Novas

A CIG-Servizos denuncia a sobrecarga de traballo do persoal da limpeza dos edificios municipais de Lugo

A CIG-Servizos quere denunciar a situación insostíbel na que se atopa o servizo de limpeza das dependencias municipais do Concello de Lugo (casa consistorial, centros sociais, culturais, colexios etc.), que está prestando a empresa Lacera en situación de prórroga dende o ano 2016.

A non actualización do contrato levou a que Lacera non estea a cubrir as baixas do persoal que cae enfermo, amparándose en que ao estar o contrato caducado non houbo ningunha suba económica por parte do Concello e non pode afrontar ese gasto.

Isto supón, denuncia Asunción Castiñeira, da CIG-Servizos de Lugo, que as traballadoras teñan que asumir unha sobrecarga de traballo para poder prestar o servizo e que este non se poida atender de maneira adecuada. Algo que considera especialmente grave nunha situación de pandemia como a que estamos a vivir, na que cómpre redobrar as tarefas de limpeza e desinfección e cando xa se deron novos gromos nos centros educativos.

A CIG-Servizos considera inaudito este desleixo por parte do Goberno municipal nun servizo considerado esencial como a limpeza, e xa se dirixiu á Concellaría de Medio Ambiente de Lugo para urxir que se proceda a licitar canto antes o novo contrato porque, advirte Castiñeira, “na situación actual non se pode garantir o cumprimento dos protocolos de limpeza nos edificios municipais”.

De igual maneira, reclama que se aproveite a elaboración dos novos pregos para introducir unha mellora nas condicións laborais (sobre todo en materia de xornada) e salariais do persoal que presta o servizo para que dunha vez se dignifique esta actividade.

O lobo non cambia, carrapuchiña

Se eres muller seguramente sabes do que te vou falar. Vas soa pola rúa, de camiño á casa. É inverno. Ou non. É de noite, ou pola mañá. Porque a realidade é que da igual o día, a hora, a estación. A rúa está baleira. Só estás ti. De pronto, ao final da rúa un home xira na esquina. Mírate. Míralo. E sintes iso. Colles o móbil nunha man cun número premarcado. Na outra, tes as chaves, colocadas estratéxicamente para defenderte.

É ese sentimento que a gran maioría de homes nunca vai coñecer. Ese que, por desgraza, únenos a moitas de nós. Porque, se cadra, ese home segue o seu camiño sen achegarse a ti; pero, antes, houbo algún que si o fixo.

Podería aproveitar este espazo que teño para contar algunha das miñas historias relacionadas coa violencia machista. E, malia que é un bo altofalante, o certo é que hoxe, a miña historia, non é protagonista.

Hoxe é 25 de novembro. Un día de concienciación, de berrar nas rúas contra unha violencia que non deixa de sorprender cando pasa esa liña que a fai visible nos medios, pero que se agocha a diario en feitos invisibles. E, por iso, numerosas corporacións amosaron bandeiras negras e violetas. Por iso os crespóns morados nas chaquetas dos membros das diferentes corporacións que se acordan un par de días ao ano desta loita.

Pero, 25 de novembro, tamén é día de loito. Por todas esas que, hoxe, non se puideron vestir de negro ou violeta. É día de reivindicación, contra unha violencia estrutural, que nos crían para aceptar. Unha violencia que culpa á vítima e esíxelle responsabilidades a quen non debe.

E, sobre todo, é día de unidade, porque xa sabemos iso de mal de muchos, consuelo de tontos. É o día do #Metoo, do #eutamén, do #bastaxa. É día de amosarlle ao mundo, aos que Gobernan, aos que viven con nós, ás que pensan que a xeración millenial esaxera, ás que cren que é o que lles tocou, ás que se culpan, aos que as fan; é día de contar a nosa historia. A de todas. Porque, ao final, é a mesma: o lobo non cambia, carrapuchiña.

Inaugurado en Meira o sétimo Centro de Atención a Maiores da Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto ao Alcalde de Meira, Antonio de Dios, inaugurou hoxe o Centro de Atención a Maiores Santa María de Meira, que pon en marcha a institución provincial en colaboración co Concello, a sétima da rede provincial.

No acto tamén participaron deputados e deputadas provinciais, membros da Corporación municipal, e veciños e veciñas do municipio, ademais de persoas que entrarán a vivir na residencia e familiares. De feito, os usuarios e usuarias coñeceron hoxe as instalacións e mañá comezarán os preingresos.

