Novas

Máis de 600 socialistas avalan a candidatura de José Tomé a Secretario Provincial

José Tomé Roca, Alcalde de Monforte de Lemos e Presidente da Deputación de Lugo, presentou este domingo os avais para formalizar a súa candidatura ás primarias á Secretaría Xeral do PSdeG na provincia de Lugo. A candidatura de José Tomé acadou un importante respaldo no conxunto da provincia, xa que reuniu máis de 600 avais, máis do dobre da cantidade máxima fixada polos estatutos do partido para poder participar neste proceso.

“Quero agradecer ós compañeiros e compañeiras esta mostra de respaldo, que é moi importante en termos cuantitativos, pero tamén dende un punto de vista cualitativo, xa que os avais proceden do conxunto da provincia, de todas as comarcas”, subliñou o Alcalde de Monforte e Presidente provincial.

“Na presentación da candidatura dixen que quero un partido forte, unido e integrador, que garanta o intercambio de ideas e de comunicación entre a militancia. É unha satisfacción comprobar que moitos compañeiros e compañeiras de toda a provincia o entenderan así e decidiran darme o seu aval”, asegurou.

A proclamación oficial das candidaturas terá lugar a vindeira semana, entre o 10 e o 14 de xaneiro, e a campaña de información á militancia desenvolverase entre os días 15 e 29 deste mes. José Tomé explicaralle ós socialistas da provincia dúas cuestións fundamentais, que xa detallou cando anunciou a súa candidatura, e que son: por que se presenta á Secretaría Xeral do Partido Socialista na provincia e para que se presenta, facéndoo dende a proximidade, con diálogo e coa vontade de poñer en común ideas para deseñar medidas concretas que fortalezan a capacidade de acción do partido na provincia.

Na presentación da candidatura, Tomé Roca subliñou que dá o paso coa vontade de poñer ó servizo do PSdeG no conxunto da provincia toda a súa experiencia política, tanto orgánica como institucional, e toda a capacidade de traballo, de organización, de propostas e de dinamismo que está demostrando no Concello e na Deputación, para, como fixo en Monforte, levar á organización ás máximas cotas de apoio electoral e de representación institucional, porque así iralle mellor á provincia de Lugo.

Para elo, propón unha estrutura orgánica, un modelo de funcionamento e un proxecto político que consolide e que mellore os resultados que ten hoxe o Partido Socialista na provincia de Lugo, de cara ás próximas eleccións municipais, e que toda esta forza municipalista sirva de palanca de impulso para contribuír e ser determinantes para lograr o cambio na Xunta de Galicia en 2024 e para manter o Goberno do Estado.

En canto ós obxectivos, como explicou tamén cando presentou a candidatura, José Tomé Roca propón catro liñas de traballo: ensanchar as bases do partido, recuperando a capacidade para ilusionar e atraer a todas as persoas que queiran traballar pola provincia de Lugo; ofrecer asesoramento técnico e político, apoio e formación, ós que poidan acudir os socialistas para facer o seu traballo diario nos concellos, para plantexar mocións, para darlles información ou para axudarlles na súa relación cos medios de comunicación, tanto nas tarefas de goberno, como na oposición; fomentar a participación para que o partido funcione como unha canle de comunicación permanentemente aberta, capaz de escoitar, de dar resposta ás dúbidas e de aportar ideas  para convertelas en propostas que sexan de utilidade para o conxunto; e máis coordinación e difusión das mensaxes para darlles maior repercusión e que cheguen a máis xente.

A Deputación de Lugo colabora coa mellora da área recreativa de Baamonde

A Deputación de Lugo colabora coa Asociación Cultural, Deportiva e Recreativa de Baamonde para a mellora da área recreativa que serve de punto de reunión para os veciños e veciñas desta contorna, pertencente ó concello de Begonte. O Presidente da institución provincial, José Tomé Roca, asinou con Ramón Parapar Corral, representante da asociación, un acordo a través do que a Deputación achega 2.838,33€.

José Tomé destacou que esta colaboración permitirá recuperar e potenciar o uso desta zona de lecer, mellorando o seu estado, o que dinamizará a actividade social na zona, algo importante para axudar a fixar poboación no territorio. O Presidente enmarcou esta axuda no compromiso da Deputación por colaborar co tecido asociativo da provincia para desenvolver a súa actividade.

Grazas ao apoio económico da Deputación, a Asociación Cultural, Deportiva e Recreativa de Baamonde procederá a reparar o mal estado deste espazo co reforzado das mesas e bancos, a través da instalación de chantos, e a colocación de pasamáns no valado perimetral para xerar un acceso ao recinto a través de portas.

Este espazo de lecer, o único que se pode atopar na contorna, atópase na Reserva da Biosfera Terras do Miño e en pleno Camiño Norte de Santiago, factores que incrementan o número de visitantes anualmente. a Asociación Cultural, Deportiva e Recreativa de Baamonde foi fundada en 1978 para a promoción cultural, artística e deportiva en xeral e o fomento de actividades de ocio e tempo libre.

O Concello de Vilalba anuncia un cribado Covid-19 os días 11, 13 e 15 deste mes

O Concello de Vilalba anunciou onte a realización dun cribado de COVID-19 na localidade, dada a situación epidemiolóxica da zona, a próxima semana. O cribado realizarase na entrada do Auditorio Municipal de Vilaba os días martes 11, xoves 13 e sábado 15 de xaneiro. O horario para realizalos será de 16:00 a 20:00 nesas tres xornadas.

O test, organizado polo Servizo Galego de Saúde (SERGAS) en colaboración co Concello, será de tipo antíxenos e salivar. Poderán presentarse voluntarias todas aquelas persoas da Terra Chá, sen residir necesariamente en Vilalba.

As persoas participantes deberán acudir co seu DNI, no caso dos menores que non teñan dito documento, poderán levar a súa tarxeta sanitaria. O procedemento do test comezará coa recollida de datos para rexistro por parte dos equipos sanitarios. A continuación, realizarase a proba ao voluntario/a.

Os resultados enviaranse por SMS. No caso de ser positivo, contactarase por teléfono para indicar as normas a seguir. Dende o Concello de Vilalba sinalan que a alcaldesa, Elba Veleiro, solicitou á Xunta de Galicia a realización dun cribado o pasado día 23 de decembro. O obxectivo era realizar o cribado antes das datas clave de Nadal, xa que nese momento se detectaba un notorio aumento de casos.

“Solicitamos á Xunta de Galicia este cribado hai máis de dúas semanas, dado que nese momento os contaxios estaban comezando a aumentar. O noso obxectivo era realizar os tests antes das reunións de Nadal, para previr contaxios”, sinala Elba Veleiro, alcaldesa de Vilalba.

“Os tests da próxima semana permitirán que detectemos os casos xurdidos estes días, pero o adecuado sería que a Xunta os realizase antes das datas importantes do Nadal, cando o pedimos dende o goberno local”, engade. Co obxectivo de limitar ao máximo os contaxios, “espero que a cidadanía de Vilalba continúe extremando a precaución”, sinala a alcaldesa. “Tamén agardo que a cidadanía mostre a súa habitual colaboración e participe neste cribado, co fin de detectar os posibles casos positivos”, engade.

Ecoloxistas en Acción alertan de que o Camiño Primitivo pode ser “atropelado” pola Xunta e o Concello da Fonsagrada

Ecoloxistas en Acción Galiza alertan que a Xunta de Galicia e o Concello de Fonsagrada aprobaron o Plan Xeral de Ordenación Municipal da localidade. Un Plan que empraza un Polígono Industrial que, segundo o colectivo, afecta de maneira considerable o Camiño Primitivo, declarado Patrimonio da Humanidade da Unesco.

Ecoloxistas en Acción Galiza xunto cun grupo de veciños solicitou ao Icomos (Comité Nacional Español do Consello Internacional de Monumentos e Sitios) un informe ante esta situación, unha vez analizada.

O Icomos emitiu así, un informe sobre a afectación ao Camiño Primitivo ao seu paso pola Fonsagrada do Polígono Industrial e a súa rotonda de acceso. No informe contémplase a posibilidade da súa localización en, polo menos, tres lugares distintos e próximos ao núcleo urbano.

A elección da actual localización só se xustifica, segundo a opinión dos ecoloxistas, por “intereses partidistas da Xunta de Galicia e do Concello da Fonsagrada”. Segundo revela o informe “non é viable” o emprazamento onde se pretende construir este Polígono Industrial.

No Plan Xeral de Ordenación Municipal da Fonsagrada non se aprecia sensiblemente a necesidade inmediata deste Polígono, tendo en conta que a 30 Km. en Cádavo-Baleira leva máis de 10 anos construído un Polígono industrial, no que soamente se construíron dúas naves, unha que serve de almacén e a outra sen ningún tipo de actividade, estando mellor situado que o da Fonsagrada, a 15 Km. da Autovía A Coruña — Lugo — Madrid e a 30 Km de Lugo.

Ademais a 15 km do Polígono de Cadavo-Baleira constrúese o Polígono Industrial de Castroverde, que leva máis de 5 anos executado e con só dúas naves construídas sen ningún tipo de actividade, e mellor situado que os anteriores.

A Semana do Cine de Lugo abre o prazo para a presentación de filmes

O Grupo Fonmiñá vén de convocar a cadraxésimo cuarta edición da Semana de Cine de Lugo, que se vai celebrar do 19 ao 24 do próximo mes de setembro. A Semana de Cine de Lugo celébrase na cidade desde 1979, promovida polo Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá, co apoio da Deputación Provincial de Lugo, Concello de Lugo e Xunta de Galicia, e a colaboración da Universidade de Compostela-Campus de Lugo.

Con esta convocatoria ábrese oficialmente o prazo de presentación de películas (Longametraxes e Curtametraxes) para conformar a programación oficial da Semana. A presentación de películas poderá efectuarse ata o 2 de maio do presente ano.

Poderán presentarse películas producidas entre 2020 e 2022, inclusive, e non poderán exhibirse nin editarse comercialmente en España en salas públicas (agás en festivais), televisión, VoD ou webs antes do 19 de setembro próximo.

As obras terán que ser de ficción (imaxe real ou animación) con máis de 60 minutos de duración en longametraxes. As curtametraxes non poderán exceder de 30 minutos. Será imprescindible o subtitulado en castelán naquelas copias cuxo idioma orixinal sexa galego, inglés ou outro calquera. As películas que non cumpran este requisito quedarán fóra desta convocatoria. Algúns dos títulos que se seleccionen en calquera das seccións e de acordo entre ambas as partes (Festival e Representante), poderán exhibirse en streaming (online) a través das canles oficiais do Festival.

A Competición Internacional da 44ª edición da Semana de Cine de Lugo estará dotada de 6.000 euros en premios, (repartidos nas súas distintas seccións) con cargo á aplicación orzamentaria do certame e suxeitos ás vixentes retencións que marca a lei. (Premios concedidos unicamente ás películas servidas por Festhome, Click For Festivals e Cinema por inscrición tradicional). As películas presentadas optarán aos seguintes galardóns:

– Mellor Película da Sección Oficial (Premio do Público): 3.000 euros.

– Premio do Xurado “Muralla de Lugo” para a Mellor Película do Cinema das Nacionalidades: 1.500 euros.

– Premio do Xurado á Mellor Película Documental: 500 euros.

– Premio do Público á Mellor Película Galega: 500 euros.

– Premio do Público á Mellor Curtametraxe: 500 euros.

Poderán concursar as persoas físicas ou xurídicas con capacidade de obrar (produtores, directores, distribuidores) que posúan o debido control legal sobre as obras que presenten a concurso. A persoa ou entidade (ou o seu representante) que asine o formulario autorizando a inscrición será considerado polo Festival como único interlocutor válido para tratar aspectos relacionados coa participación da película no evento e como único responsable fronte a outras persoas ou empresas que participen na produción da película.

A seguridade privada que traballa nas administracións galegas mobilizarase para reclamar o pago das súass nóminas

A Federación de Traballadores de Seguridade Privada  da USO ( FTSP-USO) convocou concentracións diante de varios organismos públicos nos que é adxudicataria dos servizos de seguridade a empresa Mersant Vixilancia, ante a falta de pagamentos de salarios que veñen sufrindo os Vixiantes de Seguridade adscritos aos mesmos.

As primeiras concentracións convocáronse en Santiago, diante do edificio administrativo da Xunta de Galicia así como fronte o Edificio do Consorcio, en Coruña se manifestarán diante da Casa do Concello; malia que non descartan ampliar as mobilizaciones a outras cidades galegas.

O sindicato pide aos clientes desta compañía de seguridade que se involucren para buscar unha solución á situación que están a vivir  estes traballadores, e que inicien todos tramítelos legais necesarios para a rescisión de contratos con esta empresa incumplidora e adxudiquen estes servizos a outras empresas solventes do sector da Seguridade Privada.

A empresa Mersant Vixilancia, conta coas Administracións Públicas de todo o Estado como principais clientes. En Galicia, son adxudicatarios de servizos en organismos como a Xunta de Galicia e o Concello da Coruña, entre outros. Esta mercantil xa informou a traballadores e os seus representantes das dificultades económicas que está a atravesar. Cualifica a súa situación como “delicada”, e que por iso non poden facer fronte ao pago en tempo e forma das nóminas.Desde a FTSP-USO destacan ademais, a débeda de Mersant Seguridade coa Facenda Pública, que xa rolda na actualidade os 3 millóns de euros.

O Concello mellorará a accesibilidade das persoas con perda auditiva no edificio administrativo

O Concello de Lugo implantará un sistema intelixente Smart no edificio administrativo do Seminario para mellorar a accesibilidade das persoas xordas e con perda auditiva. Así o avanzou a rexedora, quen subliñou que “con este proxecto pretendemos avanzar cara a unha cidade de referencia en materia de accesibilidade, continuando co traballo que estamos desenvolver dende o executivo para eliminar as barreiras, tanto físicas como sensoriais, que resultan un impedimento para as persoas con diversidade funcional”.

Trátase dun sistema baseado na intelixencia artificial mediante o recoñecemento de sons que se instalará na planta baixa e na segunda planta do edificio de servicios administrativos do Concello, onde se sitúan os departamentos con servizo de atención ao público. “Deste xeito, buscamos dotar dun sistema de accesibilidade auditiva ao Seminario, mellorando a seguridade e accesibilidade para todos os seus usuarios, e especialmente para as persoas xordas ou con perda auditiva”, apuntou a alcaldesa.

O proxecto, impulsado pola área de Benestar, contempla a instalación de dous sistemas de intelixencia artificial, un en cada planta do edificio, que recollerán as alertas sonoras (como por exemplo, alarmas de incendio, avisos de turno, timbres, etc.) e as amosarán en forma de notificacións visuais e sensoriais a través das luces do edificio, así como nos dispositivos smart das persoas usuarias (smartphones, tablets, smartwatch…) a través da app Visualfy, de descarga gratuíta.

Para mostrar as alertas en forma visual, instalaranse catro lámpadas de sinalética distribuídas en corredores e salas de espera das plantas mencionadas. Estas lámpadas funcionan como luces de emerxencia, isto é, mostrarán as alertas mesmo se hai un corte de luz ou caída da internet. Xunto a cada lámpada colocarase un cartel informativo para explicar o funcionamento da solución, mostrar o código de cores das alertas e indicar ao usuario como subscribirse ao edificio.

Ademais, terase especialmente en conta garantir a accesibilidade nos baños, que adoitan ser puntos cegos de accesibilidade. Para iso, instalarase un plafón cunha lámpada wifi E-27 en cada un deles, un total de seis nas dúas plantas mencionadas. Estas luces pasarán desapercibidas, pero en caso de emerxencia ou necesidade de notificación, iluminaranse da cor determinada para iso.

No resto de espazos do edificio os usuarios que o desexen poderán recibir as notificacións de maneira directa nos seus dispositivos conectados.

“En caso de incendio, por exemplo, as lámpadas de sinalética acenderíanse en vermello e serían visibles desde calquera parte do edificio mesmo sen internet ou sen electricidade, garantindo a súa seguridade en todo momento. Mentres que os usuarios recibirán unha alerta no móbil ou dispositivo smart que se determine”, explicou a rexedora.

Dende o panel de control do sistema poderanse crear mensaxes personalizadas para mandar, de forma accesible, a traballadores e usuarios. As diferentes alertas mostraranse en todo o edificio a través das luces instaladas, as lámpadas de sinalética e as alertas que recibirán os usuarios que teñan a app de Visualfy instalada.

Cómpre subliñar que esta solución de accesibilidade, ao estar baseada en intelixencia artificial e IoT (Internet of Things), permitirá a súa mellora continua, flexibilidade e escalabilidade. “Non só mellorará a experiencia de usuario de persoas con perda  auditiva, senón que incrementará a seguridade e saúde de todos os traballadores, creando unha contorna laboral libre de ruídos innecesarios”, concluíu a rexedora.

O proxecto enmárcase na estratexia DUSI Muramiñae, financiada ao 80% pola Unión Europea a través do FEDER, que ten entre os seus obxectivos mellorar o uso e a calidade das TIC e o acceso ás mesmas. Dentro deste obxectivo, o Concello está a traballar na mellora da administración electrónica e no desenvolvemento da cidade como Smart City.

Os Concellos da Terra Chá suman máis de 3,7M€ co Plan Único da Deputación

A Deputación de Lugo investirá máis de 3,7 millóns de euros nos concellos da Terra Cha a través do Plan Único 2022, ao que o Goberno destinou no conxunto da provincia unha dotación económica de 21,5M€. As bases xa foron aprobadas no Pleno de decembro e neste mes de xaneiro abrirase o prazo para que cada entidade local poida solicitar os investimentos e accións a financiar con estes fondos provinciais.

O Presidente da Deputación de Lugo explicou que os concellos de Abadín, Begonte, Castro de Rei, Cospeito, Guitiriz, Meira, Muras, A Pastoriza, Pol, Xermade e Vilalba percibirán “máis de 3,7M€ para o mantemento e mellora de servizos públicos e infraestruturas, para fomentar o emprego, e tamén para axudarlles a impulsar o tecido produtivo e asociativo municipal”. Os gobernos locais poderán solicitar as vindeiras semanas os investimentos e accións que considera máis relevantes para adxudicar estes fondos provinciais.

O presidente subliñou que “dentro do noso compromiso de máxima cooperación cos concellos, cada ano tratamos de incorporar melloras no Plan Único, sempre pensadas para facilitarlles a planificación e a xestión dos investimentos e para que estes fondos sirvan da mellor maneira posible para atender as necesidades dos seus veciños e veciñas”. Este ano, como novidade, a Deputación simplifica a tramitación aos concellos, que só deberán enviar a documentación que acredite e xustifique debidamente as actuacións realizadas, eliminando prazos intermedios.

O Presidente destacou así mesmo que, “por segundo ano consecutivo dende que existe este programa provincial de investimentos, as bases foron aprobadas no ano anterior ao seu período de vixencia”. “Trátase dun fito moi importante para os concellos, porque lles permite traballar con moita maior previsión, poden empezar as obras nos meses de primavera e verán, a época máis axeitada para facelo, e tamén terán máis tempo para executar as actuacións que financian con cargo ao Plan Único”, explicou o dirixente provincial.

