Novas

O Pleno esixe á Xunta que manteña as ensinanzas de ESO e BAC no IES Val do Asma

O Pleno provincial aprobou por unanimidade a proposta impulsada polo BNG para reclamar á Xunta de Galicia que rectifique a súa previsión de suprimir as ensinanzas de ESO e BAC no IES Val do Asma de Chantada, que cursan 128 dos 188 alumnos e alumnas do centro.

No debate da proposta, a vicepresidenta da Deputación expuxo no pleno as consecuencias desta decisión, que suporía reducir a oferta do centro á Formación Profesional e agrupar o resto do estudando no IES Lama das Quendas que, segundo explican desde a comunidade educativa, xeneraría unha masificación das aulas xa que o centro non ten a infraestrutura precisa para acoller a outros 128 alumnos e alumnas.

A Deputada valorou as intencións da Xunta de Galiza como “un paso máis no calendario do Partido Popular para desprestixiar e desmantelar o ensino no rural”, e comprometeu o apoio do goberno provincial e “do BNG ás accións e mobilizacións da comunidade educativa en defensa da calidade do ensino público”, pedindo á Xunta de Galicia “que escoite ás familias e ao profesorado”, con representantes nas bancadas da sala do Pleno.

A proposta , presentada como iniciativa de goberno, reclama que as reordenacións da oferta educativa en Chantada vaian encamiñadas a continuar avanzando na súa mellora e que non implique o peche de centros, nin a masificación do ensino, a que calquera cambio que se implemente no ámbito educativo da Secundaria ou da FP de Chantada, sexa posto en tempo e forma en coñecemento do conxunto da comunidade educativa; e que conte coa seu aprobación e a que poña en marcha medidas e accións que potencien, melloren e incrementen a oferta educativa da Formación Profesional en Chantada.

Tomé: “Feijóo está utilizando o que lle pagamos na Xunta todos os galegos para facer a súa campaña”

O Secretario Xeral do PSdeG na provincia de Lugo, José Tomé Roca, asegurou que o Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Nuñez Feijóo, utiliza medios públicos para facer a súa campaña política para liderar o PP. “Cando en España saiban o bo xestor que é Feijóo, devolvendo fondos europeos, fondos covid ou fondos de emprego e de vivenda, xa me dirán que exemplo vai ser para o resto do país”, dixo en declaracións aos medios de comunicación antes do Pleno da Deputación de Lugo celebrado hoxe.

“Feijóo está utilizando o que lle pagamos na Xunta de Galicia todos os galegos e galegas para facer campaña por España adiante. Se quere andar de mitins, o que ten que facer é dimitir e deixar a Xunta de Galicia, e dedicarse á política nacional, que ten todo o dereito do mundo, pero que llo pague o Partido Popular. Os galegos non temos por que pagarlle, primeiro que non se dedique a Galicia e segundo, os gastos de andar por España adiante dando mitins”, afirmou o mandatario socialista.

José Tomé aludiu ao Congreso que o PP vai a celebrar en Sevilla: “Agora parece que quere rescatar o congreso de Sevilla da época de Manuel Fraga, unha cita na que rompeu aquela carta famosa do señor Aznar. Non sei se agora tamén ten algunha persoa por aí que lle entregue unha carta para romper o señor Feijóo. O que si, sen carta nin nada, é necesario que dunha vez dea paso a outra persoa no Goberno da Xunta de Galicia, porque Galicia non pode ser un muñeco nas mans de Feijóo, sen goberno, sen dirección, sen propostas, sen plan industrial para Galicia e sen atender os servicios básicos, retirando do rural escolas e médicos”.

Neste sentido, puxo como exemplo o que acontece no centro de saúde de Monforte de Lemos. “Agora mesmo acaba de xubilarse o director do centro de saúde, e o que van facer é amortizar a súa praza, e están recomendándolles aos seus pacientes que se vaian a outros médicos para non ter que cubrila. Esta é a realidade da Xunta de Galicia do señor Feijóo”.

Adxudicada a instalación dunha zona de baño pública no Miño

Lugo contará este verán cunha zona de baño pública no Miño. A Xunta de Goberno Local adxudicará mañá a súa instalación á empresa Yacht Port Marinas S.L que disporá dun prazo de doce semanas para proceder á súa subministración.

