Novas

Marxismo e feminismo a ritmo de punk en Codex Cinema

Eleanor foi a filla máis célebre do filósofo e teórico Karl Marx, o home que revolucionou a historia occidental no século XIX xunto a Fredrich Engels, con obras que cambiaron para sempre o noso mundo, como O capital ou O manifesto comunista. Eleanor continuou a acción política do seu pai loitando polos dereitos dos traballadores, a erradicación do traballo infantil e a emancipación das mulleres. Considerada unha das primeiras activistas feministas, esta muller que viviu sempre á sombra do seu pai, é a protagonista de Miss Marx, que chega este venres a Codex Cinema.

A película de Susanna Nicchiarelli presenta una visión desta personaxe e do seu tempo sen ningún tipo de complexos. O gran traballo de recreación histórica (finais do século XIX) se mestura cunha  mirada desenfadada e post-moderna, mostrando a personalidade conflitiva e contraditoria de Eleanor, muller que no seu activismo foi de unha coherencia política absoluta e sen fisuras, mais na súa vida privada foi vítima da vaidade e misoxinia de Edward Aveling, un caprichoso sedutor que marcou a existencia da filla de Marx.

Así, pese a que estamos ante unha biografía dunha muller que viviu no século XIX, a mirada é absolutamente contemporánea, cun aspecto moi actual e que incluso inclúe cancións do grupo punk Downtown Boys como banda sonora. Estamos ante un filme único e refrescante, colorista e apaixonado, onde unha cineasta rende tributo a unha das figuras feministas e socialistas máis importantes da historia.

As mulleres son protagonistas tamén da nosa outra estrea da semana. A muller que escapou é a nova obra mestra de Hong Sangsoo, o cineasta surcoreano que leva 25 anos retratando a vida común da clase media do seu país, a través de comedias perfectamente medidas onde o alcohol e os condicionamentos sociais, a sedución e a loita de sexos, son a maquinaria que move as relacións humanas. Aínda que a maior parte das películas de Hong son protagonizadas por homes (moitas veces alter-ego do cineasta) nesta ocasión o protagonismo é total para as mulleres.

Seguimos a Gamhee, unha muller nova que despois de casar co seu marido deixou atrás moitas amizades. Agora que o marido se ausenta por unha viaxe de negocios, ela decide visitar ás amigas da xuventude. Nesta aventura, os soños de cando era moza, as sensacións esquecidas da xuventude regresan e fai que teña que pensar moitas cousas sobre a súa propia vida.

Estamos ante un filme lixeiro e encantador, elegante e misterioso. Un retrato realista e complexo dunha muller e da súa circunstancia, delicado e conmovedor no seu retrato da vida cotiá. Un novo éxito artístico deste cineasta fundamental que levou o premio a mellor director no pasado Festival de Berlin.

Os derradeiros días de Laura Palmer no Universo David Lynch
Chega unha entrega moi especial no ciclo que Codex Cinema adica ao cineasta David Lynch coa proxección de Twin Peaks. Lume, camiña comigo, o spin-off para a gran pantalla que o director americano fixo da súa serie de televisión de culto, onde narra os últimos días de vida de Laura Palmer, a moza desaparecida que era o centro do misterio da obra orixinal. Lynch aproveita todo o universo referencial da serie de televisión para facer unha das súas obras máis libres e imaxinativas, un carrusel de imaxes oníricas e momentos tipicamente lynchianos.

O filme foi estreado no ano 1992 no festival de Cannes, en medio dunha gran polémica polo seu carácter críptico e surrealista, masacrada pola crítica máis conservadora, pero nestes trinta anos foi rehabilitada polos entusiastas do cineasta e hoxe en día está considerada unha gran obra de culto e unha película fundamental para entender a personalidade deste artista.

Castiñeira a Tomé: ” No goberno da Deputación tamén hai que facer cambios; se algo vai mal, hai que recoñecelo e modificalo”

“O goberno provincial sufre unha parálise evidente. Pódese comprobar en distintos ámbitos da xestión, pero moi concretamente no mantemento da rede viaria da Deputación. Agora que Pedro Sánchez recoñece pola vía dos feitos que moitos dos seus ministros foron ineficaces, é un bo momento para que o presidente da Deputación, José Tomé, acometa unha remodelación do seu goberno e faga cambios
nas delegacións, empezando pola de Vías e Obras, cuxa falta de eficiencia está sobradamente comprobada”.

