Novas

AGORA achega as TIC ás persoas con discapacidade co proxecto Dixitalizando o rural

A asociación AGORA de Persoas con Discapacidade de Monforte de Lemos, entidade membro de COGAMI, puxo en marcha durante este ano un proxecto que pretende achegar as novas tecnoloxías e manexo de internet ás persoas con discapacidade.

Baixo o nome de Dixitalizando o Rural, por este proxecto pasaron un total de 26 persoas que aprenderon o manexo básico de equipos informáticos e aplicacións TIC para poder realizar xestións como solicitar unha cita na administración a través do uso dun aplicativo móbil, a realización de terapias a través de NeuronUp, que permite deseñar actividades de rehabilitación en diferentes áreas como a logopedia, psicoloxía ou traballo social, dando a posibilidade de ver a evolución e obxectivos acadados en cada unha das áreas de actuación.

Dixitalizando o Rural foi posible a través da financiación dos fondos do 0,7% de IRPF da declaración da renda procedentes das persoas contribuíntes que marcaron o recadro de Actividades de interese xeral consideradas de interese social e que xestiona a Xunta de Galicia. AGORA, con esta financiación, puido abastecerse de equipamento informático, tablets, equipos de sobremesa e portátiles que permitiron o desenvolvemento da actividade.

O programa tivo unha duración de 12 meses pero a entidade dará continuación o mesmo durante os vindeiros anos, xa que considera que o manexo das novas tecnoloxías é unha ferramenta fundamental para mellorar calidade de vida e autonomía das persoas con discapacidade.

A Deputación colabora co Real Aeroclub de Lugo para mellorar a depuración das piscinas

O Presidente da Deputación de Lugo e o presidente do Real Aeroclub de Lugo, Luis Abelleira Mayor, asinaron no Pazo de San Marcos un convenio de colaboración para renovar as instalacións da depuración das piscinas que a entidade ten nas súas instalacións de Castro de Rei. A institución provincial achega 30.000€ para estes traballos, que ascenden a 94.495,29€, asumindo a cantidade restante o propio colectivo.

O Club conta con dúas piscinas, unha grande e unha pequena, nas súas instalacións de Mondriz, ao carón do aeródromo de Rozas. Os traballos de mellora consisten na renovación dos equipos de filtración, desinfección, circuíto hidráulico, instalación eléctrica, electrólisis e regulador de PH das piscinas para que cumpran coa normativa vixente. Actualmente este sistema é antigo e non funciona axeitadamente.

A Deputación de Lugo colabora con estas obras co obxectivo de manter viva a afección aeronáutica que desfruta destas instalacións, ás que non só teñen acceso os socios e socias, senón que tamén acude a veciñanza da Terra Chá.

Lugo Monumental, agradecido de que os lucenses elixan o comercio de proximidade neste Nadal

Lugo Monumental considera que a campaña do Nadal foi un éxito ata o momento e confía en que no que aínda queda por diante coa noite de Fin de Ano e a de Reyes sígase coa tónica marcada.

Detectaron que o público é cada vez máis consciente da importancia dos comercios de proximidade, de manter as rúas vivas e de que só as empresas locais garanten que os impostos, os postos de traballo e mesmo as ganancias permanezan na cidade, o que redunda no beneficio de todos.

O cartel é breve pero moi explícito: “Grazas por facer as túas compras no comercio de Lugo Lugo. Enches de vida as rúas e axúdasnos a crear emprego e xerar riqueza na túa cidade”

Cs denuncia que la Banda municipal de música carece de calendario para 2022

O concelleiro de Cs, Juan Vidal-Pardo, denunciou esta mañá que a Banda Municipal de música carece de programa  para 2022. De feito, a Banda non conta con nin unha soa actuación programa para o próximo ano. Vidal-Pardo  informou que así o recoñeceu o Goberno local tras ser preguntado a este respecto polo grupo municipal de Cs durante a Comisión de Cultura correspondente ao pleno ordinario do mes de decembro.

“É inadmisible a falta de vontade política que o BNG demostra cara a esta agrupación. Desde o seu chegado ao Goberno local han demostrado unha incapacidade total para xestionar o talento que atesoura este colectivo de traballadores municipais e, o que é peor, mostraron cero interese en utilizar unha ferramenta perfecta para divulgar o patrimonio artístico-cultural lucense, desprezando así un valioso recurso municipal para difundir a nosa historia”, asegurou o edil da formación laranxa.

