Novas

A CIG denuncia “saturación” en urxencias pola falta de camas en planta

A CIG Saúde Lugo vén de denunciar  unha situación que está a suceder nesta última tempada no HULA. E é que, segundo a central sindical, o servizo de uxencias esta “saturado” pola falta de camas nas unidades de hospitalización. Unha falta que eles mesmos atribúen ao peche dunha planta enteira con 34 camas.

Segundo denuncian a través dun comunicado aos medios, no día de onte quedaban 14 pacientes en urxencias pendentes de ingresar, mentres que no día de hoxe eran outros 10.

Unha situación que, en palabras do sindicato, “provoca unha saturación tanto nos doentes coma nos profesionais, xa que este servizo é para a atención urxente e inmediata dos doentes, e nestes momentos se convirte tamén nun servizo de hospitalización”.

Para a CIG as principais consecuencias deste feito, ademáis das obvias ocupacións dos espazos, son as que sofren os doentes que acoden ao servizo de urxencias de non estar no servizo correspondente á súa patoloxía, “prolongando as esperas en padiolas ata 24 horas ou máis”.

“Hai 34 camas pechadas no Hula, toda a pranta 4B2, mentras os doentes se ateigan na urxencia, esta dirección se permite ter 34 camas pechadas”, conclúen dende a CIG.

Denunciados dous mozos por portar e usar unha escopeta de balotes sen licenza

A Policía Local de Lugo levantan acta de denuncia contra dous mozos de 24 e 18 anos de idade, por sendas infraccións á Lei de Seguridade Cidadá e ao Regulamento de Armas.

Os feitos tiveron lugar o pasado 26 de outubro cando unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo era comisionada pola Sala do 092 para que se traslade á rúa Illa da Toxa, xa que uns mozos están a efectuar disparos cunha escopeta de balotes a unhas galiñas que se atopan no devandito lugar.

Ao chegar á zona, os axentes identifican a dous mozos que responden á descrición dada polas testemuñas, un de 24 e outro de 18 anos que ao ser preguntados polos feitos manifestan que fixeran uso dunha arma de airsoft, a cal proxecta bolas de plástico, dirixindo algúns disparos a lugares nos que non se atopaban nin persoas nin animais e tamén dirixindo disparos cara ás pernas o un ao outro, podendo comprobar os axentes como un dos mozos presenta varias marcas de negróns compatibles cos impactos.

Os axentes localizan un rifle escondido detrás dunha árbore, identificándoo como unha arma da 4ª categoría do Regulamento de Armas, suxeita a tarxeta de armas para que autorice o porte e uso, carecendo os mozos da devandita autorización. Así mesmo como ambos os mozos manifestan non ser propietarios da arma localízase ao titular da mesma, un mozo de 19 anos, o cal non acredita ningún documento que xustifique a compra, carecendo tamén de tarxeta de armas.

Así mesmo os policías trasládanse á tenda onde o mozo dixera que a adquirira, figurando nos seus rexistros como vendida a esta persoa. Por todo o relatado os axentes levantan actas de denuncia por infracción á Lei de Seguridade Cidadá e por infracción ao Regulamento de Armas, sendo remitida á Intervención de Armas da Garda Civil de Lugo.

Unha nova campaña provincial incentivará as vendas no comercio local da provincia

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presentou hoxe no Pazo de San Marcos, xunto ao presidente da Federación de Comercio de Lugo, José María Seijas, a campaña Merca no comercio local. Merca na provincia de  Lugo, que ten como obxectivo incentivar as vendas no comercio de proximidade da provincia de Lugo.

A Deputación de Lugo achega 50.000€ a través dun convenio de colaboración coa Federación de Comercio de Lugo para sacar adiante esta iniciativa que, “unha vez máis, ten como obxectivo poñer en valor a calidade do noso comercio local, a calidade e a atención que ofrecen as tendas dos nosos barrios e das nosas vilas, destacar o seu peso fundamental na economía e no emprego, e incentivar as vendas nesta recta final do ano da volta á normalidade”, subliñou o mandatario provincial.

“Premiaremos con descontos aos clientes que confían no comercio local facendo as súas compras neste tipo de establecementos e, ao mesmo tempo, buscamos incentivar as compras nas tendas físicas, especialmente agora nos meses de novembro e decembro cando o comercio de sempre se ve máis afectado por campañas en internet e por  campañas impulsadas nas grandes superficies”, indicou.

A campaña Merca no comercio local. Merca na provincia de Lugo nace da estreita colaboración da institución provincial co comercio, e así o explicou o mandatario provincial. “Esta campaña é un novo froito da relación de colaboración que mantemos co tecido asociativo do comercio da provincia de Lugo, e que reforzamos aínda máis dende o inicio da pandemia con diversas medidas enmarcadas no Plan de Impulso da Economía da Provincia”.

Tomé Roca convidou á veciñanza a participar porque “o consumo máis responsable que podemos facer cada un de nós é facer as nosas compras nos pequenos negocios, que nos ofrecen calidade, atención personalizada, que crean emprego, e que dan vida e manteñen a identidade dos nosos barrios e das nosas vilas e cidades”.

Sorteos de 1.000 bonos

Merca no comercio local. Merca na provincia de Lugo desenvolverase a partir do 15 de novembro e durante o mes de decembro. Consistirá no sorteo de bonos de consumo de 30 euros cada un para gastar nos 5.500 establecementos comerciais minoristas da provincia de Lugo, seguindo a estratexia dos Bonos Impulso da Deputación, xa que resultaron ser un éxito. “Tanto os comerciantes, como os consumidores estiveron moi receptivos e fixeron compras que superaron as expectativas, polo que agora repetimos cunha fórmula semellante”, subliñou o mandatario  provincial.

Os consumidores participan nos sorteos ao realizar as súas compras feitas no comercio local por un importe mínimo de 10 euros. Celebraranse sorteos semanais para repartir un total de 1.000 bonos para investir nos negocios da provincia, “o que supón poñer en circulación 30.000 euros en premios polas compras feitas no comercio local”, subliñou o Presidente. Á vez, a campaña terá unha importante parte de difusión e de publicidade para animar as  vendas entre a sociedade.

“O novo alumeado da Ronda mellorará a percepción visual da Muralla”

O Goberno Local vén de informar dos avances que están a ter lugar na obra de humanización da Ronda da Muralla, que se está a executar no treito entre as rúas Santiago e Vilalba. O Tenente de Alcalde da corporación lucense explicou que veñen de colocar o novo alumeado da zona que, dixo, “unha vez entre en funcionamento mellorará a percepción visual da Muralla”.

Nos últimos días instaláronse 9 novas luminarias LED tipo RGB, que permitirán adaptar a intensidade lumínica ás distintas horas e á luminosidade do día. O alumeado permitirá variar a luminosidade do monumento segundo a hora do día, mostrando luces de tonalidade cálida na noite e luz fría durante as mañás. “Ademais, continuamos a avanzar na implantación do alumeado LED cun baixo consumo enerxético, para reducir a factura da luz e as emisións contaminantes”, lembraron dende a área de Mobilidade.

A concellería que dirixe o Tenente de Alcalde agarda que durante esta semana recuperen a normalidade do tráfico da zona, ao estarse rematando xa os traballos de pavimentación do novo vial para os vehículos. O segundo edil lembrou que “nos vindeiros días reabrirase a circulación do tráfico neste treito, e a veciñanza poderá desfrutar dun novo treito da Ronda completamente renovado”.

O PP pide “apoio ao sector pesqueiro” nos orzamentos da Deputación para 2022

Achégase final de ano e con él, chega o tempo de pechar as contas de 2021 e ir presentando as propostas de cara a 2022. Hai uns días viamos como Xunta e Goberno  central presentaban candanseu proxecto de presupostos para o vindeiro ano, algo que todavía é unha incógnita no caso da Deputación de Lugo.

Así, segundo denuncian os populares provinciais, o Goberno de José Tomé non respondeu ao ofrecemento feito polo PP para colaborar na elaboración das contas do vindeiro exercicio. Pero, á vista do orzamento para o ano que remata, no PP temen que o sector pesqueiro “sexa marxinado de novo”. O grupo popular demanda “nos orzamentos para o 2022 se dea moito máis apoio ao sector pesqueiro, con campañas de diferentes tipos e sobre todo con partidas concretas para este sector, que é fundamental e transcendental na nosa provincia”.

O portavoz popular na Deputación, Javier Castiñeira, sinala que, dende que socialistas e nacionalistas gobernan na Deputación de Lugo o sector da pesca é un dos grandes prexudicados nas contas provinciais. “Dicimos isto porque estamos a pouco de coñecer as grandes contas provinciais para o 2022 e esta Deputación, no 2021 as aportacións máis significativas foron 18.000 euros para a Federación de Confrarías de Pescadores e 10.000 para Expomar-Produart, algo que é mínimo, tendo en conta que os orzamentos da Deputación totalizan 93 millóns de euros”.

Castiñeira tamén indica que, noutras Deputacións, como as de Pontevedra e A Coruña, “a aposta polo sector do mar e moito maior”.  Explican os populares que o sector do mar na nosa provincia factura máis de 100 millóns de euros en venta directa, o que se transforma en 500 millóns en toda a cadea mar-industria lucense e crea máis de 1.500 postos de traballo directos. “Para todo iso a Deputación só destina 18.000 euros”.

Na mesma liña, o portavoz popular di entender como “unha falta de respecto” ao sector esa falta de apoio orzamentario por parte da Deputación. Unha posición que “se une ao agravio e aos ataques que ao sector pesqueiro está a facer tamén o Goberno central; a última é a posibilidade de suprimir as bonificacións ao gasóleo do sector pesqueiro, que sería a gota que colmaría o vaso”.

Castiñeira explica que, na súa opinión, “as políticas nacionalistas e socialistas van en contra do sector pesqueiro e, fronte a isto está a política que está a levar a consellería de Pesca da Xunta”. Neste sentido, o popular destaca que “o orzamento da Consellería do Mar para 2022 é o máis alto da última década, acumula un incremento do 50% en cinco anos e roza os 200 millóns de euros”.

Paradela agradece aos seus defuntos o mantemento da lingua e cultura galegas

O cemiterio de Paradela, dende hoxe, agradece a todos os que alí xacen o mantemento da lingua e cultura galegas. Así o fai grazas a unha placa descuberta esta mañá no camposanto de  San Miguel de Paradela que reza “Na memoria de todas as persoas que xacen aquí, porque Galicia segue a ter cultura e lingua de seu”, promovida polo Concello de Paradela e a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Durante o acto, ao que acudiu tamén o Delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias,  visitaron o Panteón de Paradelenses Ilustres, único en Galicia destas características, onde foi enterrado o escritor Manuel Rodríguez López, Fillo Predilecto de Paradela, a quen se lembra neste lugar cunha placa en galego; así como o nicho no que fican os restos do canteiro Manuel López López O Lagoa, que el mesmo construíu e que tamén está rotulado en galego.

Arias salientou que esta data “serve para visibilizar os cemiterios como un espazo máis de transmisión da lingua propia e maioritaria de Galicia e para honrar a memoria de todos aqueles que nola legaron”. Engadiu que “se o galego é a lingua que nos identifica en todos os contextos, é natural que sexa tamén a que nos represente cando xa non estamos”.

Esta conmemoración dálle continuidade á do ano 2019, que se realizou no cemiterio parroquial de San Facundo de Ribas de Miño, tamén en Paradela, o único de Galicia que ten todas as súas lápidas en galego.

O Concello instalará “solucións técnicas” para evitar o perigo do carril bici na Volta da Viña

O Concello de Lugo vén de responder ás advertencias realizadas polo Partido Popular de Lugo en relación ao trazado do Carril Bici ao seu paso pola Volta da Viña que os populares tildaban de “perigoso”. O Goberno local trasladaba nun comunicado aos medios que, malia que o traxecto da senda ciclista discorre pola marxe do noiro, a súa configuración xa estaba prevista e contempla a creación dunha cela de drenaxe que se instalará por debaixo de todo o carril como solución técnica á escorrentía que presenta a zona.
“En calquera caso, as obras non están aínda rematadas restando, entre outros traballos, os correspondentes coa sinalización da propia senda e das dotacións que inclúe no seu percorrido”, explican dende o concello.
Unha vez máis, o Executivo local lamenta que o Partido Popular “centre o seu labor en crear alarmismos infundados que só se basean na súa propia falta de traballo” porque, de ter consultado esta cuestión previamente, din dende o Concello, os técnicos municipais lles poderían ter explicado os pormenores do proxecto.
Sinalan, ademáis, dende o Concello, que o Goberno deu conta desta iniciativa enmarcada na Estratexia Dusi –  Muramiñae –  aos grupos da Corporación xa no ano 2018 e que, “nese momento, cando aínda se podían facer modificacións á mesma, ningún partido presentou propostas ou achegas nin tampouco alegacións para corrixir algún dos aspectos que recolle”.

Alertan do perigo do carril bici na Volta da Viña e piden o redeseño do seu trazado

O vicevoceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, alerta do perigo que pode xerar o carril bici ao seu paso pola Volta da Viña, unha zona que é un punto negro para a circulación na cidade e polo que o Goberno pretende meter a calzador o paso para bicicletas.

Explica Antonio Ameijide que, segundo o proxecto publicado polo Goberno local, na rúa Santiago, á altura da Volta da Viña, o carril de circulación en sentido baixada será compartido para vehículos e bicicletas, mentres que no carril de subida o carril bici “irá pola cuneta eliminando a mesma”.

A idea do Goberno local é facer desaparecer a cuneta mediante a colocación de caixas drenantes que levarán por enriba unha especie de pavimento drenante para permitir a circulación das bicicletas, “unha solución que pode ser axeitada para outras zonas da cidade pero non para a Volta da Viña”. Antonio Ameijide fai esta reflexión ao tratarse dunha zona na que hai un talud inestable, no que se producen desprendementos cada pouco tempo, “polo que o primeiro perigo xa é evidente”.

A isto hai que engadir que este talud está cheo de árbores e, agora mesmo, pode verse a cuneta chea de follas, terras e suciedade que impiden xa que corra a auga, “polo que o máis lóxico é que todos estes elementos tupan os microfurados das caixas”, provocando que a auga vaia por enriba do pavimento, facendo aínda máis deslizante esta zona, que é un punto negro para o tráfico na cidade.

Por isto, o vicevoceiro popular pide unha reflexión ao Goberno local para que busquen unha solución alternativa a este deseño, que podería pasar por unha proposta xa realizada semanas atrás polo Grupo Municipal Popular e que rexeitaron tanto PSOE como BNG: as pasarelas que unan o Rosalía de Castro co Marcos Cela e co Paseo do Miño.

Antonio Ameijide apunta que se trata dun proxecto que xa existe no Concello de Lugo e que incluso Rubén Arroxo sacou a relucir durante a última campaña das municipais pero que agora que está no Goberno “non quere ver nin en pintura” e de feito votou no pleno en contra desta proposta “facendo gala da incoherencia do BNG”.

Para o popular esta solución mellorará a seguridade para todos os usuarios xa que o verdadeiramente importante dunha infraestrutura como o carril bici “é que sexa útil para todos os usuarios e non xere máis problemas”. Por iso, defende Ameijide que para o PP “o carril bici é unha magnífica noticia, pero sempre que se faga con criterio”, amosando como exemplo o caos que se xera agora na Ronda do Carme, “unha avenida que se converteu nun embude para os vehículos e nunha trampa para os ciclistas”.

Agromuralla fai un chamamento “á solidariedade da poboación” cos gandeiros que se manifestarán o xoves en Lugo

Agromuralla pide a toda a poboación, teña ou non vinculación directa co medio rural, que este xoves se mobilice en defensa duns “prezos xustos para os produtores de leite que permitan a supervivencia das explotacións e o mantemento da vida e a actividade económica nas zonas rurais”.

Agromuralla, que engloba a gandeiros e gandeiras das provincias de Lugo e A Coruña, convocou para este xoves unha marcha polas rúas da cidade de Lugo e o seu presidente, José Luis Pérez Barreiro, apela á solidariedade do conxunto da cidadanía, á que invita a participar nos actos de protesta, ao igual que apela “á unidade de acción de todas as entidades que representan aos produtores”.

“Durante os meses de confinamento e pandemia sanitaria recibimos moitas mostras de apoio e agradecemento porque os gandeiros e gandeiras seguimos traballando todo este tempo para producir alimentos e que os liñais dos supermercados non quedasen desabastecidos. Agora é o momento de devolver ese compromiso que os gandeiros e gandeiras tivemos coa sociedade apoiando a nosa xusta e lexítima reclamación duns prezos dignos que cubran o incremento de custos de produción que estamos a sufrir nos últimos meses as explotacións por unha suba insostible da luz, os pensos e o gasóleo e que está a afogar ás granxas”, asegura José Luis Pérez Barreiro.

Saída ás 12 da Ronda da Muralla

Os gandeiros sairán á rúa este xoves 4 de novembro para reclamar unha suba do prezo do leite en orixe que compense o “incremento desmesurado” dos custos de produción que están a sufrir as explotacións como consecuencia da suba do prezo da enerxía, os combustibles e os pensos.

A protesta arrincará ás 12 da mañá diante do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Lugo, previa presentación por rexistro dun escrito coas reivindicacións, e discorrerá polas rúas da cidade até rematar diante da Subdelegación do Goberno, na rúa Armanyá, onde os gandeiros e gandeiras rexistrarán un escrito dirixido ao Ministerio de Agricultura coas súas demandas.

Unha caravana de tractores acompañarán aos manifestantes no seu percorrido e despois quedarán estacionados durante todo o día na Ronda da Muralla, igual que o fixeran no 2015, unha imaxe convertida xa en símbolo da loita dos gandeiros e gandeiras por un prezo xusto para o leite que producen.

Momento “crítico” para as ganderías

O presidente de Agromuralla, José Luis Pérez Barreiro, asegura que “as granxas estamos a atravesar unha situación crítica debido á suba desmesurada dos custos de produción e á conxelación do prezo do leite” e esixe ás Administracións “que adopten as medidas necesarias para garantir a viabilidade e continuidade dun sector estratéxico para o conxunto de Galicia”.

“Galicia non se pode entender sen o rural e o medio rural de Galicia non se pode entender sen ás 6.500 ganderías que producimos leite e as 11.000 que se adican á produción de carne”, dous sectores “en risco grave de desaparecer” polos baixos prezos en orixe, insiste.

Que a suba do leite nos supermercados se traslade ás granxas

Por iso, José Luis Pérez Barreiro demanda a “implicación directa” tanto da Xunta de Galicia como do Ministerio de Agricultura para garantir “un prezo digno aos produtores que cubra os custos de produción”, tal como obriga a Lei da Cadea Alimentaria, e “medidas urxentes que eviten que se produzan nos vindeiros meses peches en cadea de explotacións”.

Para salvar o “momento crítico actual”, o presidente de Agromuralla esixe que a suba do prezo do leite que se está a dar nos liñais dos supermercados “se traslade de xeito inmediato ás ganderías que o producen”. “Non pode ser que se encareza o prezo do leite aos consumidores co pretexto de pagar mellor aos produtores e que despois ese incremento quede polo camiño e o repartan entre as industrias e as cadeas de distribución sen que chegue ás granxas”, di, polo que reclama “unha actualización inmediata do prezo fixado nos contratos de recollida do leite”.

Finalmente, José Luis Pérez Barreiro tamén considera necesario “que se corrixa o diferencial negativo no prezo do leite de máis de dous céntimos en litro que se vén arrastrando en Galicia a respecto da media que cobran os produtores do resto do Estado” porque, di, “non ten ningún sentido que na comunidade autónoma onde se produce o 40% do leite de todo o Estado e cunha calidade demostrada se estean a cobrar os prezos máis baixos de toda España e da Unión Europea”, denuncia.

O comité de Alcoa convoca unha nova mobilización

O comité de empresa de Alcoa San Cibrao vén de anunciar a convocatoria dunha nova mobilización. Así o dixo o seu presidente, José Antonio Zan, quen explicou que a manifestación esta vez terá forma de marcha nocturna. Será o vindeiro sábado 6 de novembro no municipio de Xove.

E é que os traballadores da compañía de Cervo seguen en pé de guerra alentados, en parte tamén, polo gran éxito das anteriores convocatorias, en especial desta última, celebrada o pasado domingo e que xuntou preto de 1000 vehículos.

Como é habitual, Zan aposta por convidar a “todo o que quera sumarse” a esta “marcha nocturna” que transcorrerá “dende o campo de fútbol e ata o Concello”.

Como petición para os veciños da localidade, Zan solicita que, en apoio dos traballadores de Alcoa San Cibrao, a veciñanza apague as luces “e que os da rúa principal e a rúa que dá ao Concello prendan cirios ou velas nas fiestras para que se visualice que está todo ás escuras e se vexan as luces dos traballadores cando cheguen”. Así explicaba Zan que avanzaba, asemade, que “vai ser unha protesta moi vistosa”.

Doutra banda, Zan volveu facer un chamamento ao Ministerio de Industria e é que, segundo explica o presidente do comité, dende que o Tribunal Supremo tombou o ERE que plantexaba a compañía, o Goberno “non deu signos de vida, e levan así máis dun mes”.  “Non temos un papel escrito por parte do Ministerio”, lamenta Zan quen afeou ao Goberno que dean “moi boas palabras e ningún bon feito”.

E máis cando, en palabras de Zan, “hai ofertas” de empresas que queren mercar a planta de San Cibrao e, insistiu “o problema radica na SEPI”. O presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao ratificou que hai “catro empresas solventes” que “queren facer esa operación”. Empresas que, segundo Zan, “estarían encantadas” se o Goberno participa “cun tanto por cento do accionariado” e que queren que “se lles garanta un marco enerxético e unha continuidade de futuro”.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com