Novas

Gandeiros advirten dunha folga indefinida se non se lles paga o prezo xusto polo leite

A Plataforma de Gandeiros Lácteos Unidos, a través de Agromuralla, vén de anunciar unha futura folga de entregas se a industria non comeza a pagar aos gandeiros “como  mínimo o custo de produción, estimado en máis de 0.41 euros o litro antes do 15 de decembro”.

Reunidos en Valencia de Don Juan (León) o pasado 3 de decembro, gandeiros de todo o Estado, decidiron que diante da grave situación que atravesa o sector lácteo no país, a única opción que queda, é a folga indefinida de entregas.

Esta é a medida máis dura que pode adoptar un gandeiro, pero á vez, é a única que pode reverter esta situación caótica na que está sumido o sector, o leite é nosa e os únicos que se enriquecen con ela son os que nola compran.

“Na reunión baralláronse máis opcións, pero a votada maioritariamente foi esta, sen renunciar a outras que se están xa xestando e que serán apoiadas e secundadas por esta plataforma”, explican no comunicado.

A folga será indefinida no tempo, non deixando circular polas estradas nin unha soa cisterna de leite, “non queremos prexudicar aos transportistas, que nos consta que o están pasando tan mal como nós, pois as industrias téñenlles igual de asfixiados en prezos, pero non podemos deixar que se nova un só litro de leite en España neses días de folga”.

Dende a Plataforma, instan aos gandeiros a non asinar contratos que non cubran eses custos de produción, “debido a que así o marca a Lei da Cadea Alimentaria” sendo, polo tanto, ilegal que as industrias lles obriguen a asinar eses contratos.

“Efectuaranse reunións polas distintas rexións para planificar os devanditos actos, así como para a creación de piquetes informativos que estarán en activo polas estradas do noso país”, explican.

Ademáis, dedne a Plataforma solicitan das industrias que revisen os prezos que pagan aos gandeiros “nestes 11  días que quedan” porque, pola contra ” a folga será inevitable, pois a economía dos gandeiros non está para esperar máis, sendo inviable un prezo que nos siga asfixiando ata a ruína”.

Explica ademáis este colectivo que solicitan do Ministerio e das distintas Comunidades Autónomas que fagan unha mediación neste conflito “sendo que máis parece que non están decatadas da gravidade da situación”, diante do que tildan “a indolencia e inoperancia que están a practicar”.

A gandería de leite en España dá traballo, directa e indirectamente, a máis de 30.000 familias, a maioría fixadas ao medio rural, “que, se isto non sae adiante, veranse abocadas á desaparición”.

Xela Martínez e a Selección Galega Sub16 Masculina, destacan no Campionato de España de Campo a Través

A Selección Galega Sub16 masculina lograba no día de onte a segunda posición no Campionato de España de Campo a través do CSD na edición disputada  no Centro Ecuestre El Asturcón en Oviedo e no que dazoito Seleccións e preto de catrocentos atletas en representación de practicamente todo o Estado tomaban parte

O equipo formado por Ricardo Negrete (7º), Damián Suárez (8º), Teo de Frutos (17º), Sergio Quintas (18º), Asahber Díaz (20º) e Matías Regueiro (35º) lograba este meritoria segunda posición nun campionato na que tan só cederían ante a selección do Pais Vasco por tan só dous puntos.

A outra das noticias da xornada foi a carreira da lucense Xela Martínez quen lograba o triunfo individual proclamándose campioa de España e amosando novamente a súa enorme calidade nunha categoría Sub16 onde a Selección remataba por equipos na sétima posición da xeral por Seleccións

Nas categorías Sub18, o equipo masculino liderado por Mateo Rodríguez (9º) lograba a sexta posición sendo novenas as mulleres na que Paula Cabaleiro (41ª) lograba o mellor posto das galegas.

Medra o número de alumnos de galego no Bierzo

O número de alumnos que estudan galego nos territorios limítrofes de Castela e León aumenta ata 1115. Así o constatou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, na reunión anual de seguimento do programa de promoción da lingua galega no Bierzo e Sanabria, asinado por ambos gobernos autonómicos hai 20 anos.

Así, neste curso 32 alumnos máis que no pasado ano estudan galego nalgún dos 19 centros adscritos ao programa nas comarcas do Bierzo e Sanabria. Do total de 1115 alumnos, 933 están nas etapas de Educación Infantil e Primaria, mentres que 137 proceden de institutos e 45 da Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada, que oferta clases para preparar desde o nivel máis básico, A2, ata o nivel de especialización, C1.

Na reunión, celebrada de forma telemática, ademais do representante da Xunta de Galicia, tamén participaron, en representación da Junta de Castela e León, o director xeral de Centros, Planificación e Ordenación Educativa, José Miguel Sáez; o xefe de servizo da Inspección Educativa, Paulino Martín Seco, e o presidente do Consello Comarcal do Bierzo, Gerardo Álvarez Courel.

Este programa, que se leva a cabo dende o ano 2001, establece as pautas de colaboración entre Galicia e Castela e León para a promoción do galego na educación non universitaria das provincias limítrofes de León e Zamora. A cooperación entre ambas as autonomías articúlase mediante a formación do profesorado, a cesión de materiais didácticos aos centros e o acceso do profesorado aos contidos do Portal Educativo da Xunta de Galicia.

A implantación da ensinanza do galego en Castela e León ten carácter voluntario, mais ambas as institucións tratan de promover que os centros ofrezan unha continuidade neste programa de formación para garantir que os alumnos que o cursen poidan completar os seus estudos nesta lingua e obter os certificados oficiais correspondentes. Así, os estudantes que finalicen os estudos da ESO cursando as correspondentes materias en galego poden conseguir un nivel Celga 2, mentres que en Bacharelato optan ao Celga 3.

Darío

Desde hai vinte meses, por causa da gran plaga ou por calquera outra igualmente letal, estamos perdendo seres queridos que nos deixan en situación de desamparo permanente. O último, Darío Xohán Cabana, un dos máis fructíferos, intelixentes e xeniais poetas e narradores do país.

Primeiro foi excelso poeta, para logo consagrarse na prosa. E se en poesía premiárono co Martín Codax, Ciudad de Ourense, ou Celso Emilio Ferreiro, en narrativa foron o Xerais, Barco de Vapor ouCiudad de Lugo, e en tradución o Lois Tobío, o da Asociación de Escritores, e a Medalla de Ouro de Florencia pola tradución do Cancioneiro de Petrarca e a Divina Comedia de Dante.

Da escola de Alonso Montero, devoto de Manuel María e Méndez Ferrín, sen esquecer a Álvarez Blázquez, era perfecto coñecedor da literatura galega de tódolos tempos.

E por xenial podía permitirse cousas brillantes aparentemente triviais, e publicou dia a dia durante 34 anos cadanseu crucigrama galego na Voz, ou no vello xornal municipal “Praza Maior”, as Coplas do Cego de Albeiros.

Quede aquí como oración e pranto este anaco de “A Fraga amurallada”, que nos retrata a todos os que de fóra viñemos a Lugo: Nacéramos no val ou no alto monte / onde o vento nas árbores cantaba / e o reiseñor das albas pregoaba / a gloria do regueiro e máis da fonte. / Amabamos o fúlxido horizonte, /a fraga mesta que o poeta gaba / e as pradelas en flor e a terra brava, / montesía e xangal morada de onte. / Mais un dia viñemos e arraigamos / nos arrabaldos novos, oh cidade! / e pisámosche as rúas empedradas, / e agora somos teus e ben te amamos, / e ás vegadas tamén temos saudade / das terras atrás nosa abandoadas.

Modesta celebración do 43 aniversario da Constitución en Lugo

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, manifestou onte, con motivo da celebración do 43 Aniversario da Constitución,  que a Carta Magna é o “andamio que nos permitiu construír o edificio da democracia española” e pediulle aos lucenses que “ defendan unha sociedade na que todas as persoas teñan cabida”.

A Subdelegación do Goberno retomou hoxe a conmemoración do aniversario da Constitución, logo do paréntese de 2020 debido á pandemia, cun acto  moito menos numeroso do acostumado, no que estiveron presentes a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; o presidente da Deputación, José Tomé; o delegado territorial da Xunta, Javier Arias, e representantes da Administración Xeral do Estado na provincia. Ademais, contouse coa presenza de catro nenas, familiares de traballadores da Subdelegación que deron lectura ao Título Preliminar da Constitución.

No seu discurso, a subdelegada do Goberno agradeceulles ás nenas Nuria, Xiana, Paula e Natalia que renunciaran ao descanso nunha maña festiva para colaborar no acto. “Quixemos contar coa súa axuda porque elas serán protagonistas do futuro e coa súa presenza damos simbolismo a esta celebración, breve e modesta, coa que festexamos a Constitución.

Rodríguez explicou que “esta conmemoración está moi lonxe dos actos sociais que sempre acolleu a Subdelegación do Goberno para celebrar con todos os lucenses o Aniversario da Carta Magna, pero consideramos que este ano era prudente priorizar a seguridade e a saúde sobre a vistosidade do acto”.

“A nosa Carta Magna, que xa cumpre 43 anos, é froito dun gran pacto social firmado para garantir a xustiza, a liberdade e a seguridade”, destacou Isabel Rodríguez.

Remarcou que se trata do “instrumento do que nos dotamos para consolidar en España o Estado de Dereito, para dar protección a todos os cidadáns e asegurar a dignidade das persoas, garantindo a igualdade e que non poidan producirse discriminacións de ningún tipo por motivos de nacemento, raza, sexo, relixión ou opinión”.

A subdelegada afirmou que “grazas á Constitución, e á xenerosidade dos seus redactores, puidemos poñer en pé un dos máis longos períodos de convivencia democrática en España. Por iso, o aniversario do gran texto legal no que se fundamenta a nosa democracia merece ser celebrado”.

‘Eólica, así non’ o berro que soará en Galicia o día 11 por unha moratoria eólica real

Con motivo do Día mundial das Montañas, o vindeiro sábado, 11 de decembro, a Coordinadora “Eólica, Así Non” apoiada en máis de 170 colectivos de toda Galicia, convoca á sociedade galega a unha nova grande mobilización fronte a actual invasión eólica. A Coordinadora “Eólica Así Non” escolle esta data polo seu carácter especialmente simbólico na loita social contra a vaga eólica colonial que está a sufrir o país e que discorrerá baixo o lema “Na defensa das montañas. Eólica Así Non”.

En Lugo a concentración será fronte o multiusos da Xunta de Galicia, ás 12h, haberá gaiteirada e poesía reivindicativa, en Becerreá, a concentración será ás 12h na Praza do Concello, en Meira tamén ás 12h na Praza do Concello e en Antas de Ulla ademais da concentración haberá unha andaina que partirá ás 12h da Praza Nova.

Na comarca de Lugo, que atinxe aos concellos de Castroverde, O Corgo, Friol, Outeiro de Rei, Guntín e Lugo, e que lembremos está dentro da Reserva da Biosfera Terras do Miño, son 14 as instalacións eólicas autorizadas ou que xa están en funcionamento, ás que hai que sumar catro máis en tramitación, dúas delas pola Xunta e outras dúas polo MITECO, o que equivale a un total duns 400MW e a máis de 170 de aeroxeneradores, coas correspondentes liñas de evacuación e instalacións asociadas.

En Becerreá e Navia, aínda estando dentro da Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses e Montes de Navia, Cervantes e Becerreá, están proxectados 7 parques ( 6 no concello de Becerreá), promovidos por Enel e Greenalia principalmente. Supoñen unha potencia anual de 270MW. A comarca, con unha poboación en caída libre, veriase abastecida con 3 aeroxeneradores dos mencionados.

Reclaman alternativas reais para umha comarca especialmente castigada polas administracións durante décadas. De levar-se a cabo os proxectados, seria um desastre que hipotecaria para sempre o futuro da comarca. Na Comarca da Ulloa, a situacion é similar, hai actualmente tres parques eólicos en tramitación, un total de 94,5MW e 22 aeroxeneradores, aos que hai que sumar os parques eólicos xa existentes chegando aos máis de 180MW e 93 aeroxeneradores das instalacións eólicas proxectadas na zona.

Na Comarca de Meira, os novos parques eólicos en tramitación afectarán significativamente e comprometerán a continuidade da actividade agrícola da zona, estando unha gran parte dos novos aeroxeneradores e liñas de evacuacións, proxectados sobre parcelas de uso agrario.

O Concello anima a realizar as compras de Nadal no ‘Diversiarte’ do 15 ao 17 de decembro

O mercado solidario de Diversiarte estará ubicado este ano na Horta do Seminario, dos días 15 a 17 deste mes. Así o anunciou hoxe a concelleira de Benestar Social que presentou a 15 edición desta iniciativa, que organiza o Concello de Lugo en colaboración coas distintas asociacións do eido social de Lugo. A feira, que se recupera este ano tras a paréntese no pasado ano con motivo da pandemia, estará aberta de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.00 horas.

