Socialistas de Antas propoñen ao pleno financiar o transporte para vacinarse

O Concello de Antas de Ulla celebrou hoxe un pleno extraordinario logo da petición dos catro concelleiros que conforman o Grupo Socialista da localidade. Despois de que o Alcalde “deixase transcorrer” o prazo establecido
legalmente de quince días no que él mesmo podía fixar a data de celebración, o pleno segundo establece a lexislación vixente quedou automaticamente convocado para o hoxe ás 12h.

Os concelleiros do PSdeG de Antas de Ulla presentaron unha proposta ao pleno para mellorar tres servizos relacionados coa sanidade a favor dos intereses do conxunto da veciñanza.

En primeiro lugar propuxeron un acordo para que por parte do Alcalde se publique unha nova nota informativa para dar a coñecer “con total transparencia” entre a poboación o servizo gratuíto de transporte aos centros de vacinación. Que nesa nota informativa se aclaren os termos do servizo tales como: que persoas poden solicitalo, en que condicións e a onde deben dirixirse para concertalo.

Esta proposta está motivada porque no mes de marzo do 2021 o Alcalde de Antas de Ulla anunciou mediante unha nota informativa a posta en marcha no municipio dun servizo de transporte gratuíto para os veciños e veciñas que tiveran dificultades para realizar o traslado para a administración da vacina contra a covid. Aclaraba que o servizo será prestado polo parque de taxistas de Antas de Ulla e é totalmente de balde para o usuario.

Na nota informativa municipal, o Alcalde explicaba que tamén poderían facer uso deste servizo as persoas de calquera grupo de idade con dificultades para desprazarse para recibir a vacina, que é o centro de referencia para a administración da vacina entre os veciños e veciñas de Antas de Ulla. Como última cuestión a este servizo, ou máis información sobre o mesmo, poderíase solicitar chamando ás oficinas municipais ou ao servizo de taxis de Antas de Ulla. “Dende aquel momento ata hoxe pasaron meses e atopámonos neste momento inmersos na aplicación da terceira dose das vacinas fronte á covid”, explican os socialistas que critican que o SERGAS “cita ás persoas que deben desprazarse novamente para recibir a vacina, ben ao PAC de Palas de Rei ben ao HULA en Lugo”.

Por parte da veciñanza, din, preséntase “confusión e descoñecemento” sobre a prestación por parte do Concello de Antas de Ulla do servizo de transporte para desprazar aos veciños e veciñas aos centros de vacinación. Aclaran os socialistas que “o desconcerto é tal que é a propia veciñanza a que manifesta que despois de poñerse en contacto co concello ou co servizo de taxis algunhas persoas foron desprazadas gratuitamente, a outras negóuselles o servizo gratuíto e mesmo algunhas sinalan que as levaron empregados municipais en horario de traballo nos seus vehículos  particulares”.

No Pleno de hoxe, o Alcalde recoñeceu no Pleno que nas dúas primeiras fases de administración da vacina o servizo ampliouse e foi universal, algo que segundo manifestan os socialistas “fíxose sobre a marcha e sen darlle información transparente mediante notas informativas á poboación…”, agora na terceira fase de administración da vacina aclaran dende grupo socialista que “o Alcalde traspasou os límites e en lugar de corrixir erros e mellorar o servizo actuou con total neglixencia favorecendo a desinformación” engaden que “a confusión é tal que no mesmo pleno de hoxe xustificou o servizo, negou a súa existencia nesta terceira fase de vacinación e ao mesmo tempo dixo que desprazaran persoas a vacinar ata valéndose de amigos e nos casos que consideraron oportunos sen aclarar os criterios, iso si a custe cero para o Concello”.

Os integrantes do Grupo Socialista lamentan que o Grupo de Goberno non apoiara o acordo e que este servizo, que podía ser exemplo e modelo para outros concellos, un servizo que eles valoran positivamente rematara nunha “trapallada” que “escolle aos usuarios sen criterios determinados nin transparencia e en prexuízo duns fronte a outros”. “Pérdese unha oportunidade de favorecer á veciñanza e aos taxistas”.

“Son moitas as persoas dependentes, que teñen dificultades para a mobilidade, con pensións pequenas, que viven soas. Moitas delas xa acudiron a vacinarse dispoñendo de fondos do seu peto para pagar o taxi para o desprazamento o cal supón un agravio comparativo fronte ás que acuden nun transporte gratuíto pagado polo concello”, critican.

En segundo lugar, a moción socialista propoñía acordar que o Alcalde se dirixira ao SERGAS, co respaldo dos grupos municipais, para solicitar que o desprazamento do persoal sanitario do Centro de Atención Primaria de Antas se realice priorizando aos taxis con licenza en Antas de Ulla, xa que tanto médicos como enfermeiras desprázase con frecuencia a diferentes fogares deste concello para prestar atención domiciliaria a aqueles doentes que o precisan.

Neses casos os desprazamentos realízanse en taxis que non sempre pertencen ao parque de taxis de Antas de Ulla, que son os que teñen licenza neste concello. Neste caso consideran oportuno os socialistas que a través dun acordo plenario o SERGAS puidera ter coñecemento do interese de que se priorice para prestar servizos neste concello “a quen paga aquí os seus impostos”. O Alcalde “escusouse” no convenio entre o SERGAS e a Asociación de Taxistas de Galicia que “deixa fora deste transporte a aqueles que non están asociados” xa que segundo manifestou o Alcalde o servizo contrátase coa Asociación.

En terceiro lugar, e ao igual que en anteriores ocasións, pedíanlle un acordo ao Alcalde para respaldalo nunha reclamación ante o SERGAS para solicitar que se cubran as prazas de medicina xeral e enfermería durante os período de vacacións de Nadal, xa que a situación leva a que os servizos sanitarios sexan prestado durante a época de vacacións por un só profesional en medicina e outro en enfermería, incluída a asistencia sanitaria domiciliaria.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com