" />

Tomé comparte o seu proxecto a futuro con sindicatos da provincia

José Tomé Roca, candidato á Secretaría Xeral do PSdeG na provincia de Lugo, mantivo un encontro con representantes das organizacións sindicais para dar conta do seu proxecto. O socialista está a manter reunións para presentar a súa folla de ruta de forma previa ao Congreso do PSdeG na provincia de Lugo, que se celebra este vindeiro domingo, 20 de febreiro.

No encontro cos sindicatos, o socialista incidiu na importancia da política como unha ferramenta “ao servizo dos traballadores e traballadoras”. De feito, Tomé Roca fixo referencia aos seus inicios como sindicalista, antes de formar parte da política activa no PSdeG.

Ademais, Tomé Roca incidiu na continuidade deste contacto entre o partido socialista e os sindicatos. “O meu proxecto para o PSdeG estará sempre disposto ao diálogo e ao traballo conxunto coas forzas sociais”, finalizou. “Buscamos impulsar a participación, non só dentro do PSdeG, tamén coa sociedade lucense, implicando aos axentes sociais, ao tecido produtivo e asociativo e coa cidadanía en xeral para ser un partido aínda máis útil á sociedade”, sinalou.

O candidato a liderar os socialistas na provincia compartiu cos sindicatos as súas liñas de acción para os próximos anos, entre as que destaca “un impulso ao emprego digno, de calidade e sostible, sobre todo no emprego rural, xuvenil e feminino”.

Tomé Roca tamén expuxo ante as forzas sindicais a súa preocupación por alcanzar unha igualdade social e laboral entre homes e mulleres, así como a defensa do rural para asentar poboación como unha prioridade absoluta. “Debemos tamén apoiar aos sectores produtivos estratéxicos da provincia: o gandeiro, o forestal, o do mar, o turismo ou a cultura, para o que debemos aproveitar os fondos europeos”, engadiu o socialista.

Nesta mesma liña, o socialista incidiu na importancia de “defender o Estado de Benestar, garantindo a sanidade, a educación, as pensións e a dependencia”. Como exemplo, Tomé Roca falou das residencias impulsadas pola Deputación de Lugo, “que garante o benestar do usuarios e o emprego no rural”.

O socialista incidiu tamén na necesidade “dun plan industrial para a provincia de Lugo e para A Mariña, ademais de infraestruturas que nos permitan ser máis competitivos”. Tamén subliñou a importancia da innovación, “ligada á Universidade pública, que nos permitirá desenvolver o tecido produtivo e o rural”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo