" />

Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel, sétima Reserva da Biosfera de Galicia

A Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel xa é, oficialmente, a sétima reserva da biosfera de Galicia. Así o proclamou hoxe o Consello Internacional de Coordinación do Programa Man and the Biosphere (MaB) da Unesco, reunido na cidade nixeriana de Abuja desde o pasado luns e que esta tarde anunciou publicamente os novos territorios recoñecidos baixo esta figura internacional.

Durante a súa intervención por videoconferencia para defender a candidatura ante o órgano reitor do MaB, na súa 33ª sesión, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, subliñou a importancia desta decisión tanto para os 23 municipios incluídos na mesma —18 da provincia de Lugo e 5 da de Ourense cunha poboación total de máis de 75.000 habitantes— como para o conxunto de Galicia.

Así, lembrou que coa incorporación da sétima reserva da biosfera, a superficie que conta en Galicia con este recoñecemento internacional increméntase ata chegar a case o 35% de todo o territorio; pero tamén suporá que o 42% da Comunidade quede amparado baixo algunha figura de protección, afianzando o recoñecemento á riqueza do noso patrimonio natural en todo o mundo.

De feito, a Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel é a segunda máis grande da Comunidade, xa que abarca unha superficie total de 306.534,77 hectáreas que se estende polos canóns do Sil e polo río Miño e destaca pola súa gran beleza natural e pola riqueza cultural e etnográfica que atesoura.

Tras a proclamación hoxe por parte da Unesco, este territorio intégrase oficialmente na Rede Mundial de Reservas da Biosfera e súmase aos outros seis que contaban xa en Galicia con este recoñecemento: Terras do Miño; Área de Allariz; Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá; Río Eo, Oscos e Terras de Burón; Transfronteiriza Gerês-Xurés; e Mariñas Coruñesas-Terras do Mandeo.

Precisamente, a conselleira lembrou tamén que en base á experiencia adquirida e tendo en conta as accións levadas a cabo nas outras reservas da biosfera galegas, a Xunta liderou un plan de acción que tiña como eixos fundamentais a conservación da biodiversidade, a restauración e mellora dos ecosistemas, o fomento do uso sostible dos recursos naturais, a mitigación do cambio climático e a promoción dunha sociedade sostible e plenamente integrada coa súa contorna.

Na mesma liña, subliñou o carácter participativo do proxecto impulsado a finais do ano 2017 para lograr a proclamación da Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel, un “proxecto de país”, dixo, que agora toca poñer en práctica e materializar.

Tras agradecer o traballo e a implicación de todas as administracións, institucións públicas e privadas e colectivos e axentes sociais que contribuíron nestes anos ao éxito da candidatura, a conselleira resaltou a necesidade de seguir apostando polo mesmo modelo participativo para poñer en marcha, a futuro, un proxecto que harmonice a conservación deste territorio co seu imprescindible desenvolvemento sostible, tanto desde o punto de vista económico como social.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo