Novas

Denuncia da Plataforma Sanitaria da Mariña sobre os atrasos na atención sanitaria a unha muller

Unha muller denuncia  os numerosos atrasos e a desidia que está a amosar a administración sanitaria, tras unha intervención cirúrxica dun ombreiro  á que foi sometida no ano 2016. De dita operación a paciente queda con secuelas importantes que dificultan a realización das tarefas propias do seu traballo e moitas actividades da vida diaria. A desidia e a falta de continuismo terapeútico do Sergas é  de tal magnitude, que dous anos despois da intervención solicítanlle a máis que necesaria  rehabilitación  postcirúrxica, para a correcta recuperación da funcionalidade do ombreiro , pero esta non é administrada ata finais do 2020.

Previamente e para recuperar o máximo posible,  decide realizar o tratamento rehabilitador pola súa conta , máis cando solicita reembolso dos gastos ocasionados “ o Sergas négase alegando que non era unha necesidade urxente e tampouco quixeron facerme revisión postratamento”– relata a muller.

Ao fin, en decembro de 2020, tras catro anos da intervención,  realízanlle unha resonancia con contraste e , a data de hoxe , aínda  non foi citada polo servizo de traumatoloxía para coñecer os resultados, ao igual que tampouco foi vista polo especialista tras o tratamento de fisioterapia que recibiu.

A deixadez e inoperancia da Xerencia é de tal calibre que a paciente non puido achegar a documentación que precisaba á administración para solicitar unha discapacidade polas lesións que lle quedaron, xa que pediu informes da súa intervención por todos os medios ao seu alcance, mesmo con escritos dirixidos á dirección do hospital da Mariña, sen obter resposta algunha.

Por iste motivo a muller contacta coa Plataforma Sanitaria, que lle redacta e rexistra  reclamación  o día 6 de maio de 2021, con número de entrada no rexistro  00923. sin que ata o momento tiveran a ben proporcionarle os informes aos que ten dereito e que a administración ten a obriga de proporcionarlle.

Plataforma Pola sanidade pública da Mariña

 

Touriñán

O ciclo de humor SARRIA SORRÍ achégase á recta final cos pratos fortes

Continúa o ciclo de humor que se ven desenvolvendo en sarria este verán. Hoxe, 23 de Xullo estará unha das figuras emerxentes da comedia galega,o cómico Brais Doval acompañado de Oswaldo Digón, ás 21:30 no Meigallo.

O ciclo continuará o 8 de Agosto cunha das actuacións máis exclusivas que se poden ver hoxe en día, “LECHAZO A FEIRA”, con X.A Touriñán, David Amor, Álex Clavero e JJ Vaquero xuntos, este espectáculo poderáse ver no campo de rugbi de Sarria. O ciclo rematará con Luis Piedrahita o 14 de Agosto na Praza de Santa Mariña. Pódense adquirir entradas conxunta para os espectáculos Lechazo a Feira e Luis Piedrahita con importantes descontos.

Ademais, como fin do ciclo contará co espectáculo infantil de Pedro Brandariz, que será de balde, tamén na praza de Santa Mariña o 14 de agosto ás 12 do mediodía.

 

Un cento de mozas e mozos participaran nos campamentos de música e tecnoloxía

Un cento de mozos e mozas de 15 a 17 anos procedentes de distintos concellos galegos participarán este verán nos campamentos de música e tecnoloxía que ofrece a Consellería de Política Social no albergue xuvenil LUG II, situado na cidade de Lugo.

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, visitou hoxe aos 30 rapaces e rapazas que asisten desde o pasado mércores á segunda quenda do campamento ‘O Musical’, que se desenvolve este mes en dous turnos dunha semana de duración.

A iniciativa compaxina a temática artística cun programa lúdico e deportivo. Así, os participantes terán ‘masterclasses’ e elaborarán un musical, traballando todos os elementos que compoñen este espectáculo (guión, canto, teatro, montaxe de decorados…). Tamén irán á piscina e farán kaiak, escalada e BTT.

A partir do 1 de agosto comezará o campamento ‘Aych Tecnolóxico’, ao que están convocados 40 mozos en dúas quendas dunha semana. Os rapaces combinarán a aprendizaxe no campo da tecnoloxía con actividades de aventura.