A alcaldesa de Lugo, que participou na lectura do manifesto que se desenvolveu con motivo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, animou á cidadanía a realizar as súas compras de Nadal en Diversiarte, “xa que esta feira non só e unha oportunidade para coñecer e visibilizar o labor que realizan os colectivos que traballan en favor dos dereitos das persoas, senón unha axuda que irá destinada a axudar no seu funcionamento durante o resto do ano”.

A concelleira subliñou que esta cita “é unha oportunidade para que a cidadanía aporte o seu gran de area a ditos colectivos grazas a este mercado, onde se poderá atopar información das distintas entidades así como distintos produtos elaborados nas súas asociacións”.

Na presentación de Diversiarte estiveron presentes a presidenta de ASPALU, Rosa Fariñas Fernández, e o presidente da Federación COGAMI Lugo, José Luis Lolo Celeiro. Así como, representantes do resto de colectivos participantes.

Pola súa banda, tanto a presidenta de ASPALU, coma o presidente de COGAMI agradeceron ao Concello a celebración, un ano máis, de Diversiarte, que supón “unha forma distinta para que a sociedade nos vexa, para amosar que todos unidos somos máis fortes”.

Nela participarán os seguintes colectivos: Síndrome Wolf, AGAL, Capaces, Alucem, Alusor, Alufi, AECC, Diabéticos Lucenses, AFALU, ALCER, ASPALU, FADEMGA, ONCE, AUXILIA, ADACE, ASPNAIS, FEAFES, ALUME, COGAMI, ASORLU, ASFEGA, DOWN, San Vicente de Paúl, Bonhomía, Os Pinchacarneiros e Raiolas.

A lectura do manifesto estivo a cargo de tres usuarios e usuarias de COGAMI, na Praza Maior, no que Lara Méndez aproveitou para destacar que “hoxe é unha data que ten como obxectivo sensibilizar, concienciar, e mobilizar apoios relativos á inclusión de persoas con discapacidade na sociedade”.

Xa a venda o último single de Marcos Peón e Dj Frisco

Adesso Music , o selo discográfico do mítico dj e produtor internacional Junior Jack, saca á venda My Kisses, o novo single dos galegos Dj Frisco e Marcos Peón xunto ao colombiano Dvit Bousa.

O novo single dos produtores galegos xa alcanzou o posto Número 8 na lista de música House en Itunes Italia e o posto 44 da lista Dance dese mesmo país.

My Kisses é a quinta colaboración entre Frisco e Marcos con Dvit, co que ademais produciron varios Remixes. Bousa está considerado como un dos produtores máis importantes do momento en Colombia.

Moi pronto tamén sairá á venda un pack de remesturas realizadas por djs e produtores de renome internacional. Feito que denota o gran momento no que están Dj Frisco e Marcos Peón.

Nas súas últimas producións, Taibo e Peón, lograron situarse dentro do “circuíto” House mundial e as súas cancións foron incluídas en Charts e Listas de éxitos de países como Estados Unidos, España, México, Colombia, Reino Unido, Italia, Alemaña, Francia ou Canadá. Ademais recibiron o apoio nas súas producións de artistas internacionais da talla de Joachim Garraud , Djs From Mars, Leandro dá Silva , Nicola Fasano ou Silvio Carrano.

O PP de Vilalba esixe ao Goberno local “propostas construtivas fronte a declaracións de intencións”

O Grupo Municipal Popular de Vilalba esixe ao goberno local “resolver os problemas dos veciños” e non só “aprobar declaracións de intencións”. Así o manifestan trala aprobación da ordenanza sobre o tráfico, circulación e seguridade viaria ao entender que “non vai arranxar o problema do caos circulatorio, o descontrol do tráfico en Vilalba, os problemas de aparcamento e a situación da rúa da Pravia”. É máis, a este respecto, inciden en que “as decisións precipitadas do goberno local -coma a de converter esta rúa en unidireccional sen consultar aos veciños nin contar co respaldo de informes técnicos- desencadean grandes prexuízos económicos e sociais os nosos comerciantes, autónomos e veciños en xeral”. Os populares esixen “comezar a casa polos cementos e non polo tellado como pretende o goberno do PSOE en Vilalba”.