Vidal-Pardo criticou ademais que a área nacionalista do Goberno local fose incapaz de cubrir a vacante de director da banda, algo que “sen dúbida” supón un problema maiúsculo á hora de coordinar e dirixir o traballo dos músicos. “Tras a falta dun director ou directora amontóanse gran parte dos problemas da Banda. Trátase doutra promesa errada do Bloque. Chegaron con promesas de cambio, pero demostraron que non saben cumprir. A actividade cultural non se pode reducir a asinar unha serie de contratos menores con xente afín. Nos dous anos e medio que levan á fronte da área de Cultura non foron capaces de solucionar nin un só dos problemas expostos polos músicos ao comezo do mandato. Esiximos ao Goberno que leve a cabo as accións necesarias para desbloquear a solución”, dixo.

O edil, por outra banda, esixiu unha maior implicación da rexedora. “Non é só un problema do BNG, a alcaldesa debe comprometerse neste asunto. É unha auténtica vergoña a súa facilidade para poñerse de lado nos asuntos espiñentos. Do mesmo xeito que invadiu as competencias dos seus socios de Goberno para interceder na organización do San Froilán, Méndez debe actuar agora. Non pode asumir ou rexeitar competencias en función dunha cuestión de mero oportunismo político fixándose unicamente no rédito reputacional”, concluíu o concelleiro.

Máis do 60% da poboación da Mariña perdeu a asistencia presencial de paliativos/HADO

A Plataforma Sanitaria da Mariña dá voz á denuncia pública dun paciente a cargo de paliativos desde hai máis dun mes  que nunca recibiu atención presencial no domicilio.  O paciente fixo denuncia pública a través da Plataforma
Sanitaria da Mariña pola desaparición, na maior parte dos concellos da Mariña, da atención presencial que ata hai algo máis de seis meses viña dando o servizo de paliativos/ HADO dependente do Hospital da Mariña.

O paciente padece unha aplasia medular desde hai anos, seguida polo servizo de Hematoloxía, máis ante o franco empeoramento da mesma é derivado ao servizo de Coidados Paliativos hai algo máis dun mes. Malia que gran parte da actividade destes servizos desenvólvese nos domicilios dos pacientes, desde hai máis de seis meses e debido á falta de cobertura dos profesionais do servizo, a xerencia determinou que so tres ou catro concellos foran receptores
deste servizo.

Segundo relata a Plataforma, o paciente e a súa familia destacan o bo facer e o enorme esforzo dos traballadoros de
paliativos vía telefónica. Desde o primeiro momento, tanto o paciente como a súa familia, quixeron deixar constancia do trato exquisito que lle brindaron as e os traballadores do servizo, e saben da enorme carga de traballo que teñen, ás veces doble ou triple da que lle corresponde, máis “eso non xustifica que aos pacientes se lles negue a asistencia que deberían ter nos seus fogares , cargándolle ese traballo ao seu centro de saúde, abondo saturados tamén ”- comentan.

A esposa e coidadora principal do paciente explica que toda a atención que recibiu foi telefónica, e por iste motivo síntense agraviados respecto doutros pacientes que reciben a atención propia do seu padecemento. Comenta tamén que no seu caso “a gran responsabilidade e implicación familiar, axuda moitas veces incluso aos profesionais de primaria, en quen se descargou a responsabilidade da atención presencial”. Este foi o motivo de que pedisen axuda á Plataforma, que rexistra a correspondente reclamación o día 13 de decembro.

O servizo só funciona de xeito presencial en catro dos catorce concellos da Mariña. Os servizo de Paliativos/Hospitalización a Domicilio (HADO) conta cun cadro de persoal de 3 facultativxs que traballan en quenda de mañá de luns a venres e 5 enfermeiros , que cubren as mañás e tardes de todos os días da semana, polo que, segundo a Plataforma, “o servizo está estruturalmente deficitario ,desde a súa orixe, para unha poboación de case setenta mil habitantes, cunha alta dispersión e máis de oitenta quilómetros entre os extremos da comarca”.

Máis desde hai uns seis meses “está a funcionar con dous dos tres médicos e incluso hai días en que so hai un”. Os permisos ou baixas dos enfermeiros tampouco se están a sustituir, recaendo eses turnos de ausencias sobre as compañeiras. Esto supón que o traballo está habitualmente duplicado ou triplicado.

