Novas

Socialistas de Antas propoñen ao pleno financiar o transporte para vacinarse

O Concello de Antas de Ulla celebrou hoxe un pleno extraordinario logo da petición dos catro concelleiros que conforman o Grupo Socialista da localidade. Despois de que o Alcalde “deixase transcorrer” o prazo establecido
legalmente de quince días no que él mesmo podía fixar a data de celebración, o pleno segundo establece a lexislación vixente quedou automaticamente convocado para o hoxe ás 12h.

Os concelleiros do PSdeG de Antas de Ulla presentaron unha proposta ao pleno para mellorar tres servizos relacionados coa sanidade a favor dos intereses do conxunto da veciñanza.

En primeiro lugar propuxeron un acordo para que por parte do Alcalde se publique unha nova nota informativa para dar a coñecer “con total transparencia” entre a poboación o servizo gratuíto de transporte aos centros de vacinación. Que nesa nota informativa se aclaren os termos do servizo tales como: que persoas poden solicitalo, en que condicións e a onde deben dirixirse para concertalo.

Esta proposta está motivada porque no mes de marzo do 2021 o Alcalde de Antas de Ulla anunciou mediante unha nota informativa a posta en marcha no municipio dun servizo de transporte gratuíto para os veciños e veciñas que tiveran dificultades para realizar o traslado para a administración da vacina contra a covid. Aclaraba que o servizo será prestado polo parque de taxistas de Antas de Ulla e é totalmente de balde para o usuario.

Na nota informativa municipal, o Alcalde explicaba que tamén poderían facer uso deste servizo as persoas de calquera grupo de idade con dificultades para desprazarse para recibir a vacina, que é o centro de referencia para a administración da vacina entre os veciños e veciñas de Antas de Ulla. Como última cuestión a este servizo, ou máis información sobre o mesmo, poderíase solicitar chamando ás oficinas municipais ou ao servizo de taxis de Antas de Ulla. “Dende aquel momento ata hoxe pasaron meses e atopámonos neste momento inmersos na aplicación da terceira dose das vacinas fronte á covid”, explican os socialistas que critican que o SERGAS “cita ás persoas que deben desprazarse novamente para recibir a vacina, ben ao PAC de Palas de Rei ben ao HULA en Lugo”.

Por parte da veciñanza, din, preséntase “confusión e descoñecemento” sobre a prestación por parte do Concello de Antas de Ulla do servizo de transporte para desprazar aos veciños e veciñas aos centros de vacinación. Aclaran os socialistas que “o desconcerto é tal que é a propia veciñanza a que manifesta que despois de poñerse en contacto co concello ou co servizo de taxis algunhas persoas foron desprazadas gratuitamente, a outras negóuselles o servizo gratuíto e mesmo algunhas sinalan que as levaron empregados municipais en horario de traballo nos seus vehículos  particulares”.

No Pleno de hoxe, o Alcalde recoñeceu no Pleno que nas dúas primeiras fases de administración da vacina o servizo ampliouse e foi universal, algo que segundo manifestan os socialistas “fíxose sobre a marcha e sen darlle información transparente mediante notas informativas á poboación…”, agora na terceira fase de administración da vacina aclaran dende grupo socialista que “o Alcalde traspasou os límites e en lugar de corrixir erros e mellorar o servizo actuou con total neglixencia favorecendo a desinformación” engaden que “a confusión é tal que no mesmo pleno de hoxe xustificou o servizo, negou a súa existencia nesta terceira fase de vacinación e ao mesmo tempo dixo que desprazaran persoas a vacinar ata valéndose de amigos e nos casos que consideraron oportunos sen aclarar os criterios, iso si a custe cero para o Concello”.

Os integrantes do Grupo Socialista lamentan que o Grupo de Goberno non apoiara o acordo e que este servizo, que podía ser exemplo e modelo para outros concellos, un servizo que eles valoran positivamente rematara nunha “trapallada” que “escolle aos usuarios sen criterios determinados nin transparencia e en prexuízo duns fronte a outros”. “Pérdese unha oportunidade de favorecer á veciñanza e aos taxistas”.