A voceira, Sandra Vázquez, explicou que “esta ordenanza non deseña un plan de tráfico, non establece unha reorganización do tráfico e determina zonas de hora en rúas sen criterio”. Tamén advertiu sobre “contradicións” en relación á taxa pola retirada de vehículos desta ordenanza co establecido na ordenanza fiscal nº 27, que tamén recolle xa a construción, mantemento, modificación ou supresión das entradas e saídas de vehículos, así como das reservas especiais de espazo. “Botamos en falta reunións cos grupos políticos para establecer un plan de tráfico como se fixera con gobernos do Partido Popular nos anos 90”, engadiu.

O Grupo Municipal Popular presentou neste pleno iniciativas construtivas para resolver os problemas reais dos vilalbeses. Un exemplo é o mal estado da sinalización ante o que propuxeron un plan de sinalización das parroquias, barrios e espazos de interese turístico e cultural que saíu adiante por unanimidade. A este respecto, sinalan que “o importante é poñer en marcha o plan e non só aprobalo no pleno”.

Por outra banda, os populares defenderon outra proposta dirixida a detectar e atender ás persoas maiores que viven soas no municipio, “unha tendencia que se está a dar entre a sociedade vilalbesa e á que o Concello debe dar resposta como administración máis próxima aos veciños”. Neste caso, Vilalba Aberta abstívose e o PSOE votou en contra, “algo que non se pode entender porque o goberno tiña anunciado un proxecto similar”.

A aprobación do “Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sustentable ou da adhesión á Rede de Cidades que Camiñan” son tamén “declaracións de intencións” segundo os populares que instan a traballar ao goberno local ao que lle recordan que “está en minoría e debe negociar coa oposición para sacar adiante os temas máis importantes para os vilalbeses”. Neste sentido, consideran que “Vilalba Aberta empeza a palpar o descontento social ante a parálise do goberno e sae na súa axuda para tratar de facer posible os cambios anunciados ao comezo do mandato”. Así o entenden ao anunciar o goberno local estar en negociacións coa formación de Vilalba Aberta para aprobar o orzamento municipal.

Declaración institucional polo 25N
Os populares tenden a súa man para “traballar de forma construtiva por Vilalba”. Un exemplo constitúeo a súa vontade de chegar a acordos para aprobar unha declaración institucional con motivo do Día Internacional da loita contra a violencia de xénero que se conmemora cada 25 de novembro. “Dirixímonos ao resto de grupos ata en tres ocasións: presentando a nosa proposta por escrito no rexistro municipal, recordando o asunto durante o pleno e volvendo pedir a palabra ao final para reclamar esa posición conxunta á que seguimos agardando resposta por parte do PSOE”, explica Vázquez.

O Goberno lémbralle ao PP que no Pleno de Organización tamén aprobaron os salarios da oposición

O Goberno de Lugo  respostou ás críticas do Partido Popular referente aos salarios do persoal do goberno municipal. “Os catro concelleiros do PP que saían na foto denunciando os salarios cobrados no goberno e reciben tamén un salario público procedente de distintas administracións”, denuncian dende o Goberno.

Lembran, ademáis, que o grupo municipal do PP aprobou no pleno de Organización as adicacións dos concelleiros do goberno municipal formado por BNG e PSOE e dos grupos da oposición da que forma parte o PP.

O Goberno local de Lugo  defende que “toda persoa que se adique á política ten dereito a un salario” e rexeitou “a táctica de enlamar que está a utilizar o Partido Popular no Concello de Lugo”, o que “só demostra a súa carencia de argumentos políticos para criticar ao Goberno de Lugo formado por BNG e PSOE”. O Partido Popular conta no concello de Lugo con 3 asesores adscritos ao seu grupo municipal da oposición, aos que lexitimamente teñen dereito segundo o acordado no pleno por todos os grupos, que tamén reciben salarios procedentes do orzamento municipal.

Desde o Goberno demandan ao PP “que axude a continuar activando Lugo e pida ás persoas do PP que integran o goberno da Xunta de Galicia que cumpran cos compromisos pendentes, como pode ser a rehabilitación da Tinería, un proxecto completamente abandonado nos orzamentos da Xunta de Galiza para o 2022 e que o BNG leva reclamando desde a chegada de Feijoo ao poder, cando paralizou os traballos iniciados co BNG no goberno galego”.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com