Novas

Medio Ambiente colabora coa recollida de comida para mascotas de familias con escasos recursos

O tenente de alcaldesa e responsable de Medio Ambiente acompañado pola presidenta da Asociación Ayuda Alimentaria Animalista, Noelia Rodríguez, presentaron a campaña solidaria Este Nadal en Lugo, ningunha mascota sen comida, que se celebrará durante estas datas de Nadal ata Reis.

O obxectivo desta iniciativa é colaborar coas familias con menos recursos ou que atravesan unha mala situación económica co fin de que poidan alimentar os seus cans, gatos ou outros animais de compañía.

O edil pediu a colaboración da cidadanía. “Desde a concellería queremos facer un chamamento á sociedade lucense para que demostre unha vez máis a súa solidariedade, e para iso habilitamos varios puntos de recollida en establecementos ubicados en distintas zonas da cidade, que tamén colaboran neste campaña”.

Actualmente, a Asociación Ayuda Alimentaria Animalista encárganse de ofrecer un banco de alimentos para familias en risco de exclusión social con mascotas. Concretamente, o colectivo colabora con máis de 130 familias de Lugo. Tamén axudan a alimentar colonias e animais en estado de abandono.

 Puntos de recollida

  • Sede da Asociación Ayuda Alimentaria Animalista (xoves de 16:30 a 18:30, Rúa San Xillao, 13)
  • Facultade de Veterinaria (Campus de Lugo – Avenida Carballo Calero, s/n)
  • Hospital Veterinario HA (Rúa Virxe da Esperanza, 31)
  • Tiendanimal (Avenida Infanta Elena, s/n – fronte ao Centro Comercial As Termas)
  • Todo Campo (Avenida Benigno Rivera, 23)
  • Hipermercado Eroski (Centro Comercial As Termas)
  • VetLar Centro Veterinario (Rúa Concepción Arenal, 55)
  • Ecolavakan Boutique Canina (Rúa Milagrosa, 58)

O Concello de Outeiro de Rei acolle a exposición itinerante sobre Manuel Rodríguez López

Tivo lugar na Casa da Cultura de Outeiro de Rei a presentación da exposición Manuel Rodríguez López, sobre a vida e obra do escritor de Paradela. Ademais, presentouse o libro “Manuel Rodríguez López, 25 anos despois”, que recolle traballos de 50 personaxes destacados da cultura galega sobre a figura de Manolo Rodríguez. No acto participaron o alcalde de Outeiro de Rei, José Pardo; o alcalde de Paradela, José Manuel Mato; a xefa territorial da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia en Lugo, María José Gómez; a viúva do escritor, Irene López, seu fillo, Santiago Rodríguez, e o presidente del Colectivo Egeria, Xulio Xiz.

A mostra forma parte do Proxecto Manuel Rodríguez López, emprendido polo Colectivo Egeria, GaliciaDigital e a familia do escritor, co apoio do Concello de Paradela, a Deputación de Lugo, a Xunta de Galicia (Secretaría Xeral de Política Lingüística) e a a Real Academia Galega.

Esta exposición itinerante percorreu nos últimos 8 anos máis de 20.000 quilómetros, pasando por numerosas cidades e localidades galegas, visitou a Casa de Galicia en Madrid, as Universidades de Granada, Deusto e Estremadura e os Centros Galegos de Santander, Barcelona, Salamanca, León, Vitoria, Llodio, Las Palmas de Gran  Canaria, Valladolid, Sevilla ou Pamplona, e chegou tamén a Portugal, concretamente ao Centro Galego de Lisboa e as Universidades do Minho (Braga) e Algarve (Faro).

Está composta por oito paneis dobres, nos que se reflicte a vida e obra do escritor paradelense, considerado o mellor poeta obreiro galego do século XX, que escribiu en Cataluña a maior parte da súa obra, e foi ademais dun grande animador das actividades galegas nesta comunidade, o vínculo perfecto entre Galicia e os galegos emigrantes en Cataluña.

Manuel Rodríguez López é tamén fillo predilecto do Concello de Paradela, e dá nome á Casa Municipal de Cultura e a un Certame Literario do que se acaba de presentar a XXVII edición.

Vilalba convoca unha praza de técnico de Turismo

O Concello de Vilalba informa da convocatoria dunha praza de técnico/a de turismo por un período de nove meses con xornada a tempo completo. A convocatoria desta praza está vinculada ao Plan Único da Deputación de Lugo, baixo o seu “Programa de Fomento do Emprego 2021”.