Así, achegaranse ao ‘Design thinking’, impresión en 3D, prototipaxe, comunicación dixital e robótica; pero tamén terán tempo para practicar escalada en rocha e rocódromo, tiro con arco e actividades acuáticas.

Máis seguridade

A Xunta de Galicia puxo en marcha unha campaña de verán con actividades con todas as garantías de seguridade. Neste ano manterase e reforzarase o protocolo específico fronte á covid-19 para facer desta programación unha opción de ocio seguro. A novidade deste protocolo é que os participantes e os monitores deberán realizar unha proba de antíxenos totalmente gratuíta á súa entrada no campamento. Durante a pasada edición non se rexistrou ningún caso positivo nin entre os seus participantes nin entre os profesionais.

Continúa imparable o número de novos contaxios por Covid na provincia

A area sanitaria de Lugo aproximase aos 1.500 casos activos, nun día no que o número de novos contaxios alcanza a cifra de 186 e suma catro novos hospitalizados.  Segundo os datos facilitados pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade  o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 15.109 deles 2.591 son da área da Coruña, 1.498 da de Lugo, 2.341 da de Ourense, 2.615 da de Pontevedra, 3.544 da área de Vigo, 1.883 da de Santiago e 637 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 23 están en UCI, 189 en unidades de hospitalización e 14.897 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 129.482 persoas curadas, rexistrándose 2.444 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 2.497.099.

O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 3.353.980.

O PP pide ao Goberno Local que elimine o tapón de Ramos Misioné para mellorar a circulación

Os concelleiros do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo piden a Lara Méndez e Rubén Arroxo que escoiten as peticións dos veciños da rúa Ramos Misioné, “que levan anos pedindo unha mellora na rúa para solucionar os problemas existentes para a circulación de vehículos”.
Sinalan os populares “que urxe unha actuación para, en primeiro lugar, eliminar un tapón urbanístico existente ao inicio desta rúa, moi preto do cruce coa rúa da Zarra, xa que ao tratarse dunha vía de dobre sentido de circulación e na que ademais hai unha escola infantil, hai que garantir unha fluída circulación dos vehículos”.
Neste senso, os populares agardan que “agora si o goberno se poña a traballar para corrixir esta situación xa que hai un acordo plenario de
febreiro de 2020, impulsado polo PP, para que o Concello de Lugo realice un censo dos tapóns urbanísticos que hai no municipio  e que así se
poida poñer en marcha un plan de supresión dos mesmos dotado das partidas económicas suficientes e no que se estableza unha planificación priorizando as que máis risco xeran aos peóns e máis dificulten a mobilidade na cidade”.

Importante aumento nos positivos por Covid con 174 novos infectados nas últimas horas

A Covid segue estendéndose na provincia, nas últimas 24 horas o número de novos positivos é de 174. A presión hospitalaria mantense aínda que hai un novo paciente con Covid na UCI do Hula.

Con este novo incremento os casos activos sitúanse en 1.364 na área sanitaria de Lugo. En canto ao número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 13.963 deles 2.371 son da área da Coruña, 2.285 da de Ourense, 2.485 da de Pontevedra, 3.165 da área de Vigo, 1.721 da de Santiago e 572 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 22 están en UCI, 153 en unidades de hospitalización e 13.788 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 129.036 persoas curadas, rexistrándose 2.443 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 2.488.919.

O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 3.331.572.

Dúas estreas de cine francés nos Codex Cinema

Esta semana Codex Cinema estrea dúas novas películas francesas. Comezando por Á abordaxe de Guillaume Brac, memorable comedia sobre o amor e a amizade nun camping de verán, unha das grandes sorpresas do ano pasado que se estrea por fin en Galicia. E ademais, As aparencias de Marc Fitoussi, un thriller sentimental sobre relacións cruzadas nun matrimonio aparentemente perfecto, que conta con actrices galas moi reputadas como Karin Viard e Laetitia Dosch, e a presenza do cantante Benjamin Biolay.

As dúas estreas están acompañadas por unha nova etapa do Universo David Lynch, neste caso Estrada perdida, unha das súas películas máis celebradas.

A Mariña luguesa en nivel alto de restriccións

Ribadeo, Foz, Burela, Cervo e Viveiro entran en nivel alto de restriccións por do elevado número de casos Covid diagnosticados nos últimos días. Nestes concellos só se poderá acceder ao interior dos locais de hostelería a persoas que tiveran pasado a enfermidade, que conten cun test negativo nas últimas 72 horas ou que estean vacinados coa pauta completa. O aforo dos locais queda limitado ao 50% tanto en interior como en exterior.

O número de casos activos na provincia volve subir un día máis e sitúase en 1.241, cento dous máis que onte. En Galicia o número de casos activos é de 12.889 deles 2.214 son da área da Coruña, 2.181 da de Ourense, 2.258 da de Pontevedra, 2.909 da área de Vigo, 1.580 da de Santiago e 506 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 21 están en UCI, 153 en unidades de hospitalización e 12.715 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 128.627 persoas curadas, rexistrándose 2.443 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 2.481.253.

O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 3.309.925.

Agromuralla alerta da “situación crítica” das explotacións de leite galegas

A asociación de gandeiros e gandeiras Agromuralla califica de “crítica” a situación pola que atravesan a maioría das explotacións leiteiras galegas debido á “suba desproporcionada” que nos últimos meses se está a producir en insumos básicos como o penso para a alimentación do gando ou o recibo da luz e esixe ás Administracións “que adopten as medidas necesarias para garantir a viabilidade e continuidade dun sector estratéxico para o conxunto de Galicia”.

O presidente de Agromuralla, Roberto López, denunciou o “pasotismo” tanto da Xunta como do Ministerio diante da situación das ganderías, que na actualidade, e cos prezos que pagan as industrias, non cubren os custos de produción. “Os gandeiros estamos perdendo cartos todos os meses, tirando de aforros para seguir adiante, pero se a situación non cambia moitas explotacións veranse obrigadas a pechar, despois de ter feito importantes investimentos nos últimos anos”, asegura.

Por iso, urxe a que “dunha vez por todas” tanto a Xunta como o Ministerio “interveñan” para que o prezo que cobran os produtores sexa “xusto” e permita “vivir con dignidade no rural”. “Galicia non se pode permitir que cada día siga pechando unha explotación de leite”, asegura Roberto López, que teme que o ritmo de abandonos poida incrementarse de aquí a final de ano se a situación non cambia, “arrastrando consigo toda unha actividade económica complementaria, porque as ganderías de leite somos o motor do rural galego”, defende.

Subas nos pensos e o recibo da luz

No último ano os custos das explotacións disparáronse como consecuencia do forte encarecemento dos pensos e da enerxía eléctrica, a modo de exemplo, o presidente de Agromuralla indicou que unha granxa cun robot de muxido está a pagar agora 200 euros máis ao mes que antes da introdución dos tramos horarios.

Todas estas subas están a afectar á rendibilidade das explotacións e a facer que non se cumpra a legalidade vixente, xa que a Lei da Cadea Alimentaria, logo da súa última modificación, establece que os prezos que cobran os produtores primarios polos seus produtos deben cubrir obrigatoriamente os seus custos de produción. “É intolerable que aquí se estea a imcumprir a normativa legal e non pase nada e que as Administracións públicas, que son as garantes de que a Lei se cumpra, miren para outro lado”, insiste Agromuralla.

Renovación de contratos en agosto

A maioría dos contratos lácteos entre gandeiros e industrias renóvanse ben no mes de marzo, ben no mes de agosto, polo que o mes que vén tocaría facelo a un bo número de explotacións. “Están a chegar propostas de contratos ás granxas que incumpren claramente a Lei da Cadea Alimentaria”, asegura Roberto López, que pon como exemplo os contratos que ofrece algunha industria cun prezo de 29,5 céntimos.

“O estudo de custos que acaba de aprobar o Ministerio establece os custos de produción das explotacións entre os 32 e os 38 céntimos, cunha media de 35 céntimos, polo que ofertas que cheguen por baixo desas cantidades son claramente ilegais”, denuncia Agromuralla. A asociación de gandeiros afirma que “as políticas das industrias seguen sendo as mesmas de sempre, de coaccións e presións para que os gandeiros asinen, pero os produtores seguimos sen ter capacidade real de negociación”.

Estudo de custos irreal

Finalmente, Agromuralla acusa ao Ministerio de Agricultura de crear “confusión” no sector cun “estudo de custos irreal que crea moita incertidume e obriga na práctica a facer un análise personalizado de cada unha das granxas para establecer a cifra individualizada dos custos de produción”. “O Ministerio modificou o cálculo inicial e introduciu a media dos anos 2018 e 2019, no que as materias primas de alimentación do gando estaban máis baixas, para distorsionar o estudo, que non se axusta á realidade nin ten en conta a suba actual dos pensos”, indica Roberto López.

