Novas

Arias confía en que “se recupere o tempo perdido” para a intermodal

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, confía en que se poida recuperar o tempo perdido para a estación intermodal unha vez que o Concello de Lugo inicie por fin o expediente para retirar a clasificación como elemento protexido do edificio de Correos no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).

Arias lembra que a Xunta leva anos advertindo ao Goberno local da necesidade ineludible de descatalogar ese edificio, cuxo nivel de protección impide alterar a contorna cunha obra das características da intermodal. O concello resistiuse por activa e por pasiva a atender as indicacións de órganos como a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, que sempre mantivo que a única vía posible para corrixir o que o Concello considera un erro na cualificación do inmoble pasaba por acometer unha modificación puntual do PXOM que deixe constancia da nova consideración deste elemento.

Arias afirma que a Xunta “xestionará coa máxima prioridade os informes que lle sexan solicitados sobre esta modificación urbanística, porque o noso obxectivo é avanzar neste trámite para despexar o camiño e poder finalmente comezar a materializar o proxecto da intermodal”.

Neste sentido, instou a que se asine canto antes o convenio marco entre a Xunta, o Concello e a Adif, que é o mesmo que posibilitou a posta en marcha das intermodais de Santiago ou de Ourense.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade -lembrou o delegado- recolle nos orzamentos deste ano un investimento de algo máis de 1 millón de euros para o impulso da estación intermodal de Lugo.

Tomé comparte o seu proxecto a futuro con sindicatos da provincia

José Tomé Roca, candidato á Secretaría Xeral do PSdeG na provincia de Lugo, mantivo un encontro con representantes das organizacións sindicais para dar conta do seu proxecto. O socialista está a manter reunións para presentar a súa folla de ruta de forma previa ao Congreso do PSdeG na provincia de Lugo, que se celebra este vindeiro domingo, 20 de febreiro.

No encontro cos sindicatos, o socialista incidiu na importancia da política como unha ferramenta “ao servizo dos traballadores e traballadoras”. De feito, Tomé Roca fixo referencia aos seus inicios como sindicalista, antes de formar parte da política activa no PSdeG.

Ademais, Tomé Roca incidiu na continuidade deste contacto entre o partido socialista e os sindicatos. “O meu proxecto para o PSdeG estará sempre disposto ao diálogo e ao traballo conxunto coas forzas sociais”, finalizou. “Buscamos impulsar a participación, non só dentro do PSdeG, tamén coa sociedade lucense, implicando aos axentes sociais, ao tecido produtivo e asociativo e coa cidadanía en xeral para ser un partido aínda máis útil á sociedade”, sinalou.

O candidato a liderar os socialistas na provincia compartiu cos sindicatos as súas liñas de acción para os próximos anos, entre as que destaca “un impulso ao emprego digno, de calidade e sostible, sobre todo no emprego rural, xuvenil e feminino”.

Tomé Roca tamén expuxo ante as forzas sindicais a súa preocupación por alcanzar unha igualdade social e laboral entre homes e mulleres, así como a defensa do rural para asentar poboación como unha prioridade absoluta. “Debemos tamén apoiar aos sectores produtivos estratéxicos da provincia: o gandeiro, o forestal, o do mar, o turismo ou a cultura, para o que debemos aproveitar os fondos europeos”, engadiu o socialista.

Nesta mesma liña, o socialista incidiu na importancia de “defender o Estado de Benestar, garantindo a sanidade, a educación, as pensións e a dependencia”. Como exemplo, Tomé Roca falou das residencias impulsadas pola Deputación de Lugo, “que garante o benestar do usuarios e o emprego no rural”.

O socialista incidiu tamén na necesidade “dun plan industrial para a provincia de Lugo e para A Mariña, ademais de infraestruturas que nos permitan ser máis competitivos”. Tamén subliñou a importancia da innovación, “ligada á Universidade pública, que nos permitirá desenvolver o tecido produtivo e o rural”.

Arte e caraveis para reinvidicar a obra de Rosalía

A Deputación de Lugo presentou a programación organizada pola área de Cultura arredor do Día de Rosalía, que se celebra o 23 de febreiro logo do recente descubrimento por parte da investigadora Sagrario Abelleira que corrixiu a data de nacemento da autora.

