A educación, ferramenta para reducir a violencia de xénero entre a xuventude

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, destacou onte a importancia da educación para erradicar os comportamentos sexistas e a violencia contra as mulleres no conxunto da sociedade e na xuventude en modo particular. Así o fixo na lectura pública que centrou a xornada A violencia de xénero nos textos de Emilia Pardo Bazán que se celebrou na sede da Subdelegación.

Un total de 24 alumnos e alumnas de 1 de BAC do IES Xoan Montes de Lugo participaron desta iniciativa, que se enmarca na programación de actividades organizadas con motivo da celebración do 25N, o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Acompañadas por dúas profesoras do centro, leron extractos das obras El indulto e Las Medias Rojas. Con esta actividade, o alumnado tamén puido aproximarse máis á vida e obra de Pardo Bazán, vinculada á loita das liberdades e dereitos da muller.

Antes desta lectura, Isabel Rodríguez presidiu a colocación dunha pancarta na fachada do edificio da Subdelegación do Goberno que permanecerá exposta durante esta semana e a próxima para amosar a repulsa pública contra calquera forma de violencia sobre as mulleres.

Programación do 25N
A programación deseñada pola Unidade contra a violencia sobre a muller da Subdelegación do Goberno comezou o día 20 de outubro coa celebración dunha xornada destinada a traballadores dos servizos sociais dos concellos da provincia e dos Centros municipais de Información á muller que tratou sobre Autorizacións de residencia para mulleres estranxeiras vítimas de violencia de xénero.

Posteriormente, o 2 de novembro inaugurábase na entrada da Subdelegación do Goberno a exposición Árbore da violencia de xénero. Na raíz está o cambio.

Para a vindeira semana, o 23 de novembro, a Subdelegación acollerá unha xornada Contra a violencia de xénero: comunicación e xustiza. Esta actividade, destinada a profesionais dos medios de comunicación, conta coa colaboración da Asociación da Prensa de Lugo. Nela intervirán a fiscal e o xuíz de violencia de xénero, Áurea Martínez de la Fuente e Sergio Ordúñez.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com