As solicitudes para cubrir esta praza deberán de presentarse no Rexistro Xeral do Concello de Vilalba ou nos lugares previstos a tal fin. Ditas solicitudes presentaranse nun prazo de 5 días naturais dende o día seguinte ao da súa publicación no BOP, é dicir, ata o luns 20 de decembro de 2021.

A praza está adscrita ao departamento de Turismo e Comercio de Vilalba e adxudicarase por sistema de concurso-oposición libre. Valorarase a experiencia profesional, así como a formación dos candidatos, e realizarase unha fase de oposición con probas de capacidade e aptitudes.

As bases desta convocatoria están dispoñibles no Boletín Oficial da Provincia de Lugo do día de onte, 14 de decembro de 2021.

Continúa a escalada de casos covid cun gran aumento dos positivos detectados

A provincia de Lugo continúa a verse afectada polos gromos activos, e non deixa de sumar casos.  Así o revela o último informe do SERGAS, con datos recabados ata as 6 da tarde de onte, e no que cifran en 802 os casos activos, 53 máis que na xornada do luns.

O certo é que non é tan preocupante esta suba como a do número de positivos detectados que chega ás 85 persoas, tras os cribados realizadosna provincia.

Doutra banda, a presión asistencial sobe malia que lixeiramente, ao sumar un total de 17 persoas ingresadas. 12 en unidades convencionais, 5 no HULA e outras tantas no Hospital de Monforte, e dúas no Hospital da Mariña; na UCI do Hospital lucense hoxe hai outros 5 pacientes Covid. Tamén se mantén o número de falecidos na provincia en 257, dende o inicio da pandemia.

O único baremo que continúa amosando un freo case diario é o número de altas recibidas, en total dende a chegada do virus á provincia recuperáronse da infección 20.350 persoas, 33 delas na última xornada.

E todo isto, o día antes de que o SERGAS inicie a vacinación dos nenos de entre 5 e 11 anos. Así, mañá Galicia ten citados a 15.000 pequenos, entre eles os inmunodeprimidos, que arrancan a súa vacinación como grupo prioritario.

Os lugares elixidos para a inoculacións das primeiras doses infantís serán nos puntos en que se viñan dando as dos maiores agás no caso dos inmunodeprimidos. O Sergas aconsella aos proxenitores que leven xa o consentimento informado asinado.

Europe Direct Lugo organiza unha xornada gratuita sobre agricultura ecolóxica e deseño de hortos sostibles

O centro Europe Direct pertencente ao Concello de Lugo organizará o vindeiro xoves, 16 de decembro, a partir das 10:30 horas, a xornada “Hortos urbanos e agricultura ecolóxica, cara a unha alimentación máis sostible”, no salón de actos do Centro de Empresas e Innovación (CEI-Nodus), situado en Garabolos.

Será unha xornada aberta ao público e totalmente de balde, na que se afondará nos principios da agricultura ecolóxica e o deseño de hortos sostibles, coa participación de dous expertos: Carlos Brea Pallares, enxeñeiro agrícola, asesor de explotacións agrícolas e gandeiras e Máster en Calidade e Medio Ambiente; e Luis Ruiz García, profesor titular da Escola Técnica Superior de Enxeñería Agronómica, Alimentaria e de Biosistemas; responsable do proxecto LIFE Lugo+Biodinámico na Universidade Politécnica de Madrid (UPM).

O Concello de Lugo lanza a iniciativa no marco da súa estratexia de sostibilidade, onde a alimentación de quilómetro cero e o autoconsumo son claves. Neste senso, a Alcaldesa vén de presentar unha iniciativa enmarcada no proxecto LIFE, financiado pola Unión Europea, para a creación dunha innovadora zona verde na cidade, de aproximadamente 12.610m² no entorno da Garaballa, da que dará conta durante a xornada o profesor Luis Ruiz. Este espazo, situado a carón do edificio Impulso Verde, contará con novos hortos urbanos, adaptados a diferentes idades e usos sociais, proxectándose, deste xeito, hortos terapéuticos, para maiores, escolares, familiares e didácticos, en prol da convivencia interxeracional.

Ademais, estes novos hortos urbanos uniranse aos xa acondicionados polo goberno local nos últimos anos, nunha extensión de 3.000m² no parque dos Paxariños, como espazo de convivencia social ao redor da labranza individual de pequenas parcelas para autoconsumo.

Nestes momentos, atópase aberto o prazo para renovar a concesión destes hortos, 32 en total, que se poñen ao dispor da cidadanía interesada, de forma totalmente gratuíta, coa única condición de que as usuarias e usuarios deberán prescindir de produtos químicos de sínteses. Este requirimento implica, alén, a fertilización orgánica da parcela, o uso de sementes ecolóxicas e de variedades locais, así como a súa rotación. Actualmente estanse a avaliar as solicitudes e a previsión é que no vindeiro mes de xaneiro poidan estar adxudicados.

‘Job’, o novo plan de formación do Concello con máis de 1.000 cursos

A alcaldesa de Lugo acompañada da edil de Desenvolvemento Local presentaron hoxe as accións do novo plan de formación deseñado polo executivo municipal, co obxectivo de axudar a mellorar a empregabilidade dos e das lucenses e promover a súa inserción laboral a través da formación en competencias clave, coñecementos e capacitación. 

Esta iniciativa enmárcase na estratexia de dinamización e reactivación económica do municipio posta en marcha pola rexedora, como resposta á crise provocada pola pandemia. Neste senso, o executivo municipal está activar, así mesmo, a maior inversión na historia do Concello, 12 millóns de euros, a través do fondo de capital risco Lugo Transforma, unha iniciativa pioneira en Galicia, para a captación de novas empresas ligadas á innovación e o desenvolvemento sostible do territorio. 

“A finalidade deste fondo é diversificar os sectores produtivos da cidade para paliar a forte dependencia do sector terciario e este proceso leva implícita, ademais, novos escenarios económicos nos que precisamos contar con persoal cualificado e con formación específica en diferentes ámbitos como o dixital. Motivo polo cal, vencellado á estratexia Lugo Transforma, lanzamos este novo plan de formación”, explicou Lara Méndez.

A programación contempla dous grandes bloques: formación presencial no Centro de Innovación e Empresas (CEI-Nodus) do Concello; e formación online a través dunha nova plataforma de e-learning, denominada Lugo Job.

Unha vez recibida a listaxe de persoas candidatas para cada unha das accións formativas, enviada polo Servicio Público de Emprego, e previa comprobación do cumprimento dos requisitos para participar na formación, realizarase unha entrevista, que poderá ser persoal, ou curricular por escrito e que será realizada por persoal técnico adscrito para o desenvolvemento das accións formativas.

As persoas seleccionadas para realizar os cursos presenciais recibirán unha bolsa formativa mensual, que se corresponde co 75% do IPREM (423,68€ ao mes). 

Os cursos ofertados dentro deste bloque divídense en dúas liñas formativas: 

LIÑA 1. Obtención do certificado de profesionalidade de Nivel 2. Este certificado ten carácter oficial e validez en todo o territorio nacional, sendo expedido pola Consellería de Emprego e Igualdade. Dentro desta liña, puxéronse en marcha xa dous cursos: Atención Sociosanitaria a Persoas Dependentes en Institucións Sociais; e Confección e Publicación de Páxinas Web. Ambos deron comezo a finais do mes de novembro e rematarán entre os meses de maio e xuño. 

LIÑA 2. Formación en Competencias Clave de Nivel 2. As competencias clave N-2 son o requisito de acceso aos Certificados de profesionalidade de nivel 2 para aquelas persoas que non teñan a titulación requirida (título de Graduado en ESO ou proba de acceso a Ciclos Formativos de Grao Medio). Dentro desta liña ofreceranse tres cursos: Competencia Matemática, Lingua Castelá e Lingua Galega, que contarán con dúas edicións. Actualmente xa está en marcha a primeira edición do curso de Comunicación en lingua castelá, e a finais de xaneiro comezará a formación en Galego e Matemáticas; mentres que as segundas edicións desenvolveranse entre os meses de marzo e xuño de 2022.

A rexedora explicou que “a formación presencial está adaptada ao horario e curso escolar, pois as sesións teñen lugar de 9:15 a 13:15 horas, e durante as datas nas que non hai clases nos centros educativos, como por exemplo Nadal, Semana Santa, Entroido, etc., tampouco se impartirá formación, co obxectivo de facilitar a conciliación familiar dos e das participantes”.

