Novas

Castiñeira: “Tomé deixou claro que os concellos non poden contar coa Deputación para implantar o contedor de orgánicos”

O Partido Popular denuncia a “falta de vontade” do Goberno provincial para aceptar propostas da oposición “por máis importantes que poidan ser para os intereses dos concellos lucenses”. Así o dixo o voceiro provincial, Javier Castiñeira quen sinalou que na sesión plenaria que tivo lugar onte, o seu grupo presentou unha moción de urxencia para que a Deputación axude aos concellos a xestionar o novo colector de lixo, o marrón, que se dedicará a recollida de residuos orgánicos. “Non admitiron a urxencia e desa maneira evitaron o debate deste asunto”.

A recollida do lixo é competencia propia municipal, pero, segundo explica Castiñeira, a Xunta lanzou unha liña de axudas para colaborar cos concellos na implantación deste novo contedor. “Nós queriamos que a Deputación de Lugo, cumprindo coa súa función de cooperación cos concellos, especialmente cos máis pequenos, axudara nesa xestión”.

O voceiro popular destaca, asemade, que socialistas e nacionalistas negáronse a admitir a urxercia desa moción malia que moitos concellos están xa elaborando a súa estratexia de recollida. Para Castiñeira e o seu grupo, esta negativa “foi unha peza máis na liña deste pleno, dedicado, porque así o impón o goberno provincial, a debater asuntos da Xunta de Galicia e a facer oposición ao goberno autonómico”.

Castiñeira indica que “cando se tratan no pleno asuntos que entran plenamente nas competencias da Deputación como son as estradas provinciais e aumentar a cooperación cos concellos, Tomé di non, que non hai cartos; neste caso, non quixeron nin debater o asunto, o cal é grave”.

Os populares din que no pleno quedou claro que “os municipios da provincia non poden contar co apoio da Deputación na xestión do contedor marrón, algo que entendemos que é necesario e obrigado para unha institución que ten como competencia principal a cooperación cos concellos pequenos”.

As causas do acoso escolar en ‘Un pequeno mundo’

Estreada no festival de Cannes do ano pasado, a película de Laura Wandel provocou grande controversia na súa mirada contundente e sen concesións as violencias subterráneas que se producen nas clases e nos patios das escolas.

Unha das películas de estrea de Codex Cinema mostra un dos grandes problemas do mundo moderno: as dificultades para desentrañar as causas e as motivacións do acoso escolar. A facilidade coa que, de maneira moitas veces inesperada e involuntaria, a personalidade dun neno queda completamente reducido debido á marxinación, as burlas, aparentemente inocentes, do resto dos seus compañeiros. Un pequeno mundo fala tamén da incomunicación, da dificultade para expresar os medos e as debilidades tanto dos nenos como dos adultos.

A directora, Laura Wandel, segue de maneira obsesiva o punto de vista dos dous nenos protagonistas, a pequena Nora, testemuña das burlas e as pequenas violencias das que é vítima o seu irmán, sen que os profesores nin os seus pais sexan conscientes. O filme fala das escolas, pero tamén do fogar, como forma de perpetuar os tópicos sobre os nenos e nenas, e a forma de solucionar as dificultades. Un traballo exemplar e didáctico que foi enormemente recoñecido polo seu valor pedagóxico e que se estrea este venres en Codex despois de que a película fose elixida para representar a Bélxica nos Oscar, aínda que finalmente non pasou o corte das cinco candidatas ao premio a mellor película internacional.

A outra estrea da semana é As ilusións perdidas, a fastuosa e desbordante adaptación cinematográfica que o director galo Xavier Giannoli fixo dunha das obras fundamentais dun dos máis grandes escritores de todos os tempos, Honoré de Balzac. Se ben era imposible adaptar con toda a fidelidade esta obra maxistral, Giannoli sabe extraer as historias máis imprescindibles e a través delas transportar o estilo tan característico de Balzac á pantalla. Así, estamos ante unha película cunha riqueza de matices impresionante, una gran reconstrución de época chea de personaxes e lugares, da exuberancia popular do París do século XIX, tratando unha historia moi común do escritor francés: a toma de conciencia dun home, en principio inocente e soñador, da corrupción e das relacións de poder do mundo que lle rodea.

Esta produción francesa conta cun reparto cheo de estrelas do país veciño, como Cecile de France, Jeanne Balibar, Xavier Dolan e tamén o xenial e polémico Gerard Depardieu nun papel secundario. Giannoli consegue ao mesmo tempo unha reconstrución primorosa da Francia do XIX ao tempo que unha película que de forma moi habilidosa e manténdose fiel a Balzac pode falar tamén das relacións sociais e políticas do noso tempo.

Cs insta ao Goberno local a reverter a situación de abandono na contorna das Pedreiras

O concelleiro de Cs Lugo, Juan Vidal-Pardo, instou esta mañá ao Goberno local a levar a cabo as xestións necesarias para que a contorna das Pedreiras conte coa seguridade viaria acorde a unha zona de uso masivo.

“Trátase dun espazo deteriorado no que se evidencian anos de abandono. Carece das máis mínima medida de  seguridade, os pasos de peóns está borrados, o firme deteriorado e a iluminación é deficiente. Non podemos obviar que se trata dunha vía moi concorrida na que continuamente existe unha trasfega de usuarios das instalacións deportivas e na que se rexistra unha afluencia moi alta de menores”, sinalou o edil da formación laranxa.

“Resulta inexplicable que tanto PSOE como BNG sexan incapaces de establecer un dialogo fluído coa Deputación provincial. É delirante que Arroxo e o seu grupo utilicen os medios para pedir o arranxo da avenida Filarmónica Lucense no canto de falar cos seus socios de Goberno de forma directa, tanto no Concello como na Deputación. É obvio que esta situación en consecuencia directa da guerra fría na que ambas as formacións atópanse inmersas a nivel local e provincial, e onde os veciños e veciñas de Lugo son os principais damnificados. As súas loita polo poder lévannos situacións tan delirantes como esta, ou a que, por exemplo, o aparcamento de Santa María siga pechado máis dun ano despois que o noso grupo presentará un proposición ao Pleno instando ao Concello a realizar as xestións oportunas para conseguir a súa apertura ao público e paliar así o grave déficit de prazas de aparcamento da zona centro que está a xerar un impacto negativo nun dos principais motores comerciais da cidade”, sinalou Vidal-Pardo.

“A contorna de As Pedrerías incumpre a lei de accesibilidade. Está chea de barreiras innecesarias que dificulta o uso de usuarios con discapacidade ou que impide transitar con garantías cun carriño de bebé. A iluminación pública é deficiente e o firme aseméllase o dunha pista forestal en mal estado. Non ten xustificación algunha que o Goberno local non fose capaz en tres anos de mandato de solicitar formalmente a necesaria mellora desta zona ou que aínda non a conseguira”, concluíu.

Manu Chao na Sala Tebras o 13 de marzo nun concerto acústico

O vindeiro domingo 13 de marzo a partir das 20:00h Manu Chao ofrecerá un concerto acústico na sala Tebras de Lugo. O músico franco-galego “El CHAPULIN SOLO, Manu Chao acústico” interpretará temas dos seus albumes acompañado de dous músicos, un guitarrista e un percusionista. Este mesmo espectáculo ofrecerao Manu Chao na sala Capitol de Santiago o día 9 de marzo.

O peor da rumba Cancións de rompe e rasca, rolas musicarias manu a manu só con guitarra acompañado de Lucky Luciano (guitarrita) e Miguel Rumbao (percusión).  Aguántame rumba ¡Aguantanamera! o peor da noite vente a estresar…! temas novos e de siempre! Non só en china hai futuro!

Mundos ó revés, ekivokadas vidas veciñas do patio e malegrías despedidas clandestinas rúas e máis rúas bodas e banquetes, enterros e malas vidas.

Xa están dispoñibles as entradas en  https://entradium.com/es/events/el-chapulin-solo-manu-chao-acustico-lugo ao prezo de 20€ máis gastos de xestión. Na billeteira o día do concerto o prezo será de 25€.

 

Foto: Klelia Renessi

O Presidente da Deputación e a Alcaldesa de Lugo acordan estudar un proxecto para a reforma e mellora dos espazos comúns circundantes aos pavillóns de Santa María

A Deputación e o Concello de Lugo constituíron este martes a comisión de seguimento do convenio de cesión do Fogar de Santa María nunha reunión celebrada na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos que estivo presidida polo Presidente provincial, José Tomé Roca, e a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e na que participaron a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, o Secretario Xeral da entidade provincial, José Mourelle Cillero, e o interventor do Concello lucense, Manuel Vázquez Fernández.

A constitución desta comisión é precisa para tomar calquera decisión sobre Santa María, segundo a última modificación do convenio de cesión do inmoble entre a Deputación e o Concello, acordada no ano 2009, e que no seu punto cuarto di: “cantas cuestións poidan suscitarse respecto á interpretación, aplicación e desenvolvemento das condicións contidas nas devanditas bases, serán resoltas por unha comisión composta polo Presidente/a da Deputación Provincial e o Alcalde/sa do Concello de Lugo”.

Clausurada a edición de ’21 días co galego e +’ con máis repercusión en redes sociais

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou onte no instituto IES Lucus Augusti de Lugo na clausura oficial do programa de dinamización lingüística 21 días co galego e +, que nesta cuarta edición xuntou por primeira vez 12 centros participantes, así como 394 docentes, 52 membros do persoal da administración e servizos e 3.399 alumnas e alumnos de entre 8 e 18 anos, que viviron xunto ás súas familias a experiencia de falar en galego durante 21 días.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade deulle os parabéns á comunidade educativa do IES Lucus Augusti e, en xeral, a todos os que de xeito voluntario participaron nesta experiencia, “pola súa implicación e o seu traballo ao longo destas semanas que, estou seguro, supoñerán un cambio na valoración e uso do galego dos mozos e mozas que formaron parte do programa”.

A cerimonia, á que tamén asistiron o director do IES Lucus Augusti, Carlos Cazón, e a coordinadora do programa 21 días co galego e +, Pilar Ponte, estivo amenizada pola actuación dun grupo de rapaces do centro, que deleitaron os asistentes cun romance sobre a lingua galega, obra do profesor do centro Xosé Luís Vázquez Somoza, así como por unha actuación musical do alumnado, que incluíu os temas Compañeira, da música tradicional galega, e Terra, das Tanxugueiras.

O resto dos 11 centros participantes no programa realizaron tamén as súas respectivas cerimonias de clausura con distintas actividades como concertos, contacontos ou obradoiros.

Durante os 21 días que dura este programa de dinamización lingüística con vocación de fomentar o plurilingüismo, os case 3.400 alumnos da ESO, Bacharelato e FP, así como os dos últimos cursos de Primaria, optaron por falar en galego as 24 horas do día como experiencia de aprendizaxe.

Disto foron deixando constancia no blog e nas redes sociais do programa, onde gozaron de gran seguimento, especialmente en YouTube, que recibiu 401.874 impresións fronte ás 244.615 da edición pasada, e en Facebook, cun alcance de 18.122 persoas, preto de 2.000 máis que na edición anterior.

O impacto nas redes sociais tamén se fixo ver na conta de Twitter, con 5.033 visitas ao perfil nestas semanas, e na nova ferramenta de moda entre a mocidade, o Tik Tok, que chegou aos 3.346 gústame nos vídeos. Ademais, a rapazada tivo unha sorpresa final no blog da iniciativa, no cal recibiron o saúdo das Tanxugueiras e de Esther Estévez, que animaron o estudantado a seguir empregando o galego unha vez rematada a experiencia.

A CIG continúa en Lugo as mobilizacións por un convenio digno nos centros de chamadas

Delegadas e delegados da CIG no sector dos centros de chamadas continuaron este martes co calendario de mobilizacións para esixir un convenio xusto que dignifique as condicións laborais e salariais do persoal. Despois das protestas realizadas en Vigo, A Coruña e Ourense, hoxe a concentración tivo lugar diante das oficinas de Abante BPO en Lugo, mentres que para o 15 de marzo está convocada unha nova mobilización en Compostela.

A representación da CIG denuncia que tras dous anos de negociacións sen avances, nos que os traballadores e as traballadoras están perdendo poder adquisitivo, a patronal non só non quere asumir ningunha mellora neste convenio, senón que mesmo pretende precarizar aínda máis a contratación e as condicións laborais.

A coordinadora do sector, Patricia Cordo, indicaba que ao tempo que a CIG se mobilizaba en Lugo, a patronal celebraba en Madrid o primeiro congreso de Contact Center que, nun alarde de poderío económico, organizaron no Hotel Ritz. Un dispendio que contrasta coa avaricia amosada polas empresas na mesa de negociación, que segue negándose a aceptar unhas condicións salariais dignas.

Nese congreso, engadiu Cordo, a patronal gábase de ofrecer servizos claves e esenciais para a cidadanía con profesionalidade e unha alta calidade na atención, “pero esquecen que todas estas características llas damos nós, as persoas traballadoras, ás que precarizan día a día sen escrúpulos e non nos recoñecen en convenio precisamente esa profesionalidade e experiencia da que fachendean nos medios para colgarse a medalliña”.

