Novas

A policía detén un home por condución temeraria e por carecer de permiso de conducir

Sobre as 13:00 horas do día 30 de xullo unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo observa a circulación irregular dun vehículo pola rúa Filarmónica Lucense.

Ao tratar de darlle o “alto”, o seu condutor fai caso omiso emprendendo a fuga a gran velocidade pola zona de estacionamento, onde había peóns, accedendo á Avenida de Alfonso X o Sabio sen respectar a preferencia de paso dos vehículos que circulan pola mesma, obrigándoos a frear para non chocar e introducíndose pola Estrada da Granxa en sentido prohibido, continuando pola rúa Sargadelos.

Ao decatarse de que non tiña saída, frea repentinamente, deixando unha pegada de freada de máis de 25 metros, chocando contra un bordo, rebentando unha roda, deixando o coche abandonado e emprendendo a fuxida a pé, en compañía dunha muller que viaxaba no vehículo, pola carballeira existente entre a N-VI e a Estrada da Granxa, onde son interceptados polos axentes da Policía Local, coa colaboración de tres axentes do Subsector de Tráfico da Garda Civil de Lugo que se achaban fóra de servizo e que observaran todo o sucedido, procedéndose á detención do condutor e o seu traslado á Xefatura da Policía Local onde se comproba que carecía de permiso de condución por non obtelo nunca.

Por tales feitos é presentado na Unidade de Atestados da Policía Local onde se instrúen dilixencias por DOUS delitos contra a seguridade viaria: conducir carecendo de permiso e por condución temeraria poñendo en concreto perigo a integridade das persoas.

Imaxe da inauguración da Feira esta mañá I

Produtos de Galicia e Norte de Portugal poderán mercarse na Feira de Produtos Artesanais da Eurorrexión

Embutidos de Suarna, mel de Rubiá e o Barco, castañas de Allariz, marmeladadas de A Coruña, viño do Ribeiro e aceite de Tras-Os-Montes. Son algunhas das mercadorías que esta fin de semana poderán adquirirse na Feira de Produtos Tradicionais da Eurorrexión.

Durante os dous vindeiros días, Lugo convértese no escaparate da excelencia gastronómica e artesanal de Galicia e o Norte de Portugal coa celebración dun evento que pretende visibilizar a calidade da materia prima dámbolos dous países.

A rexedora de Lugo, Lara Méndez e a tenente de alcaldesa e responsable de Desen- volvemento Local, Ana González Abelleira, inauguraron esta mañá a mostra, acompañadas polo edil de Turismo do Concello do Barco de Valdeorras, Eladio Santos, organizadores da convocatoria, e polo secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoan Vázquez Mao, entidade promotora da acción e á que Lara Méndez, que é a súa vicepresidenta, se referiu como “un organismo capaz de impulsar o mellor de cada cidade que o integra como temos aquí o exemplo”.

A Feira que permanecerá aberta este venres e sábado en horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:30 a 21:30 horas e estase a celebrar baixo estritos parámetros de seguridade ante o devir da situación epidemiolóxica.
Os postos foron distribuídos nunha soa liña de exposición, cunha única dirección e entrada e saída diferenciadas, para evitar o cruzamento de persoas polo recinto que, alén de contar con control de aforo, disporá, ademais, de sinalización e cartelería na que se informa das recomendacións sanitarias en vigor. Igualmente, algúns dos comerciantes presentes, ofrecerán degustacións puntuais dos seus produtos, que serán sempre en vaixela desbotable dun só uso, para o que darán indicacións ás e aos consumidores de como realizalas con totais garantías.

A presión hospitalaria aumenta con 44 ingresados por Covid nos hospitais da área sanitaria de Lugo

Continúan a subir os casos activos por Covid  na provincia con 31 máis que onte e o número de positivos nas últimas 24 horas foi de 148; aemade e a presión hospitalaria volve a incrementarse con dez novos ingresados en planta e un menos en UCI, e total hai 44 infectados por coronavirus nos hospitais da provincia.

En canto ao número de casos activos en Galicia, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informou na súa última actualización que os casos activos de coronavirus en Galicia é de 18.885 deles 3.763 son da área da Coruña, 2.212 da de Lugo, 2.097 da de Ourense, 3.031 da de Pontevedra, 4.475 da área de Vigo, 2.357 da de Santiago e 950 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 36 están en UCI, 266 en unidades de hospitalización e 18.583 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 134.418 persoas curadas, rexistrándose 2.457 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 2.552.538.

O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 3.501.618.

