" />

Mito e realidade feminina en ‘María Solinha’ de Ignacio Vilar

O filme do cineasta galego estréase por fin en salas comerciais e estará cos espectadores de Codex Cinema o domingo 28 para un encontro especial.

María Solinha é unha desas figuras míticas da historia de Galicia. Esta pescadora de Cangas do Morrazo pasou á posteridade por ser unha das máis célebres vítimas da Inquisición en Galicia no século XVII. O seu drama reflicte un tempo de incomprensión e escuridade que, cos anos converteuse en símbolo da loita contra a inxustiza e, máis recentemente, icona feminista.

Consciente disto, da mutabilidade das historias e dos mitos, o cineasta Ignacio Vilar presenta en María Solinha, dous tempos, dúas Marías, dúas inxustizas. Neste filme tan especial, dúas liñas narrativas altérnanse: por unha banda, a María Solinha do século XVII perseguida pola Inquisición e por outro, a María da actualidade, perseguida igualmente por outra violencia, a dos homes e a das manadas, outorgándose un dereito non divino, senón baseado na forza e no desexo polo corpo feminino. Estamos ante unha importante reflexión arredor da figura da muller na historia e na arte, que Vilar mostra a través dun cineasta que filma unha película sobre a historia real de María Solinha. No set de rodaxe, a actriz protagonista identifícase co drama da vítima da Inquisición, descubrindo nas súas carnes as novas inquisicións deste século, moito máis sutís, pero que exercen unha violencia intolerable. Presente e pasado, ficción e realidade, danse a man nun filme realmente necesario.

O cineasta Ignacio Vilar volve á primeira liña de actualidade con María Solinha. Durante décadas un dos grandes defensores e promotores do cinema galego feito en galego, este novo proxecto resulta un paso adiante moi ambicioso na súa filmografía na que se atopan clásicos do nosa cinematografía como Pradolongo ou A esmorga. A súa última película viu interrompida a súa estrea nas salas debido ao coronavirus, mais o director non perdeu a esperanza e iniciouse nunha viaxe por innumerables concellos galegos presentando o filme cara a cara cos espectadores. Agora, meses despois desa gran aventura, o filme volve por fin ao seu lugar natural: as salas de cinema.

En Codex queren celebrar este acontecemento e por iso contarán coa presencia de Ignacio Vilar o próximo domingo 28 ás 17:30 da tarde.

Outro evento Codex que demostra o noso compromiso co cinema feito en Galicia. Outro galego triunfante no cinema é Javier Gutiérrez. Traballador incansable no cinema e na televisión, deu un salto á fama e ao prestixio coa súa prodixiosa interpretación en La isla mínima, filme co que conseguiu o premio á mellor actuación no festival de Donostia e tamén o Goya ao mellor actor, galardón que volvería a conseguir con El autor. Nesta película traballaría ás ordes de Manuel Martín Cuenca, un dos autores máis recoñecidos do cinema español. Agora, catro anos despois, director e actor volven a colaborar en La hija, outro drama psicolóxico de gran profundidade dramática no que o actor ferrolán interpreta a un traballador dun centro de menores que acorda cunha interna un plan moi controvertida: coidar dela durante o seu embarazo á cambio de que cando dea a luz, sexan el e a súa muller quen adopten ao bebé.

Película sobre a maternidade xuvenil e as dificultades que ten que atravesar unha moza no seu camiño á madurez, La hija supón un traballo arrepiante sobre o mundo actual, sobre a frialdade das relacións humanas, o egoísmo e as violencias invisibles. Manuel Martín Cuenca amosa de maneira xenial o debate moral dos protagonistas, enfrontados a unha paisaxe árida que os rodea e que puntúa o seu estado emocional. Outro dos alicientes da película é a banda sonora creada por Vetusta Morla, o que supón o debut de esta banda española no campo da música cinematográfica.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo