Novas

A mesa de contratación do servizo de recollida de lixo xa ten candidato para a nova adxudicación

A mesa de contratación, reunida hoxe para valorar ás dúas empresas que chegaron coa mellor puntuación ao final do proceso de contratación do servizo de recollida de lixo e limpeza viaria do Concello de Lugo, acordou excluír a Ascan Servizos Urbanos S.L. por non existir coherencia entre a oferta técnica e a económica, así como propoñer como adxudicataria á UTE integrada por Copasa, Geseco e Setec Building.

O tenente de alcaldesa e concelleiro de Medio Ambiente incidiu en que “á licitación, que comezou en xullo de 2020, concorreron oito empresas e para avanzar durante todo este tempo tiveron que resolverse varios recursos que presentaron aquelas que ían resultando excluídas. Agora, nun proceso que é totalmente garantista, se mantén aberta a posibilidade de que se presenten novos recursos, mais dende o Concello estamos dando pasos en firme para poder culminar o procedemento canto antes, tendo en conta que se trata dunha das concesións que, con maior urxencia, precisa actualizar a cidade”.

O edil lembrou que “xa a propia Alcaldesa deu conta do cambio cuantitativo e cualitativo que suporá este contrato na mellora das prestacións pero tamén na percepción que a cidadanía terá sobre a calidade da mesma”.

A licitación, que terá unha duración de dez anos improrrogable, suporá un investimento de 134’1  millóns de euros, o que a converte na de maior contía económica do municipio xa que suporá ao redor do 13% de cada orzamento anual. Un incremento que case duplica ao do contrato anterior.

O novo servizo incluirá a execución de todas as operacións precisas para a consecución da mellor limpeza posible dos espazos públicos, beirarrúas, calzadas e zonas peonís, incluídas as manchas no pavimento, as follas ou froitos do arboredo, os residuos voluminosos, así como os excrementos de animais e as herbas que proliferan nos bordos, beirarrúas e escaleiras, ademais das pintadas. Tamén como tarefa ordinaria contemplará o aseo e baleirado de papeleiras e incrementarase non só a frecuencia coa que se realizan os labores, senón tamén o número de dispositivos especiais que se desenvolverán acordes a existencia de áreas de alta densidade residencial, contornas industriais, ou zonas como o mercado, praza de abastos, mercadiños ou espazos de ocio, axustándose ás necesidades específicas de cada un deles.

A adxudicataria deberá, ademais, renovar a totalidade dos colectores actuais – case 3.700 en todo o termo municipal – e aumentalos ata un mínimo de 4.200, incorporar a recollida selectiva orgánica, de aceites, téxtil e a compostaxe individual e comunitaria e incrementar o persoal, a maquinaria e os vehículos, que deberán ser de gas natural, eléctricos ou híbridos. Igualmente, outros dos requisitos que figuran nas bases é a creación dunha planta de gas para a subministración de todo o parque móbil municipal.

Para a rexedora, este contrato suporá un fito co que avanzar na segunda transformación do Lugo verde e amable, deseñado xa durante o anterior mandato e que situará ao concello na vangarda como un referente en limpeza, pero tamén en parámetros sociais e de sustentabilidade. Deste xeito, outras das imposicións determinadas no expediente incentivan o emprego de produtos reutilizables, reciclables ou valorizables, a redución de emisións contaminantes e sonoras, a aplicación de tecnoloxías eficientes que minimicen os consumos de enerxía, etc… co fin de provocar o menor impacto medioambiental posible e evitar molestias á veciñanza.

O TSXG autoriza que o certificado COVID-19 para acceder a locais de lecer nocturno só se poida validar co sistema QR operado pola Xunta

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) autoriza que o certificado COVID-19 para acceder aos locais de lecer nocturno da comunidade, tanto en formato papel como dixital, só se poida validar coa lectura do código QR mediante a aplicación Passcovid de Galicia, creada pola Consellería de Sanidade. Os xuíces, ademais, permiten á Xunta prorrogar, ata o 18 de decembro, a medida que esixe presentar o certificado COVID-19 de vacinación, recuperación ou proba diagnóstica negativa para acceder aos establecementos de lecer nocturno.

A sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo considera positivo que se estableza un sistema único de verificación. “Esta condición introduce seguridade xurídica e certeza nas persoas encargadas de facer a comprobación e, ao mesmo tempo, disipa na persoa que exhibe o documento calquera suspicacia sobre a almacenaxe dos seus datos”, subliña.

Por outra banda, os xuíces basean a súa autorización á prórroga da esixencia de exhibir o certificado COVID-19 nos locais de lecer nocturno en “unha tendencia epidemiolóxica de aumento de incidencia en todos os concellos de Galicia”, polo que entenden que a aplicación da medida resulta “xustificada e proporcionada”.

A Sala tamén considera a medida idónea, é dicir, eficaz para impedir a transmisión do virus, pois, segundo numerosos estudos científicos, “a contorna de lecer en lugar pechado e o perfil de xente que acode a el, de menor idade, son factores de alta transmisión”. Ademais, lembra que “a ciencia mostrou a eficacia da vacina fronte ao risco de contaxio”. Por outra banda, estima que a medida é necesaria porque “consegue manter o risco de contaxio contido, a pesar do seu carácter crecente”, e permite aos establecementos exercer a súa actividade.

No auto tamén subliña que a obrigatoriedade de presentar o pasaporte COVID-19 “combínase con outras medidas das que dispón o suxeito que, polas razóns que sexa, non estea vacinado, para acceder a estes locais”, tales como presentar un certificado negativo de padecer a enfermidade ou de pasala en determinadas circunstancias temporais.

O TSXG lembra que a sentenza do Tribunal Supremo do pasado 14 de setembro declarou que, aínda que este tipo de medidas poden supoñer “a limitación tenue dos dereitos fundamentais á intimidade e á igualdade”, están xustificadas e son proporcionadas “pola concorrencia coa necesidade dunha forte salvagarda dos dereitos á vida, á integridade física e á propia saúde”.

Ademais, fai referencia á recente sentenza do Tribunal Supremo, do pasado 1 de decembro, na que anula unha resolución do Tribunal Superior de Xustiza do País Vasco denegatoria destas mesmas medidas de control de acceso a establecementos de lecer nocturno. Na súa decisión, o alto tribunal descarta que supoñan unha desproporcionada limitación doutros dereitos fundamentais, pois lembra que “nin o dereito de reunión supón a facultade de exercelo en calquera lugar e circunstancia nin, desde logo, é obstáculo a que se pida este documento para acceder aos locais nas condicións de pandemia existentes”. O Supremo engade que “outro tanto se pode dicir das liberdades de circulación e das de expresión artística: nin o seu exercicio esixe o acceso incondicionado a establecementos de lecer e restauración nin requirir o certificado supón unha inxerencia neles que entrañe unha limitación inasumible”.

O TSXG tamén autorizou hoxe prorrogar, ata o 18 de decembro, a obriga de exhibir o pasaporte COVID-19 para o acceso aos hospitais públicos e privados da comunidade das visitas e acompañantes, maiores de 12 anos, dos pacientes ingresados.

A Audiencia condena a sete anos de cárcere a un home por tentar matar a outro cunha fouce en Lugo

A Audiencia Provincial de Lugo condenou a sete anos de cárcere, como autor dun delito tentado de homicidio, a un acusado de agredir cunha fouce a un home co que se atopou na estación de autobuses e convidou a ir á casa na que vivía de okupa porque perdera o transporte. Ademais, impúxolle a prohibición de comunicarse e aproximarse á vítima durante once anos.

O tribunal destaca que golpeou ao afectado cun “instrumento hábil para producir a morte” e que dirixiu a arma contra “unha zona corporal que reviste un inequívoco risco vital”. Ademais, o tribunal impúxolle sete meses de prisión por ameazar a unha muller.

Segundo considera probado o tribunal, o 13 de febreiro de 2021, o acusado coincidiu  na estación de autobuses de Lugo coa vítima que viña de perder o autobús. O xa condenado, sen coñecelo, invitouno a ir á casa onde vivía de okupa, sen luz nin auga, onde iniciaron unha discusión entre eles e cunha muller que tamén residía na vivenda.

En torno ás 2.30 horas da madrugada o acusado colleu unha fouce e, “coa intención de acabar coa vida” do home ao que levara á vivenda, “clavoulla no hemitórax esquerdo á altura do sexto espazo intercostal provocando unha ferida penetrante de 4 cm que ocasionou un neumotóraz aberto asociado”.

Asemade, o acusado golpeoulle coa fouce a lo menos noutras dúas ocasións, “creándolle unha ferida incisa de 2 cm na cara posterior do antebrazo esquerdo e outra de 3cm na cara posterior do ombro dereito”. Segundo constata o tribunal as lesións precisaron tratamento cirúrxico incluíndo a colocación dun drenaxe torácico que lle levou a 24 días de curación”restándolle como secuelas, cicatriz de 7 cm en rexión lateral esquerda do torax á altura do quinto e sexto espazo intercostal, cicatriz de 2 cm redondeada, indurada, aspecto queloideo ao lado da anterior, cicatriz de 2,5 cm en cara posterior do antebrazo esquerdo e cicatriz de 3 cm en cara posterior do ombro dereito, restándolle asemade como consecuencia das mismas, un perxuicio estético lixeiro”.

Trala agresión, a vítima conseguiu saír da vivenda e acudir a unha casa próxima a pedir auxilio; mentres, na vivenda okupa o acusado decíalle á muller que lles acompañaba que a iba degolar. Cando a policía acudiu á vivenda o acusado manifestou que “non lle quedara máis remedio que darlle coa fouCE” e que, se puidera, mataríao.

Adif autoriza novos contratos para mellorar a sinalización do tramo Ourense- Monforte

Adif deu un novo impulso á mellora do corredor ferroviario Ourense-Monforte de Lemos-Lugo coa autorización, por parte do seu Consello de Administración, de tres novos contratos para a mellora da infraestrutura e a sinalización do tramo Ourense-Monforte de Lemos.

Por unha banda, autorizouse a licitación de dous contratos, por importe global de 46.961.892,95 € (IVE incluído), para o tratamento de elementos de infraestrutura (pontes, túneles e explanaciones) ao longo dun 19,1 km.

Ao mesmo tempo, autorizouse a adxudicación doutro contrato, por importe de 13.252.593,90 euros (IVE incluído), para a mellora das instalacións de sinalización e telecomunicacións do 46 km do tramo Ourense-Monforte.

Os tres contratos forman parte dos proxectos de modernización do corredor ferroviario Ourense-Monforte de Lemos-Lugo e perseguen unha dobre finalidade: mellorar o estado da infraestrutura e aumentar a fiabilidade das liñas e a calidade do servizo.

Estes labores contribúen ao desenvolvemento doutros obxectivos fundamentais de Adif como a seguridade das circulacións ferroviarias e dos viaxeiros, o tránsito e acceso universal dos usuarios e a integración das estacións no ámbito urbano fomentando a cohesión social dunha maneira sostible.

Feira de Artesanía e Antigüidades na Pontenova

Esta fin de semana, de sábado a luns, celébrase na Pontenova a Feira de Artesanía e Antigüidades. Un evento que non se puido celebrar o pasado ano debido á pandemia e nesta edición as previsións de asistencia son realmente optimistas; así como a resposta que houbo por parte dos profesionais e artesáns que se darán cita na Pontenova.

O sábado e o domingo, os afeccionados do motor tamén poderán gozar da V Xuntanza de Vespas, Motos e Coches Clásicos. Un encontro que conta cunha comida de irmandade e un trofeo para o vehículo máis antigo, mellor conservado, máis lonxe e máis veterano.

Nesta edición, como de costume, os asistentes poderán desfrutar de diversas demostracións de forxa de ferro, tear triangular, cestería de mimbre, torno de madeira, coiro, xoias ou lámpadas de cabaza. Ademais das demostracións de artesanía, as antigüidades e as xoias do motor… A cerámica popular (Mondoñedo, Terra Chá e Gundivó) terá un protagonismo especial, grazas á mostra que se organiza para poñer en valor o esforzo e o enxeño dos artesáns do barro: os oleiros.

En definitiva, 3 días nos que A Pontenova se converterá na capital da Mariña Lucense e nunha cita cultural ineludible. A través de https://turismoapontenova.es/feiradeartesaniaeantiguidades poderán consultar toda a información do evento de forma detallada.

Tres axentes da Policía Local toman posesión en Lugo en Comisión de Servizos

A alcaldesa de Lugo presidiu esta mañá a toma de posesión de tres Policías Locais que, durante o próximo ano, desempeñarán as súas funcións en Comisión de Servizos na Xefatura de Lugo.

No acto, no que tamén estiveron presentes a edil responsable da área económica e o Inspector Xefe da Policía Local, Jesús Piñeiro, a rexedora aproveitou para darlle a benvida aos novos axentes, procedentes nun dos casos do municipio de Sant Antoni de Portmany (Ibiza) e, nos outros dous, da Administración local de Sarria.

“Estamos encantados de que vos incorporedes ao Corpo, sumando efectivos e ampliando o cadro de persoal o que se suma a todos os esforzos que estamos facendo dende a concellería de Gobernanza para dotar á Policía Local de recursos humanos, materiais e de formación para cumprir o obxectivo último e final de protexer á cidadanía e facer de Lugo unha cidade mellor”, afirmou a rexedora.

A acaldesa trasladoulles tamén unha mensaxe de ánimo á que se sumou Jesús Piñeiro quen lles desexou aos novos compañeiros moita sorte no seu novo destino.

O PP achaca o retraso dos orzamentos de Lugo ás “tensións” entre PSOE e BNG

O voceiro do Partido Popular no Concello de Lugo asegura que “as tensións entre PSOE e BNG están retrasando a
confección dos orzamentos municipais para o vindeiro 2022”. O popular reflexionaba que “está claro que se en decembro non sabemos nada, nin temos unha mínima previsión das contas municipais do vindeiro exercicio, é polas liortas que hai entre Méndez e Arroxo á hora de distribuír os fondos nese 60-40% no que quedaron no pacto de goberno”.

Para os populares a alcaldesa non ten desculpa para alargar no tempo o borrador de orzamentos “sobre todo tendo en conta o momento no que vivimos no que é, máis que nunca, importantísimo ter as ideas claras do que queremos investir”.

Carballo lembra como a estas alturas “a maioría das administracións xa teñen aprobado, ou como mínimo trasladadas aos grupos da corporación, as previsións orzamentarias para o próximo ano”. O voceiro popular pregunta á alcaldesa e ao seu vicealcalde “cal é o problema para que empecemos decembro sen novas sobre os orzamentos municipais?; hai algunha razón que descoñezamos para que non nos convocasen a unha mesa de traballo para estudar as nosas achegas?”.

Dende o Grupo Popular sinalan que o lóxico sería presentar propostas de mellora dos orzamentos sobre un borrador oficial, pero “dado que non nos fixeron chegar ningún documento hoxe presentamos, baixo o paraugas de #CosPésEnLugo, 76 propostas que reflicten demandas de diferentes colectivos da cidade”. É un proxecto que nace das necesidades veciñais “intentamos manter os pés na terra fuxindo das ideas fantasiosas ou dos disparates que ultimamente estamos vendo na nosa cidade”.

Dado que o goberno de Lara Méndez mantén unha dinámica de traballo do “ordeno e mando” e á vista de que non nos convoca para dialogar e consensuar cal é o mellor proxecto orzamentario para o Lugo que queremos en 2022, o Grupo Municipal Popular rexistrou hoxe un documento propio con diferentes achegas.

O Goberno central investirá na reforma integral do centro da Seguridade Social de Monforte

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, anunciou hoxe o inminente comezo das obras de reforma integral do centro da Seguridade Social de Monforte de Lemos. Isabel Rodríguez informou de que o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións destinará un investimento de máis de medio millón de euros a estas obras de remodelación e acondicionamento do seu centro de atención ao público de Monforte. O Goberno investirá 514.110 euros nesta actuación que foi adxudicada á empresa Proyecon Galicia S.A, ademais dos 31.000 euros destinados á redacción do proxecto que realizou a UTE lucense LUDICA.

A subdelegada avanzou que os traballos teñen un prazo de execución de 6 meses. Tamén anunciou que para acometer as obras, desde esta semana a Seguridade Social presta servizo temporalmente en instalacións municipais. Isabel Rodríguez agradeceu a colaboración prestada polo Concello de Monforte, que facilitou á Seguridade Social a continuidade de un servizo de información no Edificio Multiusos, situado na avenida Emilia Casas Baamonde.

Rodríguez destacou a colaboración entre as dúas administracións, froito da cal se puido axilizar este proxecto de remodelación integral das dependencias da Seguridade Social. A subdelegada e o xefe provincial da Seguridade Social, Juan José Rodríguez Gude, asumiron o compromiso de acometer esta obra atendendo unha demanda do alcalde, José Tomé.

A execución do proxecto suporá a actualización do centro de atención á cidadanía, situado na rúa San Pedro número 4, que contaba con unhas instalacións moi deterioradas, con serios problemas de humidades e climatización motivados polo mal estado do seu illamento, e que nunca fora reformado desde a súa apertura hai 31 anos.

A Seguridade Social dá servizo nas súas dependencias de Monforte de Lemos a unha poboación potencial de máis de 55.000 persoas das comarcas de Lemos, Chantada e Quiroga.

A artesanía lucense chega ao ‘Mercadillo Navideño’ de Amazon da man de Pau Decò

Os días 2 e 3 de decembro de 2021, Amazon abrirá ao público as portas de MásXmas Market, un mercado do Nadal que organizará no madrileño Palacio de Santa Bárbara, e onde “o pequeno farase grande”. Este espazo estará dedicado ás pequenas e medianas empresas que venden os seus produtos en Amazon, e contará coa presenza da lucense Pau Decò que estará acompañada por outras marcas de recoñecido prestixio na páxina de venta online como Panapop, Pradorey, Ostrichpillow, Meller ou Singularu.

A madriña de MásXmas Market é a presentadora Tania Llasera, que inaugurará este mercado do Nadal xunto ao concelleiro delegado de Innovación e Emprendemento do Concello de Madrid Anxo Neno, no espazo chamado Un chocolate con…, no que se darán a coñecer as historias das pequenas e medianas empresas que participan no evento.

O día 3 tomaralle a substitución a presentadora Lida Torrent, quen sentará coas pemes para compartir as súas historias. Os visitantes poderán descubrir os produtos e ideas de agasallo e comezar a vivir o espírito festivo.

Pau Decò

Detrás de Pau Decò atópase Paula Castellano, unha moza emprendedora lucense que, a través da súa firma artesanal, hase reinventado a se mesma para darlle renda solta ás súas grandes paixóns: a creatividade, o deseño e a decoración. O seu obxectivo é que todos os seus clientes desfrutar tanto das pezas adquiridas en Pau Decò como o fai Paula creándoas.

En Pau Decò todos os deseños son elaborados a man no seu taller artesán. del saen pezas respectuosas co medioambiente, xa que no seu proceso de creación utilízanse materiais reciclados, o cal achega un valor engadido conseguindo orixinalidade e exclusividade pero tamén sustentabilidade na decoración e iluminación dos fogares.

Programa
Durante os días 2 de decembro, de 12 a 21 horas; e 3 de decembro, de 11 a 21 horas, todo aquel que o desexe poderá visitar MásXmas Market de Amazon, na rúa Hortaleza 87, para coñecer de preto a unha selección de pemes que venden en Amazon, os seus produtos, as súas historias e, ademais, gozar de experiencias e talleres neste “gran espazo”.

Os asistentes ao mercado do Nadal de Amazon poderán descubrir como se poden personalizar artesanalmente algúns agasallos á venda en Amazon.es grazas a Curiá Gravador, un pequeno negocio familiar xestionado pola terceira xeración especializada en gravado e personalización de agasallos, e que durante os dous días mostrará como traballan no seu taller; mentres que Pau Decò e PlaceMatFab ensinarán aos asistentes para crear a súa propia decoración do Nadal.

Entran a vivir os primeiros usuarios do Centro de Atención a Maiores de Meira

Os primeiros 5 usuarios e usuarias do Centro de Atención a Maiores Santa María de Meira da Deputación de Lugo comezaron hoxe a vivir nas recentemente inauguradas instalacións provinciais. Todas as persoas son do propio municipio, e xa acudiron nos días previos a escoller a súa habitación e a coñecer ao cadro de persoal que prestará servizo nesta dotación social.

O equipo do CAM de Meira preparou para estas primeiras xornadas actividades e momentos de confraternidade para facilitar o máximo posible a integración e a familiarización co seu novo lugar de residencia. Para inaugurar o inicio desta nova etapa, compartirán co persoal un xantar e unha cea que contará cun pequeno aperitivo de benvida.

Un motor social e económico

Esta nova dotación social conta con 30 prazas de residencia, que poderán ser ampliables a 38 se fose preciso. Nace coa mesma filosofía dos centros provinciais: ofrecer un servizo público de calidade que garante o benestar e a tranquilidade dos usuarios e usuarias e as súas familias, favorecer o arraigo dos maiores no seu entorno e, ademais, crear emprego e dinamizar a economía.

Conta con 25 traballadores e traballadoras co obxectivo de que a atención sexa o máis personalizada posible, dispoñendo practicamente de case un traballador por residente. Así mesmo, cómpre engadir que ademais dos empregos directos, a nova residencia xera empregos indirectos na comarca, pois todo o que necesite a residencia e que sexa posible comprar na zona, comprarase na zona.

En canto ao arraigo dos maiores no seu entorno conséguese este obxectivo por dous motivos. Por un lado, porque no acceso ás prazas tiveron prioridade os veciños e veciñas do concello, logo os veciños da comarca e seguidamente os do resto da provincia de Lugo. Polo tanto, as  persoas que necesitan coidados e que queren vivir en Meira, teñen a oportunidade de facelo, quedándose no lugar no que pasaron toda a vida, xunto ás súas familias, amigos e veciños.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com