José Tomé Roca destacou que a apertura deste Centro de Atención a Maiores, co “que cumprimos cun compromiso moi importante que tiñamos co Concello de Meira e cos veciños e veciñas deste municipio”, é “unha verdadeira medida de apoio ao noso rural, unha medida real para que a xente se quede a vivir nas nosas aldeas e concellos, e, en definitiva, para que o noso rural teña futuro”, asegurou.

Neste sentido, incidiu en que esta nova dotación social, que conta con 30 prazas de residencia -ampliables a 38 se fose preciso-, ofrecerá un servizo público de calidade “que consegue tres cuestións fundamentais: garante o benestar e a tranquilidade dos usuarios e usuarias e as súas familias, favorece o arraigo dos maiores no seu entorno e, ademais, crea emprego e  dinamiza a economía”.

Neste sentido, o Presidente lembrou que a Deputación de Lugo ten implantado un modelo de xestión 100% pública, “que pon no centro ás persoas, non ao negocio”. “O único interese que temos é prestarlle ás persoas maiores os mellores coidados e atención, que sintan que este é o seu fogar e que aquí formen unha nova familia”, subliñou.

José Tomé recalcou así mesmo que o centro ten 30 prazas e contará con 25 traballadores e traballadoras, “polo que a atención será practicamente personalizada porque haberá case un residente por traballador”. En canto ao arraigo dos maiores no seu entorno, o mandatario provincial explicou que o centro de Meira consegue este obxectivo por dous motivos. Por un lado, porque no acceso ás prazas tiveron prioridade os veciños e veciñas do concello, logo os veciños da comarca e seguidamente os do resto da provincia de Lugo. Polo tanto, “as persoas que necesitan coidados e que queren vivir aquí, teñen a oportunidade de facelo, quedándose no lugar no que pasaron toda a vida, xunto ás súas familias, amigos e veciños”, afirmou.

Por outro lado, a residencia meirega favorece o arraigo porque está plenamente integrada na vila, destacou o Presidente: “Sitúase nunha zona preciosa, ao lado do río e do parque, e moi cerca do centro do pobo, polo que os residentes poderán compartir a súa vida diaria cos seus veciños”.

Polo que respecta á creación de emprego e actividade económica, José Tomé avanzou que esta dotación pública “crea 25 postos de traballo directos, aos que hai que sumar os empregos indirectos, e tamén o efecto multiplicador que terá para a zona o funcionamento do centro, xa que todo o que necesite a residencia e que sexa posible comprar na zona, comprarase na zona”.

O Consello da Cultura Galega leva a Lugo a mostra ‘Afonso X e Galicia’

Esta semana cumpríronse 800 anos do nacemento de Afonso X, unha figura destacada da cultura europea. Sobre o legado do monarca e a súa conexión con Galicia trata Afonso X e Galicia, proxecto expositivo organizado polo Consello da Cultura Galega (CCG) que este mediodía se inaugurou na Capela de Santa María de Lugo.

Esta proposta amosa unha faceta pouco coñecida da súa figura e convida a coñecer a súa influencia a través de documentos, testemuños arqueolóxicos, literarios e musicais que amosan o legado afonsino en paralelo ao esplendor da cultura galega na etapa medieval. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez; o delegado territorial de Lugo, Javier Arias; o vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, César Fernández; e da Deputación de Lugo, Mónica Freire, inauguraron esta mostra que estará aberta ata o 17 de abril. O comisario, Antoni Rossell, fixo un percorrido pola mostra que contará nas vindeiras semanas cun programa visitas guiadas e un concerto.

Na inauguración, a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, fixo fincapé no vínculo especial que Galicia tivo con Europa na época medieval grazas ao Camiño de Santiago e que a exposición pretende poñer de manifesto. Pola súa parte, o director da Colección de Instrumentos e Obxectos Sonoros do Centro de Artesanía e Deseño da Vicepresidencia da Deputación, agradeceu que “Lugo fose incluída na itinerancia da exposición que, valorou, supón tamén un recoñemento ao traballo de recuperación do patrimonio musical medieval que se ven
facendo desde o Centrad”.

A proposta expositiva

O comisario da mostra, o músico e medievalista Antoni Rossell explicou que a o relato non segue un criterio cronolóxico, senón que ofrece un percorrido flexible e multidisciplinar con cinco bloques temáticos. A primeira das partes busca presentar a Afonso X na súa dimensión máis humana. A segunda está orientada a ofrecer a vida e conflitos persoais do monarca. Despois, preséntase o seu labor científico, histórico e cultural cunha recreación do obradoiro, onde o protagonismo recae nos manuscritos e nas miniaturas. De seguido, o cuarto espazo está dedicado á zona da música e dos instrumentos medievais coas distintas reproducións chegadas de diferentes espazos.

A súa obra cimeira, as Cantigas de Santa Maria están presentes na mostra cunha escolma que se presenta simultaneamente en seis pantallas. O último espazo está dedicado a ilustrar graficamente a sociedade medieval e a  vida do monarca a través das imaxes do Códice Rico do Escorial das Cantigas.

A exposición ten diferentes niveis de lectura, xa que están instalados en toda a mostra diferentes códigos QR que remiten a un espazo web onde se aloxan textos recitados, música e informacións, ademais do catálogo virtual para enriquecer a visita. Entre os contidos complementarios destaca unha serie de entrevistas aos especialistas Henrique Monteagudo, Helena de Carlos, Francisco Prado-Vilar, Carlos Núñez, Elvira Fidalgo e Eduardo Cebreiros.

Os parques de bombeiros de Chantada, Sarria e Monforte contarán cun novo efectivo cada un

O Presidente da Deputación e do Consorcio Provincial de Lugo para a Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento, José Tomé Roca, presidiu este xoves o Pleno desta entidade no que se aprobou un Orzamento de 5,6M€ para o 2022, o que supón un incremento de 130.000€ con respecto a este ano. A Deputación achega 2,3M€, o 50% do presuposto.

Estes orzamentos contemplan a consignación necesaria para ampliar o cadro de persoal dos parques comarcais da zona sur da provincia -Chantada, Sarria e Monforte de Lemos– cun novo efectivo cada un. Desta maneira, os seis parques do Consorcio contarán con 20 efectivos, permitindo que dean un mellor servizo e atención.

Dos 5.613.399,41M€ que contempla o Orzamento, 4,4 está destinados a facer fronte aos salarios dos traballadores e traballadoras, 932.000€ a gastos correntes e 85.124€ a investimentos. En relación a este último capítulo, está previsto a renovación das cubertas dos parques de Monforte de Lemos e Barreiros.

Polo que respecta aos ingresos, proveñen das achegas da Deputación e da Xunta de Galicia, de 2,3M€ cada unha, e de UNESPA (Asociación Empresarial del Seguro), de 1.024.687,05€.

Brath tocará esta fin de semana en Cataluña

Instrumentos cargados e motores en marcha. O Grupo Brath volve esta fin de semana aos escenarios logo do paro obrigado pola pandemia no que aproveitaron para traballar en novos temas e, pronto, poderán ver a luz.

A banda galega, encabezada por Eloi Caldeiro, tocará esta fin de semana en terras catalanas para achegar o folk a dúas salas da comunidade mediterránea. Así, como informan no seu perfil de Instagram, o grupo tocará mañá, venres 26 de novembro no Teatre de Cal Ninyo na localidade de Sant Boi de Llobregat.

O segundo concerto terá lugar este sábado, 27  de novembro, no Centre Artesà Tradicionàrius, en Barcelona, a partir das 9 da noite.

Os escenarios lucenses, polo momento, terán que agardar unhas semanas para ver a Brath en directo. Previsiblemente a finais do mes de decembro a banda tocará en Lugo, na Sala Tebras, para avanzar os temas do seu novo traballo.

Brath

Brath é a banda que no ano 80 incorpora por primeira vez ao folk galego instrumentos que ata de aquela estaban reservados para o rock, como a batería e as guitarras eléctricas. Con esta nova visión da música galega, que naqueles intres foi toda unha revolución, iniciouse un camiño que pouco a pouco recorrerían a maioría dos grupos do noso país.

Brath que nacía coa filosofía de achegar á xente moza a nosa música de raíz, utilizou dende o principio a mestura de diferentes estilos de música como o pop ou rock, para a traveso de diferentes formulas, crear unha nova música galega a partires da tradición.

O Concello presenta un portal de información en tempo real do bus urbano

O Tenente Alcalde do Concello de Lugo presentou o portal de información en tempo real do servizo de bus urbano, urbanoslugo.com. “Continuamos avanzando na modernización do transporte público de Lugo, habilitando o seguimento en directo das liñas desde esta web, na que a veciñanza poderá ver en tempo real canto falta para que o bus chegue á súa parada”. Neste primeiro lanzamento, a web da a información en tempo real de 275 paradas, “a totalidade das paradas da zona urbana, as máis concurridas do servizo de transporte público”.

 A través desta web, as veciñas e veciños poden obter toda a información relativa ao bus urbano, como o mapa de liñas, información sobre as tarifas ou sobre a tarxeta cidadá. O Vicealcalde destacou que “continuamos a mellorar o bus urbano de Lugo, que co novo modelo permite que practicamente toda a veciñanza de Lugo teña conexión directa co HULA ou coas áreas industriais”. A web únese ás 23 pantallas colocadas nas principais pantallas

Co novo modelo de transporte público, 80.000 veciñas e veciños de Lugo contan con conexión directa co HULA, o dobre que os 40.000 do modelo anterior. O CEAO aumenta as conexións coa veciñanza do mesmo xeito, pasando de 40.000 persoas que tiñan bus para a zona industrial co antigo modelo a 70.000 co actual.

O Tenente Alcalde lembrou que “co novo modelo estamos a utilizar practicamente a totalidade da bolsa de Km contemplada no contrato asinado polo anterior goberno o que non nos permite engadir máis metros de percorrido nunha zona sen retiralos noutra”.

O Xulgado conclúe a investigación do dobre crime do Cash Record de Lugo

O Xulgado de Primeira Instancia número 1 de Lugo -antigo xulgado de instrución- conclúe a investigación do dobre crime do Cash Record, sucedido hai 27 anos no polígono do Ceao (Lugo), no que faleceron, tras ser tiroteados, unha caixeira e un repoñedor do establecemento, e acorda remitir o sumario á Audiencia Provincial. A xuíza indica no auto que, das dilixencias practicadas, “se desprende a existencia de serios indicios racionais de criminalidade, que permiten, coa provisionalidade propia do momento procesual en que nos atopamos, atribuír ao procesado a súa participación na comisión de dous delitos de asasinato, un delito de roubo con violencia nas persoas e un delito de tenza ilícita de armas”. Ademáis, destaca que foron practicadas “cantas dilixencias se estimaron necesarias para a comprobación do delito, participación que tivo o procesado e as circunstancias que na súa comisión concorreron”.

O xulgado rexeitou o pasado mes de setembro o recurso interposto contra o auto que procesaba ao único investigado polo dobre crime. Nesa resolución, a xuíza destacaba que os feitos non prescribiron, xa que en 2013 se emitiu un auto no que se acordou a intervención das comunicacións telefónicas do sospeitoso. Ademais, sinalou que desde a súa primeira declaración como investigado, en decembro de 1996, ata a actualidade “en ningún momento se pediu o sobresemento ou arquivo das actuacións respecto á súa persoa, nin se cuestionaron as dilixencias practicadas no sumario, polo que non é incongruente manter o procesamento”.

O Pleno debaterá a adhesión do Concello ao ‘Doing Business’, para a reactivación económica

Xornada de pleno mañá no Concello de Lugo e no que os diferentes grupos xa están a presentar aos medios as propostas que levarán a debate. Entre elas atópase unha moción do grupo municipal do Partido Popular encamiñada a mellorar a economía do municipio e acadar “esa reactivación económica que ansiamos e desexamos”. Neste senso, os populares pedirán que Lugo se sume á rede dos concellos Doing Business de cara a beneficiarse dos fondos Next
Generation, nun momento no que en Galicia xa hai 147 concellos, 22 deles na provincia de Lugo, adheridos a este convenio de colaboración asinado pola Xunta e a Fegamp.

De unirse a este protocolo é preciso axilizar os trámites administrativos algo para o que os populares piden resolver nun mes as peticións de licenzas de obra maior, algo que o Concello de Lugo pode facer ao amparo do artigo 54 da Lei 09/2021 de Simplificación Administrativa e de Apoio á Reactivación Económica de Galicia, normativa que ofrece a posibilidade de que os proxectos que vaian acompañados dunha certificación emitida por una ECCOM se informen por parte do Concello no prazo dun mes.

Os populares tamén defenderán unha iniciativa na que instan ao goberno local a apertura inmediata das bolsas das listas de emprego que aínda están pendentes de resolver, situación enquistada dende que en xullo de 2020 o Concello de Lugo anunciou a creación dunha bolsa de emprego que recollía 42 categorías para cubrir as posibles vacantes que se puidesen producir nos diferentes servicios municipais.

Pola súa banda, o edil de Cidadáns anunciou onte que o seu grupo defenderá na sesión plenaria de mañá unha proposición que ten como obxectivo mellorar a calidad de vida no barrio da Residencia. Así, a formación laranxa pide, por unha banda, que se dote ao barrio de novos servizos “polo impacto da implantación do carril bici”; e, por outro, que non leve a termo a planta de biomasa que prevén instalar no novo complexo sanitario anunciado pola Xunta.

Respecto á planta de biomasa o rexeitamento popular é exactamente o mesmo que para o carril bici, segundo explican dende a formación, “moi criticado polo seu deseño”, segundo constatou Vidal-Pardo en numerosos encontros cos representantes veciñais.  

Comparecencia Concelleiro de Deportes

Asemade, no pleno debaterase se é necesario que o edil titular da área de deportes compareza ante a corporación, no pleno de decembro, a petición do PP para explicar “os motivos de mentir nunha comisión oficial sobre a homologación da pista de baloncesto do Palomar e por negar acceso a toda a documentación relacionada con esta obra”.

O PP insta a Tomé a reclamar “con rotundidade” a intervención da SEPI en Alcoa

O PP insta ao presidente da Deputación a “deixar de adular” ao Goberno de Pedro Sánchez e a reclamar “con  rotundidade” á ministra Maroto que, mediante a SEPI, interveña provisionalmente Alcoa. O portavoz popular na corporación provincial, Javier Castiñeira, denunciou onte que o presidente da Deputación en canto ten cerca aos membros do Goberno “dá palmadiñas nas costas aos que están prexudicando os intereses da provincia”.

Os populares din que dende que os representantes dos traballadores de Alcoa entraron na Deputación ao berro acusatorio de “socialistas de pacotilla”, o presidente demostrou “unha e outra vez, que o comité de empresa tiña razón”. Así, os populares esixen ao Presidente do Executivo Provincial que “defenda os intereses de toda a provincia, que se deixe de defender só os intereses dos socialistas, porque é presidente de todos os lucenses; estamos a falar do futuro da provincia de Lugo, de A Mariña, de Alcoa”.

Castiñeira sostén que a intervención temporal de Alcoa, por medio da SEPI, “é a día de hoxe a única solución, a que piden os traballadores e os veciños de A Mariña”.

“O Goberno de Pedro Sánchez non entendeu nada sobre a folga xeral vivida recentemente na Mariña en defensa da súa industria. A rotunda afirmación feita pola ministra Maroto descartando a intervención de Alcoa, así o demostra. E as xustificacións que, sobre as declaracións da ministra, está a dar o presidente da Deputación, o socialista José Tomé, son escusas de mal pagador, coas que só busca, sen éxito, defender ao Goberno, e ocultar a falta de peso do PSdeG de Lugo no seo do PSOE”. Así o indica o portavoz popular na Deputación, Javier Castiñeira, que esixe de Tomé “que demande con rotundidade do Goberno que interveña provisionalmente, mediante a SEPI, a fábrica de Alcoa”.

Castiñeira explicou que “cando os traballadores de Alcoa e os membros do comité de empresa entraron na Deputación de Lugo tiñan dúas proclamas. Unha era Enerxía, solución, e a outra era Socialistas de pacotilla. O da Enerxía, solución, empeorou, porque dende aquela o prezo da enerxía e moito máis caro, tanto o gasóleo como a
enerxía eléctrica, que é fundamental para as expectativas de futuro da fábrica de aluminio na Mariña”.

Doutra banda, o portavoz da formación asegura que “temos que dar a razón unha vez máis ao comité de empresa: o
señor Tomé é un socialista de pacotilla. E por que? Porque cando levabamos as cousas á Deputación de Lugo, o señor Tomé está a favor do comité de empresa; cando o comité de empresa lle pide que se posicione, faino coa boca pequena, pero cando chega a Ferraz o señor Tomé é unha persoa totalmente diferente, é un adulón, ao que lle gusta dar palmadiñas nas costas a aqueles que están prexudicando os intereses da nosa provincia, neste caso a ministra Maroto e a ministra Ribera”.

O portavoz popular insta a Tomé a que “pida con rotundidade á ministra Maroto e ao Goberno de Pedro Sánchez que interveña provisionalmente, mediante a SEPI, a fábrica de Alcoa, porque esa a día de hoxe éa única solución, a que piden os traballadores e os veciños de A Mariña”.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com