" />

Vilalba, entre os concellos dunha convocatoria de axudas de 91M€ para proxectos municipais

O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco) concederá 91 millóns de euros en axudas a concellos ubicados nas zonas de Transición Xusta. Poderán optar a recibilas os 184 municipios situados en zonas incluídas nos procesos dos convenios de transición xusta, entre os que está o Concello de Vilalba.

“É unha gran oportunidade para impulsar proxectos en Vilalba que sirvan para dinamizar a economía local, apostando sempre por iniciativas sostibles”, aseguran os concelleiros Marta Rouco e Luis Fernández. Entre as actuacións elexibles incluíronse, entre outras, a rehabilitación de edificios, aldeas, poboados ou outros tipos de infraestruturas para novos usos de carácter social; a prestación de servizos públicos ou a mellora do acceso a vivendas; os espazos destinados ao coidado das persoas ou para favorecer a corresponsabilidade familiar; a vivenda social e as vivendas para novos poboadores.

Tamén se valorará a innovación dixital e a promoción do emprendemento e o desenvolvemento económico, como espazos de emprendemento, coworking e/ou fomento da investigación e innovación, ou para aproveitamento de recursos propios do territorio e o desenvolvemento turístico. Acéptanse por outra parte proxectos de infraestruturas ambientais para a posta en valor do medio natural, a mellora de servizos ambientais e a rexeneración das zonas, como o acondicionamento ou realización de camiños, carreiros e paseos fluviais para a recuperación do patrimonio e recursos naturais, así como a creación de infraestruturas verdes e azuis, como, por exemplo, áreas de interpretación da natureza.

Adicionalmente, poderán recibir axudas os proxectos de creación de hortos urbanos/comunitarios, a creación de plantas de compostaxe ou plantas de provisión de biomasa e/ou puntos municipais de recollida de biomasa para a súa venda a centrais de enerxía ou a proxectos de transformación, restauración de terreos degradados e contaminados, ao obxecto de recuperar a biodiversidade e a flora autóctona.

Por último, poderán financiarse solucións de mobilidade sostible, como proxectos innovadores para a comunicación entre municipios ou núcleos illados de poboación, actuacións de recuperación e uso alternativo de infraestruturas de transporte existente, e a adecuación de vías urbanas e de espazos públicos para a integración e o uso ordenado de solucións de mobilidade eléctrica.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo