Novas

“Os tractores volverán saír á rúa se non se adoptan medidas urxentes ante o incremento de custos para producir leite”

A asociación de gandeiros e gandeiras Agromuralla, que reúne a centos de gandeiros das provincias de Lugo e A Coruña, ameaza con saír cos tractores á rúa ante a “situación insostible” que viven os produtores de leite como consecuencia da “suba desmesurada” dos custos de produción.

“Este ano, desde o mes de xaneiro, o que nos custa producir disparouse, coas subas actuais no recibo da luz e o gasóleo e o incremento que se está danto nos pensos e as materias primas, pero o que nos pagan polo leite non se moveu e non nos dá para pagar os gastos, polo que estamos perdendo cartos todos os meses”, asegura o presidente de Agromuralla, José Luis Pérez Barreiro, que esixe ás Administracións públicas “medidas urxentes inmediatas para garantir un prezo digno e xusto aos produtores de leite que evite o peche en cadea das explotacións”.

O novo presidente de Agromuralla, que colleu o testigo de Roberto López na asemblea celebrada o pasado mes de agosto, vén de solicitar unha reunión coa subdelegada do Goberno para que traslade cal é a situación ao Ministerio e advirte de que “se non se toman medidas os tractores sairán á rúa porque a situación é insostible”.

A asociación Agromuralla, que xurdiu a raíz das tractoradas arredor da Muralla de Lugo levadas a cabo a finais de 2015 en protesta polos baixos prezos do leite, explica que “o prezo do leite leva anos conxelado mentras os custos de produción non deixaron de medrar, especialmente neste último ano” e lembra que “a Ley da Cadea Alimentaria aprobada polo Ministerio de Agricultura obriga a que os prezos en orixe dos alimentos se adapten ao que custa producilos”.

“Non se está a cumprir a Ley”, advirte José Luis Pérez Barreiro, que alerta de que nos últimos meses se está a producir un encarecemento en insumos básicos como o penso para a alimentación do gando, pola suba de materias primas como a colza, a soia ou a fariña de millo, que subiron un 50% no último ano; o gasóleo agrícola, que pasou de 55 céntimos a 85; ou o recibo da luz, con incrementos de máis do 40% tralo cambio no modelo tarifario aprobado polo Goberno; o que está a reducir a escasa marxe coa que traballaban as explotacións leiteiras, un sector estratéxico para o conxunto de Galicia que ve ameazada neste momento a súa viabilidade.

Por iso, José Luis Pérez Barreiro demanda a “implicación directa” tanto da Xunta de Galicia como do Ministerio de Agricultura e vén de solicitar unha reunión coa subdelegada do Goberno en Lugo para que coñeza de primeira man a situación do sector e analizar os protocolos aos que exise a covid-19 de cara ás distintas accións de protesta.

No escrito, presentado esta semana, Agromuralla dá un prazo dunha semana para a celebración da reunión e advirte de que “no suposto de que no prazo de 7 días non teñamos resposta da Subdelegación do Goberno adoptaremos as medidas que consideremos máis oportunas para a defensa dos intereses do sector”.

O PP cuestiona a falta dun sistema para reestablecer os servidores en caso de apagón

O Partido Popular considera preocupante que continúe sen arranxarse, a tal hora, a avaría dos servidores do Concello de Lugo. “Levamos tres días de parón e xa se están anulando as citas de rexistro previstas para mañá; segue colgada a páxina web municipal con que non se pode facer ningunha tramitación telemática, nin consultar expedientes e limítase o traballo administrativo, os funcionarios nin sequera poden acceder aos expedientes”.

O viceportavoz popular manifestou que “as desculpas á cidadanía non son suficientes, non é de recibo que, en pleno século XXI, unha administración estea parada como consecuencia dunha avaría cando, a día de hoxe, hai recursos suficientes para evitar que unha incidencia convértase nun pesadelo para os veciños que necesitan facer trámites na administración máis próxima”.

Nese sentido os populares recriminan que “se gastaron miles de euros en impulsar a administración electrónica con anuncios de proxectos financiados con fondos europeos como o Smart City e non se previron ter sistemas para evitar en caso de avarías ou apagamentos reestablecer de forma rápida o sistema”.

Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel, sétima Reserva da Biosfera de Galicia

A Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel xa é, oficialmente, a sétima reserva da biosfera de Galicia. Así o proclamou hoxe o Consello Internacional de Coordinación do Programa Man and the Biosphere (MaB) da Unesco, reunido na cidade nixeriana de Abuja desde o pasado luns e que esta tarde anunciou publicamente os novos territorios recoñecidos baixo esta figura internacional.

Durante a súa intervención por videoconferencia para defender a candidatura ante o órgano reitor do MaB, na súa 33ª sesión, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, subliñou a importancia desta decisión tanto para os 23 municipios incluídos na mesma —18 da provincia de Lugo e 5 da de Ourense cunha poboación total de máis de 75.000 habitantes— como para o conxunto de Galicia.

Así, lembrou que coa incorporación da sétima reserva da biosfera, a superficie que conta en Galicia con este recoñecemento internacional increméntase ata chegar a case o 35% de todo o territorio; pero tamén suporá que o 42% da Comunidade quede amparado baixo algunha figura de protección, afianzando o recoñecemento á riqueza do noso patrimonio natural en todo o mundo.

De feito, a Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel é a segunda máis grande da Comunidade, xa que abarca unha superficie total de 306.534,77 hectáreas que se estende polos canóns do Sil e polo río Miño e destaca pola súa gran beleza natural e pola riqueza cultural e etnográfica que atesoura.

Tras a proclamación hoxe por parte da Unesco, este territorio intégrase oficialmente na Rede Mundial de Reservas da Biosfera e súmase aos outros seis que contaban xa en Galicia con este recoñecemento: Terras do Miño; Área de Allariz; Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá; Río Eo, Oscos e Terras de Burón; Transfronteiriza Gerês-Xurés; e Mariñas Coruñesas-Terras do Mandeo.

Precisamente, a conselleira lembrou tamén que en base á experiencia adquirida e tendo en conta as accións levadas a cabo nas outras reservas da biosfera galegas, a Xunta liderou un plan de acción que tiña como eixos fundamentais a conservación da biodiversidade, a restauración e mellora dos ecosistemas, o fomento do uso sostible dos recursos naturais, a mitigación do cambio climático e a promoción dunha sociedade sostible e plenamente integrada coa súa contorna.

Na mesma liña, subliñou o carácter participativo do proxecto impulsado a finais do ano 2017 para lograr a proclamación da Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel, un “proxecto de país”, dixo, que agora toca poñer en práctica e materializar.

Tras agradecer o traballo e a implicación de todas as administracións, institucións públicas e privadas e colectivos e axentes sociais que contribuíron nestes anos ao éxito da candidatura, a conselleira resaltou a necesidade de seguir apostando polo mesmo modelo participativo para poñer en marcha, a futuro, un proxecto que harmonice a conservación deste territorio co seu imprescindible desenvolvemento sostible, tanto desde o punto de vista económico como social.

Ángeles Vázquez: “A Confederación actuou pola porta de atrás, saltándose o procedemento legal”

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, celebra que por fin a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e o Goberno central recoñezan por escrito as súas responsabilidades no baleirado dos encoros.

Así o asegurou durante a súa intervención no Pleno do Parlamento, onde sinalou que tanto a ministra para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, Teresa Ribera, como o presidente da presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, José Antonio Quiroga, responderon á carta que lles enviou o 25 de agosto xunto á conselleira de Infraestruturas e Mobilidade.

Na misiva recibida, Ribera e Quiroga admiten que as responsabilidades nesta materia corresponden ao Goberno central e en ningún momento afirman que limitar o baleirado dun encoro desa conca sexa competencia dun organismo autonómico. Así, Vázquez Mejuto salientou que a ministra foi o primeiro membro do Goberno central en admitir a existencia dun problema e a súa responsabilidade.

Na carta, tamén recoñece, segundo a Conselleira, que coa normativa estatal de augas na man, os presidentes das demarcacións hidrográficas poden evitar o baleirado dos encoros; é dicir, “o Goberno central recoñece que a normativa actual permite ao actual presidente da conca Miño-Sil, José Antonio Quiroga, aplicar a lei e limitar baleirados deste tipo”, insistiu. En canto á resposta do presidente da CHMS, recibida esta mesma mañá, a conselleira dixo que este recoñece que a Confederación permite baleirados deste tipo, que non aplicou o artigo 55 da Lei estatal de Augas e que o seu propio Goberno reformará esta normativa.

Nese sentido, insistiu en que a única administración competente no baleirado dos encoros é o Goberno central, a través da CHMS, “esa é a única verdade, recoñecida por dúas vicepresidentas e polo propio presidente da Confederación esta mesma mañá”, unha actitude que contrasta coa mantida nas últimas semanas nas que solicitou explicacións á Xunta –cando as competencias se reducen ao patrimonio natural-, “a tirar balóns fóra, poñerse de perfil e non actuar, a pesar de tratarse de embalses da súa demarcación”.

A conselleira de Medio Ambiente indicou que o Goberno galego non pode mirar cara a outro lado ante o baleirado inxustificado e irresponsable dos encoros, que puxeron en risco a fauna e flora que habita nesas masas de auga, aproveitamentos pesqueiros e mesmo a extinción de incendios nesa zona.

“O feito de poñer en perigo a riqueza e a biodiversidade dos galegos esixe a toma de medidas e o compromiso de chegar ata o final para depurar as posibles responsabilidades”, derivadas de situar as reservas de auga nalgúns casos en menos do 15% e en mínimos históricos das últimas dúas décadas, sentenciou.

Engadiu que “a actuación da Xunta ante este baleirado inxustificado e irresponsable foi rápida, contundente e integral”, mentres que a Confederación “actuou pola porta de atrás, saltándose o procedemento legal”.

Por ese motivo –advertiu-, tanto o organismo responsable da demarcación como as empresas concesionarias destes embalses hidroeléctricos, deberán asumir as consecuencias que se deriven da apertura dos expedientes sancionadores, que se tramitan ao abeiro da Lei de pesca fluvial, ante a falta de comunicación oficial tal e como recolle o artigo 83, e da Lei de patrimonio natural, que prevé sancións por importe de ata 2 millóns de euros, polos danos producidos, que se están estudando e avaliando como indicou o persoal instrutor.

O Concello de Lugo leva á Fiscalía o proceso selectivo dos Inspectores de Policía tras un informe presentado polo Tribunal

O Concello de Lugo leva á Fiscalía o proceso selectivo aberto para cubrir sete prazas de Inspector da Policía Local mediante promoción interna tras ter coñecemento do informe que foi presentado pola presidenta do Tribunal destas oposicións, maxistrada de profesión.

A convocatoria constaba de dous exercicios, un de tipo test e un suposto práctico. O exame tipo test constaba de dous bloques de preguntas, un correspondente a dereito penal e procesual penal – preparado pola presidenta do Tribunal – mentres que o resto das preguntas e os supostos prácticos foron elaborados polos tres vogais do Tribunal (dous policías locais de fóra de Lugo e un policía nacional) e que foron remitidos polo axente da Nacional ao secretario do Tribunal, encargado da súa custodia.

Na primeira das probas (exercicio tipo test) aprobaron á totalidade dos catorce axentes presentados e, na segunda (exercicio práctico), foron cualificados como aptos oito dos catorce.

Pero, segundo advirte a presidenta do Tribunal no seu escrito, conformado polo secretario dese Tribunal, tras unha revisión do expediente, se observan “certas coincidencias patentes nas respostas dalgúns supostos prácticos entre eles e coa plantilla de resultados correctos do Tribunal”, plantilla que é a que contempla a solución do exercicio e que sirve para a súa corrección. En concreto, a maxistrada fala de “catro aspirantes que son os que obteñen as mellores puntuacións”.

Así mesmo, tras comprobar tamén as respostas da proba tipo test de cada axente, a presidenta informa de que “se detecta, novamente, que os mesmos catros aspirantes que obtiveron mellores resultados no suposto práctico tamén obteñen os mellores resultados no exame tipo test, pero coa particularidade de que unicamente ou moi maioritariamente fallan as respostas do bloque de preguntas de dereito penal por min confeccionado, acertando integramente ou maioritariamente o resto das 89 preguntas do exercicio”.

A presidenta explica, ademais, que reuniu ao Tribunal para darlle conta destas circunstancias e para lles comunicar a súa decisión “irrevogable de formalizar a súa renuncia a continuar no proceso selectivo”.  Sostén, igualmente, que pouco despois, “polo secretario do Tribunal comunícaseme que os tres vogais presentaron renuncia aos seus cargos nos procesos de Inspectores e de Oficiais mediante correos electrónicos”.

Nas conclusións do seu escrito, a presidenta, que ademais informa da súa renuncia a presidir tamén as oposicións a Oficiais, indica que á vista dos antecedentes e feitos expostos, “comunícase canto antecede á Alcaldesa e á Tenenta de Alcaldesa de Persoal, para que o proceso se desenrole coas debidas garantías e evitar unha posible quebra dos principios constitucionais de acceso á función pública en condicións de igualdade, mérito e capacidade; para que por esa Alcaldía, como órgano competente, se adopten as decisións procedentes de cara a preservar a legalidade e obxectividade do proceso selectivo, valorándose se procede, incluso, a posible suspensión do mesmo para realizar as comprobacións oportunas e, no seu caso, as demais actuacións ás que houbera lugar”.

Tras recibir o informe e previa valoración dos servizos xurídicos municipais, o Concello, co obxecto de salvagardar a legalidade e o correcto desenvolvemento do proceso selectivo, puxo o escrito en coñecemento da Fiscalía por se procede abrir dilixencias co fin de pescudar se os feitos expostos puidesen ser constitutivos dalgún ilícito penal.

Polo tanto, procede informar de que, ata que exista unha resolución da Fiscalía, queda suspendido o proceso selectivo de Inspectores da Policía Local.

O outro dos procesos selectivos, o de Oficiais, que se ía pór en marcha para dotar de mandos ao Corpo policial e que non foi convocado pola renuncia do Tribunal (xa que é o mesmo que o das oposicións a Inspectores), seguirá o seu curso unha vez que se constitúa un novo Tribunal, para o que se chamará ás persoas suplentes.

O Concello de Vilalba esíxelle á Xunta restituír o transporte escolar na parada de Guntín

O Concello de Vilalba reclámalle á Xunta de Galicia a restitución das paradas do servizo de transporte escolar en Guntín, incluíndoas de novo no servizo ordinario e co seu funcionamento habitual. O goberno local mostra o seu apoio ás queixas de pais e nais dos CEIP Antonio Insua Bermúdez e CEIP Manuel Mato Vizoso ante un sistema de transporte non apto para menores e que ocasiona problemas ás familias de Vilalba.

Co comezo deste curso, a consellería de Educación cambiou o sistema da parada de Guntín, en Vilalba, pasando a dar servizo a esta zona un autobús que depende do departamento de Mobilidade da Xunta de Galicia. “A poucos días de comezar o curso, a Consellería informou aos pais e nais do alumnado que viña empregando esta parada de que dende agora usarían este servizo fóra do transporte escolar ordinario, e que os seus fillos deberían empregar a tarxeta moedeiro Xente Nova para facer uso do autobús”, explica Antía Rama, concelleira de Educación.

Dunha banda, esta situación provoca unha discriminación entre o alumnado, xa que para ser usuario da tarxeta, cómpre ter DNI, que só é obrigatorio a partir dos 14 anos. Ademais, a tarxeta esixe ser maior de 4 anos, a pesar de que hai alumnos/as de 3 anos de idade que si teñen asignada dita parada anteriormente, ata os cambios forzados para este curso.

Doutra banda, os cativos/as vense na obriga de facerse cargo da tarxeta, coa posibilidade de perdela, rompela ou intercambiala, co conseguinte risco de perda dos cartos cos que se recarga, é dicir, un sistema nin apto nin pensado para nenos e nenas desa idade. Ademais, o prezo da viaxe é de 1’35 euros por traxecto, bonificables, un prezo que se incrementa se a viaxe é aboada en efectivo, sen bonificación.

Deste xeito, xa na primeira semana de curso déronse situacións de rapaces aos que non lles funcionaba a tarxeta e que por non ter cartos en efectivo tiveron que baixarse do autobús. Unha situación que podería afectar incluso a cativos/as de 4 ou 5 anos e “que non se pode tolerar”.

Ademais, malia que nun primeiro momento os colexios informaron do dereito a transporte con reserva de praza, as familias atópanse agora cun servizo que non garante a praza en todas as viaxes. O autobús recolle tamén a outras persoas usuarias, pero en ningún caso garante as prazas para os escolares, dándose situacións de incertidume sobre se os rapaces poderían volver neste servizo ao rematar as aulas.

A esta situación súmase que os escolares viaxan sen a supervisión dunha persoa adulta, unha circunstancia que nunca tivo o consentimento dos pais. Así, os pequenos estarían sen supervisión durante o traxecto así como durante os momentos de entrada e saída do vehículo, incrementando as posibilidades de que suceda un accidente. Ademais, isto tamén provoca que non se verifique quen recolle aos rapaces na parada.

Por último, este sistema non garante o cumprimento do protocolo COVID-19, xa que non rexistra os usuarios que fan uso del, polo que é inviable establecer a trazabilidade de posibles contaxios.

Para o goberno local, a Consellería pretende converter este servizo en ineficaz e inseguro para que sexan os propios pais e nais os que decidan deixar de usalo e deste modo, suprimir a parada. “Esta supresión estaría dada pola falta de
calidade do servizo e non pola falta de demanda, poñendo impedimentos e obstáculos ás familias para non asumir e recoñecer a intención de seguir recortando servizos públicos”, engade Rama.

O Concello de Vilalba esíxelle á Xunta de Galicia a través dun escrito que restitúa esta parada para garantir o benestar e a seguridade dos menores no municipio. O goberno local engade ademais que é pertinente que os escolares estean supervisados durante o servizo de transporte escolar e que non sexan os menores os responsables de aboar as viaxes.

A Xunta propón manter a parada orixinal do bus no Carqueixo para “garantir a seguridade viaria”

A Delegación Territorial da Xunta en Lugo propón manter a antiga parada na LU-530, ao carón da gasolinera do Carqueixo, para a liña que da servizo ao citado barrio, co fin de garantir a seguridade viaria dos seus usuarios. A intensidade media de tráfico (IMT) é de máis de 10.000 vehículos ao día nesta vía, o que a converte nunha das estradas con máis tráfico da rede autonómica, e implica un problema de seguridade viaria para os veciños e veciñas que deben atravesar a pé a rotonda para chegar á nova parada.

Así o explicou o delegado da Xunta, Javier Arias, ao tenente de alcaldesa, Rubén Arroxo, na reunión mantida esta mañá no edificio da delegación territorial, na que, nun clima de cordialidade e diálogo, ambos estiveron acompañados por técnicos, tanto da Axencia de Infraestruturas de Galicia como do Concello de Lugo.

Outra das actuacións que suporía o incremento da inseguridade viaria para os usuarios é a futura posta en  funcionamento da Ronda Este, que a xuízo dos técnicos implicará maior movemento do tráfico nunha zona na que tamén conflúe a LU-021, cunha IMT de 6.000 vehículos ao día. Ante esta situación, Arias sinalou que “unha parada na rotonda é tecnicamente complicada e afectaría á seguridade viaria dos usuarios, polo que pedimos volver ao trazado orixinal da liña”.

A localización de paradas na rotonda suporía ademais a necesidade de construción de carrís de aceleración e incorporación, o que dificulta aínda máis a localización na citada glorieta.

Á espera da concreción do percorrido por parte do Concello, a Delegación Territorial da Xunta expón unha solución para reducir ao máximo os quilómetros e non dar a volta na raqueta. Javier Arias apunta “a posibilidade de levar a cabo unha pequena obra para facer un cambio de sentido e que o autobús xire máis adiante, na propia estrada LU-530. Isto permitiría, a maiores, instalar unha nova parada para os veciños da zona e facelo con todas as garantías de seguridade, nunha recta ou nun treito que non entrañe perigo para os usuarios do servizo”.

A reunión celebrouse está mañá, despois de que onte Arias, xunto a técnicos da Axencia Galega de In, analizara sobre o terreo as posibles alternativas que existen para instalar unha parada na estrada autonómica e despois de falar cos veciños e veciñas do Carqueixo para coñecer a súa opinión ao respecto.

Os ingresos municipais non soportan o nivel de gasto: desfase que roza os 10M€ no Concello de Lugo

Máis gastos que ingresos. Ese é o resumo do balance de contas do Concello de Lugo en 2020. Así o informou a voceira municipal de Cidadáns, Olga Louzao, este mediodía, logo de que o Goberno Local recoñecera que Lugo atópase nunha situación insostible dende o punto de vista económico. Foi na Comisión Extraordinaria de ccontas que tivo lugar esta mañá onde se analiza a situación económica do Concello a partir dos datos da Conta Xeral de 2020.

“Esta mañá recoñeceron abertamente algo que desde este grupo municipal levamos denunciando moitos meses: os ingresos municipais non soportan o actual nivel de gasto. Este recoñecemento público por parte do bipartito evidencia unha situación complicada derivada dunha política de gasto irracional baseada en proxectos propagandísticos  cuxo custo de mantemento aínda  se descoñece, que non responden as necesidades dos veciños e só buscan o rédito electoral”, declarou a concelleira da formación laranxa.

“Levamos máis dun ano avisando por activa e por pasiva deste escenario: este Concello gasta máis do que ingresa. O desfasamento do ano pasado sitúase próximo aos 10 millóns de euros (-9.603.348,86 euros), tal e como recoñeceu esta mañá Paula Alvarellos. Estamos a falar dun Concello que gasta o 53% do seu orzamento anual en contratos de bens e servizos, e isto sen ter en conta o gasto que se aveciña nos próximos meses froito da mencionada política irracional promovida por Lara Méndez e permitida polos seus socios de goberno. Debemos ter en conta que dentro desta porcentaxe non se atopa incluído aínda o mantemento de equipamentos de nova construción como o edificio Impulso Verde, o centro interxeracional da Piringallla, as caldas artificiais do río, o comprometido centro de colinving, o auditorio, etc. O que sen dúbida agravará máis a situación”, afirmou Louzao.

“Esta realidade é de xeito evidente insostible, polo que, como recoñeceu esta mañá a señora Alvarellos, o Goberno local está a exporse incrementar os ingresos, o que sen dúbida supón a subida dos impostos a todos os lucenses. Desde Cs esiximos á concelleira que convoque urxentemente a Mesa de ordenanzas fiscais para coñecer cales son os plans do Bigobierno. Advertimos desde agora mesmo que desde Cs non imos permitir que a económica dos lucenses pague os caprichos de Lara Méndez e Rubén Arroxo”, concluíu.

O PP lamenta a falta de investimentos

O vicevoceiro do Grupo Popular, Antonio Ameijide, pola súa banda resumía en tres ideas os datos que hoxe lles presentou o Goberno sobre a Conta Xeral correspondente ao exercicio do ano 2020. “As ganas e os tempos novos que anunciou o PSOE xa se esfumaron xa que as cifras reflicten que houbo unha baixa execución dos investimentos”.

O ano pasado quedaron sen investir máis de 26 millóns de euros cunha porcentaxe ínfima de execución do Plan de investimentos de a penas o 19%. “Son millóns de euros que quedaron sen empregar pola parálise do bigoberno, que viría moi ben para mellorar os barrios e parroquias do municipio” manifestou.

Os populares tamén consideran “desolador” que siga aumentando a cifra de incobrados alcanzando máximos históricos con máis de 22M€ de saldos de dubidoso cobro durante os anos nos que Lara Méndez é alcaldesa que abranguen o periodo de 2015 ata a actualidade.

Noutra orde de cousas, os populares ainda que son conscientes que a pandemia provocou unha baixada de ingresos nas arcas municipais manifestaron que había previsiones de impostos totalmente infladas. Ameijide lembrou como o Gobierno ingresou menos da mitad do que
preveía en concreto uns 80 millóns menos da previsión de ingresos que figuraba na conta xeral 2020.

O Supremo avala o pasaporte Covid para acceder a bares e locais de lecer nocturno en Galicia

A Sección Cuarta da Sala do contencioso-administrativo autorizou a obrigación de exhibir o pasaporte Covid en determinados establecementos –lecer nocturno e restauración- de Galicia, acordado pola Xunta o pasado mes de agosto para reducir os contaxios, ao considerar que a medida é idónea, necesaria e proporcionada.

A Sala afirma que “o beneficio que proporciona a medida, respecto da redución significativa dos contaxios, é moi superior ao sacrificio que comporta a esixencia de presentar a documentación para o acceso ao local. En definitiva, non se atisba ningunha medida que resulte máis adecuada para salvagardar a vida e a saúde dos cidadáns, nese tipo de locais”.

Na súa sentenza, na que estima o recurso da Xunta contra o auto do TSJ de Galicia que rexeitou a medida, establece que a esixencia de exhibir o pasaporte Covid debe someterse a autorización ou ratificación xudicial xa que pode afectar os dereitos fundamentais á igualdade, á intimidade e á protección de datos da persoa. Argumenta que a limitación resulta precisa para permitir a súa pacífica coexistencia cos demais dereitos fundamentais e cos bens constitucionalmente protexidos que se traducen, neste caso, nunha potente presenza do dereito á vida e á integridade física, e á defensa e protección da saúde dos cidadáns.

A sentenza, relatorio da maxistrada Mª do Pilar Teso, indica que a exhibición do pasaporte Covid non vulnera o dereito á igualdade pois non se produce discriminación entre aqueles que están vacinados e os que non o están. “Lembremos que a documentación reviste unha tripla modalidade, que resulta alcanzable a todos, de modo que quen non quere mostrar se foi ou non vacinado, @teniendo en cuenta o carácter voluntario da mesma, pode presentar o resultado da proba PDIA ou o test de antígenos, e desde logo o certificado de recuperación da Covid-19 se pasou a infección”.

En todo caso, a Sala aprecia que concorre unha xustificación obxectiva e razoable para permitir ou non o acceso ao correspondente establecemento, segundo cumpriuse tal esixencia, pois se trata da protección da saúde e a vida das persoas, mediante unha medida que evita ou restrinxe a propagación da pandemia.

A Sala rexeita tamén que esixir o pasaporte Covid vulnere o dereito á intimidade e asegura que non pode esgrimirse a prevalencia desta dereita fronte ao dereito á vida e á protección da saúde pública. “É certo que se trata dunha información médica, pero as connotacións que impón a situación de pandemia, o carácter masivo da vacinación e a solidariedade que comporta a protección e axuda entre todos, devalúa a preeminencia da intimidade neste caso”, subliñan os maxistrados.

Do mesmo xeito, o tribunal descarta a vulneración do dereito fundamental á protección dos datos persoais cando o que se establece, para entrar no interior dun determinado establecemento, “é a mera exhibición, é dicir, ensinar ou mostrar a documentación en calquera das tres modalidades esixida. Sen que, desde logo, poidan recollerse os datos dos asistentes a tales locais, nin poida elaborarse un ficheiro, nin facer un tratamento informático respecto diso”.

Tras constatar a afectación “tenue” dos citados dereitos fundamentais, conclúe que a medida resulta necesaria, idónea e proporcionada para conseguir o fin perseguido. Afirma que a exhibición da documentación nestes establecementos é idónea debido ás características destes lugares de lecer nos que a diferenza doutros establecementos abertos ao público “non permiten o uso constante e permanente da máscara, que debe necesariamente retirarse para comer e para beber, do mesmo xeito que resulta difícil manter neles a distancia de seguridade, adóitase conversar cun ton de voz máis alto, ou mesmo cantar, o que favorece a “inhalación de pingas e aerosois respiratorios emitidos por un contaxiado” que é “a principal vía de trasmisión do SARS- CoV-2”, segundo sinala o informe do Servizo de Epidemiología da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, avalado polos membros do Subcomité de Control de Brotes do Comité Clínico que asesora á citada Consellería.

A sentenza recolle os informes achegados pola Xunta que poñen de manifesto a abundancia de datos científicos que avalan que a única medida eficaz posible, para proceder á apertura dos locais de lecer, que proporcione un alto nivel de protección para a saúde pública é a implantación do denominado pasaporte Covid, “pois só ela pode diminuír considerablemente o risco de contaxio nos devanditos establecementos”.

Lembra que no caso concreto a Xunta de Galicia non a implantou de forma indiscriminada en todo o territorio, senón que establece unha sorte de mapa que gradúa a incidencia da pandemia en cada lugar e os diversos niveis de restrición segundo a gravidade da incidencia da Covid-19 nos diferentes municipios. Ademais, sinala que a medida reviste un carácter temporal, adecuada á realidade necesariamente cambiante polo que foi xustificada respecto da súa idoneidade, necesidade e proporcionalidade.

A sentenza menciona o precedente deste tribunal que nunha sentenza anterior rexeitou a exhibición do pasaporte Covid en Andalucía. Explica que nese caso non se xustificou a necesidade da medida que se estendeu ao conxunto do territorio andaluz de forma xeral, aplicable a toda a poboación e municipios con independencia da taxa de incidencia e sen vinculación a situación sanitaria e evolución.

A sentenza inclúe o voto particular do maxistrado Antonio Jesús Fonseca no que entende que a esixencia do pasaporte Covid afecta de forma “severa, extensa e intensa” aos dereitos de igualdade e intimidade.

A Xunta estuda implicarse na recuperación patrimonial no núcleo de Pacios, en Paradela

A Xunta de Galicia estudará a súa posible participación nun proxecto municipal destinado á recuperación de elementos patrimoniais no núcleo tradicional de Pacios, no concello lucense de Paradela.

Esta foi o compromiso adquirido pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, no transcurso dunha xuntanza mantida nos últimos días co rexedor, José Manuel Mato, para abordar diferentes asuntos de interese municipal.

En concreto, segundo explicou o alcalde, a intervención prevista en Pacios e a súa contorna enmárcase na estratexia de rexeneración do municipio impulsada polo Goberno local a través de accións que apostan pola natureza, o urbanismo sostible e a mellora de servicios no rural, un obxectivo no que encaixa tamén o plan de mobilidade sostible do Concello, cuxas liñas mestras lle presentou á conselleira durante a reunión.

Noutra orde de asuntos, conselleira e alcalde tamén analizaron a posibilidade de que ambas administracións colaboren co fin de poñer en valor o Espazo natural de interese local (ENIL) Loio-Ruxidoira, declarado definitivamente no ano 2013 e o segundo ENIL máis antigo dos seis existentes ata o momento en Galicia.

Para lograr este obxectivo, a proposta do Concello de Paradela pasa por acometer obras de recuperación e acondicionamento en varios sendeiros peonís que atravesan o ENIL e permiten achegar aos visitantes a algúns dos seus valores máis destacados.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com