“Temos un ministro de Agricultura que sucumbiu ás presións da industria e das cadeas de distribución e que modificou ao seu antollo o estudo de custos oficial para maquillalo en favor da distribución e sen actuar en defensa dos produtores”, denuncia Agromuralla, que non descarta mobilizacións como as que se están a organizar noutras comunidades, como é o caso de Andalucía. “É bastante sorprendente que aquí en Galicia ninguén diga nada e estea todo o mundo calado cando estamos cobrando o leite dous céntimos por baixo da media do resto de España”, asegura Roberto López.

o ciclo de música “O País das Bandas” chega esta fin de semana a Lugo

O ciclo O País das Bandas, promovido pola Xunta e a Federación Galega de Bandas de Música Populares no marco da programación cultural do Xacobeo 21-22, ofrece esta fin de semana tres concertos na cidade de Lugo. O concello de Quiroga acollerá tamén unha actuación do ciclo na xornada do domingo.

Así, o Club Fluvial será o escenario o venres, ás 19.30 horas, do concerto da Banda de Música de Antas de Ulla, fundada en 1896 e recuperada na década dos 80 despois de disolverse nos anos 60. Dirixida por Javier González Borrajo, componse de arredor de 45 músicos que interpretarán Música mestres, Paisaxes galegas, Oregón e Magic. Tamén soarán Grease, Arsenal, Terriña galega, Muiñeira da forxa e De donde. O peche porao a Muiñeira de Chantada.

O sábado, a Banda de Música Municipal de Silleda repetirá escenario e hora co seu repertorio Ponteareas, Marcha eslava e Suite Galaica, que inclúe Amencer na montaña, Samhain e Danza gaélica, así como Moment of glory e A xota de Nicolás. Fundada en 1888, o seu director actual é Rafael Agulló Albors.

Para esta mesma xornada, ás 12,30 horas, está prevista a actuación da Banda de Música de Vilatuxe na rúa San Marcos. Fundada en 1942 e dirixida por Víctor Manuel Vilariño Salgado, a agrupación ofrecerá no seu programa os temas El meu laio, Danzas Armenias, Cavaleiros de Santiago, Libertango e Cascarexa. A formación interpretará tamén Fantasía sobre tres temas galegos, Churrusqueira, Muiñeira de Chantada e Muiñeira dos Pendellos.

A vindeira semana, o día 30 ás 19,30 horas, haberá un novo concerto no Club Fluvial, coa Banda de Música Santa Cruz de Ribadulla, no que soarán Mercury-Contest March, Ivanhoe, La revoltosa e Fantasía sobre tres temas galegos. Cascarexa, La dolores, Muiñeira dos pendellos e Enrique López completan o repertorio desta banda formada en 1927 e dirixida por Alejandro Cimadevila Louzao.

Este será o último dos cinco concertos desenvolvidos en Lugo no marco do ciclo O país das bandas, que arrincou na cidade o pasado 9 de xullo coa Banda de Música de Ordes.

Concerto en Quiroga

Pola súa banda, Quiroga acollerá tamén un concerto do ciclo o domingo 25, ás 13,00 horas, a cargo da Banda de Música Santádega. Creada en 2008 por Luis Humberto Cao e dirixida por Roberto Iglesias Rey, esta agrupación ofrecerá no repertorio Tercio de quites, Paisaxes galegas, Ross Roy, Alborada galega e Muiñeira dos pendellos. Completan o programa Agárrate saxo, Uprising, Santana e Que rico el mambo. O peche porano Os mozos do penedo e Tequila.

O País das Bandas arrincou o pasado 1 de xullo e percorrerá Galicia ata o 19 de setembro con case un cento de concertos a cargo de 77 agrupacións que suman máis de 3600 músicos. O obxectivo é impulsar a recuperación da actividade das bandas na Comunidade, como grandes depositarias da tradición  musical galega.

A iniciativa desenvólvese ao abeiro do acordo asinado o pasado maio entre a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a Federación de Bandas, mediante o que a Xunta cuadriplicou a súa colaboración con este colectivo, cunha achega de 400.000 euros.

 


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com