Critica que as empresas están obtendo substanciosos beneficios a conta de explotar o persoal con salarios de miseria, que aínda por enriba levan anos conxelados. “Na carta de presentación dese congreso falan de despegue económico mentres que na mesa do convenio descaradamente din que non existe, incluso cuestionando a viabilidade do sector se introducen salarios e condicións laborais dignas”, subliñou.

Afondar na precariedade

Como exemplo da avaricia desta patronal, explicou que os contratos de obra nestas empresas foron declarados ilegais por sentenza xudicial, pero néganse a converter o persoal en indefinido. “Mais agora, coa nova reforma laboral, o Goberno español deulles un novo instrumento para continuar cunha temporalidade que, ademais, pretenden utilizar en todas e cada unha das súas modalidades, estendendo prazos e circunstancias de aplicación”.

Xunto a isto, lembrou que durante toda a pandemia, as empresas aproveitaron para presentar ERE e ERTE e mandaron ao persoal a teletraballar cos seus propios medios, na maioría dos casos sen chegar a compensar nunca os gastos derivados desa situación, e utilizándoa incluso como premio ou castigo en función dos resultados.

Ante a postura inmobilista da patronal, a CIG advirte que esta xeira de mobilizacións constitúen unha primeira chamada de atención, polo que non dubidarán en avanzar na conflitividade coa convocatoria de paros parciais ou folgas “se a negociación segue polo mesmo camiño”.

Técnicos municipais explican ao empresariado de Lugo o funcionamento da nova plataforma de contratos menores

O salón de actos do CEI Nodus acolleu hoxe una charla informativa, a cargo de técnicos municipais, da nova plataforma de contratación do Concello de Lugo, impulsada polo Goberno de Lara Méndez para favorecer a concorrencia e a igualdade de oportunidades e mellorar a publicidade das convocatorias de contratos menores.

Á reunión foron convocados os empresarios locais co fin de que puideran coñecer de primeira man o funcionamento desta nova ferramenta que se atopa en funcionamento dende onte.

Esta nova ferramenta dixital será sinxela e moi intuitiva no seu manexo de maneira que calquera persoa poida acceder a ela para realizar consultas, informarse das bases de contratación ou inscribirse nas adxudicacións en curso. Permitirá, ademais, a creación dun rexistro de licitadores que poderán inscribirse naquelas categorías que se correspondan coa actividade que desenvolven ou na que teñan interese, de maneira que, mediante un sistema de alertas, serán notificados da apertura de novos procedementos así como dos avances que se produzan neles.

Así mesmo, as empresas terán á súa disposición unha liña de soporte gratuíto e un número de teléfono de contacto para resolver calquera dúbida, alén dun vídeo explicativo que exercerá de titorial para empregar o novo sistema.

A Deputación reclama á Xunta que se implique na defensa dunha mellor atención bancaria

A Deputación de Lugo reclamará á Xunta de Galicia que se implique na defensa dunha mellor atención bancaria para as persoas maiores. Así o acordou este martes o Pleno da Corporación provincial coa aprobación dunha moción do grupo do PSdeG, que contou co apoio do BNG, mentres que o PP se abstivo.

A proposta socialista parte das reclamacións da Asociación de Xubilados e Pensionistas de Lugo sobre cuestións transversais como a necesidade de ampliar horarios de atención ao público das oficinas, garantir a atención presencial a maiores que non contan con competencia en medios dixitais, ou medidas de seguridade nos caixeiros; pero fai corresponsable á Xunta pola súa inacción.

Concretamente, a institución provincial instará ao Goberno galego a mostrar o seu respaldo ás reclamacións de mellora na atención bancaria formuladas polas  plataformas da terceira idade e do rural; a tomar medidas para garantir a presenza de sucursais bancarias en tódolos concellos da provincia; a primar as operacións con aquelas entidades que garantan a prestación de servizos bancarios dun xeito adecuado; a excluír da participación na xestión dos fondos de reconstrución a aquelas entidades que non cumpran estas condición; e a elaborar unha Carta de Servizos Básicos que garanta o dereito de todos os galegos e galegas a non quedar excluídos da prestación dos servizos básicos de carácter financeiro.

O Deputado de Promoción Económica e Social argumentou que “subvencionar a instalación de caixeiros nos concellos onde non hai oficinas bancarias non é a solución”, que son moitos os maiores que non son quen de desenvolverse coa banca dixital e que a perda dos postos de traballo no sector supón xa o 27,5% desde o 2008, con máis de 5.000 empregos destruídos.

