Novas

Deportes amplía até o 15 de setembro a apertura da Piscina Exterior de Frigsa

A área de Deportes manterá aberta a piscina exterior de Frigsa até o vindeiro 15 de setembro, ampliando nunha quincena o que viña sendo o seu período de funcionamento habitual.

“A gran demanda que tivo este ano e que se concreta en que máis de 8.800 persoas fixeron uso destas instalacións, até o momento, foi o que nos animou a deixala operativa até mediados do vindeiro mes para que as e os lucenses dispoñan dela como un recurso máis do lecer urbano que ofrece o Concello este verán que, climatoloxicamente falando, chegou tamén un pouco tarde”, indicou o edil Mauricio Repetto.

O concelleiro responsable de área lembrou que as limitacións impostas pola pandemia restrinxiron os niveis de ocupación do recinto. “Tendo capacidade para 1.300 usuarios e usuarias, limitamos o aforo máximo simultáneo a 300 persoas (menos do 30% permitido), tratando de velar en todo momento polo cumprimento da normativa sanitaria con outras medidas como deixar fóra de uso os vestiarios e duchas interiores, ou garantindo que se respectase a distancia de seguridade”, indicou.

Repetto Morban sinalou, así mesmo, que neste 2021 se mantiveron tanto os horarios como os prezos de tempadas anteriores e, recordou que as piscinas permanecen abertas ao baño de luns a venres, de 12:00 a 21:00 horas e, de 12:00 a 20:30 horas, os sábados e os domingos.

“Igualmente as tarifas desta campaña, que seguen sendo das máis baixas de España, son de 1 euro para a mocidade até os 15 anos (10’80 € o abono de 15 baños); de 2’20 € para adultos, maiores de 16 anos, (22’30€ o custo do abono) e 11’10 € e 29’90 € o abono para pensionistas e familias, respectivamente”, referiu.

O edil, quixo destacar, alén, a altísima participación rexistrada na programación de ocio organizada pola área de Xuventude e que, nestas vacacións estivais, puxo a disposición da rapazada de entre 12 e 30 anos unha decena de actividades co obxectivo de que puidesen desfrutar e divertirse dunha forma saudable, posibilitando a súa socialización nunha contorna natural e, sobre todo, segura.

Baile moderno e reggaeton, hip hop, introdución á calistenia e tamén ao skate, son algunhas das propostas coas que Xuventude está activando este agosto á mocidade lucense e que se completan con outras na auga como Paddle Surf, paseos en barco Dragón, descensos en Kayak ou rafting, cos que a área que dirixe Mauricio Repetto quere poñer en valor as potencialidades do río, como eixo vertebrador da cidade.

Cómpre salientar a gran aceptación que están a ter entre o público, contabilizando un total de 150 participantes ata a data o que dá boa conta do interese que xeraron e que propicia que, xornada tras xornada, se cubran as prazas dispoñibles”, apuntou o concelleiro que subliñou, ao tempo, o carácter gratuíto de todas elas na aposta decidida do Executivo de Lara Méndez por facelas asequibles e accesibles a toda a sociedade, contribuíndo igualmente á conciliación das familias.

Fin de semana de descenso nas cifras da Covid-19 na provincia

Logo dunha última xornada á alza a semana pasada, esta fin de semana, Lugo volveu ás cifras de descenso no que á quinta vaga da Covid19 se refire, eso si, cun gran número de positivos detectados nos diversos cribados que se fixeron na provincia.

Así, en total, dende o pasado venres, Lugo conta con 51 casos activos menos, é dicir, que chegamos onte ata as 1231 infeccións activas. Esto débese, principalmente, ao gran número de altas médicas rexistradas durante a fin de semana, 355 dende o venres ata a tarde de onte, que o SERGAS recollía os últimos datos.

Así, na provincia, dende o inicio da pandemia son xa 16.894 persoas as que poden dicir que superaron a enfermidade.