Ante esta situación o Sergas dá como solución eliminar o servizo presencial en dez dos catorce concellos, quedando máis do sesenta por cento da poboación sen a presencialidade, que recae sobre persoal de Atención Primaria, persoal que xa está sobrepasado porque aquí tamén están moitas veces ao cincuenta por cen ou incluso por debaixo.

Desde a Plataforma Sanitaria esixen ao Sergas que se sustitúa o persoal ata chegar á dotación inicial todos os días, para poder retomar a atención presencial na totalidade dos concellos da comarca, rematando coa discriminación coa que o Sergas ten sometida á maior parte da poboación mariñá. Segundo comenta a coordinadora dxs activistas sanitarixs, Montse Porteiro, “o argumento teimudo do Sergas de que non hai médicxs nen enfermeirxs nos nos vale como resposta nin a nós nin á veciñanza e instámolos a que se poñan a traballar de firme, con máis feitos e menos publicidade enganosa, para rematar coa enorme desigualdade que supón privar a pacientes dun servizo que outrxs teñen, e coa sobrecarga de traballo q se bota enriba da Atención Primaria”.

O Concello transforma a parcela do Impulso Verde para acondicionala de cara ao uso administrativo

O Concello de Lugo transformará a parcela que ocupa o Impulso Verde para acondicionala baixo criterios de sostibilidade, acordes aos usos administrativo e expositivo que terá o edificio – en prol da concienciación medio ambiental – pero tamén como futura sede coworking, dando resposta, así, ás súas propias necesidades e en consonancia coa idiosincrasia da construción: a primeira de titularidade pública feita con madeira local e que combinará solucións urbanísticas e edificatorias para reducir a contaminación e combater o cambio climático.

A alcaldesa de Lugo anunciou hoxe que a Xunta de Goberno autorizará este mércores a adxudicación dos traballos á empresa Ovisa, por importe de 168.190 euros, que disporá de 4 meses para executalos e lembrou que a urbanización contempla a creación de zonas verdes e outras peonís e de estacionamento, así como un carril bici xunto á humanización da contorna na que se instalará mobiliario urbano e iluminación e sinalización LED.

“A nosa vontade é crear un espazo aberto que nos permita desenvolver accións de divulgación das distintas actuacións da estratexia LIFE Lugo + Biodinámico e que permanecerá aberto para goce da cidadanía, ampliando así as dotacións á disposición da poboación neste emprazamento, onde moi pronto poderán desfrutar de innovadores hortos urbanos comunitarios con fins sociais, ocupacionais, didácticos e terapeúticos. A intervención abarcará unha superficie de 2.685 m², nun predio municipal de 8.001 m², situado na Avenida Infanta Elena, á altura da glorieta 25 de Novembro, na que se aplicarán solucións paisaxísitcas que “buscan a simplicidade e sinxeleza pero, especialmente, a integración coa contorna existente”, sinalou a alcaldesa.

Así, a rexedora deu conta de que as zonas verdes ocuparán, aproximadamente a metade da extensión dispoñible “combinando especies vexetais tapizantes e aromáticas, xardíns de choiva e cultivos enerxéticos coa idea de dar continuidade ao novo bosque urbano ubicado nas Gándaras. Tamén se plantarán árbores autóctonas que creen zonas de sombras”. A selección destas especies vexetais foi realizada, de maneira conxunta, con expertos da Universidade de Santiago de Compostela, a fin de fomentar a biodiversidade.

“Por outra banda, se habilitará, con pavimentos drenantes, unha zona peonil e outra de estacionamento de vehículos con capacidade para 7 prazas, das que dúas estarán reservadas a persoas con mobilidade reducida e outras dúas para modelos eléctricos”.

Haberá, igualmente, unha zona de bicicletas, composta por un carril de pavimento cerámico permeable – cedido doutro Proxecto Life (15 CCA/ES/000091 CERSUDS) – que contará con aparcamento específico para fomentar a mobilidade alternativa e sostible. A rexedora recordou que para o trazado da senda ciclista partiuse do proxecto de desdobramento e humanización da Avenida Infanta Elena, actualmente en curso, evitando a coexistencia de tráficos nun mesmo carril debido á saturación de circulación que sofre este punto da capital.

“Precisamente, é entre o carril bici e a beirarrúa existente onde se proxecta un dos xardíns de choiva que recolle a auga da propia superficie pavimentada”, indicou ao tempo que subliñou a aplicación da perspectiva de xénero no deseño do proxecto.

“De xeito que non só se lle dará continuidade á rede peonil pública xa existente, que se engarzará coa nova, senón que tamén se crearán elementos que faciliten a lexibilidade e a orientación, en lugar de espazos uniformes; asegurarase unha boa visibilidade e a visión periférica da contorna inmediata, alén de deseñarse un traxecto seguro, evitando zonas escuras e lugares encubertos”, abondou.

Unha visión que, segundo a alcaldesa de Lugo,“contribuirará a incrementar a calidade de vida da veciñanza, porque redunda no confort da cidade e na súa habitabilidade, ao tempo que seguimos a potenciar a marca de Lugo vinculada á sostibilidade, coa que xa nos posicionamos como un municipio referente a nivel internacional”, concluíu a alcaldesa.

13 concellos de Lugo acollerán 54 programas de inclusión social

A Consellería de Política Social financiou con preto de 1 millón de euros un total de 54 programas de atención a persoas en risco ou situación de vulnerabilidade que desenvolverán 13 concellos lucenses.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou que ao abeiro deste programa de axudas de inclusión social, os concellos poden desenvolver actividades de formación básica ou laboral adaptada ás necesidades dos destinatarios; establecer medidas de educación e apoio familiar, ou incidir en accións de mediación intercultural ou de carácter residencial.

O investimento concreto na provincia de Lugo ascendeu a 996.995 euros, distribuído entre os concellos de Vilalba, Mondoñedo, Pantón, Burela, Viveiro, A Pobra do Brollón, Chantada, Monforte de Lemos, Guitiriz, Sober, Antas de Ulla, Quiroga e Lugo; este último é o que maior investimento recibe, sumando 293.500 euros para oito programas de atención a persoas e colectivos en risco de exclusión social.

A práctica totalidade dos municipios beneficiarios destinan os apoios a ofrecer servizos complementarios de educación e apoio familiar dirixidos á inclusión social de menores, que asumen case o 53% do orzamento total das achegas. Nalgúns casos, establécense programas especialmente orientados á poboación inmigrante ou xitana en risco de exclusión.

Arias subliñou que o Goberno galego incrementou en 600.000 euros a contía adxudicada desta orde con respecto á pasada convocatoria, e tamén aumentou o período para levar a cabo os programas subvencionados -de 20 a 22 meses- para dar maior estabilidade financeira ás corporacións municipais.

Adi Iglesias visita aos rapaces do centro de menores Santo Anxo de Rábade

A atleta paralímpica Adiaratou Iglesias, gañadora dunha medalla de ouro e outra de prata nos Xogos Paralímpicos de Tokio 2020, visitou esta mañá as rapazas e rapaces do centro de menores de Santo Anxo de Rábade para achegarlles a súa historia. O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, acompañou na visita á atleta.

Adiratou Iglesias naceu en Mali e estivo os seu primeiros anos de vida nun centro de menores ata que foi adoptada por unha familia lucense. A deportista falou coas mozas e mozos do centro de menores para explicarlle que ela tamén estivo nunha situación semellante á deles.

Pola súa banda, Jacobo Rey, puxo en valor as historias de esforzo e superación como a de Adiratou para achegar aos menores que están dentro do sistema de protección do Goberno galego todas as posibilidades que teñen.

Suárez Barcia: “sen un bo sistema de control e localización quizais se acaben tomando medidas inxustamente contundentes contra unha poboación que non está actuando nada mal”

Ribadeo ten unha incidencia de 50 casos de covid a 14 días. Así o revelou o alcalde, Fernando Suárez, quen se amosou “preocupado” por estes datos, pero subliñou que a hostalería está a actuar con “compromiso e dilixencia” e que a cidadanía, en termos xerais, “tamén o está a facer ben”. O rexedor alude ás queixas da veciñanza e pide que a  Xunta corrixa as demoras nos rastrexos e na realización das probas PCR “porque sen un bo sistema de control e localización, quizais se acaben tomando medidas inxustamente contundentes contra unha poboación que non está actuando mal”.

Suárez Barcia declarou que  no Concello teñen certa preocupación polos datos que se están a revelar tanto no Estado, como en Galicia e, mesmo na Mariña ” e desde logo que Ribadeo tampouco pode ser unha excepción”. Segundo asegurou o rexedor tamén ven outras cousas que cómpre ter en conta como que, por unha banda, “vemos que a hostalería funciona ben e está a actuar con compromiso e dilixencia”  preocupados, en todo momento, polo que a Xunta poida decretar.

Doutra banda, o alcalde puxo o foco na cidadanía que, en termos xerais “faino ben”. “Non é que o diga eu, calquera pode botar un ollo ás rúas cheas de xente e todas as persoas están coa máscara”, subliñou o rexedor que explicou que a gran maioría da poboación vacínase, “aínda que algunhas persoas, non moitas, de xeito obtuso e totalmente errado, ao noso xuízo, non queren poñer a vacina e non se quere inmunizar co que isto supón para eles e para os que están ao seu redor”.

O rexedor indicou que tamén ven, en moitos casos, dende o Concello, queixas polas “enormes demoras” nos sistemas de rastrexo e as provas PCR, un punto sobre o que o alcalde quixo denunciar. E é que coñece, dixo, moitos casos de  xente que se confina por precaución, “por teren contactos estreitos con outras persoas positivas e teñen que agardar durante días para que lles dean unha cita para facer a PCR, cita que ás veces chega con moita demora”.

Para Suárez Barcia “isto é algo que a Xunta debera corrixir e reforzar con contundencia porque sen un bo sistema de control e localización quizais se acaben tomando medidas inxustamente contundentes contra unha poboación que non está actuando nada mal”.

Sarria acollerá a etapa decisiva da volta ciclista profesional ‘O Gran Camiño’

Sarria decidirá o final da volta ciclista a Galicia O Gran Camiño, que pretende recuperar un espazo propio para o ciclismo profesional galego no calendario internacional. O centro histórico da vila será a meta da cuarta e última etapa da ronda galega, que conta co patrocinio da Deputación de Lugo e que se celebrará o vindeiro 27 de febreiro.

O deputado de Deportes e o organizador do evento fixeron o anuncio esta mañá nun acto no que participaron os exciclistas profesionais Óscar Pereiro e Alejandro Paleo e o concelleiro de Seguridade Cidadá sarriao, Félix Seijas, e no que se avanzou tamén que a etapa sarriá será unha contrarreloxo.

O titular provincial de Deportes subliñou que “acoller a final do Gran Camiño, que suporá o regreso do pelotón internacional a Galicia, colocará a Sarria no foco do mundo do ciclismo, reforzando tamén a súa proxección como punto de referencia do Camiño de Santiago”. Nese sentido, sinalou que “un percorrido que ten como referencia a  ruta xacobea tiña que pasar necesariamente por Sarria onde, engadiu, existe tamén unha importe afección ao ciclismo”.

Ademais da repercusión local e comarcal, o responsábel de Deportes explicou que “co impulso a este evento, desde a  Deputación de Lugo queremos contribuír a recuperar o pulo do ciclismo profesional galego despois de anos sen estruturas e probas propias” e remarcou “o interese que ten para o país e  para a promoción do deporte base ter referentes profesionais”.

O organizador do evento explicou que “o casco histórico de Sarria supón un escenario icónico para o final do Gran Camiño” e agradeceu a colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo para sacar adiante o evento que, avanzou, contará con equipos UCI Pro Tour, que forman parte dos pelotóns das grandes probas internacionais.

O Gran Camiño pretende recuperar para Galiza unha proba ciclista profesional por etapas con proxección internacional como a que acadou no seu momento a Volta a Galicia, que disputaron nomes históricos do ciclismo como Miguel Induráin, Abraham Olano, Marco Pantani ou Laurent Jalabert, entre outros, e que, xunto á existencia dun equipo profesional, o Xacobeo Galicia, supuxo unha etapa dourada para o ciclismo galego.

Os ex ciclistas profesionais Óscar Pereiro -gañador do Tour en 2006- e o viveirense Alejandro Paleo, que participaron na presentación do evento, evocaron esa etapa e sinalaron o potencial destes eventos como “viveiro” de ciclistas.

O Gran Camiño: do 24 ao 27 de febreiro
A etapa en Sarria será a derradeira desta primeira edición do Gran Camiño, que se disputará do 24 ao 27 de febreiro e que contará con outras tres etapas: unha por provincia. En Pontevedra, onde se iniciará a ronda, a etapa discorrerá entre O Porriño e Vigo. Na Coruña, o punto de referencia da etapa será O Ézaro. Mentras, en Ourense, a saída estará en Maceda e a meta en Luíntra.  A organización confirmou a participación na proba de equipos como o Movistar, Cofidis, Euskaltel-Euskadi, Start Up Nation, Education First ou Tavira.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com