Visitas guiadas ás catas arqueolóxicas do Carme para presentar o patrimonio da zona

O Concello de Lugo organiza para o que queda de agosto e o vindeiro mes de setembro, novas visitas guiadas ás catas arqueolóxicas do barrio do Carme, co obxectivo de dar a coñecer o patrimonio histórico e cultural desta zona da cidade, pola que discorren, ademais, o Camiño Primitivo de Santiago e a Vía Romana XIX.

Así o avanzou a alcaldesa, Lara Méndez, quen apuntou que “queremos seguir achegando o pasado fundacional da nosa cidade aos veciños e veciñas, así como aos numerosos turistas que nesta época visitan Lugo, ofrecéndolles unha nova alternativa cultural e gratuíta”. 

As visitas, que se celebrarán os xoves, venres e sábado, contarán con 20 prazas dispoñibles en cada quenda. Concretamente as datas e horarios serán os seguintes:

  • 26, 27 e 28 de agosto ás 18:00 horas.
  • 2, 3 e 4 de setembro ás 18:00 horas.
  • 9, 10 e 11 de setembro  ás 18:00 horas.
  • 16, 17 e 18 de setembro ás 18:00 horas.
  • 23 e 24 de setembro ás 18:00 horas e 25 de setembro ás 12:00 horas e ás 18:00 horas.
  • 30 de setembro e 1 de outubro ás 18:00 horas e sábado 2 de outubro ás 12:00 horas e ás 18:00 horas.

Os interesados deberán formalizar a súa inscrición enviando un correo electrónico á dirección dusilugo@lugo.gal indicando o seu nome e un teléfono ou e-mail de contacto, a través do que se lles confirmará a dispoñibilidade para o día e hora solicitada. 

Os xacementos

As sondaxes, que ocupan unha superficie de 65 m², fronte á Porta Miñá, enmárcanse na estratexia Dusi Muramiñae – financiada ao 80% polos Fondos de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea. 

Os xacementos atopados se corresponden con diferentes etapas históricas, estando o principal vencellado a unha edificación romana. Dela exhumáronse varios muros que conforman unha estrutura rectangular, aínda sen definir totalmente, pero na que se aprecia un ambiente de servizo focalizado pola presenza dunha cociña que, ao mesmo tempo, relacionábase con outra estancia ou habitación cuxa funcionalidade pode ser diversa: almacén ou espazo produtivo.

 A partir dos resultados destas catas, é posible percibir como se vai definindo unha construción que estaría na zona periurbana da cidade e o estudo da súa planimetría e funcionalidade axudarán a clarificar novos datos sobre esta zona, estando esta delimitada pola vía XIX que no seu trazado conforma o decumanos da cidade. 

Ademais, dende a páxina web municipal é posible acceder ao Catálogo Arqueolóxico Lvcvs Avgvsti no que se atopan recollidos os principais materiais arqueolóxicos do Lugo romano, combinando información textual cos modelos en 3D das pezas arqueolóxicas dixitalizadas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com