Con todo, a presión asistencial, que descendía o venres, hoxe experimenta unha lixeira volta atrás con 30 infectados covid en plantas de hospitalización e 5 persoas na UCI. Así, o HULA suma 21 pacientes covid en unidades convencionais e 5 na UCI, mentres que o hospital da Costa chegaba á tarde de onte con 3 paciente e o de Monforte rexistraba ás 6 da  tarde de onte outros 5; todos eles en planta de hospitalización. Pola súa banda, o Polusa continúa cun caso covid en planta.

Por último, dende o inicio da pandemia, a provincia contabilizou 231 falecementos. O último, rexistrado o venres no HULA, o dun home de 87 anos de idade que contaba con patoloxías previas.

Preto de vinte concellos da provincia gozan esta fin de semana de actividades culturais

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade impulsa esta fin de semana actividades culturais en preto dunha vintena de concellos lucenses, a maior parte no marco do programa Cultura no Camiño, que no conxunto do verán programa actuacións en 41 municipios da provincia.

Con esta programación, a Xunta pretende dinamizar as vilas e cidades lucenses durante os meses de verán, pero tamén promocionar aos creadores galegos e colaborar coas industrias culturais logo de meses de escasa actividade a consecuencia da situación sanitaria.

Na provincia de Lugo sucederanse, dende esta tarde e ata o domingo, obras de teatro en Viveiro, A Fonsagrada, Friol, Ribas de Sil e Pantón, e un espectáculo de monólogo en Begonte; haberá actuación de maxia en Xermade e Monterroso, de novo circo en Meira e Becerreá, e de música no Incio e na Pontenova.
Os detalles da programación desta e outras iniciativas culturais impulsadas pola Xunta poden consultarse na páxina web da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).

Tamén se desenvolven outras propostas, como O país das Bandas, que convoca en Sober un concerto da Banda de Música Popular de Muimenta (Lalín) para mañá, ás 20,00 horas, e outro da Banda de Música Municipal da Estrada en Pantón para o domingo ás 13,00 horas; ou Comicamente, que trae a Mondoñedo a Xosé Touriñán, Celso Sanmartín e Ledicia Sola esta tarde, a partir das 21.30 horas.

Exposicións e feiras do libro
Na cidade de Lugo, a Biblioteca Pública Provincial mantén durante este mes as mostras bibliográficas “Vacacións de cine”, “Descubrir Xapón” e “Un verán de lecturas”, e no Museo Histórico do Castro de Viladonga permanece a exposición “Itinerario do Camiño Real do Norte”.

Por último, cómpre lembrar que entre o 19 e o 22 de agosto celébrase a Feira do Libro de Foz, que organiza a Federación de Libreiros de Galicia co apoio da Consellería de Cultura.

Mañá comeza a vacinación aos rapaces de 12 e 13 anos

Maña luns, 23 de agosto, Sanidade administrará a vacina de Moderna aos rapaces e rapazas con idades comprendidas entre os 12 e os 13 anos. Nomeadamente, no casos do estudantado con 12 anos, vacinarase inicialmente, a aquelas persoas que xa teñan cumprido a devandita idade, para posteriormente, ir incorporando ao plan de vacinación aquelas persoas que vaian cumprindo os 12 anos nos vindeiros meses.
No que atinxe á vacinación do grupo con idades comprendidas entre os 16 e os 14 anos, esta levarase a cabo nas xornadas do vindeiro mércores e xoves, coa administración da vacina de Pfizer.
O conselleiro de Sanidade remarcou que o comezo da vacinación deste grupo de idade “garante un inicio de curso todavía máis seguro”, dado que “para a semana do 13 ao 19 de setembro na que comezará o curso escolar, todo o alumnado susceptible de recibir a vacina contará coa pauta completa”.
O proceso de citación do alumnado de 12 e 13 anos comezou na andar na xornada do venres co envío de mensaxes de texto ao número de contacto que se teña asociado ás tarxetas sanitarias. Así, estas citas poderán comprobarse nas distintas aplicacións do Sergas.

No caso dos menores con idades entre 12 e os 15 anos, a característica diferencial deste procedemento, é que se precisará dun consentimento informado por escrito, asinado polo pai, nai ou titor legal do menor.
Este documento, estará dispoñible na páxina web do Servizo Galego de Saúde para descargar. Ademais, deberase entregar no recinto de vacinación, en formato papel, cuberto e firmado. Con todo, este requisito lembrarase na mensaxe de citación, onde se incluirá unha ligazón directa para descargar do documento.

O PP pide unha normativa municipal sobre a colocación do mobiliario urbano nos pasos de peóns

O vicevoceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, pídelle ao goberno local a elaboración dunha normativa municipal ou dunha serie de criterios para a localización do mobiliario urbano e así garantir a visibilidade nas inmediacións dos pasos de peóns e cruces da cidade, de cara a mellorar a seguridade viaria, tanto para peóns como para condutores.

Antonio Ameijide explica que se ve na obriga de pedir esta normativa xa que no municipio, asegura, hai moitos puntos nos que a visibilidade “é practicamente nula” nas inmediacións dos pasos de peóns xa que se permite o aparcamento ou a colocación de colectores do lixo xusto antes do paso, “polo que os condutores teñen moi difícil ver se hai peóns
dispostos a cruzar, do mesmo xeito que os peóns non poden ver se hai vehículos circulando”.

O concelleiro popular reclama “algo tan sinxelo” como que se elabore unha normativa municipal con criterios de localización para o mobiliario urbano ou outro tipo de elementos, así como para garantir a visibilidade previa a
pasos de peón e cruces, para evitar que se permita o estacionamento de vehículos de grandes dimensións xusto antes dun paso de peóns ou que os colectores do lixo se coloquen xusto a continuación do paso para evitar que impidan a visión aos condutores e aos peóns.

Outra das solucións que se podería adoptar sería que xusto antes dos pasos de peóns se establecesen as zonas destinadas para o aparcamento de motos, vehículos de pequeno tamaño que non impiden a visión. “Trátase de evitar que vehículos ou elementos de grandes dimensións impidan a visión tanto a peóns coma condutores”, explicou.

Estes criterios deberían de estar reflectidos nunha normativa municipal para que á hora de realizar repintados, colocar novos colectores ou habilitar zonas de carga e descarga “non se incorra de novo nestas situacións” que elevan o nivel de perigo no referente á seguridade viaria, xa que, recorda o popular, é preciso poñer todos os medios que temos ao alcance para poñer freo aos atropelos no casco urbano, xa que, segundo os últimos datos aos que tivemos acceso, preto do 80% dos atropelos en Lugo teñen lugar nas inmediacións dun paso de peóns.

O ‘Resu’ volve a vindeira semana a Viveiro

A Deputación de Lugo colabora, un ano máis, coa celebración do Resurrection Fest. Este evento musical, que nesta edición celebrarase entre o 26 e o 28 de agosto en Viveiro, conta cunha achega de 50.000€ do organismo provincial. O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, anunciou este venres tras a reunión da Xunta de Goberno a adxudicación dun contrato de patrocinio deste evento musical, que se adaptará ás limitacións que esixe a situación sanitaria.

Tomé Roca recordou que “a Deputación de Lugo apostou dende o principio por este festival, ofrecendo un apoio que foi clave para que o Resu se consolidase como o que é hoxe: unha cita de referencia a nivel nacional e internacional, que atrae a miles de persoas e que produce un retorno económico de primeira orde para Viveiro e para toda A Mariña”.

Esta cita serve de promoción da provincia de Lugo dentro e fóra de Galicia e, ao mesmo tempo, á recuperación da actividade turística, hostaleira e comercial. O Resurrection Fest contou na súa última edición con máis de 100.000 visitantes e xerou, segundo ten estudado a Universidade de Santiago, un retorno económico que ronda os 9 millóns de euros.