Comunidado Lugo de Cara ao Miño sobre o caducidade da concesión do Clube Fluvial

A Plataforma Lugo Cara ao Miño, quere poñer unha vez máis enriba da mesa a, xa antiga, demanda de recuperar para o uso público a beira do río, ata o de agora ocupada polo Club Fluvial. Co gallo do recente noticia do cese da licencia para o uso da beira do Miño ao Club Fluvial, por parte da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS), esta Plataforma e outros colectivos sociais reuníronse novamente para retomar a actividade e esta esixencia, co obxectivo de poder devolverlle ao río o seu uso público por parte da veciñanza, garantindo o respecto ao medio ambiente.

A Concesión afecta a un espazo que se atopa dentro da Rede Natura, e é zona núcleo da Reserva da Biosfera Terras do Miño, ademais de ser a única zona de baño declarada no Concello de Lugo, se leva utilizando durante décadas de forma privada e exclusiva polos membros desa sociedade.

O Club Fluvial non só non repectou o obrigado camiño de servidume, senón que cada vez foi ampliando máis a súa actividade e gañando terreo ao río, de tal xeito que toda a zona recreativa está “comida” ao río, e construída en zona inundable e recheada, co conseguinte risco para as personas e para a correcta xestión das augas cando sube o nivel. O Club Fluvial ocupa o Dominio Público Hidráulico en máis de 10000 m2 e, isto implica, ao contrario do que se vén informando nalgúns medios, que habería que derrubar todo o conxunto das instalacións, nomeadamente as pistas de tenis e baloncesto, o aparcadoiro, ou o propio muro, obras das que por outra parte se descoñecen con que informes, autorización ou estudios de avaliación de impacto ambiental foron realizadas.
É evidente e manifesto que en Rede Natura non se permite este uso privativo (estaría dentro do eido que contempla a Directiva 92/43/CEE do Consello de Europa, de 21 de maio de 1992), e, en todo caso, sería preceptivo un estudio previo de impacto ambiental, do que non se ten constancia, polo que o que estaba a facer o Club Fluvial, co consentimento da CHMS tratábase dunha “expropiación encuberta” a favor dun ente privado e en contra da veciñanza.
Xa no seu día, esta Plataforma, así como outras agrupacións ecoloxistas e particulares, instaron á CHMS para que recuperar a concesión e que, mentres non se fixera dita recuperación, toda a zona fora de uso público e de libre dispoñibilidade para a veciñanza, impedindo calquera privatización ou mercantilización do espazo público fluvial e das ribeiras do río.
Por todo o anteriormente exposto, desde Lugo Cara ao Miño, xunto cos colectivos sociais e ecoloxistas asinantes, RECLAMAMOS:
• O uso público do cauce do río, ata agora explotado polo Club Fluvial e dar cumprimento a legalidade derrubando todo o que foi construído sobre o Dominio Público Hidráulico.
• Que o Concello ou a Deputación cheguen a un acordo co Clube para que este espazo, única zona de baño que conta cas garantías sanitarias, que está dentro da Rede Natura, e no propio Dominio Público Hidráulico, e que ata o de agora estivo restrinxido ao uso das socias do Clube, sexa aberto á veciñanza para o seu uso e desfrute.
Plataforma Lugo cara o Miño.

A Covid segue imparable e suma 153 novos positivos na provincia

Un día máis o número de novos positivos por coronavirus na área sanitaria de Lugo supera o centenar, 153 nas últimas 24 horas e a presión hospitalaria aumenta con catro persoas en UCI e 31 en planta.

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa na súa última actualización, que o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 18.776 deles 3.653 son da área da Coruña, 2.181 da de Lugo, 2.209 da de Ourense, 3.005 da de Pontevedra, 4.412 da área de Vigo, 2.395 da de Santiago e 921 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 35 están en UCI, 242 en unidades de hospitalización e 18.499 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 133.336 persoas curadas, rexistrándose 2.455 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 2.544.167.

O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 3.475.339.

Boa cara

No verán, moitos lucenses emigramos temporalmente á costa, lucense ou coruñesa. En tempos, eramos multitude os que acudíamos a Miño, a praia máis preto de Lugo. Coa construcción da A-8, reforzáronse os fluxos de verán a Viveiro, Foz ou Barreiros, agora máis achegadas á capital lucense.

As sucesivas crises e a Covid retraeron a moitos, e aínda non volveu á normalidade o éxodo doutrora, ao que tamén contribúe de xeito enérxico a situación económica. Con certo retraso xa se nota ambiente de verán nesta enésima cidade lucense, que nos ten enganchado a moitos desde hai ben tempo; no meu caso, case medio século.

Vantaxe de Miño, ademais da inmensa praia, é o clima doce, que este ano estamos a botar en falta, xa que por fenómeno non previsto polos meteorólogos, despois dun par de días de calor excesivo, veu a xustiza climática dulcificar o aire, e a neboa privou de sol e praia durante unha semana ao litoral coruñés, mentras as novas de Lugo indicaban que o verán apretaba con forza.

E así andamos os frioleiros, con prendas de abrigo, situando na praia barreiras ao vento, mirando o ceo e os pronósticos por se nos proporcionan algunha alegría, e asombrándonos de que toda a ciencia do mundo non teña avisado nin rexistrado a manta de néboa que nos situou fóra do verán.

Sempre foi socorrido falar do tempo, e pareceume obrigado comentalo xa que, para un veraneante, que chegue unha invasión aérea que altere o tempo case só sobre a súa cabeza, é para preocuparse. Menos mal que só o cambio de aires –quentes ou fríos- significa medio verán. Para o outro medio só queda aplicar o vello refrán de “a mal tempo, boa cara”.

Lugo entra en nivel alto de restriccións e Burela, Foz, Viveiro e Monterroso suben ao nivel máximo

A cidade de Lugo sitúase no nivel alto de restriccións nun día no que os novos positivos na área sanitaria de Lugo ascenden a 142 e o número total de casos activos por Covid-19 é de 2.100 . En canto a presión hospitalaria aumenta a tres  o número de críticos, dous máis que onte e 28 o número de hospitalizados.

Asemade Burela, Foz, Viveiro e Monterroso pasarán a partir deste sábado a nivel máximo pola incidencia da Covid segundo anunciou o Conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.

En canto aos datos facilitados pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade na súa última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 18.535 deles 3.530 son da área da Coruña,  2.223 da de Ourense, 3.041 da de Pontevedra, 4.378 da área de Vigo, 2.378 da de Santiago e 885 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 30 están en UCI, 234 en unidades de hospitalización e 18.271 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 132.502 persoas curadas, rexistrándose 2.453 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 2.535.184

O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 3.444.305.

 

Aberto o prazo para solicitar a nova liña de axudas para a dotación e mellora de servizos no rural

Hoxe abriu o prazo para solicitar as subvencións do programa de Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios, unha nova iniciativa da Deputación para mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas do rural que conta cunha dotación económica de 300.000€.

Trátase dunha liña de axudas de concorrencia competitiva á que poderán optar durante un mes -ata o vindeiro 28 de agosto- as entidades asociativas da provincia, segundo aparece recollido no Boletín Oficial da Provincia (BOP) do día de onte, 27 de xullo, cando se publicaron
as bases do programa.
Poden pedir estas axudas, que oscilarán entre os 1.000 e os 6.000€, entidades asociativas, tales como asociacións e agrupacións de veciños e veciñas, comunidades de usuarios e usuarias de augas, comunidades de montes ou asociacións de gandeiros, agricultores ou produtores forestais da provincia para realizar investimentos en inmobles ou para equipamentos que sirvan para mellorar a calidade de vida, e fomentar e dinamizar o asociacionismo veciñal.

Actuacións subvencionables

Entre as actuacións subvencionables atópase a mellora, adecuación do firme ou sinalización de vías públicas comunais e os seus accesos; as obras de acondicionamento, reforma e ampliación dos locais nos que a entidade desenvolve a súa actividade; adquisición de equipamentos para os locais que resulten necesarios para o funcionamento común da entidade; obras novas de mellora, reforma e reparación das infraestruturas e instalacións das traídas de augas comunitarias, promovidas por comunidades de usuarios de augas; construción de depósitos de auga comunitarios ou acondicionamento e recuperación dos existentes, así como das súas captacións, canalizacións e acometidas; e obras de acondicionamento

Presentación do libro Homenaxe a Araceli Herrero Figueroa “O sorriso de Lilí”

Mañá ás 18 horas na biblioteca pública de Lugo, terá lugar a presentación do libro “ O sorriso de LilÍ” en homenaxe a profesora e intelectual lucense Araceli Herrero Figueroa. No libro colaboran escritoras e escritores  que tiveron relación con ela, así como compañeiras/os,  alumnas/os e persoas amigas da profesora Figueroa que desenvolveu a docencia como catedrática de galego na Facultade de Maxisterio de Lugo.

Intervirán, entre outros : Valentín García, Secretario Xeral de Política Lingúistica; Ramón Reimunde, escritor e exprofesor, Gustavo Vázquez, fillo de Araceli e Xulio Xiz, coordinador do libro.

 


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com