O anuncio o realizou esta mañá a rexedora que lembrou que a actuación, cofinanciada pola Deputación Provincial, terá un custo de 304.920 euros. A zona de baño se ubicará en pleno cinturón verde da capital, a altura da Tolda de Castela. Unha localización – segundo sinalou a alcaldesa– que se considerou idónea, logo das conclusións do estudo de alternativas elaborado e da batimetría realizada.

“Trátase dunha estrutura flotante, de 64 metros de lonxitude, baseada nun sistema modular, que terá carácter temporal xa que estará operativa tres meses ao ano, e que se destinará a zona de baño tanto para adultos como tamén para crianzas”, lembrou a rexedora.

A dotación, inspirada no deseño da exitosa enseada de La Villete de París, estará composta por varias seccións. Por unha banda, unha estrutura superior, que servirá como zona de estancia, repouso e para acceso ás piscinas.

Estará construída mediante cubos flotantes debidamente ensamblados e aparafusados, o que lle conferirá unha gran flotabilidad e nulo risco para as persoas usuarias. E, pola outra, contémplase a creación de catro piscinas de distintas características, con superficies útiles de 1’20 m., 0’80 m., e dúas de 0’40 m., cumprindo así coas expectativas en canto a público infantil, xa que cada unha delas estará delimitada para un rango de idade determinado.

As piscinas disporán de fondo, conformado igualmente por cubos flotantes ensamblados e unidos á estrutura superior mediante un sistema de cordas de amarre así como rede de nailon marítimo específica para os laterais das mesmas, permitindo, deste xeito, unha recirculación constante no fluxo de auga e impedindo, ao mesmo tempo, as entradas e saídas polos laterais onde, por outra parte, se adecuarán dúas zonas para que os adultos poidan acceder ao río, xa sen piscina, de maneira segura.

O conxunto flotante irá amarrado mediante cadeas metálicas a mortos náuticos, confeccionados en formigón, de maneira que impida movementos en función de ondadas ou imprevistos. Así mesmo, na súa cabeceira ou acceso a terra amarrarase mediante cadeas metálicas. Deste xeito a estrutura terá nula capacidade de movemento, sendo moi sinxelo adecuala a posibles subidas ou baixadas de caudal e por tanto de nivel.

Por outra parte, o acceso a terra se realizará mediante unha pasarela, construída no mesmo material de cubos e que irá ensamblada conformando un todo homoxéneo, mentres que a zona de terra se acondicionará con laxas xa existentes nesa zona, de maneira que o impacto visual será nulo.

Ao tratarse de elementos modulares isto facilitará a súa montaxe e desmontaxe, que se realizará basicamente de maneira manual, sen emprego de maquinaria pesada, co obxectivo de ocasionar a mínima afección á contorna fluvial e non alterar nin estragar en absoluto a marxe do río, sen danar a fauna e flora existentes mentres que se manteñen as debidas condicións de seguridade.

Deste xeito, non poderán empregarse para os labores ningún tipo de maquinaria pesada (entendendo como tal vehículos que superen os 3.500 kg de PMA). Ademais, durante os traballos a circulación deberá concentrarse nos viais do Parque do Miño para o transporte dos materiais necesarios, accedendo unicamente á zona verde de xeito excepcional, baixo autorización municipal e co compromiso de reposición do terreo ao seu estado orixinal, no caso de producirse algún desperfecto pola aparición de rodeiras, etc.

Os populares de Guitiriz agradecen ao SERGAS a recuperación da actividade asistencial en Parga

O PP de Guitiriz agradece a colaboración do Sergas para recuperar a actividade asistencial no consultorio de Parga de xeito paulatino a partir de setembro. Tal e como se lles trasladou aos populares deste municipio nunha reunión mantida na Delegación da Xunta de Galicia de Lugo, houbo que adoptar esta medida temporal debido a que dito centro non cumpría os requisitos para prestar unha atención axeitada en tempos de pandemia. Asemade, a recuperación será gradual debido á dificultade de organizar toda a actividade no período estival a consecuencia da falta de facultativos.

Dende o PP aclaran así que a inhabilitación temporal de parte da actividade respostou única e exclusivamente a criterios de seguridade para doentes e traballadores. O período de inhabilitación foi debido á pandemia da Covid, pois dacordo co plan de continxencia elaborado conxuntamente entre o Sergas e os facultativos dos dous centros de saúde, o consultorio de Parga, por mor da súa estrutura física e disposición, non permitía manter as obrigadas e necesarias medidas de seguridade para a atención con absoluta seguridade dos pacientes neses momentos da pandemia, ao non posibilitar establecer circuítos de dobre circulación para a adecuada separación dos usuarios.

Por este motivo, e de forma provisional, optouse por inhabilitar temporalmente parte da actividade do consultorio e trasladar a atención ao centro de saúde de Guitiriz, que si garantía a dobre circulación de pacientes e contar con espazos diferenciados para a súa atención con todas as garantías de seguridade necesarias.

“Queremos poñer en valor a actuación do Sergas con esta medida, xa que, tal e como se comunicou con anterioridade, tan pronto fose factible pola evolución da pandemia, se volvería a retornar á actividade habitual normal, garantindo unha atención segura e de calidade”, conclúen.

A Pobra acolle o proxecto cultural de ‘A Libraría e Proencia’

O Concello da Pobra do Brollón continúa programando charlas para dar a coñecer propostas interesantes de arraigamento no rural, especialmente da Ribeira Sacra ou da contorna.

Este xoves estará Paula Vázquez para contar o seu proxecto de A Libraría de Proencia, localizado na parroquia de Proendos, concello de Sober. Ademais, na actividade degustarase un doce típico do lugar, o doce de carrola.

A Libraría de Proencia preséntase non só coma libraría; tamén como tenda de agasallos e recordos da zona, así como lugar para eventos culturais e turísticos. A súa impulsora, Paula Vázquez, defende que “dende unha aldea, calquera parroquia rural galega, podemos ofrecer servizos culturais similares ao que adoitamos atopar só na cidade”.

A charla será este xoves 31 ás 20:15 na Casa da Cultura ‘Olga Novo’. O acceso é libre, preferiblemente con reserva, no teléfono 650 624 828.

Cs Lugo impulsará un Plan de Convivencia interxeracional entre universitarios e maiores

A voceira municipal de Cs, Olga Louzao, anunciou esta mañá que o seu grupo proporá á corporación no pleno ordinario do vindeiro xoves poñer en marcha un programa municipal de convivencia interxeracional en colaboración coa USC.

“Máis de 5.000 lucenses maiores de 65 anos viven sos. Por outra banda, ao redor de 3.500 mozos mozas en idade universitaria cursan estudos na nosa cidade cada ano. A actual conxuntura socioeconómica, unido a escalada dos prezos de aluguer dificulta curso tras curso que moitas familias poidan sufragar os gastos derivados de enviar un fillo ou filla a universidade. Debemos entender estás dúas realidades como un problema social pero tamén como unha oportunidade para medrar como sociedade”, sinalou a edil da formación laranxa.

“Distintos concellos a nivel estatal levan anos desenvolvendo programas de convivencia interxeracional, que está a dar resultados moi satisfactorios. Madrid, Barcelona, Murcia ou Salamanca son algunhas destas localidades onde xa está implantado”, explica a voceira.

“Persoas maiores poñen a disposición os seus cuartos libres para estudiantes universitarios. O obxectivo é crear lazos entre dúas xeracións. Deste modo, os maiores están acompañados certas horas do día, polo que se evita o seu illamento social e tamén é unha excelente solución para os estudiantes que buscan atopar un aloxamento dentro das súas posibilidades. O traballo conxunto dos servizos sociais municipais e a Universidade conseguirá xerar unha rede de contactos moi beneficiosa para ambas as dúas partes”, dixo Louzao.

“As institucións, desde as áreas de benestar ou cohesión social, deben facilitar apoio, amparo e intervención en  programas dirixidos á promoción da vida activa e saudable deste colectivo, que lles permitan compartir experiencias  mellorar as súas habilidades funcionais e emocionais. É necesario impulsar un convenio entre a Concellería de Cohesión Social e a Universidade de Santiago de Compostela para poñer en marcha un programa de convivencia interxeracional deste tipo. Lugo é unha perfecta candidata para poñer en marcha esta iniciativa para o vindeiro curso universitario”, concluíu a concelleira.

O PP invitou no pleno ao BNG a sumarse as súas propostas fronte a crise na provincia

A sesión plenaria que hoxe celebrou a Deputación puido ser importante para a provincia, se os grupos que conforman o goberno optaran por  entender a grave situación económica na que se atopan os concellos, moitos dos sectores produtivos e os cidadáns máis vulnerables.

O portavoz popular, Javier Castiñeira sinalaba á entrada do pleno que, contrariamente ao levan dicindo nos últimos plenos, os populares entendían a importancia da sesión de hoxe para a provincia.  “Damos a benvida ao BNG a este
pleno con propostas do PP para intentar solucionar os problemas económicos dos lucenses, que veñen precisamente polo grave incremento da inflación”, dicía o popular.

Castiñeira asegurou que o seu grupo compartía cos nacionalistas a preocupación pola situación da veciñanza pero o que non comparten é a maneira de “solucionar os problemas”, porque, segundo dixo o voceiro popular, o Bloque é partícipe do problema. “A nefasta estratexia enerxética do Goberno central, marcadamente ideolóxica, foi aprobada polo BNG”.

O portavoz popular destaca que teñen “moitas diferencias co BNG, que trata sempre de instar ás demais administracións; o Bloque goberna na Deputación de Lugo e entendemos que é o momento de tomar decisións directas, que afecten á provincia”.

O popular indicou que, para iso, o BNG “se quere solucións”, pode aprobar as mocións que presenta o PP; “unha delas é para axudar aos concellos, que o están pasando moi mal pola suba dos prezos da enerxía, e a outro de apoio a todos os sectores lucenses afectados pola crise enerxética. Aí pode ser útil o BNG a todos os lucenses”.

En canto ao PSOE, Castiñeira afirma que “segue botándolle a culpa a Putin e por iso trae unha moción nese sentido”. En resumo, o PP cría que neste pleno íase ver “quen quere solucionar a crise de verdade, quen aporta solucións efectivas que cheguen a todos os lucenses e quen só quere aproveitarse politicamente dunha situación que eles mesmos xeraron”.

Contrariamente ás optimistas perspectivas coas que os deputados do PP entraron na sesión plenaria, o resultado final cualificárono de decepcionante. O goberno presidido polo socialista José Tomé demostrou, segundo os populares “a súa incapacidade para recoñecer os graves problemas da provincia” e, “escudándose de novo no falso argumento da incapacidade económica do organismo provincial, evitou o compromiso cos lucenses, cos seus concellos e cos sectores produtivos máis afectados pola crise”.

Socialistas e nacionalistas uniron os seus votos e rexeitaron as mocións do PP nas que se propoñía un suplemento do Plan Único, para compensar a perda de poder adquisitivo polos concellos, debida á inflación, e outra para apoiar aos sectores produtivos máis afectados.

O portavoz popular, Javier Castiñeira, lamentou ao final da sesión ver un goberno da Deputación que cualificou como “absolutamente inoperante”. “O certo é que a Deputación de Lugo, que é un ente moi importante para a provincia, dispón de multitude de fondos, non só dos orzamentos provinciais (este ano subiron máis de sete millóns de euros), senón dun amplo remanente e incluso de ampla capacidade financeira para poder tomar decisións”.

Castiñeira di que a postura mantida polo goberno provincial non responde a “unha cuestión de cartos, é unha cuestión de falta de vontade”. Engade: “Cando lles toca a eles ser executivos, poñerse as botas para traballar, prefiren de novo botar as culpas á Xunta de Galicia”. Medidas, di Castiñeira, “que podían ser executivas na semana que vén, merecen o voto en contra do goberno da Deputación; vota en contra dun suplemento do Plan Único para os concellos e vota en contra tamén de axudas para os sectores produtivos afectados pola inflación”.

Medio Ambiente restablece o servizo de recollida de enseres

A área de Medio Ambiente do Concello de Lugo anunciou que o servizo municipal de recollida gratuíta de enseres quedou xa restablecido logo de que fora suspendido temporalmente como consecuencia da folga de transportes que se desenvolveu nos últimos días e que dificultou o traslado do material desbotado aos centros de xestión.

Desde o consistorio lémbrase á cidadanía que poden volver solicitar a recollida de voluminosos e pídese que non procedan ao depósito dos mesmos na vía pública, á beira dos colectores, até que non teñan asignada unha data concreta para a súa retirada.

