" />

o ciclo de música “O País das Bandas” chega esta fin de semana a Lugo

O ciclo O País das Bandas, promovido pola Xunta e a Federación Galega de Bandas de Música Populares no marco da programación cultural do Xacobeo 21-22, ofrece esta fin de semana tres concertos na cidade de Lugo. O concello de Quiroga acollerá tamén unha actuación do ciclo na xornada do domingo.

Así, o Club Fluvial será o escenario o venres, ás 19.30 horas, do concerto da Banda de Música de Antas de Ulla, fundada en 1896 e recuperada na década dos 80 despois de disolverse nos anos 60. Dirixida por Javier González Borrajo, componse de arredor de 45 músicos que interpretarán Música mestres, Paisaxes galegas, Oregón e Magic. Tamén soarán Grease, Arsenal, Terriña galega, Muiñeira da forxa e De donde. O peche porao a Muiñeira de Chantada.

O sábado, a Banda de Música Municipal de Silleda repetirá escenario e hora co seu repertorio Ponteareas, Marcha eslava e Suite Galaica, que inclúe Amencer na montaña, Samhain e Danza gaélica, así como Moment of glory e A xota de Nicolás. Fundada en 1888, o seu director actual é Rafael Agulló Albors.

Para esta mesma xornada, ás 12,30 horas, está prevista a actuación da Banda de Música de Vilatuxe na rúa San Marcos. Fundada en 1942 e dirixida por Víctor Manuel Vilariño Salgado, a agrupación ofrecerá no seu programa os temas El meu laio, Danzas Armenias, Cavaleiros de Santiago, Libertango e Cascarexa. A formación interpretará tamén Fantasía sobre tres temas galegos, Churrusqueira, Muiñeira de Chantada e Muiñeira dos Pendellos.

A vindeira semana, o día 30 ás 19,30 horas, haberá un novo concerto no Club Fluvial, coa Banda de Música Santa Cruz de Ribadulla, no que soarán Mercury-Contest March, Ivanhoe, La revoltosa e Fantasía sobre tres temas galegos. Cascarexa, La dolores, Muiñeira dos pendellos e Enrique López completan o repertorio desta banda formada en 1927 e dirixida por Alejandro Cimadevila Louzao.

Este será o último dos cinco concertos desenvolvidos en Lugo no marco do ciclo O país das bandas, que arrincou na cidade o pasado 9 de xullo coa Banda de Música de Ordes.

Concerto en Quiroga

Pola súa banda, Quiroga acollerá tamén un concerto do ciclo o domingo 25, ás 13,00 horas, a cargo da Banda de Música Santádega. Creada en 2008 por Luis Humberto Cao e dirixida por Roberto Iglesias Rey, esta agrupación ofrecerá no repertorio Tercio de quites, Paisaxes galegas, Ross Roy, Alborada galega e Muiñeira dos pendellos. Completan o programa Agárrate saxo, Uprising, Santana e Que rico el mambo. O peche porano Os mozos do penedo e Tequila.

O País das Bandas arrincou o pasado 1 de xullo e percorrerá Galicia ata o 19 de setembro con case un cento de concertos a cargo de 77 agrupacións que suman máis de 3600 músicos. O obxectivo é impulsar a recuperación da actividade das bandas na Comunidade, como grandes depositarias da tradición  musical galega.

A iniciativa desenvólvese ao abeiro do acordo asinado o pasado maio entre a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a Federación de Bandas, mediante o que a Xunta cuadriplicou a súa colaboración con este colectivo, cunha achega de 400.000 euros.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo