, mudaron a súa postura, chegando mesmo algúns a defendela nunha situación tan grave e tan evidente coma esta que ela mesma provocou.

Malia ser cesada de xeito inmediato tras as súas imperdoables manifestacións, desde Si, hai saída desexamos manifestar a nosa preocupación ante o que, consideramos, é tan so a punta dun iceberg, algo isto do que vimos alertando desde hai moito tempo, sen resultado, e que deixa en evidencia a necesidade urxente de revisar os criterios empregados para a designación de determinados cargos e funcións policiais, principalmente para aqueles relacionados coa violencia machista, que requiren unha especial sensibilidade, algo que non ten que ver coa formación, argumento co que sempre se rebate a nosa demanda, e que estamos seguros a maioría posúe, pero que non implica que sempre vaia acompañada da empatía, da psicoloxía e da vocación que esta labor require.

As deplorables palabras da Sra. Palma demostran as claras que non sempre se é o que se aparenta, e os cargos policiais non son alleos a esta realidade, algo que é doado que saia a relucir nun ambiente distendido, no que se baixa a garda, máxime habida conta de que é imposible para calquera finxir, día tras día, as 24 horas.

Por outra banda, non podemos obviar o feito de que estas manifestacións, malia estar feitas nun contexto mais ou menos informal, son pronunciadas no eido do colectivo policial, que as celebra con risas, algo, entendemos, non menos grave que aquelas e igualmente significativo, como graves e significativas tamén son as palabras do mando policial que recollen algúns medios de comunicación lamentando a súa marcha e a repercusión que as súas palabras terán para a súa carreira, así coma as de todos aqueles que saíron na súa defensa, moitas delas mulleres, argumentando que se atopaba rodeada de homes, e que se trata dunha persoa moi cercana, cun carácter moi afable, ignorando, polo que se ve, que se hai algún rasgo que defina a unha persoa machista, é o seu talante cordial, sociable, mesmo agarimoso chegado o caso, en público, pero que agocha unha realidade ben distinta.

Evidentemente, non soamente concordamos co seu cese, se non que pensamos que debería ser directamente inhabilitada, xa que, malia que non sexa no cargo que ía comezar a ostentar, como Comisaria Principal, o cal, por certo, produce arrepíos soamente de pensar nas premisas que podería transmitir en canto a violencia machista a aqueles que se atopasen as súas ordes, tal vez non verbalmente, pero si coas súas actitudes, damos por sentado que continuará exercendo como policía, tal vez desempeñando outras funcións e noutro destino, pero igualmente facendo dano.

Así mesmo, desde Si, hai saída cremos que, o mínimo que a Sra. Palma debería ter feito é amosar un mínimo de dignidade, dar a cara, e pedir desculpas, porque non soamente a súa imaxe, se non a da Institución, se ve, obviamente, manchada polo seu deplorable comportamento, e se non facelo se debe as premisas dadas polos seus superiores, a situación aínda se torna mais grave, porque a intención e clara: Levantar unha cortina de fume en torno a este asunto e deixar que pase ao esquecemento o antes posible, que é precisamente o que reclamamos que non suceda baixo ningún concepto, se non que, pola contra, este abominable suceso serva para facer un exercicio de reflexión e comezar, por fin, a tentar corrixir aquelo que non funciona correctamente.

As normas non son dogmas de fe, e, poden, porén, ser mudadas cando é preciso, ademais de ser imprescindible que evolucionen co fin de adaptarse as novas problemáticas sociais que van xurdindo, algo que non sucede no eido das FCSE, que continúa ancorado nuns criterios corporativistas, antigos e, guste ou non admitilo, machistas, e asumilo así e tentar arranxalo, non soamente non danaría a imaxe da Institución, se non que a honraría.

Pola contra, este muro de silencio, así como os argumentos que esgrimen aqueles e aquelas que defenden a Sra. Palma, transmite a sensación de que, o que lamentan, non é que dixo, se non que transcendera, algo, por certo, do que tampouco se nos escapa a gravidade, porque igualmente deplorable é o feito de que as súas palabras foran gravadas, e, posteriormente, filtradas.

A conclusión que se pode extraer deste feito é evidente, e tampouco deixa, lamentablemente, a Institución en moi bo lugar. Para rematar, desexamos deixar moi claro que, por descontado, sabemos que este deleznable comportamento non é propio de toda a Institución policial, que conta, obviamente, con excelentes profesionais nas súas filas, pero tampouco é unha excepción, e negar a realidade e ollar a outro lado non é bo, nin para a Institución, nin para a sociedade en xeral.

A Federación de Veciños piden ao Concello que renove “con urxencia” o alumeado público da Garaballa

A Federación de Asociacións Veciñais Lucus Augusti solicitan á Concellería de Infraestruturas do Concello de Lugo que acometa “coa maior brevidade posible” a renovación do alumeado público da Garaballa.

Segundo o seu discurso, que apoian con imaxes da zona, o estado de baixa iluminación supón, din, un risco moi elevado, dada a perigoridade que representa “de circular prácticamente ás escuras”.

Solicitan, asemade, que a renovación do alumeado público realícese con luminarias “modernas, de alta potencia pero baixo consumo”, respectuosas co Medio Ambiente e que se distribúan en “número suficiente” para que a visibilidade sexa “adecuada” para a circulación, sen que exista risco de accidentes, caídas e outras circunstancias derivadas da alta perigosidade que, na súa opinión, supón a súa “practicamente nula” iluminación actual.

A este respecto, dende a Federación matizan, tamén, que a sensación que lles trasladan os veciños da zona é de “abandono total” por parte da Concellería xa que “non é a primeira vez que se denuncia esta carencia na iluminación e ata o momento non obtiveron resposta algunha por parte da concellaría nin dos membros do Goberno”.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com