" />

O Concello transforma a parcela do Impulso Verde para acondicionala de cara ao uso administrativo

O Concello de Lugo transformará a parcela que ocupa o Impulso Verde para acondicionala baixo criterios de sostibilidade, acordes aos usos administrativo e expositivo que terá o edificio – en prol da concienciación medio ambiental – pero tamén como futura sede coworking, dando resposta, así, ás súas propias necesidades e en consonancia coa idiosincrasia da construción: a primeira de titularidade pública feita con madeira local e que combinará solucións urbanísticas e edificatorias para reducir a contaminación e combater o cambio climático.

A alcaldesa de Lugo anunciou hoxe que a Xunta de Goberno autorizará este mércores a adxudicación dos traballos á empresa Ovisa, por importe de 168.190 euros, que disporá de 4 meses para executalos e lembrou que a urbanización contempla a creación de zonas verdes e outras peonís e de estacionamento, así como un carril bici xunto á humanización da contorna na que se instalará mobiliario urbano e iluminación e sinalización LED.

“A nosa vontade é crear un espazo aberto que nos permita desenvolver accións de divulgación das distintas actuacións da estratexia LIFE Lugo + Biodinámico e que permanecerá aberto para goce da cidadanía, ampliando así as dotacións á disposición da poboación neste emprazamento, onde moi pronto poderán desfrutar de innovadores hortos urbanos comunitarios con fins sociais, ocupacionais, didácticos e terapeúticos. A intervención abarcará unha superficie de 2.685 m², nun predio municipal de 8.001 m², situado na Avenida Infanta Elena, á altura da glorieta 25 de Novembro, na que se aplicarán solucións paisaxísitcas que “buscan a simplicidade e sinxeleza pero, especialmente, a integración coa contorna existente”, sinalou a alcaldesa.

Así, a rexedora deu conta de que as zonas verdes ocuparán, aproximadamente a metade da extensión dispoñible “combinando especies vexetais tapizantes e aromáticas, xardíns de choiva e cultivos enerxéticos coa idea de dar continuidade ao novo bosque urbano ubicado nas Gándaras. Tamén se plantarán árbores autóctonas que creen zonas de sombras”. A selección destas especies vexetais foi realizada, de maneira conxunta, con expertos da Universidade de Santiago de Compostela, a fin de fomentar a biodiversidade.

“Por outra banda, se habilitará, con pavimentos drenantes, unha zona peonil e outra de estacionamento de vehículos con capacidade para 7 prazas, das que dúas estarán reservadas a persoas con mobilidade reducida e outras dúas para modelos eléctricos”.

Haberá, igualmente, unha zona de bicicletas, composta por un carril de pavimento cerámico permeable – cedido doutro Proxecto Life (15 CCA/ES/000091 CERSUDS) – que contará con aparcamento específico para fomentar a mobilidade alternativa e sostible. A rexedora recordou que para o trazado da senda ciclista partiuse do proxecto de desdobramento e humanización da Avenida Infanta Elena, actualmente en curso, evitando a coexistencia de tráficos nun mesmo carril debido á saturación de circulación que sofre este punto da capital.

“Precisamente, é entre o carril bici e a beirarrúa existente onde se proxecta un dos xardíns de choiva que recolle a auga da propia superficie pavimentada”, indicou ao tempo que subliñou a aplicación da perspectiva de xénero no deseño do proxecto.

“De xeito que non só se lle dará continuidade á rede peonil pública xa existente, que se engarzará coa nova, senón que tamén se crearán elementos que faciliten a lexibilidade e a orientación, en lugar de espazos uniformes; asegurarase unha boa visibilidade e a visión periférica da contorna inmediata, alén de deseñarse un traxecto seguro, evitando zonas escuras e lugares encubertos”, abondou.

Unha visión que, segundo a alcaldesa de Lugo,“contribuirará a incrementar a calidade de vida da veciñanza, porque redunda no confort da cidade e na súa habitabilidade, ao tempo que seguimos a potenciar a marca de Lugo vinculada á sostibilidade, coa que xa nos posicionamos como un municipio referente a nivel internacional”, concluíu a alcaldesa.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo