Novas

O BNG reclama a restitución da materia de francés no IES de Becerreá e denuncia os recortes no ensino na Montaña lucense

O BNG reclamou á Xunta no Parlamento galego que faga valer os dereitos do alumnado do IES de Becerreá, centro de referencia para Os Ancares, restituíndo a materia de francés nos dous cursos nos que foi eliminada porque non había suficiente alumnado segundo a Consellería de Educación, ao tempo que enmarcou esta decisión do Goberno galego no contexto xeral de recortes no ámbito educativo ao que está sometendo á Montaña lucense.

Así o denunciou a deputada nacionalista Carme Aira, nunha pregunta parlamentaria ante a comisión de Educación, na que advertiu do prexuízo para o alumnado do instituto de Becerreá dado que o francés é unha materia da que se pode examinar na ABAU e que ten a máxima ponderación posible nesa proba de acceso aos estudos de grao.

“A gravidade da decisión só se comprende cando se sabe que o IES conta cunha profesora de francés con praza fixa no centro e horario suficiente para impartir a materia neses cursos o que, polo tanto, non supón ter que incrementar recursos, senón que deixa desaproveitados os que xa hai mentres prexudica ás alumnas e alumnos ao deixalos en situación de desigualdade en relación co de outro centro que non fora rural”, recriminou.

Logo de subliñar que o equipo directivo do centro chegou mesmo a presentar a súa dimisión en bloque para reverter a decisión sen conseguilo, Aira censurou que o que acontece en Becerreá enmárcase “no contexto xeral da Montaña lucense, onde vén habendo dificultades en moitas das súas localidades”, entre as que exemplificou coas das Nogais -onde o alumnado de Infantil e Primaria comparte aula e profesorado-, Cervantes -onde non se cubrían as ausencias- ou a do Incio, onde, segundo ironizou, “cada ano hai que encomendarse ás estrelas para que a profesora de Infantil saiba de música ou de inglés porque en ningún caso poden contar con profesorado para cada especialidade”.

A deputada nacionalista recordou que cada novo curso tanto dende as equipas directivas dos centros como dende as Anpas “tense que dar unha verdadeira loita para que as súas crianzas poidan contar cunha educación en igualdade de condicións co alumnado das urbes”. Neste sentido, reprobou a decisión da Xunta en Becerreá, dado que o IES dispón de profesorado, disposición horaria e instalacións, polo que considerou que esta “incoherencia máxima fai que pensemos que non pode ser gratuíta, senón un paso máis de cara a un futuro aínda máis escuro para o rural e para as persoas que viven nel”. “Así mesmo, parece que non son gratuítas tampouco as decisións que se refiren a desvitalizar o ensino na Montaña, localidade por localidade, non sabemos se o obxectivo é pechar os centros e punto”, recriminou.

Aira recalcou que suprimir opcións na oferta educativa suporá que as familias opten por enviar á súa xuventude a Lugo, aínda facendo un esforzo económico, o que suporá “o desarraigo total destas e destes mozos coa súa comarca, xa que tampouco a mobilidade está pensada para que poidan volver a diario ao seu domicilio”.

“Está o Goberno da Xunta facendo un ímprobo esforzo en recuperar lugares medio deshabitados, restaurar casas abandonadas, investimentos todos eles de enorme contía e insospeitado resultado, todo co fin de fixar poboación, mentres se fai todo o posible para que as nenas e nenos teñan a menor calidade educativa posible, actuando pouquiño a pouquiño pero de xeito implacable para desvirtuar o rural e os dereitos das persoas que viven nel”, incidiu para subliñar a continuación que “tirar os cartos e que a xente se vaia é unha soberana incongruencia ata para este Goberno do PP”. “É imperativo tirar instrucións absurdas ao lixo, deixar de contar e cuantificar ás nenas e nenos e investir no que nos dará futuro como País e calidade vida como pobo: a educación”, concluíu.     

Cervo programa unha completa axenda para as festas de Nadal

O Concello de Cervo programa para estas festas de Nadal unha completa axenda de eventos e actividades dirixidas a todo tipo de público; que foi presentada na tarde do venres polo alcalde Afonso Villares, o edil de Turismo, David Rodríguez, a concelleira de Cultura, Dolores García, a concelleira de Medio Ambiente, Mali Méndez, e polos representantes das diferentes asociacións que promoven e colaboran coa organización de varias das citas previstas – Fervenza de Sargadelos, Airiños do Xunco, Escola de Artes Marciais de Cervo, grupo de teatro Bordelo e a asociación de veciños de San Román-.

A programación iníciase este sábado 18 de decembro coa celebración do II Mercado de Nadal no Complexo Histórico e Artístico de Sargadelos. A xornada celebrarase de 11:00H a 20:00H e haberá diferentes actuacións culturais ao longo do día. O deporte tamén será protagonista este Nadal da man do XIII Campionato de Nadal de Nihon TaiJitsu. A cita será o sábado 18 de decembro ás 17:00 horas no Pavillón da Veiga.

Xa cara a noite, ese mesmo día, Carlos Mariano interpretará “Las canciones de tu vida”, dentro do ciclo de concertos de O Son do Nordeste, ás 20:30H, baixo a carpa da Praza do Souto. Para o martes 21 de decembro, recibiremos pola mañá a visita anticipada de Papá Noel que se achegará aos colexios da man da delegación de Cultura.

Á tarde terá lugar o concerto de nadal. A actuación comezará ás 20:30H no Auditorio da Casa da Cultura. O mércores 22, a programación irá sobre raís co Tren de Nadal na Praza dos Campos. A actividade terá un horario de 11:30H a 14:00H pola mañá e de 16:30H a 20:30H pola tarde. Xa cara a noite, o mago Jorge Manchado ofrecerá un espectáculo para todos os públicos, ás 20:30H, no Auditorio da Casa da Cultura.

Na xornada do xoves 23 repite o Tren de Nadal na Praza dos Campos, tamén en horario de 11:30H a 14:00H e de 16:30H a 20:30H. Para esa mesma tarde o grupo Píscore ofrecerá un espectáculo musical para público de todos os grupos de idade. No día de noiteboa a Asociación Fervenza de Sargadelos e o Concello celebran a Festa de Noiteboa Infanitl na Praza do Souto. O evento arrincará ás 17:00H e contará co espectáculo infantil “Animaxia”. Ademais, haberá unha chocolatada, fotomatón, sorteos e unha visita moi especial: Papá Noel! Colabora O Caseto de Copa.

O domingo 26, dentro do ciclo de concertos “A Caixa de Música”, o grupo Lucus Esemble ofrecerá un Concerto de Nadal baixo a carpa da Praza dos Campos. A cita dará comezo ás 13:30H.

O luns 27 o Apalpador visitará o pavillón de San Román. O acto está aberto a todo o público a partir das 17:00H. Organiza a Asociación de Veciños de San Román e colaboran Concello de Cervo e a Comunidade de Montes de San Román.

Esa mesma tarde na Praza do Souto, ás 19:00H, haberá un espectáculo de maxia organizado polo Concello, no que colabora Airiños do Xunco; e ás 20:00H, no Auditorio da Casa da Cultura, haberá un “Micro Aberto” para todos aqueles talentos que queiran mostrar as súas dotes musicais.

O martes 28 a xuventude cobra protagonismo co “Laser Tag”, no pavillón da Veiga, a partir das 16:30H. Xa cara a noite, ás 19:30H, proxectarase unha película no Auditorio da Casa da Cultura. O mércores 29 de decembro, a xuventude volve ser o epicentro do programa co
“Deslizador”, no pavillón da Veiga a partir das 11H. Xa pola tarde, haberá unha proxección dunha película xuvenil no Auditorio da Casa da Cultura, ás 19:30H.

O xoves 30 de decembro repite o “Deslizador”, no pavillón da Veiga a partir das 11H. Abren a programación do ano novo, o domingo día 2, co ciclo de concertos “A Caixa de Música”. Os Carunchos actuarán no Auditorio da Casa da Cultura a partir das 13:30H. Para o luns día 3 está programada a Festa Infantil na Praza do Souto de Cervo, a partir das 17:00H, na que colabora Airiños do Xunco. O martes 4 celebrarase a tradicional Festa Acuática gratuíta na Piscina Municipal, a partir das 17:00H.

Os Reis Magos, como non podería ser doutro xeito, teñen tamén moito protagonismo nesta programación. O 5 de xaneiro os pequenos da casa poderán compartir un anaco coas Súas Maxestades de Oriente nunha recepción que terá lugar na Casa da Cultura en San Ciprián, desde as 18:00H; a continuación os Reis Magos achegaranse ata Cervo para recibir ás crianzas no salón de actos, desde as 19:00 horas.