A área de Cultura ofrece a concellos, asociacións e centros educativos un catálogo de actividades que inclúe representacións teatrais, intervencións artísticas e exposicións, que se sumarán á oferta didáctica dos museos da Rede Museística Provincial.

A Deputada de cultura explicou que “se trata de propostas moi diversas, que se adaptan a diferentes espazos e públicos, que invitan a achegarse á figura e a obra de Rosalía de Castro desde unha perspectiva actual, reivindicando o seu papel como autora cabeceira da literatura galega pero tamén como referente na defensa das mulleres, dos dereitos sociais e da lingua e da cultural”.

“Con este catálogo de propostas, queremos seguir involucrando ao tecido asociativo pero tamén aos concellos na revalorización da figura de Rosalía e seguir impulsando o carácter popular, festivo, e tamén reivindicativo co que se ven celebrando o Día de Rosalía desde hai unha década”, sinalou a responsablede Cultura.

O 23 de febreiro inaugurarase na Praza de San Marcos a exposición “A Casa de Galicia. 50 anos da Casa de Rosalía”, unha mostra promovida pola Fundación Rosalía de Castro e comisariada por Pepe Barro que recolle a historia dun logro colectivo como foi a musealización da Casa da Matanza, en Padrón, en pleno franquismo grazas á implicación de milleiros de persoas e entidades de todo o país e da emigración.

Trátase dunha exposición exterior artellada arredor dunha estrutura de aluminio encrucillada, que suxire un espazo doméstico, e que recolle, a través de imaxes de gran formato e breves texto, a historia da Casa de Rosalía en seis capítulos.

A mostra permanecerá en San Marcos durante tres semanas e, a finais de marzo, iniciará unha itinerancia que a levará a outras sete localidades.

Ese mesmo día, os catro museos da Rede Museística Provincial – o Museo de Lugo, o Museo do Mar de San Cibrao, o Pazo de Tor e o Fortaleza de San Paio de Narla- agasallarán as visitas caravel e unha reprodución dun gravado de Antonio Mourín, cun deseño inspirado no poema “Quixente tanto, neniña” de Cantares Galegos. As láminas poderán recollerse no horario habitual de apertura dos museos.

A programación da área de Cultura arredor de Rosalía tamén inclúe representacións das obras teatrais “Libre coma os paxaros”, de Teatro do Atlántico, e “A viaxe de Rosalía”, de Larraitz Urruzola, que teñen como nexo estaren inspiradas na obra e na figura da autora. A montaxe de Teatro do Atlántico, protagonizada pola actriz María Barcala, bota man de textos de Rosalía de Castro, proxeccións e música de Vadim Yukhnevich, para debullar o pensamento da autora que declara non someterse ás regras da arte no exercicio da súa actividade creativa e adopta unha posición de compromiso coa lingua do seu país e de denuncia da traxedia da emigración ou das condicións de vida das mulleres.

“A viaxe de Rosalía” é un espectáculo de monicreques unipersoal sobre Rosalía de Castro, representado pola narradora e titiriteira Larraitz Urruzola que, con maletas cargadas de monicreques, teas, zapatos e libros, achega ao público á biografía da autora e a parte da súa obra.

O muralismo terá un ano máis o seu lugar nesta programación cultural. Rubén Paz, Ana Santiso e Pablo Lage, coñecido como Van Kraft, realizarán murais homenaxe á autora en distintos espazos públicos, atendendo ás peticións de concellos, asociacións e centros escolares. En total, realizaranse nove intervencións artísticas.

 

A antropóloga Beatriz Busto presenta na Pobra do Brollón o seu libro sobre as pioneiras Pandereteiras de Mens

A antropóloga e etnomusicóloga Beatriz Busto Miramontes presentará na Pobra do Brollón o seu libro-CD Pandereteiras de Mens, publicado o pasado decembro por aCentral Folque. A presentación será este sábado 19 ás 20:30 na Casa da Cultura Olga Novo e rematará con foliada.

O libro profunda na vida das cinco Pandereteiras de Mens, que dende a comarca de Bergantiños, cruzaron fronteiras e racharon estereotipos coa súa música. Elas son as primeiras mulleres que, sendo labregas, levaron o formato das pandereteiras aos escenarios públicos nos anos 70 e 80.

“Esta presentación é unha homenaxe a todas as mulleres que abriron camiño e permitiron que a nosa música tradicional teña a impacto de hoxe, como estamos vendo co fenómeno Tanxugueiras”, declara o alcalde da Pobra do Brollón, Xosé Lois Maceda.

O libro contén fotografías a cor, unha excelsa compilación de músicas e transcrición de letras e músicas en partitura, para o que a autora contou coa colaboración do etnomusicólogo Sergio de la Ossa.

A presentación rematará con actuación das pandereteiras de Samoeiro seguida de foliada. Dende a organización se anima aos asistentes a levar os seus instrumentos. “Con este evento retomamos a programación cultural e as implicacións positivas que ten para a vida comunitaria na Pobra do Brollón”, comenta o concelleiro de Cultura, Ricardo Rodicio.

Hai que reservar sitio no teléfono 650 624 828, preferiblemente por WhatsApp. Cumpriranse as medidas sanitarias precisas.

O Concello leva a pleno a exclusión do edificio de Correos do Catálogo de protección para construir a Intermodal

O Executivo local procederá este mes de febreiro á aprobación inicial da modificación puntual 03, non substancial, do Plan Xeral de Ordenación Municipal, para acadar a descatalogación do Edificio de Correos, sito ao carón da actual estación do Ferrocarril, logo de que a Xunta de Goberno dera a súa conformidade, en decembro, ao proxecto técnico elaborado polo Servizo de Arquitectura que recollía os cambios a realizar no ámbito territorial da ficha L-m53 do Catálogo de Protección do PXOM no que, de forma errónea, se atopaba incluído o devandito inmoble.

O trámite supón avanzar na materialización, por parte do Concello, das competencias que este tiña asignadas no protocolo de colaboración que mantén coa Xunta de Galicia e o ADIF para posibilitar a construción da Estación Intermodal de Lugo.

Pese a que resultaba notorio que a similar catalogación dos dous inmobles obedecía a un erro – xa que entre o da Estación (anterior a 1893) e o de Correos (posterior a 1977) dista case un século – a Xunta mudou de opinión opoñéndose a acelerar a súa corrección pola vía interpretativa, inicialmente acordada, e impedindo que a emenda se alcanzara coa aprobación dun informe de interpretación de interese público. Un cambio de criterio contrario á simplificación da tramitación e que dilatou o procedemento considerablemente.

A alcaldesa explicou que, logo deste traspés e tras recibir o informe favorable do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias ao proxecto elaborado polo Concello, a modificación deberá ser validada agora polo Pleno para, a continuación, someterse a exposición pública polo prazo dun mes, periodo tralo cal – así como da resolución das posibles alegacións que se presenten – o expediente será remitido á Consellería de Urbanismo para que emita informe vinculante.

En caso de ser positivo, a Administración local procederá á súa aprobación definitiva coa posterior publicación do acordo no DOG e á remisión dun exemplar do PXOM coa modificación puntual xa incorporada á Consellería de Medio Ambiente para a súa inscrición no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia, paso imprescindible e definitivo para darlle eficacia ao acordo.

A rexedora lembrou que, acolléndose ás indicacións realizadas dende Patrimonio Cultural para a redacción do proxecto, o equipo técnico revisou a contorna de protección do edificio da estación do ferrocarril e estableceu os condicionantes necesarios tanto para a salvagarda do ben protexido como da devandita contorna, sen que isto supuxera a cualificación do mesmo como ben catalogado.

A rexedora lucense apelou ao cumprimento dos compromisos anunciados polos organismos públicos para materializar a dotación e quixo destacar a importancia de axilizar todo o posible o procedemento “para que Lugo poida contar o máis axiña posible cunha infraestrutura que resulta vital para incrementar a nosa competitividade e conectividade co resto do país”, concluíu.

Socialistas de Monterroso critican que o Goberno non resolva a praza de arquitecto municipal

O Voceiro do PSOE en Monterroso, Rafael García criticou hoxe o “lamentable espectáculo” que esta dando o equipo de Goberno de Monterroso sobre a contratación temporal dunha praza de arquitecto municipal, nun procedemento administrativo que comezou fai mais de seis meses e que a día de hoxe aínda non foi resolta. E insisten nas súas criticas “que vamos a esperar do Equipo de Goberno do Concello de Monterroso no que que atinxe á xestión urbanística do noso concello, si nin tan sequera foron capaces de resolver o proceso de selección do técnico municipal”.

Ademais critican que este posto de traballo, que aparece recollido na RPT do Concello e que conta polo tanto coa conseguinte consignación orzamentaria, non se cubra polo procedemento ordinario, regularizando así deste xeito a praza deste técnico municipal que é imprescindible para o funcionamento do Concello.

Segundo a cronoloxía dos feitos, a principios do ano 2021 o Concello de Monterroso presentou unha proposta para participar no Plan Único da Deputación, no que se incluía o apartado de Depuemprego a contratación dun Arquitecto municipal a tempo completo por un período de 12 meses. E tendo que estar xustificada esta contratación a 31 de outubro de 2022, sen supoñer  un só euro para as arcas municipais esta contratación, sufragando integramente os custes a Deputación a través do investimento do Plan Único.

limpeza desfinfección contenedores

Confírmase a adxudicación do contrato de limpeza viaria e recollida de lixo tras desestimar o TACGAL os recursos presentados

O novo contrato para o servizo de limpeza viaria e recollida de lixo entra na súa fase final.

O Tribunal Administrativo de Contratación Pública resolveu onte os recursos presentados polas empresas Cespa Compañía Española de Servicios Públicos Auxiliares e Ascan Servicios Urbanos contra a exclusión das súas ofertas, levantando asemade a suspensión do proceso polo que o Concello de Lugo poderá proceder agora á adxudicación da concesión.

A mesa de contratación, determinara o pasado día 3 de decembro, logo de valorar ás empresas que chegaran coa mellor puntuación ao final do procedemento, propoñer á UTE integrada por Copasa, Geseco e Setec Building como a adxudicataria por presentar a oferta máis vantaxosa para os intereses municipais.

O tenente de alcaldesa e concelleiro de Medio Ambiente lembrou que á licitación, que comezou en xullo de 2020, concorreron oito empresas e para avanzar durante todo este tempo tiveron que resolverse varios recursos que presentaron aquelas que ían resultando excluídas. Agora, nun proceso que é totalmente garantista, queda demostrado que o Concello deu sempre pasos en firme para poder culminar o procedemento canto antes, tendo en conta que se trata dunha das concesións que, con maior urxencia, precisa actualizar a cidade”.

O edil lembrou que “xa a propia Alcaldesa de Lugo deu conta do cambio cuantitativo e cualitativo que suporá este contrato na mellora das prestacións pero tamén na percepción que a cidadanía terá sobre a calidade da mesma”.

A licitación, que terá unha duración de dez anos improrrogable, suporá un investimento de 134’1 millóns de euros, o que a converte na de maior contía económica do municipio xa que suporá ao redor do 13% de cada orzamento anual. Un incremento que case duplica ao do contrato anterior.

O novo servizo incluirá a execución de todas as operacións precisas para a consecución da mellor limpeza posible dos espazos públicos, beirarrúas, calzadas e zonas peonís, incluídas as manchas no pavimento, as follas ou froitos do arboredo, os residuos voluminosos, así como os excrementos de animais e as herbas que proliferan nos bordos, beirarrúas e escaleiras, ademais das pintadas. Tamén como tarefa ordinaria contemplará o aseo e baleirado de papeleiras e incrementarase non só a frecuencia coa que se realizan os labores, senón tamén o número de dispositivos especiais que se desenvolverán acordes a existencia de áreas de alta densidade residencial, contornas industriais, ou zonas como o mercado, praza de abastos, mercadiños ou espazos de ocio, axustándose ás necesidades específicas de cada un deles.

A adxudicataria deberá, ademais, renovar a totalidade dos colectores actuais – case 3.700 en todo o termo municipal – e aumentalos ata un mínimo de 4.200, incorporar a recollida selectiva orgánica, de aceites, téxtil e a compostaxe individual e comunitaria e incrementar o persoal, a maquinaria e os vehículos, que deberán ser de gas natural, eléctricos ou híbridos. Igualmente, outros dos requisitos que figuran nas bases é a creación dunha planta de gas para a subministración de todo o parque móbil municipal.

Para a rexedora, este contrato suporá un fito co que avanzar na segunda transformación do Lugo verde e amable, deseñado xa durante o anterior mandato e que situará ao concello na vangarda como un referente en limpeza, pero tamén en parámetros sociais e de sustentabilidade. Deste xeito, outras das imposicións determinadas no expediente incentivan o emprego de produtos reutilizables, reciclables ou valorizables, a redución de emisións contaminantes e sonoras, a aplicación de tecnoloxías eficientes que minimicen os consumos de enerxía, etc… co fin de provocar o menor impacto medioambiental posible e evitar molestias á veciñanza.

Taranis

Con nome de deus mítico, apareceron de novo no tempo do outono na capital lucenses para evidenciar que os veteranos roqueiros non só non morren senón que demostran a súa vitalidade cando convén ás súas traxectorias musicais e á mesma historia lucense.

Taranis, para os máis vellos dos nosos máis vellos devanceiros era un deus que se manifestaba polo trono, a luz e o ceo, marcaba os ritmos do día e da noite, o tempo e o infinitivo. Que un grupo musical se bautizara así hai case catro décadas era toda unha declaración de principios sobre o papel que a música tivo nos nosos devanceiros e ten agora e sempre para todos os humanos sensibles ao pasado, o presente e o inextricable futuro.

Dos Taranis que a historia musical sitúa cando o século XX comezaba a envellecer, queda como vínculo directo o veterano e incombustible Manuel Pajon que o fixo renacer, reverdecer, comezando a traballar temas inéditos baixo o título conxunto de “Mundo idiota!”, que daría nome ao recente disco, tendo como voz solista e saxo alto a Pachi Mouriño, histórico da música lucense, aos que acompañan Eduardo Garcia, Neno Vázquez Tallon, Jorgito Delgado, Diego Fernández Bustillo, José Fontao e Carlos José Veloso (Pichi).

Coa lembranza ao prematuramente desaparecido Pedro Vila, asomaron con forza e sobre todo con ilusión, nunha madureza potente e vibrante, que leva consigo a experiencia de cada un deles de mais de medio século de música, e o desexo de seguir vivos por seguir músicos, ofrecendo aos lucenses unha nova imaxe dun grupo musical que fixo historia, e que a vai seguir facendo porque a historia é unha sucesión de feitos, de fitos, pero sobre todo a plasmación física dunha fe, dunha sede musical, de ánsia de confesar que viviron e, sobre todo, que teñen toda a vida –e toda a música- por diante para disfutar e facernos disfrutar a todos os galegos.

Os seus temas falan da terra, dos ríos, do vento, de cantos e de viaxes, de amor e de Galicia, de forza e de ilusión. Nunha totalidad de sentimentos que rotulan globalmente como “Mundo idiota”, quizais porque –como a todos nós- o mundo actual non lles gusta, e saben que os cambios precisos non se van producir nin pola política, nin pola economía, nin pola evolución social… Saben que únicamente a sensibilidade, as artes, a música… poden dulcificar o panorama sombrío que nos teñen construido, pretendendo dar a entender que nós somos os culpables.

Definen a súa actualidade musical como folk-rock-progresivo, e a min paréceme que hai que denominar a súa música como sons de sempre, do país, de xente moza por dentro que por fora peina canas, que nos retrotrae a un tempo de ilusión no que todo era posible, na que os enemigos eran de fóra e de lonxe, nos que a música era un bálsamo para todas as dores e mancaduras; máis aínda: era o pasaporte directo ao futuro.