Así o sinala o portavoz popular, Javier Castiñeira, facendo referencia ao cambio do equipo de Goberno do Estado, despois de case dous anos de lexislatura. Tras esta remodelación do Goberno de Sánchez, Javier Castiñeira aconsella ao presidente da Deputación que “tome nota e faga o mesmo”, porque a situación na Deputación, segundo indica o popular “é parecida ou peor”.

En opinión de Castiñeira, “a Deputación precisa cambios, porque toda a provincia sabe que o delegado de Vías e Obras, José Tomé, está ausente e de aí vén gran parte dos problemas”. A este respecto, o portavoz popular di: “Todas as semanas hai queixas veciñais, que non son atendidas por ninguén, e botamos en falta ao señor Tomé. Hoxe son os veciños da Veneira en Brollón, e os de Uriz, en Begonte, os que protestan. Todas as semanas son moitas as asociacións que demandan arranxos nas vías provinciais”.

Os populares pídenlle a Tomé que “promova cambios e especialmente en Vías e Obras”, malia que, segundo Castiñeira, o presidente do Executivo “non confía no seu equipo e parécelle que todo ten que pasar por el”.  “Xa llo pedimos hai varios meses”, resalta o popular que indica que esa suposta falta de confianza de Tomé no seu goberno “estanos a levar a unha Deputación egocentrada, na que incluso os seus socios de Goberno, son incapaces de esixirlle cambios. Sabemos de alcaldes do BNG que non entenden como a Deputación ten as estradas como están”.

Os populares avisan a Tomé de que “non se durma porque en calquera momento terá aos rexedores do BNG petando cos cascos nas portas de San Marcos”, como fixeron eles recentemente para denunciar o mal estado das vías provinciais.

Detido un menor por agredir aos axentes da Policía Local que lle levantaban denuncia por ouriñar na rúa

A Policía Local detivo onte a un mozo de 17 anos de idade tras agredir aos axentes mentres estes procedían a levantalle acta de denuncia por infracción á Lei de Residuos de Galicia tras detectar ao menor ouriñando na vía pública.

Os feitos tiveron lugar pasados 20 minutos da medianoite de onte cando unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno observou ao menor ouriñando na rúa Bispo Aguirre. Co fin de levantar acta por infrinxir devandita lei, os axentes solicitan a identificación do mozo ao que este negouse. 

Os axentes policiais informan ao menor de que, no caso de persisitir na súa negativa, terá que ser trasladado a dependencias policiais para a súa completa identificación, unha opción que tamén rexeita contundentemente, amosando aquí xa a súa actitude agresiva con patadas aos axentes. 

Os locais, proceden á súa inmobilización, ante a que o mozo opón grave resistencia. Polo que é, finalmente, detido e trasladado a dependencias policiais onde instrúen dilixencias polos delitos de desobediencia e resistencia grave á autoridade.

24 equipos lucenses participan no Plan de Patrocinio Publicitario dos Equipos de Alta Competición de Galicia

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañado polo delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, asinou na mañá de hoxe os contratos de patrocinio cos 24 equipos da provincia de Lugo participantes no Plan de Patrocinio Publicitario dos Equipos de Alta Competición de Galicia da Fundación Deporte Galego. O secretario xeral destacou a importancia destes 24 equipos lucenses que amosan unha gran igualdade con 12 equipos masculinos e outros 12 femininos. En total, o Plan de Patrocinio deixa en Lugo máis de 400.000 euros (402.557,86 euros), o que representa o 12,8% de todo o plan. No acto de sinatura tamén estivo presente a directora de Zona de ABANCA en Lugo, Zaira Dapena.

Nas súas verbas, Lete Lasa apuntou a relevancia dun programa que comezou na tempada 2009/2010 con apenas 80 equipos e un orzamento de 2,2 millóns de euros e que foi medrando ata acadar os 231 equipos patrocinados nesta última edición (125 masculinos, 99 femininos e 7 mixtos) e os 3,15 millóns de euros de orzamento global. En total, nas súas doce edicións, o Plan de Patrocinio ten chegado xa a 1.617 equipos cun total de 33 millóns de euros, grazas á inestimable axuda de ABANCA, que grazas ao acordo acadado en 2020, seguirá colaborando co deporte galego de alto nivel ata o ano 2024, cunha achega total de 10 millóns de euros desde 2015.

Do mesmo xeito, Lete Lasa agradeceu a colaboración de Turismo de Galicia coa que vén de asinar un convenio por importe de 2,5 millóns de euros para a promoción do deporte galego. Dese montante total, 1,8 millóns de euros estarán destinados ao Plan de Patrocinio Publicitario dos anos 2021 e 2022.

O secretario xeral anunciou tamén que por primeira vez desde a xénese do plan realizarase un cambio nos prazos para adecuar o devandito plan ao calendario de competición dos equipos galegos. Deste xeito, en setembro de 2021, aprobarase o Plan de Patrocinio correspondente á tempada 2021-2022 que será a edición que contará cun maior orzamento ata chegar aos 3,9 millóns de euros.

Equipos lucenses
Os 24 equipos lucenses patrocinados nesta edición 2021 son o Club Deportivo Burela Fútbol Sala feminino e masculino e o FSF Castro Bloques Cando (fútbol sala); o CB Chantada, Ensino Lugo Club de Baloncesto, Club Baloncesto Breogán e CB Estudiantes (baloncesto); o Club Peluquería Mixta Friol (fútbol); o Club Emevé feminino e masculino (voleibol); o Club Hóckey Femenino Meigas e Club Patíns Lóstregos Lucus (hóckey liña); o CTM Milagrosa (tenis de mesa); o Club Tríatlon Cidade de Lugo Fluvial feminino e masculino, a Asociación Deportiva Tripenta Terras de Lugo feminino e masculino (dúatlon); o Club Triatlón Cidade de Lugo Fluvial feminino e masculino (tríatlon); o Club Fluvial de Lugo feminino e masculino, Club Piragüismo Ciudad de Lugo feminino e masculino (piragüismo sprint) e o Club de Loitas Olímpicas Vilalba (loita libre olímpica).

O Concello anima á cidadanía a participar nas actividades para conmemorar o Centenario do Parque Rosalía

O Parque Rosalía de Castro, espazo verde icónico da cidade, conmemora os cen anos da súa apertura ao público e, “unha nova desta magnitude merece a pena ser celebrada” destacaba alcaldesa de Lugo ao tempo que convidaba aos veciños e veciñas a achegarse o martes 13 de xullo a partires das 17.00h a gozar dunha programación de actividades levadas a cabo para conmemorar o I Centenario do Parque Rosalía.

O Goberno de Lara Méndez, elaborou unha ampla e variada axenda de actividades para tódalas idades que se desenvolverán durante todo o día para renderlle homenaxe a este espazo. Entre elas atopamos acontecementos culturais, artísticos e sociais, sempre co Parque Rosalía como eixo central, que complementan a presentación do libro ‘O Parque de Rosalía de Castro o Centenario da súa creación’, obra escrita por un dos grandes historiadores de Lugo, Adolfo de Abel Vilela, e tamén un dos autores do Plan Director do parque. “Unha publicación que da a coñecer a rica historia deste parque” destacada a rexedora.

Entre as actividades se inclúen a inauguración dun monolito que estará ubicado na entrada principal do parque, unha visita guiada polos puntos de interese arquitectónico, a cargo de Adolfo de Abel Vilela, unha merenda saudable na zona parque infantil para todos os veciños e veciñas de Lugo e para finalizar a xornada a clausura do acto correra a cargo dos Foolmakers, que darán un concerto no templete.

Dende o Goberno estase a levar a traballar de forma paralela nun plan de mellora do Parque, que ademáis de incluír a recuperación tamén a incorpora a instalación de placas que identifican tanto a súa riqueza botánica como a dos seus monumentos que estarán dispoñibles na web do Concello. Unha primeira fase de actuación, xa que no novo prego de mantemento de zonas verdes que acabamos de sacar a licitar hai contemplados unha partida de preto de 300.000 de euros para unha segunda.

Actividades Centenario Parque Rosalía de Castro:

  • Inauguración monolito centenario
  • Recorrido guiado polos puntos de interese arquitectónico, a cargo de Adolfo de Abel Vilela
  • Merenda saudable
  • Concerto, a cargo de Foolmakers

Un ferido tras colisionar dous camións na A-6 ao seu paso por Guitiriz

Un condutor resultou ferido, esta mañá, ao producirse un accidente entre dous camións, na estrada A-6, ao seu paso polo concello de Guitiriz. A poucos minutos das 10:00 horas, o 112 Galicia recibiu unha chamada que alertaba dunha colisión entre dous camións, no punto quilométrico 540 da Autovía do Noroeste, concretamente nos carrís de sentido a Madrid. Durante a comunicación, afirmábase que podería haber persoas atrapadas nos vehículos.

De contado, os xestores do CIAE-112 Galicia puxeron a información en coñecemento dos servizos sanitarios, dos Bombeiros de Vilalba, dos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local e de Protección Civil de Guitiriz.

Unha vez chegados ao lugar, a patrulla da Policía Local confirmou que no accidente non había ninguén atrapado e que un condutor, que resultara ferido, estaba a ser atendido na ambulancia. Ademais, explicaron que o carril dereito da A-6 permaneceu cortado debido aos restos orixinados no sinistro e que foron desprazados pola dotación de Bombeiros de Vilalba.

Desde o 112 Galicia tamén se informou ao persoal de mantemento de estradas e ao Centro de Xestión de Tráfico co fin de manter a seguridade na vía.

Esta tarde entran en vigor os desvíos da A6 ao seu paso por Pedrafita, por obras

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, e o seu homólogo da provincia de León, Faustino Sánchez, participaron hoxe, en Pedrafita do Cebreiro, nunha xuntanza na que se ultimaron os preparativos dos desvíos de tráfico na A-6 que é preciso poñer en marcha debido ás obras de reparación do viaduto de El Castro. A reunión tivo lugar esta mañá e, ademais dos dous subdelegados do Goberno participaron nela os alcaldes de Pedrafita do Cebreiro, José Luis Raposo; e de Vega de Valcarce, María Luisa González, así como os  responsables de Estradas do Estado, da Dirección Xeral de Tráfico e da Garda Civil de Tráfico das dúas provincias.

Isabel Rodríguez explicou que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, que xa efectuou na A-6 os traballos de rehabilitación nos viadutos de Ruitelán e As Lamas, nos que investiu 7,3 millóns de euros, avanza agora nos traballos de conservación e reparación de El Castro, nos que xa se realizaron os labores de inspección.

A subdelegada informou de que o comezo das obras de conservación obrigan a desviar o tráfico pola N-6 ao seu paso por Pedrafita do Cebreiro. Esta medida, que está prevista a partir das 16 horas de hoxe, afectará só á circulación entre os ppkk 428 e 432 da A-6 en sentido A Coruña. O tráfico en dirección Madrid poderá continuar circulando pola A-6, con un único carril operativo e unha restrición para os vehículos de masa superior a 44 toneladas.

Rodríguez pediu disculpas polas molestias que se poidan causar aos condutores e aos veciños, ao tempo que lembrou que esta medida é imprescindible para poder executar unhas obras que teñen por obxecto garantir a seguridade do tráfico.

O tránsito de peregrinos manterase a través do Camiño Francés por Herrerías ata O Cebreiro. Por razóns de seguridade, debido ao desvío do tráfico de vehículos entre os ppkk 429 e 432 da N-6 estará prohibido o paso de peóns e ciclistas.

Comeza a descender o ritmo de contaxios malia que seguen subindo os casos activos

A provincia comeza a ver luz ao final do tunel. Ou eso semella logo de que, dende o pasado venres, o ritmo de contaxios diarios descendera xornada a xornada de xeito importante. Con todo, continúan a detectarse diariamente un número moi alto de positivos e as altas, aínda que se rexistraron un total de 61 dende o venres ata hoxe, o certo é que non chegan para contrarrestar os positivos. 

Así o revela o último informe do SERGAS con datos recabados ata as 6 da tarde de onte, e que cifra en 467 as infeccións activas na provincia, 20 máis que na xornada do sábado e 72 máis que o pasado xoves. Con estes valores nos casos activos a provincia retrocede a niveis de primeiros de marzo, cando se rondaban tamén os 500 casos. 

Con todo, como diciamos ao principio o ritmo de contaxios vai descendendo diariamente, ao contrario do que se rexistrou durante a pasada semana. Se ben o venres o SERGAS cifrou en 61 os positivos detectados na xornada anterior, cando acadaban o pico máixmo desta quinta vaga, no día de onte esta cifra descendía ata os 32 casos novos.

E malia esta importante suba, o certo é que a presión asistencial vaise mantendo en bós valores. Así, durante a fin de semana tan só se sumou un ingreso novo, na planta de hospitalización do HULA. Son en total 6 ingresados na provincia, e só un deles está na Unidade de Coidados intensivos do centro hospitalario sito na Capital. O resto, divídense entre o Lucus Augusti, que contabiliza 4 pacientes en planta, mentres que na Costa se rexistra un paciente covid. 

Dende o inicio da pandemia 13.668 persoas contraeron o virus, das cales 12.979 xa poden dicir que superaron a enfermidade.

A vindeira semana comezan os traballos de roza nas estradas autonómicas da provincia

A Xunta prevé iniciar a vindeira semana novos traballos de roza e limpeza nas marxes de estradas autonómicas da provincia de Lugo.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade renovou a encomenda á empresa pública Seaga para a realización de tarefas de control da biomasa nas marxes das estradas autonómicas das catro provincias, de cara á prevención de lumes e o reforzo da seguridade viaria, á que destina un investimento de preto de 1,5 millóns de euros.
No marco destas intervencións, este luns comezarán os traballos na estrada LU-172 en Muras.

O conxunto de traballos realizados no marco deste contrato, que acaba de ser renovado coa empresa pública Seaga para os vindeiros 12 meses, completan os que se veñen realizando ao longo do ano polo servizos ordinarios de conservación de estradas da Xunta.
Mediante estas actuacións impúlsase a tala e roza de vexetación de dominio público das estradas autonómica e supoñen un apoio aos labores de conservación de zonas verdes en sendas peonís e glorietas.
Deste xeito, por unha banda, estas actuacións contribúen á prevención dos lumes, ao eliminar especies pirófilas como o piñeiro, o eucalipto ou a acacia nas marxes das vías de titularidade da Xunta. Dáse así cumprimento á Lei 3/2007, de 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia recolle o obxectivo da rotura da continuidade horizontal e vertical da biomasa, de modo que as estradas actúen con efecto “cortalumes”.

O control da vexetación tamén supón a mellora da seguridade viaria. Os traballos proxectados eliminarán árbores que poderían caer á calzada en caso de temporal e evitarán que invadan as beiravías ou beirarrúas, facilitando o tránsito de peóns e ciclistas.
Ademais, serve para aumentar a visibilidade dos usuarios e consegue o efecto de afastar da estrada animais como xabarís ou corzos.

Continúa a subir o número de positivos por Covid na área sanitaria de Lugo

Un día máis xube o número de positivos por coronavirus na área sanitaria de Lugo, con 46 novos infectados que elevan a cifra de casos activos na provincia a 447, dos que oito están hospitalizados, tres deles en coidados intensivos.

Segundo os datos facilitados pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, nas últimas horas, o total de novos positivos en Galicia redúcese un pouco respecto a onte, pero sube a presión hospitalaria con oito máis que onte. O total de casos activos é de 4.561 deles 883 son da área da Coruña, 447 da de Lugo, 823 da de Ourense, 786 da de Pontevedra, 960 da área de Vigo, 484 da de Santiago e 178 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 11 están en UCI, 56 en unidades de hospitalización e 4.494 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 126.642 persoas curadas, rexistrándose 2.439 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 2.415.188.

O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 3.055.575.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com