Vilalba Aberta urxe ao Goberno a “actuar” ante o “lamentable estado” da rede viaria en Vilapedre

Logo dunha visita a Vilapedre, a formación municipalista Vilalba Aberta vén de anunciar o rexistro dunha nova iniciativa demandando o arranxo de varios viais de titularidade municipal na parroquia.

Denuncian o “deplorable estado” de pista fundamentais para a veciñanza como a que une os barrios do Porto de Bois, A Fraga e o Pazo ou a que comunica a Carballeira e Rebordelo e urxen ao Concello a actuar, tamén, sobre a que enlaza Sarela co Castro, así como sobre o vial que vai do barrio da Bouza ao de Vigo.

“Estamos a falar dunha parroquia, durante anos, completamente esquecida polos gobernos do PP e que segue abandonada diante da abraiante inacción do goberno do PSOE”, censurou o voceiro municipal da formación Modesto Renda. Así, e ao tempo que contextualizou a iniciativa como “a enésima chamada de atención ao goberno  en relación co estado da rede viaria municipal”, volveu apuntar á responsabilidade da Alcaldesa, así como á do edil de infraestruturas Luís Fernández Álvarez, en base ás “decenas de reclamacións e solicitudes veciñais sen contestar”.

Á parroquia, achegouse tamén a vicevoceira municipal de VA, Mª Xosé Fernández, quen ao tempo que agradeceu a confianza dos veciños de Vilapedre en Vilalba Aberta, apelou ao consenso de todos os grupos políticos con representación no Concello, con vistas a mudar unha realidade que “debera avergoñarnos coma representantes dos vilalbeses”.

Plan Único 2022: 15M€ para obras; 3,5M€ para emprego e 3,2M€ para o SAF

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, anunciou hoxe que o Goberno elevará a un Pleno extraordinario, que se celebrará o vindeiro martes 5 de abril, o debate e aprobación da relación de actuacións e proxectos que os 67 concellos da provincia propuxeron para executar ao abeiro do Plan Único 2022, que nesta anualidade conta con 21,5M€ de fondos da institución provincial.

As entidades locais danlle prioridade aos investimentos -aos que dedicarán 14,6M€, preto do 70% do total dos fondos, para acometer máis de 560 obras e subministracións- seguido da creación de emprego, á que destinan 3,5M€, cos que crearán 300 postos de traballo; e do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), para o que reciben 3,2M€ para atender a máis de 3.000 persoas. Dedicarán tamén 200.000€ para medidas sociais e económicas de loita  contra o impacto da pandemia.

Para o Plan Único 2022, a Deputación achega 21,5M€, unha cantidade importante coa que o Goberno provincial reforza o seu compromiso de cooperación cos concellos para que poidan manter e mellorar a prestación de servizos á cidadanía. Este programa de investimentos inxecta en total máis de 25M€ de fondos públicos na sociedade e na economía sumando os 21,5M€ que dedica a institución provincial e as achegas dos concellos.

Este é o segundo ano consecutivo no que tanto as bases como as actuacións do Plan Único saen adiante con tanta antelación e o Presidente destacou que é moi importante porque “permite aos concellos, tanto planificar as accións municipais con maior antelación, como traballar con máis previsión e tempo, co que aproveitan mellor os recursos económicos”.

Así mesmo, José Tomé destacou que cada ano “melloramos” as condicións do Plan Único “para que sexa máis útil” ás administración locais, destacando neste sentido que no 2022, como novidade, os concellos só deberán enviar a documentación que acredite e xustifique debidamente as actuacións realizadas, eliminando trámites intermedios. Desta forma, os concellos dispoñen de prazo máximo para executar as accións que contemplan no Plan Único ata o 31 de outubro de 2023 e para xustificar, o 15 de novembro do vindeiro ano.

Os concellos presentaron as súas propostas para investir estas importantes partidas económicas da institución provincial aos distintos programas establecidos: investimentos; Servizo de Axuda no Fogar (SAF); fomento do emprego; actividades culturais; actividades deportivas; actuacións/eventos turísticos; feiras e mercados; administración electrónica e protección de datos; protección civil; e emerxencia sanitaria coronavirus Covid-19.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com