Retómanse as negociacións para un acordo en Jofrasa 14 días despois do inicio da folga indefinida

Despois de 14 días de folga, a dirección de Jofrasa convocaba este martes á representación social para retomar as negociacións para o acordo de empresa que regule as condicións e contemple melloras retributivas e sociais acordes particularidades do traballo de limpeza nas instalacións industriais.

A empresa (que presta o servizo de limpeza en Alcoa San Cibrao) apareceu cunha nova proposta sobre as horas extraordinarias na que se chegou a acordo, pero no relativo aos incrementos salariais trasladou unha oferta moi baixa que ademais pretendía introducir nun plus de dispoñibilidade.

A asemblea de traballadores e traballadoras, explica Xoán Díaz, da CIG-Servizos, rexeitou estas pretensións de Jofrasa, deixando claro que os incrementos teñen que ir ao salario base e que non aceptarán que as subas estean ligadas a ningún complemento, e menos aínda  a un plus de dispoñibilidade.

Tras a asemblea, pola tarde continuou a xuntanza coa empresa, á que se lle remitiu unha contraproposta económica, quedando pendentes as partes de volver reunirse ás 17 horas de mañá, mércores, para seguir negociando. Lembra que Jofrasa ten asumido acordos ou convenios de empresa cunhas condicións económicas moi superiores ás que pon enriba da mesa para o persoal que realiza os servizos de limpeza en San Cibrao.

Por iso, o representante da CIG agarda que a dirección reflexione e mova ficha de cara a facilitar un acordo que permita rematar co conflito.

Disposición a seguir na loita

A este respecto, dende a CIG subliñan que despois de 14 días, o seguimento da folga segue sendo practicamente do 100% e a disposición das traballadoras e dos traballadores a continuar na loita até que haxa un acordo satisfactorio para o conxunto do persoal continúa tan viva como o primeiro día.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com