Novas

O PP denuncia que o Goberno de Pedro Sánchez “non está á altura das circunstancias” para frear a inflación

O economista Daniel Lacalle presentou esta tarde na sede en Lugo do PP o seu libro Libertad o igualdad. Por qué el desarrollo del capitalismo es la única solución a los retos del nuevo milenio. Lacalle foi presentado polo secretario xeral do PP da provincia, Javier Vázquez Nodal, que indicou que este libro “abre moitas luces sobre a actualidade que nos rodea, que, sen dúbida,  pasa pola situación económica que nos afecta a todos”. Agradeceu ao autor que elixira Lugo para presentar a súa obra máis recente.

O popular indicou, neste sentido, que todos os cidadáns comproban como sube o custo da luz, do combustible, da cesta da compra. Ata tal punto é así que, lembrou, parte da flota de Celeiro permanece amarrada debido ao custe do combustible. Vázquez Nodal manifestou: “A inflación é un dos principais riscos que afronta a recuperación económica; pechamos o 2021 con incremento da inflación xeral do 6,5%, a cifra máis alta nos últimos 30 anos. Isto non é unha cuestión menor, senón que é unha ameaza que determina e determinará as constantes vitais da economía europea ao longo deste ano”.

Así mesmo, sinalou que “a inflación actúa como un imposto silencioso que mingua o poder de compra dos salarios e das pensións -imaxinémonos o que isto supón na provincia de Lugo cunha poboación tan envellecida- deteriora o valor real do aforro e pon en dúbida as previsións de crecemento”.

Os populares, aproveitaron a presentación para cargar contra o Goberno presidido por Pedro Sánchez: “Aquí reside a primeira irresponsabilidade de Pedro Sánchez”. A este respecto, sinalaron: “Pedro Sánchez debe e ten que poñer en marcha unha estratexia de contención neste ámbito, o que supón aplicar unha política económica que facilite os mecanismos de formación dos prezos nos mercados e predicar co exemplo en todo o que se refire a prestacións públicas. A día de hoxe, non só é que non o fixo, senón que a súa ministra, Nadia Calviño, atrévese a afirmar que é ‘normal’ que a inflación se dispare e que este incremento débese aos prezos de enerxía. Isto é inadmisible e un insulto a todos os contribuíntes que xa pagamos relixiosamente os nosos impostos”.

Os populares amosáronse convencidos de que “o que fai falta é un Goberno serio e non un Goberno de mentiras ou de medias verdades; trátase de facer máis con menos e non menos con máis”. Tamén indicaron que “parte da recuperación tamén pasa por unha eficaz e útil xestión dos fondos europeos; a convocatoria 2021-2027 é unha oportunidade para impulsar con iso territorios como o lucense, onde a industria foi destruída polas políticas estatais respecto de Alcoa, ou o rural ten que entenderse como unha oportunidade económica”.

Finalmente, concluíron que “o Goberno de Pedro Sánchez non está a altura das circunstancias no que se refire a frear a inflación e a xestión dos fondos Next Generation, dos que depende a reactivación económica”.

Unha potente Selección Galega Sub16 e Sub18 acode ao nacional de campo a través

Logo dos recentes campionatos de Galicia de pista cuberta Sub16 desenvoltos esta fin de semana, dábase a coñecer a composición da Selección Galega de campo a través en idade Escolar Sub16 e Sub18 que tomará parte no Campionato de España por Comunidades esta fin de semana en Getafe.

A lista, composta por un total de vintecatro atletas, conta entre as convocadas ca presenza da campioa de España e plusmarquista nacional Sub18 dos 1.500 e 3.000 m. Xela Martínez quen lidera selección.  Xunto á lucense atópanse entre outras, Carolina Santos do Ría Ferrol e Sara Guedes da Atlética Lucense prata e bronce no pasado galego de campo a través Sub18.

Na categoría masculina, tomarán parte os integrantes do podio ao completo do galego de cross encabezados por Sergio Quintas e Héctor Rodríguez do Club La Purísima así como por Victor Ramos do Triki Team. O finalista na edición do ano pasado, Ricardo Negrete do Ria Ferrol,  tamén figura nesa relación de convocados.

Os actuais subcampións de España maculinos Sub16 acoden ca intención de lograr un novo podio. Para elo ao fronte da selección sitúanse os tres primeiros clasificados do galego de campo a través, Alex Sierpes do Trega, Ashber Díaz da Agrupación Viguesa e Teo de Frutos do Lucus Caixa Rural. Repite na selección Damián Suárez do Cedeira Muebles García que tan meritorio posto de finalista ocupaba o ano pasado

Para rematar na categoría feminina, foron seleccionadas a campioa e subcampioa dos 1.000 m. en pista cuberta Amparo Corredoira da Atlética LucensePaloma López de A Gándara xunto á tamén subcampioa autonómica de campo a través Susana Padrón do Ourense Atletismo

No tocante aos obxectivos, estos pasan por lograr un bo papel a nivel xeral nas clasificacións individuais e o de estar na pelexa polos postos importantes na de por equipos.

Alpha Wolf Pack estará no Campionato de España de Jiu Jitsu Brasileiro

O equipo Alpha Wolf Pack, con filiais en Lugo, Ourense, Villalba e A Rúa; estará representado no Campionato de España de Jiu Jitsu Brasileiro, organizado pola AEJJB os días 12 e 13 de Marzo en Talavera de la Reina.

Competirán os seguintes atletas capitaneados por Luís Castaño:

Luís Castaño en cinto negro, peso pluma.
Karen López en cinto azul, peso pluma.
Marco Castrillón en cinto azul, peso pesadisimo.
Mark Casey en cinto azul, peso leve.
Yoel Barrios en cinto branco xuvenil, peso medio.
Borja Gai en cinto branco, peso lixeiro.
Daniel Flores en cinto branco alevín, peso leve.
Samuel Fernández en cinto branco alevín, peso pesadisimo.
Yadhira Álvarez infantil, peso medio.

Para algúns deles é o seu primeiro Campionato de España e algúns buscarán revalidar o seu título.

A CIG convoca 21 mobilizacións en cidades e vilas de toda Galicia este 8 de marzo

A CIG ten convocadas, con motivo do 8 de Marzo, Día Internacional da Muller Traballadora, mobilizacións en 21 localidades para chamar a atención sobre a responsabilidade dos gobernos dos diferentes ámbitos na situación de desigualdade que seguimos padecendo as traballadoras en Galiza.

A secretaría das Mulleres da CIG responsabiliza aos gobernos da situación de precariedade que continúan a padecer as mulleres. Precariedade que é maior nos sectores máis feminizados. Por iso, reclama a valorización dos oficios relacionados cos coidados. Denuncia que é un negocio para empresas privadas que priorizan o lucro á costa dos dereitos das traballadoras e da saúde e benestar das persoa.

A central sindical interpela directamente as institucións, as empresas e os gobernos para que se efectivicen políticas de igualdade que dean resposta ás necesidades das mulleres traballadoras e rexeita que unha reforma laboral dun goberno considerado progresista careza de perspectiva de xénero e manteña as medidas de precarización impostas pola reforma do PP de 2012, mantendo o despedimento case de balde, a desregularización da xornada e as dificultades para escoller o horario das reducións, incorporando novos contratos de formación e prácticas que impiden a estabilidade e un novo contrato fixo-descontinuo en sectores moi feminizados

Mobilizacións

Na provincia de Lugo, haberá dúas concentracións, unha na capital e outra en Viveiro. Ambas serán ás 12 h. En Lugo capital, terá lugar diante da Xutna de Galicia, mentres que na costa, será na praza viveirense da Fontenova.

A CIG denuncia a deriva de Abante B.P.O. Lugo e a situación de impago de salarios

Desde a CIG denuncian a situación de “absoluta deriva” pola que a que a empresa Abante B.P.O. Lugo está a pasar nos últimos tempos. Esta empresa que durante lustros foi referente do sector dos centros de chamadas na cidade de Lugo, primeiro como Sykes e despois como Abante B.P.O., encontrase actualmente nunha situación de ruinosa xestión cuxos episodios mais graves comenzaron no mes de decembro co impago da nòmina da paga extra de decembro, e que agora se agrava co impago da nómina de Febreiro.

“A pesar das promesas feitas polo suposto novo propietario no pasado mes de febreiro no que asegurou diante do Comité de Empresa que garantía o pago dos salarios mentres el estivese á fronte, a realidade é que a empresa non realizou o abono da nómina do mes de febreiro”, critica a CIG.

A esta situación que tildan de “extrema gravidade” hai que engadir unha practica absolutamente neglixente na xestión da empresa posto que desde a Empresa non hai ningunha persoa que “sirva de interlocutora válida para dar explicación ao respecto da situación”, o que supón, denuncian, unha situación de “absoluta indefensión e precariedade” para a plantilla que está a xerar situacións económicas dramáticas entre os traballadores e traballadoras, “ademáis de provocar situación de ansiedade, nervosismo e inseguridade entre os mesmos”, o cal ademáis repercute nun clima laboral absolutamente negativo.