“Son moitas as persoas dependentes, que teñen dificultades para a mobilidade, con pensións pequenas, que viven soas. Moitas delas xa acudiron a vacinarse dispoñendo de fondos do seu peto para pagar o taxi para o desprazamento o cal supón un agravio comparativo fronte ás que acuden nun transporte gratuíto pagado polo concello”, critican.

En segundo lugar, a moción socialista propoñía acordar que o Alcalde se dirixira ao SERGAS, co respaldo dos grupos municipais, para solicitar que o desprazamento do persoal sanitario do Centro de Atención Primaria de Antas se realice priorizando aos taxis con licenza en Antas de Ulla, xa que tanto médicos como enfermeiras desprázase con frecuencia a diferentes fogares deste concello para prestar atención domiciliaria a aqueles doentes que o precisan.

Neses casos os desprazamentos realízanse en taxis que non sempre pertencen ao parque de taxis de Antas de Ulla, que son os que teñen licenza neste concello. Neste caso consideran oportuno os socialistas que a través dun acordo plenario o SERGAS puidera ter coñecemento do interese de que se priorice para prestar servizos neste concello “a quen paga aquí os seus impostos”. O Alcalde “escusouse” no convenio entre o SERGAS e a Asociación de Taxistas de Galicia que “deixa fora deste transporte a aqueles que non están asociados” xa que segundo manifestou o Alcalde o servizo contrátase coa Asociación.

En terceiro lugar, e ao igual que en anteriores ocasións, pedíanlle un acordo ao Alcalde para respaldalo nunha reclamación ante o SERGAS para solicitar que se cubran as prazas de medicina xeral e enfermería durante os período de vacacións de Nadal, xa que a situación leva a que os servizos sanitarios sexan prestado durante a época de vacacións por un só profesional en medicina e outro en enfermería, incluída a asistencia sanitaria domiciliaria.

Adif cortará o tráfico ferroviario entre Monforte e Lugo durante catro meses polas obras

O tráfico ferroviario de viaxeiros entre Monforte de Lemos e Lugo verase interrompido entre o 10 de xaneiro e o 10 de maio de 2022 debido ás obras de mellora que Adif leva a cabo neste corredor. Renfe estableceu plans alternativos de transporte por estrada para os viaxeiros dos servizos afectados.

Adif acometerá durante este período actuacións en infraestrutura (obras de drenaxe, pasos superiores, noiros de trincheiras e túneles) e en vía para permitir a electrificación do tramo entre Monforte de Lemos e Lugo Mercadorías, de 75 km de lonxitude.

A execución desta fase de obras é incompatible co tráfico ferroviario, xa que leva consigo o levante da vía e instalacións en varios quilómetros do percorrido para permitir o rebaixe e sostemento nos túneles, ademais da adecuación das pontes existentes para a instalación da catenaria.

As actuacións de mellora que levan a cabo no tramo en servizo Ourense-Monforte de Lemos-Lugo teñen como  obxectivo cumprir os compromisos de Adif coa optimización das condicións de explotación comercial do traxecto en parámetros tales como a fiabilidade, o confort e os tempos de viaxe.

Entre as principais actuacións previstas figuran a adaptación da infraestrutura ás novas condicións de explotación, o cambio de electrificación de 3 kV a 25 kV no tramo Ourense-Monforte de Lemos e a electrificación a 25 kV do tramo Monforte de Lemos-Lugo.

Por outra banda, acometerase neste período a renovación da cabeceira norte da estación de Monforte de Lemos, onde se substituirán 10 desvíos por outros de tipo P de última xeración e a renovación das vías 1, 2, 3 e 4. Todas estas obras contribúen á consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible ( ODS), como é o número 9, que ten entre as súas metas desenvolver infraestruturas fiables, sostibles e de calidade.

Continúa nas rúas de Lugo ‘Xogamos pola Igualdade’

A campaña que fomenta no Nadal os xogos e xoguetes non sexistas, impulsada polo Executivo de Lara Méndez, a través da área de Muller e Igualdade, que dirixe Silvia Alonso, continúa nas rúas co obxectivo de concienciar á cidadanía e promover a igualdade de oportunidades dende idades temperás para que as nenas e nenos poidan decidir sobre os xogos e xoguetes que máis lles gustan sen que a súa elección teña connotacións de xénero.

Esta iniciativa, que se recuperou a mediados do pasado mes, céntrase en apelar á responsabilidade das familias á hora de escoller os regalos para as crianzas a través da difusión da guía Xogamos pola Igualdade. A Casa da Muller do Concello de Lugo editou esta publicación, que recolle 10 claves ou aspectos a ter en conta para unha elección libre de prexuízos sexistas, que priorice xogos potenciadores de todo tipo de habilidades, que fomenten a igualdade e a comunicación entre nenos e nenas participantes e que propicien o xogo cooperativo e sen actitudes violentas.

Deste xeito, estes días, ao igual que nas últimas semanas de decembro, a Concellería de Muller e Igualdade está desenvolvendo accións de sensibilización coa difusión de carteis e folletos cun código QR que dan acceso á devandita guía, tamén dispoñible na páxina web municipal http://concellodelugo.gal/sites/default/files/guia_xogamos_igualdade.pdf Este material xa se entregou nas escolas infantís, nos colexios, nas xogueterías e noutros establecementos de venda de xoguetes e en centros comerciais e de lecer infantil, entre outros. Tamén se difundiu entre os nenos e nenas participantes do programa municipal Aprende Xogando.

O PP pedirá amparo ao secretario do Concello se a rexedora segue a vetar a entrada dos populares ao auditorio de Magoi

Despois de entrar na cafetería do Vello Cárcere para comprobar as deficiencias que presenta esta infraestrutura que leva case cinco anos pechada, os concelleiros populares afirman que cada día está máis claro que á fronte do goberno local hai dous modelos distintos para dirixir o Concello de Lugo, en función da cor política que dirixa cada área.

O vicevoceiro popular, Antonio Ameijide, agradece ao BNG a autorización para entrar na cafetería do Vello Cárcere, unha postura que choca claramente coa negativa sistemática de Lara Méndez a autorizar o acceso ao novo auditorio de Magoi aos concelleiros populares. “Vemos claramente como hai dous modelos distintos. Por unha banda, o de Rubén Arroxo que non ten problema e autorizar o acceso a aquelas infraestruturas que dependen do BNG e, por outra parte, a negativa reiterada a entrar naqueles edificios que dependen de Lara Méndez”, sinalou.

Unha situación ante a que Ameijide pregunta “que ten que agochar a alcaldesa para negar a entrada a concelleiros desta corporación a un edificio que é propiedade de Concello de Lugo”. Unha pregunta que chega despois de que Arroxo si que permitise aos populares comprobar como a cafetería do Vello Cárcere presenta eivas importantes, como a ausencia dun aseo adaptado a persoas con mobilidade reducida ou como o chan da terraza xa precisa dunha renovación.

Ante esta situación, dende o Grupo Municipal Popular non descartan “pedir o amparo” do secretario municipal ou de aquel organismo que sexa oportuno para evitar que Lara Méndez siga a negar aos concelleiros desta corporación o seu traballo de fiscalización e control ao goberno local.

Neste senso, dende o Grupo Municipal Popular rexistraron hoxe unha nova petición de entrada ao auditorio de Magoi, para o 13 de xaneiro, “a ver se desta vez Lara Méndez autoriza o acceso para poder comprobar o estado no que se atopa esta instalación”.

Vilalba, entre os concellos dunha convocatoria de axudas de 91M€ para proxectos municipais

O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco) concederá 91 millóns de euros en axudas a concellos ubicados nas zonas de Transición Xusta. Poderán optar a recibilas os 184 municipios situados en zonas incluídas nos procesos dos convenios de transición xusta, entre os que está o Concello de Vilalba.

“É unha gran oportunidade para impulsar proxectos en Vilalba que sirvan para dinamizar a economía local, apostando sempre por iniciativas sostibles”, aseguran os concelleiros Marta Rouco e Luis Fernández. Entre as actuacións elexibles incluíronse, entre outras, a rehabilitación de edificios, aldeas, poboados ou outros tipos de infraestruturas para novos usos de carácter social; a prestación de servizos públicos ou a mellora do acceso a vivendas; os espazos destinados ao coidado das persoas ou para favorecer a corresponsabilidade familiar; a vivenda social e as vivendas para novos poboadores.

Tamén se valorará a innovación dixital e a promoción do emprendemento e o desenvolvemento económico, como espazos de emprendemento, coworking e/ou fomento da investigación e innovación, ou para aproveitamento de recursos propios do territorio e o desenvolvemento turístico. Acéptanse por outra parte proxectos de infraestruturas ambientais para a posta en valor do medio natural, a mellora de servizos ambientais e a rexeneración das zonas, como o acondicionamento ou realización de camiños, carreiros e paseos fluviais para a recuperación do patrimonio e recursos naturais, así como a creación de infraestruturas verdes e azuis, como, por exemplo, áreas de interpretación da natureza.

Adicionalmente, poderán recibir axudas os proxectos de creación de hortos urbanos/comunitarios, a creación de plantas de compostaxe ou plantas de provisión de biomasa e/ou puntos municipais de recollida de biomasa para a súa venda a centrais de enerxía ou a proxectos de transformación, restauración de terreos degradados e contaminados, ao obxecto de recuperar a biodiversidade e a flora autóctona.

Por último, poderán financiarse solucións de mobilidade sostible, como proxectos innovadores para a comunicación entre municipios ou núcleos illados de poboación, actuacións de recuperación e uso alternativo de infraestruturas de transporte existente, e a adecuación de vías urbanas e de espazos públicos para a integración e o uso ordenado de solucións de mobilidade eléctrica.

De Olano: “Con Sánchez a costa de xaneiro converteuse nun porto de primeira categoría para moitas familias”

O vicesecretario de Participación do PP, Jaime de Olano, estivo onte en Lugo onde advertiu que con este Goberno a costa de xaneiro “o será tamén de febreiro, marzo e abril” porque non fai nada para frear a imparable subida de prezos. Así o denunciou o popular facendo referencia á “harmonización de impostos” aprobada polo Goberno, que, segundo explicou “non é outra cousa que unha impresionante subida de todos os impostos na linguaxe da esquerda”.

De Olano criticou o “triunfalismo” do Goberno cos datos do paro e lembra que España segue sendo “o país co desemprego máis alto de Europa” e destacou que as comunidades gobernadas polo PP, como Andalucía e Madrid, están na cabeza en creación de emprego neto. O popular censurou, ademáis, os intentos do Goberno por “liquidar políticas que funcionan só porque son do Partido Popular”.

Jaime de Olano quixo lembrarlle aos ministros Díaz e Escrivá que os datos de redución de desemprego lográronse “grazas” á reforma laboral que aprobou o Goberno do PP e “que eles queren derrogar”. “Non é razoable nin sensato e demostra que a carga ideolóxica move a acción do Goberno”, criticou.

Subliña a preocupación das familias e as pemes pola inflación que se sitúa no 6,7%, o dato máis alto do últimas tres décadas, debido á alza do prezo da luz, o gas e os combustibles e advirte de que a inflación, tamén coñecida como o imposto aos pobres, cómese “ o aforro das familias, devalúa os salarios e reduce o poder adquisitivo dos cidadáns”, especialmente daqueles con rendas máis baixas. De Olano subliñou a proposta de Pablo Casado para reducir impostos en máis de 10.000 millóns de euros para aliviar a economía das familias, en liña coas medidas adoptadas por países como Italia ou Alemaña.

Asemade, De Olano esixiu a Sánchez que cesamento a Alberto Garzón tras as súas declaracións e cualifica de “inaudito” que un ministro poña en cuestión a calidade da carne que exporta España poñendo en risco un sector que  xera un millón de empregos e exporta por valor de mil millóns de euros. “Non pode ser que teñamos un ministerio que custa 60 millóns de euros e que se dedica a memeces como o sexismo nos xoguetes ou a nata nas roscas”.

“Garzón tense que ir a casa e deixar de estorbar e Sánchez debe rectificar esas declaracións”, dixo De Olano na súa visita a Lugo, critica a reforma laboral de PSOE e Podemos porque conlevará acabar con gran parte da flexibilidade  laboral que procurou a reforma do PP e que permitiu salvar miles de empregos cos ERTE durante a crise da pandemia e creou tres millóns de postos de traballo.

