O Concello anima a realizar as compras de Nadal no ‘Diversiarte’ do 15 ao 17 de decembro

O mercado solidario de Diversiarte estará ubicado este ano na Horta do Seminario, dos días 15 a 17 deste mes. Así o anunciou hoxe a concelleira de Benestar Social que presentou a 15 edición desta iniciativa, que organiza o Concello de Lugo en colaboración coas distintas asociacións do eido social de Lugo. A feira, que se recupera este ano tras a paréntese no pasado ano con motivo da pandemia, estará aberta de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.00 horas.

A alcaldesa de Lugo, que participou na lectura do manifesto que se desenvolveu con motivo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, animou á cidadanía a realizar as súas compras de Nadal en Diversiarte, “xa que esta feira non só e unha oportunidade para coñecer e visibilizar o labor que realizan os colectivos que traballan en favor dos dereitos das persoas, senón unha axuda que irá destinada a axudar no seu funcionamento durante o resto do ano”.

A concelleira subliñou que esta cita “é unha oportunidade para que a cidadanía aporte o seu gran de area a ditos colectivos grazas a este mercado, onde se poderá atopar información das distintas entidades así como distintos produtos elaborados nas súas asociacións”.

Na presentación de Diversiarte estiveron presentes a presidenta de ASPALU, Rosa Fariñas Fernández, e o presidente da Federación COGAMI Lugo, José Luis Lolo Celeiro. Así como, representantes do resto de colectivos participantes.

Pola súa banda, tanto a presidenta de ASPALU, coma o presidente de COGAMI agradeceron ao Concello a celebración, un ano máis, de Diversiarte, que supón “unha forma distinta para que a sociedade nos vexa, para amosar que todos unidos somos máis fortes”.

Nela participarán os seguintes colectivos: Síndrome Wolf, AGAL, Capaces, Alucem, Alusor, Alufi, AECC, Diabéticos Lucenses, AFALU, ALCER, ASPALU, FADEMGA, ONCE, AUXILIA, ADACE, ASPNAIS, FEAFES, ALUME, COGAMI, ASORLU, ASFEGA, DOWN, San Vicente de Paúl, Bonhomía, Os Pinchacarneiros e Raiolas.

A lectura do manifesto estivo a cargo de tres usuarios e usuarias de COGAMI, na Praza Maior, no que Lara Méndez aproveitou para destacar que “hoxe é unha data que ten como obxectivo sensibilizar, concienciar, e mobilizar apoios relativos á inclusión de persoas con discapacidade na sociedade”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com