Novas

Lugo supera os 2000 casos activos nunha xornada de remisión de positivos

A provincia de Lugo supera os 2000 casos activos. Así o revela o último informe do SERGAS, con datos recabados ata as 6 da tarde de onte, domingo, e do que se desprende un importante baixón no ritmo de contaxios, debido, posiblemente, a que durante a xornada de onte non se realizaron os cribados masivos voluntarios; con todo, as cifras de hospitalizacións mantéñense ao igual que o fai o ritmo de altas recibidas.

Así, en cifras, nas últimas 24 horas foron 182 as PCR que resultaron positivas, como dicimos un importante descenso se se compara coas dúas xornadas anteriores nas que se estableceron récords de positivos con 258 contaxiados onte e 274 detectados o sábado.

O número de casos activos, así pois, sitúase hoxe nos 2105, 128 máis que un día antes. Unha suba que, no día de hoxe, non se reflexa na presión asistencial. E é que a área sanitaria continúa a rexistrar 23 ingresados nos distintos centros públicos. Destes, 6 se atopan na UCI do Hula mentres que os outros 17 repártense entre as unidades convencionais dos distintos hospitais comarcais; 11 no Hula, 3 na Mariña e outros 3 no de Monforte.

Dende o inicio da pandemia, curáronse na provincia 20.975 persoas, 54 máis que na xornada anterior. Doutra banda, Lugo rexistrou xa, dende marzo de 2020, 258 falecidos por mor do virus.

Reixtro Civil

Goberno e Xunta impulsan un novo acordo para regular a seguridade dos edificios xudiciais en Galicia

A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, presidiu o venres, xunto ao director xeral de Xustiza da Xunta de Galicia, a reunión da Comisión de Seguimento do Convenio entre o Ministerio do Interior e a Xunta en materia de seguridade dos edificios xudiciais de Galicia, na que se acordou avanzar na redacción dun novo convenio que regule a vixilancia das diferentes sedes xudiciais existentes na comunidade autónoma.

Na reunión telemática, os integrantes da Comisión Mixta de Seguimento do Convenio entre o Ministerio do Interior e a Xunta de Galicia coincidiuse na conveniencia de impulsar a redacción dun novo convenio que regule a colaboración das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado para a garantía da seguridade nos edificios xudiciais da Comunidade Autónoma para o seguinte cuadrienio.

Tamén se decidiu revisar diversas cuestións técnicas e operativas para a mellora permanente do servizo que se presta baixo o amparo deste convenio e que garante a vixilancia dos diferentes edificios xudiciais por parte das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.

Entre outras cuestións tratouse ademais a remodelación dos servizos para dar cobertura á nova realidade dos servizos xudiciais na cidade de Vigo, no que se dispoñerá o traslado de órganos xudiciais á nova sede da Cidade da Xustiza.

Esta comisión está integrada por representantes do Goberno de España, neste caso a subdelegada do Goberno na Coruña, así representantes da Xunta de Galicia e da Garda Civil e Policía Nacional.

Dous días de loito oficial polo pasamento do edil Manuel López

O Concello de Lugo decretará desde hoxe dous días de luto oficial con motivo do falecemento do concelleiro da Corporación municipal, Manuel López Fernández. Así mesmo, durante ese tempo, a bandeira do Concello de Lugo ondeará a media hasta e non se realizarán actos oficiais como manifestación do pesar da Cidade pola repetina morte do edil do PP.

A alcaldesa de Lugo trasladou a súa tristeza polo acontecido e a do equipo de Goberno á familia e aos amigos do concelleiro, así como aos seus compañeiros do PP, destacando a gran dedicación de Manuel López durante todos os anos de traballo como servidor público, e agradecendo o seu talante sempre respectuoso e propositivo.

Os populares instan á Deputación a incrementar o seu apoio económico á frota e ao sector pesqueiro da provincia

O sector pesqueiro é fundamental na economía da provincia de Lugo. Pese a elo, e a que o apoio a este sector está entre as competencias da Deputación, os populares denuncian que esta institución apenas lle dedica anualmente máis que cantidades simbólicas. Agora que os problemas aos que se enfrontan os pescadores aumentan, o Partido Popular acode a expoñer o seu respaldo e apoio. Nesta liña, o portavoz do PP, Javier Castiñeira, estivo na mañá de onte no porto de Burela, co patrón maior da confraría, Basilio Otero. Castiñeira explica que “o grupo provincial do PP quere mostrar así, no día de hoxe, o seu apoio á frota lucense, que é moi importante para a economía da nosa provincia”. Un apoio que se produce con máis forza aínda “polos malos momentos que está a vivir a nosa frota, despois de coñecer que se ve reducida a súa capacidade pesqueira nas últimas semanas, polo acordo da Unión Europea, e moi especialmente nunha das pesqueiras máis importantes para os portos de Burela e Celeiro como é a da pescada”.

Castiñeira sinala: “Esa redución das cotas prexudica á nosa frota, como a prexudicará se se eliminan as bonificacións ao gasóleo para os nosos barcos; profundaría moito máis na crise”. Engade: “O Partido Popular de Lugo está sempre cos nosos mariñeiros, coa nosa frota, en todas as institucións”.

O portavoz provincial do PP anunciou esta mañá ao patrón maior que “o PP presentará unha moción na Deputación de Lugo, para que esta institución inste ao Goberno central a unha maior implicación coa nosa frota, porque entendemos que o noso país está a perder, no que á pesca se refire, relevancia por falta de peso específico do Goberno con respecto a outros estados da UE”.

Os populares instarán, na mesma iniciativa, “á Deputación a unha maior implicación propia do goberno provincial, do bipartito PSOE-BNG, que parece ser que non sabe que a provincia de Lugo ten mar; das tres deputacións galegas con costa nos seus territorios, é a que menos implicación ten, a que menos financia ao sector pesqueiro”.

Castiñeira considera “que o 2022, o ano da recuperación, é o momento de dar máis axudas ás confrarías, á federación e de promocionar máis e mellor os produtos pesqueiros do que o fai a día de hoxe. Esperemos que no próximo pleno teñamos o apoio unánime de todos os grupos”.

O carbono 14 revela Penas de Castelo como un dos castros documentados máis antigos de Galicia

A primeira campaña arqueolóxica en Penas do Castelo segue dando resultados únicos e sorprendentes. Este xacemento situado na ladeira do Río Lor na parroquia de Salcedo, A Pobra do Brollón, foi escavado o pasado verán con financiación da Xunta de Galicia e a colaboración de Concello, Asociación Veciñal e Comunidade de Montes.

Na escavación descubriuse unha monumental muralla con seis metros de ancho e ata catro de altura. Dende aquela, moito se ten especulado entre veciños e especialistas sobre a orixe deste xacemento tan peculiar.

Os seus foxos monumentais, escavados na rocha, recordaban aos de outros castros do Courel e mesmo a xacementos como o do Castrillón en Larouco. Por outra banda, a súa situación totalmente en ladeira con moi pouca superficie aproveitable no interior e sobre todo, a súa descomunal muralla e un peculiar sistema construtivo en módulos, tiña desconcertados aos especialistas.

Durante a escavación, a edafóloga Cruz Ferro tomou unhas mostras de terra “en puntos clave do momento de construción da muralla”, comenta. Tras ser analizadas por Carbono-14 no laboratorio BETA de Miami, podemos afirmar que os resultados das datacións dan século VIII–IX antes da nosa era. “A coherencia de resultados entre as tres mostras, fainos altamente fiables”, engade Ferro.

A orixinalidade do xacemento vén dada por tratarse dun castro extremadamente temperán, polo que non resulta comparable cos castros máis “clásicos” de épocas posteriores. “Isto refléxase na propia toponimia; non é casual que se lle chame castelo e non castro. Para a sociedade tradicional, isto non era un castro como pode ser o da Roda, tamén en Salcedo”, sinalan dende o equipo.

Fademga axuda na contratación de máis de 200 persoas con diversidade funcional intelectual

2021 está a piques de pecharse como un ano marcado polas consecuencias da pandemia no eido do emprego. Aínda así, neste contexto, Fademga Plena Inclusión fai un balance positivo das intervencións realizadas durante o ano chegando a realizar un total de 5.992 actuacións de orientación presencial (das que 3.249 foron na provincia da Coruña, 944 na de Lugo, 681 na de Ourense e 1.118 na provincia de Pontevedra) así como 2.208 actuacións de orientación telefónica e 832 actuacións online.

Cabe destacar igualmente o importante número de contratacións. Un total de 203 persoas con diversidade funcional intelectual atoparon emprego durante este ano grazas ao apoio da Federación, a maioría (un total de 169 contratos) na empresa privada, seguida polos novos contratos no eido do Emprego público (23 persoas funcionarias na Xunta de Galicia, 8 persoas contratadas como persoal estatutario do SERGAS e 1 como persoal laboral fixo en ADIF) e finalmente 3 contratacións para substitucións temporais.

Paralelamente a estas contratacións un importante número de persoas con discapacidade intelectual están a formarse na actualidade para acceder a un posto de traballo fixo. Durante este ano, impartimos formación a un total de 362 persoas con discapacidade intelectual para superar o proceso de oposicións, das cales 236 están preparándose para acceder ao posto de ordenanza, 57 para persoal de servizos xeráis do SERGAS e 69 para o posto de pinche de cociña.

Finalmente cabe destacar ás 217 persoas que participaron en formacións prelaboráis de cara a adquirir maiores competencias para conseguir acceder a un Emprego.

O PP di que a alcaldesa apurou a cesión de terreos a un promotor para garantir un pacto de Besteiro que caducaba en 2 semanas

O viceportavoz do PP Antonio Ameijide denunciou onte que a firma da cesión de parcelas ao promotor do Portela fíxose “correndo e rápido para cumprir os pactos escuros do padriño político da alcaldesa, o señor Besteiro”. “Lara Méndez despois de 19 anos apurou no último minuto a cesión ilegal duns terreos en San Fiz a un promotor, porque coa nova normativa, en 16 días, caducaba o pacto selado en 2001 entre o PSOE e o promotor, non sabemos con que intencións” asegurou o popular. Ameijide recalcou que “se esperase dúas semanas non habería que darlle nada porque o convenio, coa nova lei de Réxime Xurídico do Sector Público que entrou en vigor o 2 de outubro de 2016, deixaría sen efecto este pacto urbanístico”.

Os populares afirman que as desculpas da alcaldesa son pouco cribles: “tenta escusarse e darlle a volta a unha operación urbanística, que negociou en 2001 Besteiro e que ela executou de forma ilegal o 16 de setembro de 2020, cedendo 1.200 m2 de terreos municipais a un construtor pola perda de edificabilidade que lle supuxo salvar o edificio do Portela”. “O único verídico das declaracións do goberno local é que foi o informe do interventor e o informe do Consello Consultivo de Galicia o que freou esta entrega ilegal de terreos públicos”.

Ameijide acusa a Méndez de, coa súa decisión, “deixar aberta a porta aberta para que o promotor reclame indemnizacións polo prexuízo ocasionado” destacando que “unha vez máis, os lucenses teremos que pagar as cacicadas e malas decisións do PSOE de Lugo como consecuencia do seu urbanismo á carta”.

Desde o Grupo Popular avanzaron que presentasen preguntas e que tamén se pedirá acceso ao expediente para “clarificar que foi o que pasou e os motivos polos que Lara Méndez non esperou dúas semanas á nulidade do convenio, tras cumprirse o prazo de catro anos que como máximo teñen de duración os convenios por mor da entrada en vigor, o 2 de outubro de 2016, da lei de Réxime Xurídico do Sector Público”.

Desde o Partido Popular recriminamos “a basta manipulación dos feitos e o intento de Lara Méndez de tentar facernos crer que parou un expediente que ela mesmo iniciou e executou cando puido resolver o convenio con custo cero para o concello, e que quen o parou foron tanto o interventor como o Consello Consultivo de Galicia cando detectaron a ilegalidade do mesmo”.

A leitería de Outeiro de Rei inicia o proceso de ERE

A Confederación Intersindical Galega (CIG) informa que na xornada de hoxe a empresa Tegestacín ven de comunicar á representación legal do persoal o inicio de período de consultas para a extinción da totalidade das relacións laborais da factoría de Outeiro de Rei.

A noticia foi trasladada hoxe en asemblea ó persoal polo comité, “sendo o particular e ‘macabro’ ‘agasallo de Nadal’ da empresa ó seu persoal, por diante fican datas intensas nas cales haberá que avaliar o contido e xustificacións realizadas pola empresa” .

Dende o comité e o persoal, amosouse a preocupación máxima diante desta situación pero tamén a incertidume polo futuro que a empresa terá para as instalacións.

O comité diante da inminente noticia ten solicitado diversas reunións coa administración galega na intención de que sexa parte interesada polo futuro das instalacións desta industria e na conservación dos postos de traballo.

Dende a CIG manifestan o seu total rexeite da actuación empresarial, quen “ven orquestando o seu particular desenlace nunha clara operación especulativa, sen solución de futuro para o persoal nen para as instalacións da empresa” , dende a CIG entenden que calquer futuro para as instalacións, necesariamente ten que ter cabida o seu persoal.

A Deputación repartirá aos concellos unha nova remesa de máscaras

O Deputado de Promoción Económica e Social participou onte na Subdelegación do Goberno no acto de entrega da nova remesa de 73.579 máscaras que proporciona o Executivo central á Deputación para a súa distribución entre os concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia.

Como se vén facendo dende o inicio da pandemia, tanto cos pedidos realizados pola propia Deputación, como outros entregados polo Goberno do Estado, o material de protección distribuirase de maneira proporcional entre os concellos segundo o número de habitantes de cada municipio.

Este reparto enmárcase no acordo de distribución de material sanitario adoptado polos ministerios de Política Territorial e de Sanidade coa Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).

Detido un home por unha presunta agresión a unha muller que foi atopada pola Policía espida e desorientada

Sobre as 4,10 horas do día 23 de decembro unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo que se achaba de servizo pola Ronda da Muralla observa, á altura da Porta do Carmen, a unha muller de 37 anos de idade, espida, que se arrastra pola parte da calzada destinada á circulación rodada.

De inmediato proceden a prestarlle auxilio, observando que se achaba nun estado de gran nerviosismo, perdendo por momentos a consciencia. Proceden a tapala cunha manta térmica e tentan tranquilizala, á vez que solicitan a presenza dunha ambulancia do 061.

Unha vez no lugar e para o seu traslado ao  HULA, dado o seu estado, houbo de ser acompañada para a súa tranquilidade por unha inspectora do corpo, podéndose coñecer que a citada muller estivera “de copas” nun local situado na Ronda da Muralla cun home, que a agarrou polo brazo, que lle preguntaba onde ían e este non lle dicía nada, só tiraba dela do brazo e que non se preocupase, dirixíndose a unha pensión situada na  rúa  Tinería e no seu interior lembra que lle pega na cara e rómpelle as lentes, non lembrando nada máis e tampouco sabe como chegou á rúa espida, solicitándose a presenza do Médico Forense para examinar á vítima.

Unha patrulla de Policía Local trasládase ao local de hostalería onde non tiñan conciencia de ver a dita parella no seu interior e outra patrulla á  rúa  Tinería, onde observan  como un home observaba aos actuantes desde a xanela dunha das habitacións dunha pensión alí situada, chamando ao inmoble e logrando que abrise a porta dita persoa, accedendo á habitación que o mesmo ocupaba, observando ademais que o home citado respondía as características físicas facilitadas pola muller, manifestando  que estivera tomando algo cunha moza loura, coincidindo coa descrición da vítima, o cal carecía de documentación persoal, aínda que se dispoñía doutro tipo de documentos onde constaban os seus datos filiatorios.

Tras acceder á habitación con autorización desta persoa poden observar, a través dunha xanela que comunicaba cun patio interior, unha bolsa colgada ao exterior que contiña roupa que eran da muller auxiliada en primeira instancia e entre a roupa unhas lentes rotas cuxos cristais foron achados no interior da habitación, recoñecendo o home que estivera coa moza nun local de copas da Ronda da Muralla e posteriormente foran á habitación da pensión e que aí tiveron un “problema”, que a moza saíu correndo e que non soubo nada máis da muller ata que chamaron os axentes á súa porta, non sabendo explicar a existencia da devandita bolsa colgada no tendal exterior da súa habitación.

Diante de tal situación os axentes proceden á detención desta persoa, de 22 anos de idade, con residencia no devandito lugar, sendo trasladado a un centro médico para a súa revisión, procedendo os axentes para requirir á dona da pensión para que peche debidamente a habitación para a realización da correspondente inspección ocular por parte de efectivos de Policía Científica e posteriormente conducido a dependencias policiais onde se instrúen dilixencias polos feitos relatados para o Xulgado de Garda.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com