Concellos como Negueira de Muñiz, O Páramo, Ribeira de Piquín y Samos carecen xa de oficina bancaria no seu municipio e no caso de Samos, isto supón un prexuízo para os veciños, pero tamén para os moitos peregrinos que pasan pola vila, situada no camiño de Santiago.

Pola súa banda, os populares, que se abstiveron na votación desta moción, amosou a súa sorpresa polo feito de que os socialistas presentaran o que tildaron de “moción paralela” á que a Asociación de Xubilados lle solicitou aos populares que defenderan en pleno.  Non entendemos, dicía o portavoz popular antes do pleno, “como o PSOE trae outra moción dirixida a enfrontarse á Xunta de Galicia, cando, segundo entendo, o obxectivo dos pensionistas era outro, é dicir, buscar unanimidade nesta institución e aprobar textualmente a moción proposta por eles”. Unha moción que chamaba a atención sobre o Goberno do Estado e non sobre o galego.

Cesión de terreos ao Concello de Antas

Noutro senso, o Pleno da Deputación de Lugo acordou por unanimidade a cesión gratuíta ao Concello de Antas de Ulla os terreos destinados a un polígono industrial, unha infraestrutura que non puido desenvolver porque a entidade local non fixo a recualificación necesaria das parcelas de solo rústico a solo industrial, un paso que é imprescindible para poder sacar adiante o parque empresarial. O PP cambiou o sentido do voto e, mentres no caso da proposta elevada polo Goberno ao Pleno en decembro para ceder ao Concello de Trabada seis parcelas provinciais para desenvolver un polígono se abstivo e criticou a petición da Alcaldesa Mayra García, no caso da solicitude do Alcalde de Antas votaron a favor sen facer ningunha intervención, o que demostra a súa incoherencia.

Atención sanitaria

O Pleno aprobou asemade unha moción do Goberno para demandar á Xunta a normalización da asistencia en atención primaria, recuperando a atención presencial para todas as persoas que o soliciten e limitando as consultas teléfonicas ou telemáticas a actividades complementarias, garantindo tamén que esa atención se faga sen demoras co aumento do número de profesionais que as atenden. Unha moción que saiu adiante malia os votos en contra do PP.

Na exposición da proposta, a voceira do Goberno sinalou que “a Xunta está aproveitando a pandemia para acelerar a súa política de deterioro da sanidade pública” e referiuse á situación dos centros de saúde Xermade, Chantada, Pantón, Castro de Rei ou Lugo.

No caso concreto de Lugo, a voceira referiuse “á saturación do centro de saúde da Milagrosa e ao PAC de Fingoi, dous anos despois de que a Xunta decidira concentrar toda a actividade de medicina xeral e pediatría do concello”. A  consecuencia é, dixo, “un persoal agotado e persoas usuarias sufrindo situacións de angustia que fan que a situación sexa insostible”.

Alumnado do Politécnico de Lugo identifica augardentes e licores tradicionais nunha sesión formativa do Consello Regulador

O Consello Regulador dos Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia viaxa a Lugo para formar a unha vintena de alumnos e alumnas do Ciclo Superior de Procesos e Calidade na Industria Alimentaria do CIFP Politécnico de Lugo.

Sonia Otero, vogal do Consello Regulador e enóloga, foi a encargada de impartir a cata comentada este venres 18 de febreiro. Na sesión explicáronse as principais funcións deste organismo, e as características que distinguen aos Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia e as 4 Indicacións Xeográficas que os amparan: I. G. Bagazo de Galicia, I. G. Augardente de Herbas de Galicia, I. G. Licor de Herbas de Galicia e I. G. Licor Café de Galicia. Ademais,  incidiuse nos procesos de calidade dos produtos así como na importancia da materia prima usada nos procesos de elaboración.

Durante a cata comentada, o alumnado puido degustar 7 Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia. O Licor Café de Galicia volveu coroarse como o máis popular entre os asistentes. Un produto en cuxa elaboración “só pódese utilizar café de toste natural”, explicou Sonia Otero. Pola súa banda, o destilado que máis sorprendeu foi o Bagazo de Galicia Envellecido. Un produto bastante descoñecido con “matices moi complexos e notas esparexidas, que lle dan unha amplitude enorme á hora de maridar, tanto en sobremesas como á hora de incorporalo dentro do prato”, detallou a enólogoa/enóloga.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com