Eu desexo para os amigos de Taranis o mellor dos éxitos, ou, o que é o mesmo, o recoñecemento dos seus paisanos e amigos, a comprobación da victoria da música e das ilusións sobre o tempo, a incomprensión, a soedade, as correntes e os gustos… e que todos os lucenses/galegos saibamos ver neles uns resistentes victoriosos, disfrutadores das meles da madureza, que en cada nota fan asomar anacos de vida. E que se Taranis era un deus máximo para os máis vellos dos nosos máis vellos devanceiros, protexa a súa traxectoria cara xalundes sendo proa, rella, nun camiño musical, no que sempre nos terán á súa beira e após deles, como apoios morais, e seguidores confesos da súa fe na música e no país.

(Este comentario escribiuse para ser publicado a comezos de 2020. Pero o Covid, como moitas outras cousas, arquivouno ata hoxe. Xa que os tempos parecen abrirse de novo, agardamos para Taranis que, de novo, viva a música!)

20 centros educativos participan no ‘EduReferentes’ para fomentar unha orientación vocacional libre de estereotipos

Un total de 20 centros educativos van participar este curso no EduReferentes, un programa dirixido aos centros  educativos públicos co que se busca dar a coñecer o papel de referentes femininas nas aulas e, deste xeito, contribuír  a favorecer a igualdade desde idades temperás.

A iniciativa, impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade en colaboración coa Asociación Executivas de Galicia, está dirixida ao alumnado das etapas de Educación Secundaria Obrigatoria e de Formación Profesional Básica, para que -a través de charlas e sesións de mentorización- teñan a oportunidade de coñecer novas referencias femininas no ámbito profesional e, deste xeito, que a mocidade dispoña de novas ferramentas para unha orientación vocacional libre de estereotipos de xénero.

O programa inclúe charlas e sesións prácticas nas que profesionais referentes galegas de éxito de diversos sectores se achegarán ás aulas para dar a coñecer a súa experiencia a través de encontros e mentorías individualizadas para potenciar as habilidades persoais dos alumnos. Trátase de sesións de 50 minutos onde o alumnado terá a  oportunidade de traballar diferentes habilidades sociais e de comunicación baixo a supervisión destas mulleres referentes.

O departamento de Orientación de cada un dos centros adheridos ao programa será o encargado da súa coordinación.

Ecoloxistas en Acción amosan o seu apoio aos axentes forestais tralos ataques recibidos

O colectivo, Ecoloxistas en Acción Sarria-Monforte, vén de amosar, nun comunicado aos medios, o seu apoio aos axentes forestais e un comunicado de denuncia ante os ataques recibidos por un axente en Oza-Cesuras.

Os feitos remóntanse á pasada semana cando un axente forestal foi agredido cunha forcada na cara por un individuo identificado como o causante de provocar un incendio en Oza-Cesuras (A Coruña). Por tal motivo, centos de axentes forestais e ambientais de Galicia concentráronse o pasado mércores nos distintos distritos para mostrar a súa repulsa pola agresión sufrida a un dos seus compañeiros e pediron que se poña fin a unha situación “que se repite con frecuencia”.

“Moi poucas veces fálase do traballo dos axentes forestais e dos riscos que este conleva”, denuncia Ecoloxistas en Acción. Precisamente o mesmo día que se producía a agresión en Oza-Cesuras, outro axente acudía ao xulgado de Verín a declarar contra un veciño que tiña unha plantación ilegal de eucaliptos e que lle ameazaba de morte.

“Parece ser que cando un axente forestal realiza a tarefa que lle é propia: vixiar e protexer o medio natural e velar polo cumprimento da lei, a súa propia integridade física pode chegar a poñerse en perigo”, critican.

Ecoloxistas en Acción Sarria Monforte manifestou, asemade, o seu agradecemento a quen realiza este labor cunha implicación que transcende o meramente profesional. Así mesmo, solicita un apoio claro e contundente por parte da Xunta para estes axentes, xa que se puxo de manifesto que desgraciadamente, necesitan protección cando realizan o seu traballo.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com