Por último, o sábado 8 de xaneiro, o grupo de teatro Bordelo presenta a obra de Francisco Piñeiro: “Pandemiga”. A función comezará ás 19:30H no Auditorio do Concello de Cervo. Desde o Concello de Cervo convidan a toda a veciñanza e visitantes a participar nas actividades programadas e a gozar destas Festas no municipio.

Menú de Nadal 100% galego nos colexios de Riotorto e O Páramo

A Consellería do Medio Rural achegou produtos agroalimentarios galegos aos colexios de Riotorto e O Páramo para elaborar os seus menús de Nadal, unha iniciativa que se enmarca na rede Mercaproximidade e se leva a cabo estes días en oito centros da comunidade.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, desprazouse hoxe ata o Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Plurilingüe de Riotorto, onde os 34 alumnos e alumnas que utilizan o servizo do comedor puideron degustar hoxe un menú a base de fabas, tenreira, patacas, queixos, iogures e mel. Na xornada de onte o CEIP Plurilingüe do Páramo ofreceu aos 50 alumnos e alumnas do comedor un menú similar, neste caso con carne de cordeiro.

Todos os produtos destacan pola súa calidade, ao acollerse a distintivos como as indicacións xeográficas protexidas Ternera Gallega, Mel de Galicia e Faba de Lourenzá ou a denominación de orixe protexida Queixo Tetilla.

Estas xornadas están promovidas en colaboración cos Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) e perseguen un dobre obxectivo; por unha banda, apoiar aos pequenos e medianos produtores galegos, e por outra, promover unha alimentación infantil saudable.

Os propios centros elixiron os produtos alimentarios de entre a oferta de Mercaproximidade, a canle alternativa de comercialización habilitada pola Xunta ao inicio da emerxencia sanitaria para garantir que as producións do sector primario galego atopaban saída nas principais cadeas de distribución.

En total, a Xunta repartiu nos centros escolares máis de 600 quilos de produtos agroalimentarios destinados a preto de 1.650 rapaces e rapazas. En concreto, distribuíu 348 kg de patacas, 81 kg de fabas, 85 kg de carne de tenreira, 600 hamburguesas e 93 quilos de carne de porco celta e 40 kg de carne de cordeiro. Tamén 1.210 iogures, 52 queixos e unha decena de quilos de mel.

Os comerciantes de Taboada organizan mañá o mercado ‘Petiscos de Nadal’

A Asociación de Comerciantes e Industriais de Taboada organizará mañá, sábado, 18 de decembro, na praza de Riazón o mercado Petiscos de Nadal.  A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo presentou este martes a iniciativa na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos xunto á presidenta da Asociación de Comerciantes taboadense, Tamara Castro.

Este mercado, que pretende promocionar e poñer en valor os produtos e a gastronomía da Ribeira Sacra con todo tipo de expositores artesanais, conta coa colaboración da institución provincial. Na presentación da iniciativa participaron ademais o Alcalde de Taboada, Ramiro Moure; o presidente da Federación de Comercio de Lugo, José María Seijas; Isabel Lozano, representante da empresa Vinissi, que xestiona o evento, e Antón Ledo, en  representación da Vicepresidencia provincial.

García Porto destacou que “desde o inicio do mandato, unha das principais liñas de actuación desta Deputación é o apoio ós sectores produtivos, sobre todo ós que son estratéxicos e que contan cun gran potencial na nosa provincia, como son o primario e o de servizos”.

A Deputada explicou que a chegada da pandemia “fixo que reforzásemos aínda máis esta aposta impulsando diferentes medidas para a reactivación da economía da provincia” sacando adiante “accións específicas dirixidas a axudar ó comercio local, a hostalería e ó turismo, como sectores máis afectados pola crise”, pero tamén “colaboramos, como é este caso, co asociacionismo da provincia para que poidan desenvolver as súas propias iniciativas de dinamización”.

O programa

Entre os expositores haberá produtos artesanais gastronómicos de recoñecido prestixio, como as galletas Xiana, a cooperativa de produtos elaborados a partir de porco celta Tres Fuciños ou a empresa Ouro de Quiroga, que elabora o seu aceite con olivas de árbores autóctonas. Ademais, durante a xornada haberá actividades para toda a familia, como unha monocata con Arantxa Treus e Isabel Lozano, unha demostración da alfarería tradicional de Gundivós a  cargo de Elías González, un obradoiro de repostería infantil, contacontos e o concerto de Airiños da Freba.

O PP non apoiará os Orzamentos dun Goberno “que non é de fiar e vende fume”

O voceiro popular no Concello de Lugo, Ramón Carballo, asegurou hoxe que o seu Grupo non apoioará os Orzamentos para o 2022 presentados polo Goberno local porque non pode avalar un orzamento que non atende as “necesidades reais” dos lucenses e nos que bota de menos “as propostas que o Partido Popular presentou a Méndez e Arroxo para chegar a un consenso, e que PSOE e BNG nin valoraron”.

Carballo asegurou esta mañá que o PP non pode votar a favor duns orzamentos onde “non hai nin un só euro para o saneamento e abastecemento da zona rural; onde non hai un informe económico financeiro sobre o custe de edificios municipais como o novo auditorio; que reduce os recursos destinados á promoción e reinserción social e onde non vemos partidas para concluír proxectos que prometen e logo non executan”.

O PP alerta, así,  que as desavinzas do Goberno local “saenlle caras” aos lucenses porque duplican áreas de goberno ao “transformar a concellería do PSOE de Promoción do Emprego nunha concellería de obras paralela á área de Infraestructuras do BNG coa única finalidade de sabotar aos nacionalistas”.

Noutro senso, o PP amosa a súa desaprobación ás posibles subas encubertas de impostos que, auguran, se poderían producir en 2022 tras comprobar como se inflaron os ingresos para cadrar as contas, poñendo como exemplo o caso do lixo onde pretendan ingresar 7.281.230 € cando a última recadación real foi de 3.365.774 €, cun desfase de 11 M€ entre o que vai cobrar a empresa e o que recadará.

Os populares tampouco comparten o incremento en gastos improductivos e se amosan en contra de apoiar uns orzamentos “que permitirán a Méndez e Arroxo xestionar 4,6 M€ € en gastos diversos para os seus trapicheos e o seu autobombo persoal”. Así, segundo denuncian os populares, PSOE e BNG xestionarán no vindeiro exercicio 4.654.852 € para accións de autobombo e propaganda (PSOE 1.967.877 € e o BNG 2.625.475 €).

A alcaldesa de Lugo ten para autopromoción da súa figura 250.000 € a maiores doutros 135.000 € en traballos, fronte aos 300.000 € que destinan a Emerxencia Social. Mentres que as concellerías do BNG, “un partido que presume de estar a favor da austeridade e da reducción do gasto improductivo”, xestionará en 2022 2.625.475 € en gastos diversos e publicidade e propaganda.

“Curiosamente hai un incremento de 799.875 € neste capítulo de gastos diversos, unha cifra similar á que recortaron no departamento de vías e obras (neste exercicio pasaron dos 3.662.920 aos 2.905.000 €, é dicir 757.000 € menos)” denuncia Carballo, que engade que “quitan de investir na cidade para os seus trapicheos”, concluía o voceiro popular.

Dende o PP tamén alertan de que se están inflando os ingresos para cadrar as contas. O exemplo “máis sangrante”, para os populares, de que estes orzamentos son papel mollado “témolo no caso do lixo”. Primeiro, cuestiónanse, “como é posible que pretendan ingresar 7.281.230 € cando segundo á conta xeral do 2020 a recadación real foi de 3.365.774 €. E segundo, quen vai facer fronte aos 11 millóns de desfase que hai tendo en conta que o custe do servizo, que se vén de adxudicar, é de 14M €. Imos os lucenses que ter que asumir esta déficit cunha suba nos recibos do lixo?”.

Nos orzamentos para 2022 botan en falta partidas para a posta en funcionamento do novo Auditorio de Magoi, das Caldas do Miño e do edificio Impulso Verde. “Outra proba máis de que non saben como van xestionar estas instalacións. Todo un exemplo de falta de planificación”, denuncia o popular.

Miñones aposta polo diálogo, respaldado polo Goberno, para garantir o emprego e a actividade de Alcoa

O delegado do Goberno, José  Miñones, apostou hoxe polo diálogo para acadar unha solución que  garanta o emprego en Alcoa. Valorou así as negociacións abertas esta  semana entre a multinacional e o comité de empresa que contan co total  respaldo do Goberno, a través do Ministerio de Industria, Comercio e  Turismo e destacou “o papel e a implicación da propia ministra, Reyes  Maroto, que nos permitiu chegar ata aquí”.

José Miñones amosou a súa confianza en que esta nova etapa de diálogo permita asegurar o emprego e a actividade industrial na comarca da Mariña. Explicou que “desde o Goberno mantemos o diálogo aberto coa empresa, e esa é a boa noticia, porque mentres haxa diálogo hai posiblidades de chegar a unha solución satisfactoria para todas as  partes”.

“A nosa prioridade absoluta é manter o emprego e estar ao lado dos traballadores, como sempre fixemos”, destacou o delegado do Goberno. Por iso, o delegado agradeceulles que “na última reunión eles mesmos valoraron o esforzo que estamos realizando desde o Ministerio para acadar un acordo”.

O delegado lembrou ademais, que o Goberno pediulle á empresa información “que nos dea garantías e esperamos seguir avanzando no bo camiño nas próximas reunións”.

O PP de Xermade esixe ao goberno local conservar, mellorar e difundir as rutas de sendeirismo do municipio

O Grupo Municipal do Partido Popular de Xermade esixiu ao goberno local durante o pleno celebrado este xoves que promova a conservación, mellora e difusión das rutas de sendeirismo do municipio, “espazos naturais de valor etnográfico, histórico e paisaxístico que deben ser orgullo para veciños e reclamo para visitantes”.

O Concello recibiu recentemente unha subvención da Xunta para publicitar e poñer en valor as rutas, camiños e sendeiros baixo a denominación ‘Camiños de Xermade’ que inclúe catro rutas: do Batán de Folgoso (Lousada), do río Trimaz (Cabreiros), dos Pasos da Pontenova (Candamil e Burgás) e Xermade-Sotavento (Xermade e Momán).

O voceiro popular, Antonio Riveira, sinala que “das catro rutas, apenas a do río Trimaz presenta un mínimo estado de decoro para poder percorrela. As demais están en mal estado”.

Concretamente, explica Riveira que “desapareceu o cartel de sinalización da ruta dos Pasos da Pontenova, na Charca dos Patelos, ademais de non facerse un mínimo de conservación nos propios pasos sobre a Pontenova do río Trimaz”. Na ruta do Batán de Folgoso había pontes de madeira ao longo do río que foron afectadas polo tempo rompendo os chanzos de madeira e limitando a accesibilidade provocando as queixas dos grupos de roteiros. Resulta paradóxico que exista un enlace na web do Concello para anunciar o proxecto de rehabilitación de elementos etnográficos para creación dun centro de interpretación en Folgoso, pero que o goberno local non se preocupe por realizar un mínimo de conservación”, incide o popular. E a ruta Xermade-Sotavento, “desde que a deseñou e presentou o anterior goberno municipal, non recibiu nestes seis anos ningún impulso na sinalización nin mellora nos camiños que a conforman”.

Os populares recordan que “os camiños necesitan conservación, melloras, sinalización e estudos de ampliación” e, polo tanto, cren que “é momento de prever estudando as actuacións, as necesidades de orzamento e as xestións que sexan precisas para que as rutas estean acondicionadas na próxima temporada”.

Iniciativas en defensa dos intereses dos gandeiros
O Grupo Municipal Popular levou ao pleno ordinario da corporación dous asuntos de interese para os gandeiros do municipio. Riveira lamenta que “o grupo do PSOE se abstivese e non apoiase a iniciativa de apoio ao sector lácteo coa que pretendían, entre outras cuestións, esixir ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación habilitar mecanismos para garantir que o prezo que reciben os gandeiros polo leite cubra, polo menos, os custos de produción; tal e como recolle a Lei da Cadea alimentaria”.

Os populares amosaron, por outra parte, o seu rexeitamento a que o Ministerio para a Transición Ecolóxica incluíse ao lobo no listado de especies silvestres en réxime de protección especial. Nese sentido, conseguiron que o PSOE se sumara á iniciativa para que o Concello solicite ao Ministerio que esta especie continúe a ser cinexética e, polo tanto, estea permitido o seu control; xa que “o lobo causa numerosos danos entre os nosos gandeiros”. A moción do PP, que foi aprobada por unanimidade, incluía a solicitude ao Ministerio para habilitar axudas aos gandeiros para adoptar medidas de prevención e paliar os danos que causen os lobos.

Afeccións ao tráfico na N-6 por obras de rehabilitación do firme á altura de Lugo

O Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana ( Mitma) executará obras de rehabilitación do firme na calzada dereita da estrada N-6, entre os PP. KK. 504+900 e 505+300, no termo municipal de Lugo. Os traballos comezarán ás 8:00 h do sábado 18 de decembro e finalizarán ás 19:00 h do domingo 19 de decembro.

Os traballos consistirán na reparación de fochancas e blandones, así como na elevación das tapas de pozos de rexistro. Con iso mellorarase tanto a comodidade como a seguridade do tráfico rodado.

Para iso, realizaranse cortes e desvíos de tráfico que afectarán os vehículos que circulen pola mencionada estrada N-6 en sentido cara á Coruña e o polígono de Ou Ceao, e aos que se incorporan á mesma desde a saída da cidade de Lugo a través da Avenida da Coruña

Deportes programou a substitución dos filtros da piscina de Frigsa antes da denuncia do PP

A área de Deportes programou xa, a inicios desta semana e con carácter urxente, a substitución dos filtros de tratamento da auga da piscina climatizada de Frigsa, logo de que o pasado domingo se detectase nela unha avaría.

A deficiencia derivou da rotura dun destes compoñentes que supuxo a perda de 150.000 litros de auga no vaso máis profundo das instalacións.

“Dende o mesmo momento que se tivo coñecemento da incidencia o persoal técnico acudiu ás dependencias para coñecer a orixe da problemática e tentar atallala. Unha solución que pasou pola reparación inicial dos aparatos afectados entre os que se inclúen as bombas de impulsión”, explicou o edil quen tamén fixo referencia á antigüidade dos equipamentos, instalados no ano 90, cando se inaugurou o recinto e que “logo de 31 anos seguen en funcionamento a pesar do uso intensivo que se fai das piscinas, debido, precisamente, a bo mantemento e conservación que se fai das mesmas”.

O concelleiro sinalou tamén que o enchido do vaso supuxo unha diminución da temperatura da auga, que sae da billa a 11º e ten que quentarse até alcanzar aos 28’5º.

“Neste momento o vaso está xa nos 28º. Dende aquí, queremos trasladar as nosas desculpas á cidadanía polas molestias ocasionadas, explicarlles que esa diferencia na sensación térmica que perciben cando se meten na piscina estes días se debe a esta situación e que, non só está en vías de solución, senón que ademais interviremos para proceder á substitución dámbolos dous filtros co obxectivo de atallar que esta anomalía se reproduza”, afirmou Repetto Morban.

“Unha intervención que procederemos a executar á maior brevidade posible só condicionada pola subministración dos materiais necesarios”, engadiu en alusión á situación de desabastecemento que sofren, dende hai meses, algúns mercados e á futura folga na distribución que, nas vindeiras semanas, pode afectar a todo o país.

11,00 h.- A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, reunirase co Comité de Empresa de Vestas e representantes sindicais. foto xoán crespo 17/12/2021

Vestas bloquea as negociacións cos investidores interesados en adquirir a planta

A Xunta denunciou hoxe que Vestas, coa súa actitude, está a imposibilitar calquera posibilidade de venta da fábrica de Viveiro, a única saída para manter a planta activa e preservar os postos de traballo. A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, mantivo hoxe en Santiago de Compostela unha reunión -acompañada do director do Igape, Fernando Guldrís- con membros do Comité de Empresa de Vestas e representantes sindicais aos que comunicou que os investidores interesados na propiedade da planta atopados pola Xunta, veñen de renunciar ao seu propósito ante os atrancos impostos pola multinacional.

“Vestas non se atopa interesada en vender, non quere que ningún outro competidor adquira a factoría e leve a cabo un proceso de reindustrialización na fábrica para así poder manter o emprego”, lamentou a conselleira ao remate do encontro.

O Goberno galego vai seguir ao carón das persoas traballadoras afectadas polo ERE que abocará ao cese da actividade o próximo 31 de decembro. “Imos continuar traballando na busca doutros compradores”, dixo Lorenzana.

A Xunta esixe de novo unha maior implicación do Goberno central, practicamente desaparecido neste conflito, pola súa pasividade para localizar compradores e pola súa mínima implicación na busca dunha solución, o que se resume nunha falta de apoio cara aos traballadores.

Vestas continúa co seu plan de pechar a fábrica de Viveiro tras enviar esta mesma semana as cartas de despedimento aos traballadores e ingresar nas súas contas as liquidacións. A Xunta insiste en que é necesario máis tempo para fraguar un proceso de compra que garanta a actividade produtiva da factoría e, con ela, o emprego nesta comarca.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com