O programa

Este ano o Resurrection Fest contará o 26 de agosto coas bandas Kreator, Angelus Apatrida, No Turning Back, Devil In Me e Aphonnic. O venres será a quenda de Eluveitie, Jinjer, Crisix, Bala e Bellako, e, o sábado, os asistentes poderán escoitar a While She Sleeps, Destruction, The Ocean, Landmvrks ou True Mountains. Ao mesmo tempo que os concertos, que achegarán a amantes deste estilo musical, levaranse a cabo retransmisións en directo dos concertos e de actuacións doutras edicións. Pódese consultar a información completa na súa páxina web www.resurrectionfest.es

Continúa aumentando o número de novos positivos na provincia

O número de novos infectados por Covid segue a aumentar, e se onte eran 97, hoxe o número de novos positivos ascende a 111. Con todo elo os casos activos descenden a 1.235 debido ao número de altas que se deron.

No total de Galicia a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informou que o número de casos activos de coronavirus é de 11.370 deles 3.466 son da área da Coruña, 1.235 da de Lugo, 758 da de Ourense, 1.105 da de Pontevedra, 2.796 da área de Vigo, 1.188 da de Santiago e 822 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 64 están en UCI, 245 en unidades de hospitalización e 11.061 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 160.169 persoas curadas, rexistrándose 2.536 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 2.694.223.

O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 3.885.780.

O Concello sacará a licitación en setembro o contrato para a xestión da cafetería do Vello Cárcere

O Concello sacará a licitación, nas vindeiras semanas, o contrato para a xestión da cafetería do Vello Cárcere.

A área de contratación ultima nestes momentos a redacción dos pregos, actualizados para adecuarse non só ás inquedanzas do sector senón tamén á nova situación de pandemia.

Dende o Executivo local explican que, “a pesar de que as bases xa estaban moi adiantadas en 2020, a aparición, en marzo, da COVID 19 e as restricións, tan cambiantes, que se foron impoñendo á hostalaría, deixou o proceso nun impás, ante a incertidume da viabilidade que terían estes negocios mentres durase a crise sanitaria”, indicou a tenente de alcaldesa, Paula Alvarellos.

O Concello mellora a seguridade das estradas nunha ducia de parroquias

A área de Medio Rural que dirixe o tenente de alcaldesa e voceiro do Goberno local, Miguel Fernández, está a aproveitar o tempo seco da época estival para acondicionar as estradas dunha ducia de parroquias, co obxectivo de incrementar a seguridade viaria nelas antes da chegada do inverno, cando as inclemencias meteorolóxicas dificultan os desprazamentos.

Así, o concelleiro, supervisou esta mañá os traballos de rexeneración de firmes e eliminación de fochancas que a Brigada municipal está a executar neste momento na calzada que une Penarrubia con Adai. Tarefas que seguen ás xa realizadas en Orbazai e que terán continuidade posteriormente no núcleo de Ferreiros.

Do mesmo xeito, de forma paralela, está a concluír o rebacheo da parroquia de Tirimol. Un cometido que esta mesma semana se iniciará en Labio e que comezou hoxe en Santa María Alta para, en canto remate, seguir en Vilachá, na parroquia de Ribas de Miño”, informou Fernández.

Por outra banda, o executivo de Lara Méndez, avanza estes días nos procedementos, cofinanciados ao abeiro do Plan de Mellora de Camiños Municipais de Acceso a Parcelas Agrícolas, para arranxar as infraestruturas do Burgo, Galegos e Bascuas, que suporán un investimento conxunto de 90.406 euros.

“Actuacións, segundo sinalou Miguel Fernández, que beneficiarán aos residentes nestas contornas pero que tamén reverterán positivamente no conxunto do tráfico rodado que se rexistra nestas zonas”.

O edil deu conta, alén, de que, antes de que remate o ano, quedarán finalizadas igualmente as intervencións previstas nas dúas estradas de Pías – que parten da intersección da Estrada Provincial LU-P-3907 e discorren polos núcleos de Fafián e Corral de Abaixo – e tamén nos núcleos de As Tabernas (Piúgos) e Seivane (Tirimol) que contan cun orzamento de 67.595 euros, achegados a través das baixas obtidas nas licitacións realizadas co cargo ao Plan Único do ano 2020.

“Aquí levarase a cabo a limpeza de cunetas para facilitar a circulación das augas e a adaptación dos rexistros existentes á nova rasante do camiño así como a reposición do firme con aglomerado en quente, xa que son vías que, debido á súa antigüidade, se atopan nunha situación que esixe á súa rehabilitanción urxente”, salientou Fernández quen deixou manifesto o compromiso do Executivo de Lara Méndez coa veciñanza do rural.

“Un compromiso que concretamos non só na atención ás demandas que nos fai á cidadanía senón tamén na procura de que, pouco a pouco, as parroquias e a cidade se equiparen en canto a dotacións e servizos públicos”, concluíu o tenente de alcaldesa.

Visitas guiadas ás catas arqueolóxicas do Carme para presentar o patrimonio da zona

O Concello de Lugo organiza para o que queda de agosto e o vindeiro mes de setembro, novas visitas guiadas ás catas arqueolóxicas do barrio do Carme, co obxectivo de dar a coñecer o patrimonio histórico e cultural desta zona da cidade, pola que discorren, ademais, o Camiño Primitivo de Santiago e a Vía Romana XIX.

Así o avanzou a alcaldesa, Lara Méndez, quen apuntou que “queremos seguir achegando o pasado fundacional da nosa cidade aos veciños e veciñas, así como aos numerosos turistas que nesta época visitan Lugo, ofrecéndolles unha nova alternativa cultural e gratuíta”. 

As visitas, que se celebrarán os xoves, venres e sábado, contarán con 20 prazas dispoñibles en cada quenda. Concretamente as datas e horarios serán os seguintes:

  • 26, 27 e 28 de agosto ás 18:00 horas.
  • 2, 3 e 4 de setembro ás 18:00 horas.
  • 9, 10 e 11 de setembro  ás 18:00 horas.
  • 16, 17 e 18 de setembro ás 18:00 horas.
  • 23 e 24 de setembro ás 18:00 horas e 25 de setembro ás 12:00 horas e ás 18:00 horas.
  • 30 de setembro e 1 de outubro ás 18:00 horas e sábado 2 de outubro ás 12:00 horas e ás 18:00 horas.

Os interesados deberán formalizar a súa inscrición enviando un correo electrónico á dirección dusilugo@lugo.gal indicando o seu nome e un teléfono ou e-mail de contacto, a través do que se lles confirmará a dispoñibilidade para o día e hora solicitada. 

Os xacementos

As sondaxes, que ocupan unha superficie de 65 m², fronte á Porta Miñá, enmárcanse na estratexia Dusi Muramiñae – financiada ao 80% polos Fondos de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea. 

Os xacementos atopados se corresponden con diferentes etapas históricas, estando o principal vencellado a unha edificación romana. Dela exhumáronse varios muros que conforman unha estrutura rectangular, aínda sen definir totalmente, pero na que se aprecia un ambiente de servizo focalizado pola presenza dunha cociña que, ao mesmo tempo, relacionábase con outra estancia ou habitación cuxa funcionalidade pode ser diversa: almacén ou espazo produtivo.

 A partir dos resultados destas catas, é posible percibir como se vai definindo unha construción que estaría na zona periurbana da cidade e o estudo da súa planimetría e funcionalidade axudarán a clarificar novos datos sobre esta zona, estando esta delimitada pola vía XIX que no seu trazado conforma o decumanos da cidade. 

Ademais, dende a páxina web municipal é posible acceder ao Catálogo Arqueolóxico Lvcvs Avgvsti no que se atopan recollidos os principais materiais arqueolóxicos do Lugo romano, combinando información textual cos modelos en 3D das pezas arqueolóxicas dixitalizadas.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com