O Concello mellora a seguridade das estradas nunha ducia de parroquias

A área de Medio Rural que dirixe o tenente de alcaldesa e voceiro do Goberno local, Miguel Fernández, está a aproveitar o tempo seco da época estival para acondicionar as estradas dunha ducia de parroquias, co obxectivo de incrementar a seguridade viaria nelas antes da chegada do inverno, cando as inclemencias meteorolóxicas dificultan os desprazamentos.

Así, o concelleiro, supervisou esta mañá os traballos de rexeneración de firmes e eliminación de fochancas que a Brigada municipal está a executar neste momento na calzada que une Penarrubia con Adai. Tarefas que seguen ás xa realizadas en Orbazai e que terán continuidade posteriormente no núcleo de Ferreiros.

Do mesmo xeito, de forma paralela, está a concluír o rebacheo da parroquia de Tirimol. Un cometido que esta mesma semana se iniciará en Labio e que comezou hoxe en Santa María Alta para, en canto remate, seguir en Vilachá, na parroquia de Ribas de Miño”, informou Fernández.

Por outra banda, o executivo de Lara Méndez, avanza estes días nos procedementos, cofinanciados ao abeiro do Plan de Mellora de Camiños Municipais de Acceso a Parcelas Agrícolas, para arranxar as infraestruturas do Burgo, Galegos e Bascuas, que suporán un investimento conxunto de 90.406 euros.

“Actuacións, segundo sinalou Miguel Fernández, que beneficiarán aos residentes nestas contornas pero que tamén reverterán positivamente no conxunto do tráfico rodado que se rexistra nestas zonas”.

O edil deu conta, alén, de que, antes de que remate o ano, quedarán finalizadas igualmente as intervencións previstas nas dúas estradas de Pías – que parten da intersección da Estrada Provincial LU-P-3907 e discorren polos núcleos de Fafián e Corral de Abaixo – e tamén nos núcleos de As Tabernas (Piúgos) e Seivane (Tirimol) que contan cun orzamento de 67.595 euros, achegados a través das baixas obtidas nas licitacións realizadas co cargo ao Plan Único do ano 2020.

“Aquí levarase a cabo a limpeza de cunetas para facilitar a circulación das augas e a adaptación dos rexistros existentes á nova rasante do camiño así como a reposición do firme con aglomerado en quente, xa que son vías que, debido á súa antigüidade, se atopan nunha situación que esixe á súa rehabilitanción urxente”, salientou Fernández quen deixou manifesto o compromiso do Executivo de Lara Méndez coa veciñanza do rural.

“Un compromiso que concretamos non só na atención ás demandas que nos fai á cidadanía senón tamén na procura de que, pouco a pouco, as parroquias e a cidade se equiparen en canto a dotacións e servizos públicos”, concluíu o tenente de alcaldesa.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com