 Plataforma e-learning

 Con respecto á plataforma de e-learning, á que se poderá acceder a través da páxina web www.lugojob.es, esta estará aberta ao conxunto da cidadanía, de forma totalmente gratuíta. “A través desta ferramenta poñemos en marcha unha amplísima oferta formativa, que se irá actualizando mensualmente, ofertando ao longo de doce meses un total de 1.000 cursos relacionados con todas as familias profesionais e as competencias máis demandadas hoxe en día no mercado laboral”, explicou a rexedora.

Entre outros, estarán dispoñibles cursos relacionados con: informática e comunicacións; comercio e marketing; imaxe persoal, seguridade e medio ambiente; prevención de riscos laborais; idiomas; sanidade; hostalería e turismo; administración e xestión; sector agrario; artes gráficas; etcétera.

A plataforma abrirá mañá, mércores, ás 10:00 horas, o prazo de inscricións para os diferentes cursos. Neste mes de decembro a oferta contempla un total de 200 accións formativas. As horas de aprendizaxe dependerán de cada curso, pero oscilan entre un mínimo de 15 horas e un máximo de 90.

Unha vez inscritos, os cursos realizaranse a través dun campus  online, unha plataforma dispoñible as 24 horas do día, todos os días da semana, para maior comodidade do alumnado. Ademais, poderase acceder dende calquera tipo de dispositivo: tanto ordenador, como tablet ou móbil.

 

Ademais, cada unha das accións, incluídas na oferta formativa da plataforma virtual, estará titorizada por persoal docente cualificado na materia a impartir. As persoas que completen satisfactoriamente a formación online, recibirán un diploma acreditativo emitido polo Concello de Lugo.

 

“Esta iniciativa supón, así mesmo, unha nova mostra do compromiso do executivo municipal polas políticas activas de emprego, nun momento especialmente delicado pola situación que nos tocou vivir nos últimos meses”, concluíu a rexedora.

Industria esixe a Alcoa garantías das súas inversións e do suministro a clientes

Na reunión da Mesa Multilateral de Alcoa celebrada hoxe de maneira telemática, o Ministerio de Industria, Comercio  e Turismo esixiu á empresa que presente garantias dos investimentos anunciados dentro do plan de viabilidade que Alcoa presentou para manter a planta de aluminio de San Ciprián, ben a través de coberturas bancarias ou con avais. Estas garantías son necesarias para dar confianza e seguridade ao proceso de reindustrialización da factoría. Tamén pediu garantías para a subministración de aluminio aos clientes que actualmente ten a empresa e que se teña en conta a toda a cadea de valor do alumino na toma de decisións.

O Ministerio expresou a súa disposición para participar no proceso de negociación para garantir o futuro da planta no formato que se aprobe por parte de Alcoa e o seu comité de empresa.

Tamén reiterou que o Goberno poñerá ao dispor do proceso todos os instrumentos de politica industrial e enerxética para facer que a plan de San Ciprian sexa competitiva e poidan modernizarse as súas instalacións.

Para o Ministerio de Industria é fundamental que o proceso de negociación continúe para garantir o futuro do complexo industrial de San Ciprián.

Retómanse as negociacións para un acordo en Jofrasa 14 días despois do inicio da folga indefinida

Despois de 14 días de folga, a dirección de Jofrasa convocaba este martes á representación social para retomar as negociacións para o acordo de empresa que regule as condicións e contemple melloras retributivas e sociais acordes particularidades do traballo de limpeza nas instalacións industriais.

A empresa (que presta o servizo de limpeza en Alcoa San Cibrao) apareceu cunha nova proposta sobre as horas extraordinarias na que se chegou a acordo, pero no relativo aos incrementos salariais trasladou unha oferta moi baixa que ademais pretendía introducir nun plus de dispoñibilidade.

A asemblea de traballadores e traballadoras, explica Xoán Díaz, da CIG-Servizos, rexeitou estas pretensións de Jofrasa, deixando claro que os incrementos teñen que ir ao salario base e que non aceptarán que as subas estean ligadas a ningún complemento, e menos aínda  a un plus de dispoñibilidade.

Tras a asemblea, pola tarde continuou a xuntanza coa empresa, á que se lle remitiu unha contraproposta económica, quedando pendentes as partes de volver reunirse ás 17 horas de mañá, mércores, para seguir negociando. Lembra que Jofrasa ten asumido acordos ou convenios de empresa cunhas condicións económicas moi superiores ás que pon enriba da mesa para o persoal que realiza os servizos de limpeza en San Cibrao.

Por iso, o representante da CIG agarda que a dirección reflexione e mova ficha de cara a facilitar un acordo que permita rematar co conflito.

Disposición a seguir na loita

A este respecto, dende a CIG subliñan que despois de 14 días, o seguimento da folga segue sendo practicamente do 100% e a disposición das traballadoras e dos traballadores a continuar na loita até que haxa un acordo satisfactorio para o conxunto do persoal continúa tan viva como o primeiro día.

A Xunta sinala de novo que a solución en Alcoa debe pasar por fixar un prezo eléctrico competitivo

A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, sinalou hoxe, tras a súa participación na mesa industrial de Alcoa, que a solución definitiva en Alcoa debe pasar primeiro por fixar un prezo eléctrico competitivo “que realmente viabilice e garanta a produción de aluminio primario” en San Cibrao.

No encontro, no que Alcoa expuxo as liñas xerais da súa proposta, a directora xeral apelou ao Goberno central a buscar solucións e poñer todos os mecanismos e todos os instrumentos enriba da mesa para garantir o marco enerxético necesario. Paula Uría insistiu en que no proceso de negociación se precisan “certezas e garantías”, tamén  por parte da empresa, para unha continuidade do emprego na Mariña, non só dos traballadores da propia planta senón dos das industrias auxiliares.

A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais insistiu en que a Xunta de Galicia está sempre ao carón dos traballadores, con todas as ferramentas ao seu dispor. “A produción de aluminio primario na Mariña de Lugo podería ter unha continuidade”, sinalou a representante da Xunta no encontro, “con esas garantías e esa busca de solucións por parte do Goberno central” para un prezo eléctrico competitivo.

DAR CREDITO SEMPRE: Imaxe: Dominique Hommel (Creative Commons) https://commons.wikimedia.org/wiki/File:Adri%C3%A1n_V%C3%A1zquez_Eurodiputado_Cs.jpg

Cs Lugo pedirá a comparecencia do Ministro Planas para que explique por que a Lei da Cadea Alimentaria “non cumpre o seu obxectivo”

Cs Lugo pedirá a comparecencia do Ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para que explique por que a Lei da Cadea Alimentaria “non está a cumprir o seu obxectivo”.

Así o confirmou o europarlamentario de Cs, Adrián Vázquez, tras os encontros mantidos hoxe con representantes do sector primario na provincia de Lugo.

“É insostible o prezo do leite cos custos de produción que están a soportar os nosos gandeiros. Ao longo dos encontros de hoxe, tanto Agromuralla, como Agaca e Aira confirmáronnos que a entrada en vigor da Lei da Cadea, de momento, non logrou o seu labor e continúan vendendo os seus produtos lácteos por baixo do prezo de produción”, denunciou.

Por iso, desde a formación laranxa comprométense “a levar a cabo tres iniciativas: imos levar as súas preocupacións ao Parlamento Europeo. De feito xa estamos a estudar como se pode motivar que se aplique con eficacia a directiva europea para combater o comercio inxusto e os prezos desleais no sector primario no noso país. Por outra banda, pediremos a comparecencia, tanto do ministro Planas como da axencia Aica, para que ambos expliquen que está a pasar con esta lei e que pasa coas investigacións que se terían que levar a cabo en todos os tramos desta cadea alimentaria para dirimir onde falla. Por último, pediremos ao Goberno de España que aclare se se van a producir sancións en caso de incumprimento desta lei como así se regula na normativa ou se pola contra van continuar mirando cara a outro lado mentres o noso sector primario afúndese”, sinalou Vázquez.

Pola súa banda, Olga Louzao, secretaria autonómica de Organización da formación laranxa e portavoz municipal no Concello de Lugo agradeceu a visita de Vázquez, relatou a dura situación á que se enfrontan os gandeiros na provincia e esixiu un maior compromiso por parte das Administracións.

“Nos últimos meses, desde a crise sociosanitaria orixinada pola pandemia, pecharon case 400 explotacións. O sector primario é un piar fundamental na economía de Lugo. Debemos pelexar por lograr evitar que as nosas empresas, exemplo de produción de calidade para toda Europa, continúen pechando. Pola contra enfrontarémonos a un panorama desolador, posto que a crise do sector primario arrastrará ao resto do noso economía. Pedimos que as Administracións públicas, tanto Xunta, como Deputación e Concellos, involúcrense máis nesta loita que é un clamor social na rúa. As institucións non poden permanecer á marxe desta realidade”, concluíu.


Imaxe: Dominique Hommel (Creative Commons)

 


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com