Novas

Unha delegación da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro coñecen a Granxa Gayoso Castro

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo e o Deputado de Recursos Sostibles participaron hoxe na visita institucional que realizaron á Graxa Gayoso Castro da Deputación de Lugo unha delegación de representantes da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro, de Portugal. Os asistentes coñeceron as instalacións e o funcionamento da Granxa Experimental de Leite, un centro pioneiro en Galicia que combina formación e investigación universitarias, e na que este curso farán prácticas máis de 500 alumnos do Campus Terra grazas á colaboración entre a Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a institución provincial.

O centro universitario luso estivo representado polo reitor, Emidio Gomes, o vicerreitor de Innovación, Joao Barroso, e a pro-vicerreitora de Parcerías e Internacionalización, Cristina Saraiva. Tamén estiveron presentes o reitor da USC, Antonio López Díaz, a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto, e adxunta á Vicerreitoría para Investigación, Transferencia e Innovación, María Elvira López Mosquera.

Mito e realidade feminina en ‘María Solinha’ de Ignacio Vilar

O filme do cineasta galego estréase por fin en salas comerciais e estará cos espectadores de Codex Cinema o domingo 28 para un encontro especial.

María Solinha é unha desas figuras míticas da historia de Galicia. Esta pescadora de Cangas do Morrazo pasou á posteridade por ser unha das máis célebres vítimas da Inquisición en Galicia no século XVII. O seu drama reflicte un tempo de incomprensión e escuridade que, cos anos converteuse en símbolo da loita contra a inxustiza e, máis recentemente, icona feminista.

Consciente disto, da mutabilidade das historias e dos mitos, o cineasta Ignacio Vilar presenta en María Solinha, dous tempos, dúas Marías, dúas inxustizas. Neste filme tan especial, dúas liñas narrativas altérnanse: por unha banda, a María Solinha do século XVII perseguida pola Inquisición e por outro, a María da actualidade, perseguida igualmente por outra violencia, a dos homes e a das manadas, outorgándose un dereito non divino, senón baseado na forza e no desexo polo corpo feminino. Estamos ante unha importante reflexión arredor da figura da muller na historia e na arte, que Vilar mostra a través dun cineasta que filma unha película sobre a historia real de María Solinha. No set de rodaxe, a actriz protagonista identifícase co drama da vítima da Inquisición, descubrindo nas súas carnes as novas inquisicións deste século, moito máis sutís, pero que exercen unha violencia intolerable. Presente e pasado, ficción e realidade, danse a man nun filme realmente necesario.

O cineasta Ignacio Vilar volve á primeira liña de actualidade con María Solinha. Durante décadas un dos grandes defensores e promotores do cinema galego feito en galego, este novo proxecto resulta un paso adiante moi ambicioso na súa filmografía na que se atopan clásicos do nosa cinematografía como Pradolongo ou A esmorga. A súa última película viu interrompida a súa estrea nas salas debido ao coronavirus, mais o director non perdeu a esperanza e iniciouse nunha viaxe por innumerables concellos galegos presentando o filme cara a cara cos espectadores. Agora, meses despois desa gran aventura, o filme volve por fin ao seu lugar natural: as salas de cinema.

En Codex queren celebrar este acontecemento e por iso contarán coa presencia de Ignacio Vilar o próximo domingo 28 ás 17:30 da tarde.

Outro evento Codex que demostra o noso compromiso co cinema feito en Galicia. Outro galego triunfante no cinema é Javier Gutiérrez. Traballador incansable no cinema e na televisión, deu un salto á fama e ao prestixio coa súa prodixiosa interpretación en La isla mínima, filme co que conseguiu o premio á mellor actuación no festival de Donostia e tamén o Goya ao mellor actor, galardón que volvería a conseguir con El autor. Nesta película traballaría ás ordes de Manuel Martín Cuenca, un dos autores máis recoñecidos do cinema español. Agora, catro anos despois, director e actor volven a colaborar en La hija, outro drama psicolóxico de gran profundidade dramática no que o actor ferrolán interpreta a un traballador dun centro de menores que acorda cunha interna un plan moi controvertida: coidar dela durante o seu embarazo á cambio de que cando dea a luz, sexan el e a súa muller quen adopten ao bebé.

Película sobre a maternidade xuvenil e as dificultades que ten que atravesar unha moza no seu camiño á madurez, La hija supón un traballo arrepiante sobre o mundo actual, sobre a frialdade das relacións humanas, o egoísmo e as violencias invisibles. Manuel Martín Cuenca amosa de maneira xenial o debate moral dos protagonistas, enfrontados a unha paisaxe árida que os rodea e que puntúa o seu estado emocional. Outro dos alicientes da película é a banda sonora creada por Vetusta Morla, o que supón o debut de esta banda española no campo da música cinematográfica.

O PP emenda os orzamentos do Estado para que en 2022 fagan a rotonda de Alfonso X

Os concelleiros do Grupo Popular xunto cos deputados nacionais recriminaron hoxe “o pasotismo do PSOE para facer a rotonda de Alfonso X á altura da Nacional VI, un dos puntos negros do viarios da capital”. O voceiro popular, Ramón Carballo, acusaba á alcaldesa de faltar á verdade de forma continua aos veciños con promesas falsas de que “axilizaría esta obra”. Pola súa banda, os deputados nacionais, Jaime Olano e Joaquín García, lamentaron “o nulo compromiso do goberno de Sánchez con esta infraestructura tal e como se demostra co feito de que non se destina nin un so euro para a súa construción nos Presupostos Xerais do Estado para 2022”.

García Díez reflexionaba “pasaron do olvido ao engano” lembrando “o despregamento de autoridades socialistas, este mesmo verán, para presentar a obra que nunca chega” mentres Ramón Carballo manifestou que “despois de varios anos nos que Lara Méndez evitou por todos os
medios ceder os terreos precisos para a construción desta infraestrutura, a presión exercida dende o Partido Popular deu os seus froitos cando a rexedora asinou a cesión dos terreos en xuño deste ano. Semella que sería o último paso antes de que a rotonda de Alfonso X fóra unha realidade, pero o certo é que o PSOE, agora dende o goberno central, segue a dinamitar esta infraestrutura”.

Carballo pregúntase “onde quedou o compromiso da alcaldesa de que antes do remate deste ano xa se verían avances na licitación da obra?”. O voceiro popular reflexionaba “sen unha partida orzamentaria para construír a rotonda nada se pode licitar” criticando “o silencio cómplice da alcaldesa que perdeu o seu espírito reivindicativo que si mantén firme cando se trata de reclamar á Xunta”.

Os deputados nacionaldes do PP indicaron que nos orzamentos dos últimos anos sempre se destinou unha partida para a construción da rotonda, pero non se materializou pola falta de terreos e, agora que está todo a disposición do goberno central, “é Pedro Sánchez o que boicotea a súa construción”.

Os deputados lucenses, Jaime de Olano e Joaquín García Díez, anunciaron que “á vista deste despropósito” presentou unha emenda de modificación ao proxecto de orzamentos do estado para que se destine unha partida para construir esta infraestructura e mellorar a seguridade vial deste punto negro en Lugo. Os deputados tamén rexistraron unha nova batería de preguntas co obxecto de coñecer “se mantén o goberno o compromiso da execución desta obra de maneira inmediata e con que partida orzamentaria se abordaría”.

O Concello de Lugo estreita lazos con El Salvador a través das iniciativas de cooperación

Lugo afianza pontes de cooperación con El Salvador. A Concelleira de Benestar Social mantivo unha xuntanza telemática con activistas salvadoreñas e a Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP Galicia), dentro do proxecto Elas Deciden: A Cidadanía Lucense Implicada Polos Dereitos Sexuais e Reprodutivos, que conta cunha axuda do Concello de Lugo de preto de 2.500 €.

A iniciativa enmárcase dentro da colaboración que o Executivo de Lara Méndez mantén permanentemente con proxectos de Sensibilización Social a través da convocatoria de subvencións a Organizacións Non Gobernamentais de Desenvolvemento (ONGD), neste caso, durante o exercicio económico 2021.

“Un dos obxectivos deste proxecto é por en relación a cidade cos movementos feministas de El Salvador, non só a nivel de organización social senón tamén de entidades con vocación de servizo público a fin de acadar unha maior equidade de xénero”, explicou a edil responsable de área.

A concelleira trasladou tamén que “o encontro serviunos, así mesmo, para coñecer de primeira man, a través da testemuña directa das activistas salvadoreñas, a situación no país así como a experiencia dentro do movemento feminista”, sinalou ao tempo que lembrou que o Concello de Lugo vén de estar presente no Encontro Estatal de Gobernos Locais e Cooperación ao Desenvolvemento que se celebrou en Córdoba este mesmo mes como exemplo de compromiso con proxectos de colaboración solidaria internacional.

A Deputación de Lugo inaugurará o xoves a residencia de Meira

O Presidente da Deputación de Lugo inaugurará o vindeiro xoves o Centro de Atención a Maiores Santa María de Meira, xunto ao Alcalde da localidade, Antonio de Dios, nun acto no que participarán membros das corporacións provincial e municipal, persoal que atenderá a residencia e persoas que entrarán a vivir nela, ademais de veciños e veciñas.

Este é o cuarto centro de maiores que abre a Deputación no que vai deste mandato, e a sétima da rede provincial, pois xa están en marcha Pol, Trabada, Ribadeo, Castroverde, Pedrafita e A Fonsagrada.

O CAM de Meira contará con 30 prazas de residencia, ampliables a 38 se fose preciso. Seguindo o modelo de xestión establecido entre a Deputación e os concellos, os veciños e veciñas de Meira teñen prioridade de acceso á residencia, logo os dos municipios limítrofes e, seguidamente, os do resto da provincia de Lugo. Do mesmo xeito, o custe da praza adaptarase á capacidade económica de cada persoa maior para que todos poidan acceder á mesma. Está previsto que os primeiros preingresos comecen xa o venres 26.

A educación, ferramenta para reducir a violencia de xénero entre a xuventude

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, destacou onte a importancia da educación para erradicar os comportamentos sexistas e a violencia contra as mulleres no conxunto da sociedade e na xuventude en modo particular. Así o fixo na lectura pública que centrou a xornada A violencia de xénero nos textos de Emilia Pardo Bazán que se celebrou na sede da Subdelegación.

Un total de 24 alumnos e alumnas de 1 de BAC do IES Xoan Montes de Lugo participaron desta iniciativa, que se enmarca na programación de actividades organizadas con motivo da celebración do 25N, o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Acompañadas por dúas profesoras do centro, leron extractos das obras El indulto e Las Medias Rojas. Con esta actividade, o alumnado tamén puido aproximarse máis á vida e obra de Pardo Bazán, vinculada á loita das liberdades e dereitos da muller.

Antes desta lectura, Isabel Rodríguez presidiu a colocación dunha pancarta na fachada do edificio da Subdelegación do Goberno que permanecerá exposta durante esta semana e a próxima para amosar a repulsa pública contra calquera forma de violencia sobre as mulleres.

Programación do 25N
A programación deseñada pola Unidade contra a violencia sobre a muller da Subdelegación do Goberno comezou o día 20 de outubro coa celebración dunha xornada destinada a traballadores dos servizos sociais dos concellos da provincia e dos Centros municipais de Información á muller que tratou sobre Autorizacións de residencia para mulleres estranxeiras vítimas de violencia de xénero.

Posteriormente, o 2 de novembro inaugurábase na entrada da Subdelegación do Goberno a exposición Árbore da violencia de xénero. Na raíz está o cambio.

Para a vindeira semana, o 23 de novembro, a Subdelegación acollerá unha xornada Contra a violencia de xénero: comunicación e xustiza. Esta actividade, destinada a profesionais dos medios de comunicación, conta coa colaboración da Asociación da Prensa de Lugo. Nela intervirán a fiscal e o xuíz de violencia de xénero, Áurea Martínez de la Fuente e Sergio Ordúñez.

A Garda Civil detecta dous camións da mesma compañía co tacógrafo manipulado

A Garda Civil detecta o pasado mes de outubro nun camión, tras unha análise inicial da programación do tacógrafo que levaba instalado, de indicios claros de que este puidese estar manipulado.

O grupo GIAT (grupo de investigación e análise de tráfico) efectuou, no seu momento, probas dinámicas de velocidade, onde comprobaron como circulando a 90 km/hora (velocidade máxima para este tipo de vehículos) o camión realmente circulaba a unha velocidade de 99 km/hora.

O vehículo foi trasladado ao centro técnico autorizado de tacógrafos, lugar no que, tras efectuarse as probas pertinentes, confirmaron as súas sospeitas iniciais, certificándose que se modificou a programación de tacógrafo ao obxecto de que este reflectise unha distancia percorrida e unha velocidade inferior ás reais (desfasamento entre os rexistros efectuados e os datos reais próximos ao 10%).

O descubrimento do citado camión co tacógrafo manipulado, motivou que tan só dous días despois efectuásese a inspección doutro vehículo da mesma empresa, que presentaba inicialmente indicios do mesmo tipo de manipulación.

Neste caso, e sendo localizado o vehículo un sábado, tivo que ser inmobilizado xunto ao Centro Técnico Autorizado de Tacógrafos ao obxecto de poder ser sometido a inspección o luns seguinte.

Dende o corpo armado resaltan ademáis que o condutor deste segundo vehículo quebrantou a inmobilización ordenada, feito que supón a comisión dunha infracción moi grave ao Regulamento de Transportes sancionado con 4000 € responsabilidade da empresa de transportes e que o condutor fora investigado por un suposto delito de desobediencia grave a axente da autoridade, o cal pode conlevar penas de prisión de ata tres anos e multas de ata doce meses.

Presentado o vehículo para efectuar a revisión no Centro Técnico Autorizado de Tacógrafos, do mesmo xeito que co primeiro vehículo detectado, certificouse que se modificou a programación do tacógrafo ao obxecto de que este reflectise unha distancia percorrida e unha velocidade inferior ás reais.

Este modus operandi afecta directamente á seguridade viaria debido ao exceso de velocidade co que circulaban ambos os vehículos, conseguindo a empresa efectuar as viaxes máis rápido, nun menor tempo, o que como se detallou afecta á seguridade viaria e á ordenación do transporte.

En virtude de xurisprudencia da Sala do Penal do Tribunal Supremo, este tipo de feitos (manipulación fraudulenta do tacógrafo coa finalidade de falsear os rexistros do devandito instrumento para eludir os controis policiais e administrativos) son constitutivos dun ilícito penal, tipificados como falsidade en documento oficial.

Finalmente foron investigados por un suposto delito de falsidade documental que pode conlevar unhas penas de prisión de ata tres anos e multas ata doce meses para o xestor da empresa, un Técnico do Centro de Tacógrafos que colaborou na manipulación e un dos condutores. Este último, como xa se indicou, tamén foi investigado por suposto delito de desobediencia grave a axente da autoridade.

A Garda Civil lembra que os vehículos destinados ao transporte de mercadorías e de viaxeiros (salvo excepcións) están provistos dun tacógrafo no que se rexistran a velocidade e os tempos de condución e descanso dos seus condutores, da importancia de respectar a velocidade e os tempos de condución e descanso establecidas para estes condutores profesionais, aumentando con iso a seguridade de todos os usuarios da vía e velando deste xeito tamén polas súas propias condicións laborais.

Dixitalización e sustentabilidade, claves na modernización do sector comercial galego

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación destacou onte que o futuro do sector comercial pasa pola súa modernización a partir da dixitalización e a sustentabilidade, tendo en conta o actual contexto de reactivación tras a chegada da pandemia. Así o manifestou durante a clausura do congreso organizado pola Federación Galega de Comercio sobre a situación actual do sector e as súas perspectivas.

“Ter un comercio dixitalizado é fundamental para chegar a máis clientes e mercados, polo tanto, todas as decisións que supoñan máis competitividade e estar máis preto dos galegos e as galegas, contarán co apoio decidido da Xunta de Galicia”, asegurou durante a súa intervención por vídeo.

Neste sentido, os orzamentos do Goberno galego para o vindeiro ano teñen ao comercio entre os seus ámbitos prioritarios, reservando 25 millóns de euros para impulsar, entre outros, novos modelos de negocio que aposten pola sustentabilidade, o emprego mozo e a economía circular.

Incrementar o grao de personalización dos produtos e servizos, coñecer mellor os gustos e as necesidades dos consumidores, así como mellorar a experiencia do cliente, a comunicación e a imaxe de marca son algúns dos outros retos que nomeou o vicepresidente económico en relación ao comercio de proximidade. Ao mesmo tempo, asegurou que a situación actual vai permitir potenciar un dos seus principais valores: a fidelización. “O sector é consciente do novo contexto e asume con plenas garantías ese reto”, concluíu.

Piden 17 años de prisión para o acusado de maltratar e agredir sexualmente a diario a súa parella

Un veciño de Lugo de 41 anos enfróntase a 17 anos de cárcere por un presunto delito de ameazas, outro continuado de agresión sexual, un de malos tratos, outro de maltrato habitual e un delito leve de vexacións inxustas contra a súa parella coa que convivía na cidade de Lugo.

Os feitos remóntase a abril de 2019 cando o acusado saía de prisión por uns delitos anteriores de lesións e violencia de xénero e se puxo en contacto coa que era a súa parella para que ela viaxase a Lugo e reanudar a convivencia entre os dous. O acusado, presuntamente ameazou á súa parella advertíndolle que “de non facelo, iría a buscala, destrozaríalle a cara e, como o denunciase, íaa matar”, segundo di o escrito de acusación.

Fiscalía asegura que o 29 de abril dese mesmo ano a parella reanudou a convivencia nunha casa abandonada da cidade de Lugo. Dende entón, e ata o día 15 de maio de 2019, o acusado presuntamente obrigou á súa parella a manter relación sexuais con penetración diariamente “e ata dúas veces cada día, conminándoa con rebentarlle a cara sen non  accedía ou levantando a man facendo ademán de golpeala”.

O 15 de maio pola tarde, en torno ás 19.30 horas, segundo o escrito do Ministerio Fiscal, o presunto culpable achegouse ás inmediación da Igrexa do Carmen, onde se atopaba a vítima e comezou a propinarlle puñadas e patadas “tirándoa o chan ao tempo que lle dicía que se non estaba con el ninguén a querería e que a ía desfigurar” ocasionándolle contusións e hematomas de diversa consideración así como un cadro ansioso depresivo reactivo tardando en curar 21 días pero sen que lle quedaran secuelas.

Segundo explica Fiscalía, dende que retomaron convivencia o acusado e vítima, o presunto culpable dos feitos amosou a diario un comportamento violento, constantes humillacións e insultos á súa parella.

O acusado está en prisión provisional dende  o 17 de maio de 2019, sendo prorrogada por dous anos en 19 de febreiro de 2021.

O Ministerio Público pide 3 anos de prisión polo delito de amezas, con 2 anos de afastamento da vítima, polo delito continuado de agresión sexual consideran oportuno solicitar unha pena de 12 anos de cárcere e 20 de afastamento con 8 anos de liberdade vixiada. Polo delito de malos tratos outros 3 anos de cárcere e 2 de afastamento da súa parella, mentres que polo delito de maltrato habitual solicítase outros tres anos de prisión e unha orde de afastamento por outros 5 anos. Por último, por un delito leve de vexacións inxustas a Fiscalía pide unha multa de 3 meses a seis euros diarios.

Por último, a Fiscalía pide ter en conta os agravantes de reincidencia para os delitos de ameazas e malos tratos; e de parentexo no continuado de agresión sexual.

A vista oral terá arrancará o vindeiro venress 26 de novembro ás 10 da mañá na Audiencia Provincial de Lugo.

O Concello de Lugo levanta a orde de paralización da Urbanización das Saamasas

O Concello de Lugo vén de autorizar que se retomen as obras de Urbanización das Saamasas.

O decreto, asinado esta mañá pola concelleira de Gobernanza, autoriza a continuidade dos traballos con base no ditame emitido pola Confederación Hidrográfica Miño- Río Sil no que a CHMS considera acreditado, cun informe técnico, que as tarefas pendentes de executar se atopan fóra da franxa de 100 metros do Miño, non afectan ao canle de desaugue nin infiren coas obras construídas polo organismo de bacía, nin coa explotación que este fai do mesmo.

A documentación presentada polos promotores a finais de outubro xunto coa solicitude de levantamento das medidas cautelares, permitiu a Administración local comprobar que o suposto inhabilitante xa desapareceu e, polo tanto, esta mesma mañá procedemos a comunicarlle aos interesados que poden retomar as obras no Sector SUNP Norte I xa que as mesmas, tal e como conclúe nas súas valoracións a propia Confederación, se atopan fóra da zona de servidume do leito do río e da canle para que se solicita a autorización, que non precisa de permiso xa que foi creada artificialmente dentro dunha valgada que non forma parte do Dominio Público Hidráulico”, indicou a edil.

Así pois, unha vez que desaparece o presuposto de feito que fundamentou a interrupción das obras, a área de Urbanismo accedeu ao levantamento da orde de paralización, “indicándolle á Xunta de Compensación que, unha vez transcorrido o prazo de execución e antes de recibilas, os Servizos Municipais procederán realizar a correspondente inspección, co fin de comprobar que os traballos se atopan totalmente rematados e se axustan ao Proxecto de Urbanización aprobado en 2014”, sinalou a concelleira.

A área de Sostibilidade Urbana decretara en maio, en prol do interese xeral e da protección ao patrimonio de todas e todos os lucenses, a suspensión da construción desta Urbanización, por carecer da necesaria prórroga da Confederación Hidrográfica.

Malia que durante o proceso de alegacións a Xunta de Compensación do Sector Norte I esgrimiu que os traballos que estaba realizando nese momento non atinxían á demarcación da CHMS, o organismo da cunca entendeque “ademais de ser á Confederación a quen lle corresponde realizar tal afirmación – por tratarse dun proxecto que afecta a infraestruturas hidráulicas – e tendo en conta que o prazo de execución contemplado no expediente xa estaba finalizado, para poder pronunciarse sobre se as tarefas pendentes precisaban dunha nova autorización administrativa, o promotor debía presentar a correspondente solicitude de autorización dos labores que pretendía realizar co fin de que, tal e como sucedeu, a Confederación puidera estudar e acreditar que os mesmos non afectaban a algunha canle pública e ás súas zonas de protección.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com