Ademais, os concellos poderán imputar os gastos de contratación de persoal dende primeiros deste ano ao abeiro do Plan Único 2022, o que favorecerá a creación de postos de traballo. A Deputación de Lugo aplica criterios que son públicos e obxectivos para a distribución dos fondos, como a poboación, a superficie, a dispersión territorial e a taxa de envellecemento. Ademais, fixa un máximo de 500.000€ para os concellos de máis habitantes e de 200.000€ para os concellos que teñen menos.

O PP ve nos danos do carril bici “o mellor exemplo do fracaso dunha obra imposta”

O carril bici do Concello de Lugo segue a ser noticia na cidade, sempre negativa, pero agora polas eivas que presenta, a pesar de nin terse nin inaugurado, xa que hai zonas nas que a pintura xa está borrada ou, directamente,  desapareceu.

Para o vicevoceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, queda clara “a chapuza” que Lara Méndez está a facer co carril bici, unha obra que puido ser interesante para a cidade, pero sempre que se houbese realizado un proxecto estudiado e non a calzador nun único barrio da cidade, eliminando centos de prazas de estacionamento e afundindo a todo un barrio da cidade.

Explica o concelleiro popular que, por exemplo, no cruce da Rúa Santiago coa Ronda do Carme a pintura xa desapareceu nun treito, unha mostra da “chapuza” que o goberno de Lara Méndez está a realizar. Ademais o trazado e os pasos de peóns que quedan nese punto, son un verdadeiro perigo para peóns, ciclistas e condutores. Pero coma este hai máis exemplos, xa que na contorna da Residencia tamén está comezando a desaparecer a pintura en diferentes zonas.

Deficiencias detectadas gracias a que o Grupo Municipal do Partido Popular segue en contacto con colectivos veciñais, que seguen a reivindicar que se corrixa o trazado do carril bici xa que xera máis problemas dos que soluciona e afirman que ante a eliminación de centos de prazas de aparcamento en diversas rúas do barrio da Residencia, hai veciños “fartos desta situación” que comezaron a estacionar no carril bici ante a imposibilidade de atopar un sitio para deixar o seu vehículo. “Está claro que dende o PP non podemos amparar este tipo de conductas, pero a realidade é que é preciso dar solucións urxentes a todos os afectados, algo que defendemos dende hai meses”, apuntou.

Outro claro exemplo é a dificultade para a circulación na Ronda do Carme, onde os vehículos de emerxencias teñen serios problemas para circular, sendo o exemplo máis claro unha ambulancia que estivo a piques de non poder pasar e quedar atrapada cando ía a atender un atropelo. Situación que se repetiu en varias ocasións, e que se agravará cando se poña en funcionamento o Centro integral de Saúde e a base do 061 no barrio da Residencia.

O Concello do Incio falla o concurso de decoración de vivendas polo Nadal

O Concello do Incio falla o concurso de decoración de vivendas polo Nadal que contou cun total de 16 participantes de diferentes parroquias do municipio.

O xurado, que estivo formado por Begoña Otero Fernández, directora do C.E.I.P. Ricardo Gasset do Incio; Mª Elena Rodríguez Losada, monitora do obradoiro de emprego de Bóveda, O Incio e Brollón; e, Asier Maceda González,  administrativo do Concello do Incio, destacou a boa resposta da veciñanza da localidade.

Así, o primeiro posto (na imaxe) foi para Luis López Arias, que será premiado con 150 euros; o segundo premio (100 euros) levouno Pilar López Vide, e o terceiro, cun total de 50 euros, foi repartido entre os dous gañadores: Silvia Macía Díaz e Manuel Veiga Veiga.

Este concurso consistía na decoración de vivendas, fachadas e balcóns polo Nadal, coa finalidade de promover e contribuír a crear un ambiente festivo no Concello nesta datas.  Os participantes recibirán os seus premios nos vindeiros días.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com