Por último, De Olano instou a Sánchez a buscar apoios entre os seus socios para sacar a reforma adiante en lugar de tentar presionar ao PP para que aprobe unha medida que vai en contra a reforma laboral que aprobou o propio  Partido Popular en 2012.

30 anos de Barrio Solidario

A Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais Distrito da Milagrosa de Lugo clausurou hoxe a 30 edición da ‘Operación Quilo’ e a ‘Operación Xoguete’, no seu local da rúa Luís Ameijide.

Ambas as campañas pretenden axudar a persoas e familias necesitadas, grazas á solidariedade da sociedade lucense e, particularmente do barrio da Milagrosa.

Neste punto, desde a entidade fan un agradecemento especial á CEL. –Confederación de Empresarios de Lugo- pola “súa implicación e chamamento ás empresas” para que fixesen donativos a favor desta causa; así como ao Colexio Galén, polo fomento da solidariedade entre o seu alumnado, materializado na entrega de material, xoguetes, roupa e alimentos.

Así mesmo, agradecen aos supermercados da nosa cidade Gadis – de Avenida da Coruña e Rúa Ourense- e Eroski –de Camiño Real e Rúa Milagrosa- por facilitar que os usuarios depositasen alí os seus donativos de alimentos, que  foron repartidos entre persoas e familias necesitadas o pasado 28 de decembro.

“Na xornada de hoxe, acompañounos a Concelleira do Concello de Lugo e Deputada provinicial Dna. Ana González Abelleira, e xunto con voluntarios desta entidade, repartiu xoguetes ás familias e nenos que acudiron ao local”.

“O agradecemento maiúsculo por parte da nosa entidade, á sociedade lucense –e en particular, deste barrio da Milagrosa- cuxa solidariedade quedou patente un ano máis –e xa van 30- e que permite seguir facendo realidade o lema A Milagrosa: o barrio solidario”.

A Universidade da Coruña deseña un modelo de vivendas comunitarias para maiores do rural

O Presidente da Deputación de Lugo xunto ao Alcalde de Xermade, Roberto García pernas, a Vicerreitora de Infraestruturas e Sustentabilidade da Universidade da Coruña (UDC), Amparo Casares Gallego, e o director da Escola de Arquitectura da UDC, e Plácido Lizancos, participou este martes na Casa Habanera de Roupar, en Xermade, na presentación dos resultados dun convenio de colaboración a través do que a institución provincial achegou 35.000€ á UDC para desenvolver un traballo de estudo e deseño dun prototipo de equipamento dotacional para persoas maiores no rural galego.

No acto tamén estiveron presentes Luz Paz Agras, doutora arquitecta e investigadora principal do traballo, e Fernando Agrasar Quiroga, doutor e director do Grupo de Investigación en Composición Arquitectónica da UDC.

A iniciativa, que se artellou en torno ás edificacións da Casa Reitoral e da Casa Habanera de Roupar e que contou coa estreita colaboración da Asociación de Veciños deste núcleo e do Concello, ten carácter experimental e define un modelo de vivendas comunitarias con servizos asistenciais, actividade sociocultural e recursos que é replicable a outros lugares da provincia e de Galicia.

O equipamento deseñado, que recibe a denonimación de Casa da Veciñanza, busca o envellecemento activo e favorecer que as persoas maiores se poidan quedar a vivir na súa localidade ou zona de residencia contando cos recursos axeitados para poder facelo, o que axuda a fixar poboación.

O Presidente enmarcou o convenio coa UDC para elaborar este traballo de estudo e deseño de novos modelos de equipamentos dotacionais para persoas maiores na aposta da Deputación “pola colaboración coa Universidade pública para apoiar a investigación e a innovación, e transferir eses coñecementos á sociedade e ao tecido produtivo para impulsar o seu desenvolvemento e progreso”. “Penso que as administracións acertamos cando nos achegamos á Universidade buscando aplicacións prácticas para a investigación ou estudos especializados sobre calquera cuestión. Así o fixemos neste caso dende a Deputación, apoiando un proxecto para elaborar un prototipo de equipamento para as persoas maiores en Roupar”, asegurou José Tomé.

O mandatario provincial agradeceu “o gran traballo” a todo o equipo universitario que participou nesta iniciativa, un labor “que supera os límites do que é unha proposta arquitectónica, e que se amplía ata configurar unha reflexión sobre a realidade sociolóxica do noso rural e dos nosos maiores”.

O Presidente puxo en valor a colaboración da Asociación de Veciños de Roupar e do Concello de Xermade para elaborar o estudo, asegurando que este é “un bo exemplo dos beneficios que ten para a sociedade a colaboración entre o movemento asociativo, a Universidade pública e as institucións”.

Así mesmo, José Tomé explicou que as políticas sociais son unha prioridade para a Deputación de Lugo. De feito, lembrou, o Goberno provincial dedícalle a este eido máis dun terzo do total dos Orzamentos da institución, que conta cun amplo sistema de protección social do que forman parte unha rede propia de centros públicos de atención a persoas maiores; a colaboración económica cos concellos da provincia para que poidan prestar o Servizo de Axuda no Fogar e o servizo de teleasistencia domiciliaria as 24 horas do día totalmente gratuíto para os usuarios e usuarias.

Neste sentido, explicou o Presidente, o modelo proposto no estudo académico da Universidade da Coruña é distinto do que ten implantado a Deputación nos seus centros de atención a maiores, pero, en todo caso, “as conclusións e as reflexións metodolóxicas” que se inclúen no traballo “servirán, sen dúbida algunha, de gran axuda de cara ao futuro, á hora de seguir deseñando equipamentos públicos que de verdade respondan ás necesidades reais dos nosos maiores e do noso rural”.

Deputación e Concello de Viveiro colaboran para impulsar o turismo no Nadal

O Presidente da Deputación de Lugo visitou hoxe o tradicional Belén Viveiro ante o Berce e as instalacións da Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual de Viveiro (ASPANANE), iniciativas coas que colabora a institución provincial. O Presidente estivo acompañado da Alcaldesa de Viveiro e tamén Deputada de Muller e Igualdade; así como da Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo.

A institución provincial colabora co Concello para ofrecer o Belén Viveiro ante o Berce cunha achega de 35.000€, que permite a instalación deste recurso que cada ano atrae a numerosos visitantes. Sitúase no entorno da Igrexa de Santa María e fronte ao convento das Dominicas, no centro histórico da cidade do Landro.

O Concello de Viveiro foi recoñecido por este proxecto na última edición dos premios Lugo Cambia ao Turismo Lucense, promovidos polo Consello Provincial de Turismo, un ente que impulsou e que preside a Deputación de Lugo.

Ademais desta colaboración económica para impulsar o turismo durante as datas de Nadal, a Deputación achega ao Concello de Viveiro 500.000€ a través do Plan Único deste ano 2022 para desenvolver actuacións municipais. Así mesmo, o Presidente anunciou un investimento de 100.000€ en Viveiro para solucionar os problemas estruturais do paseo marítimo.

CB Sarria entrega o froito da súa campaña solidaria Nadal 2021

Un ano máis, o Club Baloncesto Sarria levou a cabo a súa campaña solidaria no tempo de Nadal. Desta volta, contando coa colaboración de Área de Benestar Social do concello sarriao, e pensando, como é norma, nos nenos e nenas máis necesitados da contorna.

Así, lanzouse a mediados de decembro unha campaña de recollida de libros e xoguetes na que implicouse igualmente a familias non vencelladas directamente á entidade baloncestística. Pouco a pouco foise enchendo unha zona do vestíbulo do pavillón“ Novo Chanto” coas achegas de persoas incluso de fora do propio municipio, superando con creces o logrado en anos anteriores, e mantendo sempre as normas COVID19 para a súa entrega e recollida.

Hoxe martes 4 de xaneiro, o CB Sarria entregou todo o doado ás persoas encargadas desta labor solidaria, para que procedan a facer a súa correspondente entrega. Dende o club quérese agradecer profundamente a enorme colaboración de todas as familias e permitir así a que os pequenos e pequenas sen recursos teñan os seus xoguetes nestas datas tan propias deles e delas.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com