“Ao deterioro da empresa que se manifesta claramente no impago de salarios hai que sumar outras decisións de extrema gravidade como é a recente perda dunha campaña da Comunidade Autónoma de Madrid, á que tras o vencemento do contrato, a empresa non se presentou ao novo concurso polo que a mesma venceu o pasado 28 de Febreiro, e os traballadores/as asignados á mesma encontranse sen funcións que desenvolver e sen que a empresa lles dea nen a eles nen ao Comité de Empresa nengunha resposta sobre o seu futuro”, denuncia a CIG.

Desde a CIG entenden que estan na fase final dun “proceso de descapitalización” da mesma que comezou na primavera do ano 2021 cando a empresa se desfixo das dúas campañas mais importantes, a de France Telecom (Orange e Jazztel) e a de Ionos 1&1, “condenando á empresa a unha situación de decadencia que ademáis se potenciou e agudizou a través dunha xestión neglixente e fraudulenta destinada de forma interesada a
conducir á empresa cara unha situación insostible”.

Desde a CIG continuarán a demandar á empresa que cumpra coas súas obrigas, tanto a través da vía mobilizadora como na vía legal para reclamar os dereitos dos traballadores.

14 escolas de hostalería do noroeste peninsular participan no XIV Campionato de Baristas do IES de Foz

Catorce escolas de hostalería de Galicia, Asturias, País Vasco e Castela e León participarán no XIV campionato de baristas organizado polo IES de Foz, que se celebra este xoves e venres.

Foi presentado hoxe no salón de actos do centro polo delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias; a xefa territorial da Consellería de Educación, Mariña Gueimunde; o alcalde de Foz, Fran Cajoto; e o director do IES focense, Nicolás Asensio. No acto participou tamén o director do CIFP Porta da Auga, de Ribadeo, Isidro Berdeal, xa que se aproveitou a presentación para inaugurar a food truck do IES de Foz, vehículo que foi acondicionado coa colaboración do centro de formación profesional ribadense.

O delegado da Xunta destacou que “se trata dunha mostra do gran traballo que se fai a través dos centros por parte dos profesores e dos alumnos, e da aposta pola FP que fai a Xunta de Galicia”.

O alcalde de Foz manifestou: “para nós é sempre un orgullo poñer en  valor estes grandes profesionais da hostalería que están saíndo do IES de Foz. E estes campionatos tamén serven para que a xente recoñeza que debemos contar con grandes profesionais en todos os sectores e animar a todo aquel que queira traballar en hostalería a que veña formarse porque hai grandísimos mestres neste centro. Precisamente nunha comarca tan eminentemente turística como A Mariña temos que apostar por que o sector cada vez se especialice máis”.

O director do IES de Foz explicou que “este campionato ábrenos unha xanela á normalidade, despois dunha situación que foi dura durante estes anos. O importante do campionato, sempre o é pero este ano quizais máis, son os alumnos e as alumnas que van participar e os que están a colaborar xunto co departamento en montar todo isto, que dá moitísimo traballo. Os representantes do IES de Foz nesta ocasión son Sergio Bartomeu Casabella -un alumno de 2º do Ciclo Medio de Servizos- e Gutiérres Lima Nascimiento, que é un alumno de 3º do Ciclo Dual Dobre Titulación en Dirección de Cociña e Dirección de Servizos. Agradecerlles as horas que lle botaron e as ganas que teñen e desexarlles, sen pretender favoritismos, que lles vaia moi ben”.

Nicolás Asensio tamén agradeceu a colaboración das administracións e dos medios de comunicación.

O Concello autoriza a construción no Ceao dunha central de produción térmica que subministrará enerxía renovable á cidade

O Concello de Lugo autorizará mañá en Xunta de Goberno a construción, no Polígono do Ceao, dun edificio industrial que albergará unha central de produción térmica centralizada de auga quente para calefacción.

A infraestrutura, que posteriormente se completará cunha rede de distribución urbana na avenida Benigno Rivera, contempla a instalación de 4 caldeiras de biomasa e dúas de gas natural nunha parcela, na que tamén se preveé a creación de 23 prazas de estacionamento vinculadas, e na que ocupará unha superficie de 2.204 m².

O proxecto, que se desenvolve ao abeiro do protocolo de colaboración asinado pola alcaldesa coa compañía DH Eco Energías – promotora da iniciativa – posibilitará a posta en marcha dunha Rede de Distrito que se plantexará en fases e de forma modular para que se poidan ir conectando a ela, progresivamente, os inmobles que o desexen.

A planta empregará tecnoloxía de combustión de Biomasa e enerxía eléctrica procedente de fontes renovables – biomasa e enerxía solar de concentración – para producir auga quente, tanto para calefacción como sanitaria, que dará servizo a edificios residenciais, centros educativos, sanitarios e administrativos, entre outros.

“Lugo é xa un polo de atracción de investimentos verdes, como é o noso obxectivo, afirmou Lara Méndez. Temos o firme compromiso de mellorar a calidade de vida das e dos lucenses, un benestar e un coidado que debe ir en consonancia co da cidade e a saúde do planeta. Por iso, conscientes de que a loita contra o cambio climático require dun plantexamento integral que reforce o seu carácter transversal, estamos a promover actuacións sectoriais que tranformen Lugo, que reconduzan os nosos patróns de consumo e hábitos cara pautas e opcións, que as hai, moito máis respectuosas co medio ambiente”, engadiu a rexedora.

A rexedora puxo de manifesto que, “actualmente, xa se considera que as comunidades enerxéticas locais son unha alternativa eficiente, en tanto melloran a calidade de vida no sector residencial e nos equipamentos dotacionais públicos, ao tempo que supoñen un impulso aos sistemas de climatización máis eficaces que permiten reducir a emisión de gases invernadoiro mediante a utilización de sistemas centralizados de nova xeración que favorecen un mellor uso dos consumos de enerxía primaria a través de recursos renovables, en substitución dos combustibles fósiles. Un modelo que queremos implantar tamén no noso municipio dentro das políticas de sostibilidade que levamos potenciando dende o mandato anterior”, sostivo Méndez.

Deste xeito, a veciñanza poderá dispoñer de calefacción e auga quente nos seus domicilios sen precisar de instalacións particulares para o abastecemento enerxético o que implica unha redución de custos, porque só pagará polo consumo – que é até un 20% máis barato que o dos sistemas actuais, pero non polo seu mantemento, segundo explicou a alcaldesa lucense.

“Cómpre destacar que, á marxe das vantaxes e beneficios medio ambientais que aporta, cos que queremos contribuír á descarbonización da atmósfera, a iniciativa ten tamén un carácter de dinamización económica e xeradora de emprego local, xa que os e as traballadoras desta empresa serán preferentemente veciñas e veciños do municipio e para a súa contratación, a compañía contará cos servizos de orientación laboral do Concello tanto na fase de construción da central como para o propio mantemento da mesma”, lembrou Lara Méndez.

A creación desta central dispón dun orzamento de 860.276 euros e dun prazo de execución de 24 meses, que xunto ás outras 3 licenzas que serán validadas na Xunta de Goberno desta semana – entre elas dúas para a construción dun edificio en Marqués de Ombreiro e dunha vivenda unifamiliar nas Saamasas – elevan a 1.372.976 euros o volume de negocio que xerarán, esta semana, as intervencións urbanísticas autorizadas polo Concello de Lugo no termo municipal.

O PP tilda de “fracaso” que quede deserta, de novo, a licitación da cafetería do Vello Cárcere

O Partido Popular do Concello de Lugo lamenta “un novo fiasco” do Goberno local á conta da posta en marcha da cafetería panorámica que hai no piso superior do Vello Cárcere. O vicevoceiro popular, Antonio Ameijide, explica que “cada vez se superan máis e demostran que están fóra da realidade”. O popular facía esta reflexión logo de confirmar que “a cuarta licitación promovida polo Concello de Lugo para adxudicar a explotación da cafetería panorámica do Vello Cárcere quedou deserta”.

“Coa cafetería do Vello Cárcere temos un 4×4, catro anos dende que se inaugurou, o pasado día 30 de marzo de 2017, e catro pregos de condicións que non se axustan á realidade e que espantan aos hostaleiros para explotar este espazo de luxo no centro de Lugo con vistas á mosquera da Muralla”.

O pasado día 22 de febrero concluiu o prazo para recepción de ofertas sen que ningunha iniciativa privada presentase a documentación. Segundo o último prego de condicións os inversores que pudieran estar interesados en asumir a xestión do restaurante terían que aboar un canon de 16.300 € ao ano; o prazo da concesión sería de 10 anos máis 5 de prórroga.

Os populares explican que o Goberno local “intentou convencernos de que ía resultar atractiva a concesión porque rebaixaron a cuota mensual pero esta mellora era ficticia, xa que neste último novo prego de condicións se obriga aos adxudicatarios a pagar as facturas da luz e de auga, unha circunstancia que dado o prezo que está a alcanzar resulta insostible para moitos hostaleiros”.

O vicevoceiro popular Antonio Ameijide anunciou que “á vista deste fracaso” pedirán que se presente un informe en comisión “que analice as causas que provocan o rexeitamento do sector á explotación deste espazo de restauración co ánimo de que se redacte un novo prego atractivo para os hostaleiros”.

O Partido Popular advertiu dende o primeiro momento do “pouco futuro” que auguraban a esta adxudicación: “a cafetería primeiro non tiña un acceso independente (se soluciona logo da presión e denuncia pública que fixo o Grupo Popular); actualmente segue sen ter un baño adaptado nas instalacións da cafetería e, por riba, para que se poida abrir se require facer un investimento moi importante: instalación e legalización completa de gas e execución da saída de fumes; tamén é necesario un investimento de entre 60.000 a 80.000 euros en mobiliario e equipamento para o desenvolvemento da actividade”.

Todo este material e instalacións asumidas polo empresario son a fondo perdido xa que reverterán no Concello e deben estar listas nun prazo dun mes, algo que co desabastecemento actual de materiais e as tramitacións para legalización do gas é algo inviable.

Comeza a renovación do treito final da rúa da Industria no Ceao

Membros do Goberno local do Concello de Lugo xunto con persoal técnico municipal e da empresa responsable visitaron esta mañá a rúa da Industria, no polígono do Ceao, onde a área de Infraestruturas está a levar adiante a renovación do treito final. O Tenente de Alcalde explicou que “esta é unha intervención importante que nos permitirá rematar a renovación desta rúa e continuar a mellorar o estado das zonas industriais de Lugo”.
O vicealcalde afirmou que “con esta intervención melloraremos a accesibilidade da zona e os servizos existentes, ademais de integrar este treito da rúa coa imaxe da contorna ”

“Con esta actuación melloraremos tanto a estrada, que se atopa nun avanzado estado de desgaste debido á densidade de tráfico que soporta, creando novas prazas de estacionamento e zonas que permitan mellorar a maniobrabilidade dos camións”, explicou o Tenente Alcalde, que engadiu “renovarase tamén a beirarrúa e as canalizacións actuais, eliminando o fibrocemento”.

Os traballos planificados polo Goberno de Lugo realizaranse tamén na rede de alcantarillado, coa colocación de novos sumidoiros, e renovarase ao mesmo tempo a sinalización horizontal e vertical.

O PSdeG de Foz reforzará o proxecto político coa súa nova Executiva Local

O PSdeG-PSOE de Foz celebrou este domingo 6 de marzo a Asemblea onde se renovou a executiva local por aclamación de todos os asistentes.

Segundo palabras do alcalde Fran Cajoto, novo Secretario Xeral, o obxectivo principal é “reforzar a formación para dar un novo impulso ao proxecto de goberno, buscando a mellor xestión para as veciñas e veciños de Foz”.

“As compañeiras e compañeiros fixeron posible un gran apoio a este proxecto no ano 19, que trouxo unha moi necesaria estabilidade ao noso municipio e que permitiu desenvolver un programa de futuro, serio e comprometido  no que a pesar do difícil contexto sanitario que nos tocou afrontar xa estamos vendo froitos moi importantes”.

Segundo o PSdeG-PSOE de Foz a pretensión deste novo período que comeza é potenciar o traballo, honesto e con rigor, da anterior executiva encabezada por Chema Linares. “Somos un partido aberto e queremos que máis persoas se sumen a el. Mellorar a vida dos cidadáns acádase con un gran equipo, teño que agradecer a todos os compañeiros e compañeiras que forman parte da nova executiva o seu esforzo. Máis persoas se poderían ter sumado e vannos axudar, nótase a implicación e as gañas” – remarca Fran Cajoto.

A executiva encabezada por Fran Cajoto como Secretario Xeral está reforzada no plano político por Carlos García , Vicesecretario Xeral e responsable de Proxecto Político e Acción Electoral.

María Luisa Piñeira Núñez, da que destacan a gran capacidade de traballo, continúa como Secretaria de Organización e ocuparase tamén das áreas de Administración, Educación e Saúde. José María Linares Rodríguez pasa a ser Secretario de Facenda, Turismo e Cultura e Jesús Hermida Carracedo Secretario de Política Municipal, Deporte e Xuventude.

Completan a executiva Ana Matea Rojo Eijo, Secretaria de Igualdade, Benestar e Dependencia; Javier Fraga Fernández, Secretario de Medio Rural, Medio Ambiente e Transición Ecolóxica; Vanina Cabrera Sánchez, Secretaria de Emprego e Comercio; María Nelly Castro Neira, Secretaria de Xubilados e Pensionistas e José Ramón Villarino Neira, Secretario de Pesca e Patrimonio.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com