Novas

O PP insta á Deputación a “atender as queixas dos veciños das Nogais” e reparar as estradas LU-P-4503 e LU-P-0707

As queixas veciñais polo mal estado da rede de estradas dependentes da Deputación son constantes. Os alcaldes e portavoces do PP nos distintos concellos fanse eco destas protestas dos veciños e adoptan iniciativas para que o goberno provincial execute un plan de mellora das vías provinciais. O pasado martes celebrou pleno a Deputación, e o alcalde de As Nogais, Jesús Núñez, presentou un rogo, queixándose ao goberno polo mal estado das estradas provinciais; neste caso de dúas das que pasan polo seu concello: LU-P 4503, de San Pedro por Busnallán y Villasol a Nullán e a LU-P 0707 de Armesto por Torés a As Nogais.

O portavoz provincial do PP, Javier Castiñeira, sinala: “Segundo o alcalde, hai queixas veciñais ao longo de todo o ano, porque as deficiencias das calzadas crean moitos problemas e incomodidades. Entre os afectados está o servizo de bus escolar, que ten que seguir pasando e ten moitas dificultades”.

O mal estado das estradas inflúe en moitos aspectos da vida dos veciños de As Nogais e tamén nas posibilidades de promoción do municipio. Castiñeira indica: “Agora que estamos no verán, hai que lembrar que As Nogais ten recursos turísticos importantes, como é o núcleo de Torés, que ten elementos arquitectónicos moi interesantes”.

Castiñeira declara: “Lamentablemente temos que repetirnos unha e outra vez nestas queixas polo mal estado das estradas da Deputación en toda a provincia e especialmente nos concellos máis pequenos; máis aínda nos gobernados polo PP. De feito parece como se houbera algunha estratexia para arranxar antes as estradas nos tramos de concellos gobernados por outros partidos, intentando deixar de lado aos do Partido Popular”.

O peirao de Rinlo acolle a primeira actuación do ciclo ‘Propulsa danza+paisaxe+patrimonio’

O novo programa cultural da Xunta Propulsa Danza + Paisaxe + Patrimonio bota a andar ás 20,30 h. desta tarde no peirao de Rinlo, en Ribadeo, coa primeira das 27 actuacións que se desenvolverán ata finais de agosto noutros tantos espazos singulares de toda Galicia como parte da programación do Xacobeo 21-22.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, asistirá á representación no porto desta pequena localidade da Mariña lucense, de orixe medieval e de gran tradición pesqueira, onde se porán en escena tres pezas doutras tantas compañías: Amparo de Entremáns, MAPA de Colectivo Glovo e Con/Sin/In- Tacto, de iXa Universos de Movemento – Xián Martínez.

Son 30 as formacións −23 galegas e sete convidadas do resto de España, Francia e Portugal− que lle dan forma a esta iniciativa, a través da que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade busca compartir co público o gran momento creativo da danza en Galicia, ao tempo que se pon en valor o noso patrimonio cultural e paisaxístico.

Mañá en Palas de Rei
No caso da provincia de Lugo, Propulsa levará diferentes propostas coreográficas a sete destacadas localizacións durante o mes de xullo. Así, a seguinte parada será mañá sábado 3, ás 19,00 h., no Castelo de Pambre en Palas de Rei coas mesmas pezas que se poderán ver hoxe en Rinlo.

O día 9 (20,30 h.) será a quenda de Analepsis de Paula Quintas, Vertebrata de Alejandra Balboa e Canela de Laboratorio Escénico, na praza Conde Fenosa de Portomarín; o día 10 (20,30 h.) a Cía IO representará catro[4”]segundos en Chantada; o día 11 (20,30 h.) o Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) acollerá as pezas Miñaxoia de Clara Ferrão e Vertebrata de Alejandra Balboa; o día 16 (20,00 h.) bailarán na praza dos Escolapios de Monforte La Macana con Keep Going, Janet Novas con Feelings e São Castro & Antònio M Cabrita con Um solo para a sociedade, e o día 25 (20,00 h.) a praza dos Fornos da Pontenova será o escenario para Voo de Ánxela Blanco, Miñaxoia de Clara Ferrão, Intempestiva de Elahood, e Nexos de Cía. Exire.

A Deputación apoia o barrio da Milagrosa con accións para os comerciantes, hostaleiros e veciñanza

A Deputación de Lugo axudará a reactivar o barrio lucense da Milagrosa a través de diferentes accións para os comerciantes, hostaleiros e a veciñanza. O Presidente da institución provincial, José Tomé Roca, asinou este venres no Pazo de San Marcos, un convenio de colaboración co responsable da Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais da Milagrosa, Jesús Vázquez Varela, nun acto no que participaron outros integrantes do colectivo.

Tomé Roca puxo en valor o traballo desta asociación para a dinamización do barrio lucense e enmarcou este acordo na necesidade de reactivar A Milagrosa logo da emerxencia sanitaria provocada pola pandemia da Covid-19. “Esta iniciativa permitirá restablecer as relacións sociais entre as veciñas e os veciños do barrio con diferentes obradoiros a través da aprendizaxe”, afirmou o Presidente.

Entre as diferentes accións, a Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais da Milagrosa realizará unha serie de obradoiros, presenciais e gratuítos, que incluirán recomendacións en relación ás medidas de prevención e hixiene fronte ao coronavirus para os distintos colectivos; e tamén deseñará unha guía con información sobre os negocios do barrio. A achega da Deputación de Lugo -de 5.000€- servirá para sufragar gastos de funcionamento da asociación e os derivados destas actividades, como a compra de material ou a impresión das guías.

A Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais Distrito da Milagrosa é unha organización de persoas que viven no barrio e que buscan solución aos problemas que ten a veciñanza dende 1992, desenvolvendo proxectos e propoñendo propostas de intervencións.

Medio Ambiente prepara un ambicioso Plan de Intervención e Mellora para acometer a renovación dos parques infantís da cidade

O Goberno de Lara Méndez, a través da área de Medio Ambiente que dirixe o tenente de alcaldesa Miguel Fernández, prepara a elaboración dun Plan de Intervención e Mellora dos parques infantís e biosaudables da cidade co que o Concello de Lugo quere abordar a renovación destes espazos.

Nestes momentos, e logo de encargar un primeiro informe sobre a situación real de todas as áreas de xogo da capital, dende a área de Medio Ambiente estamos en disposición de poder facer un diagnóstico inicial sobre o seu estado de conservación”, indicou Miguel Fernández.

O concelleiro avanzou que as conclusións dese análise “apuntan a que factores como a antigüidade ou os materiais de construción resultan determinantes no grao de afectación que sofren as dotacións da capital” e sinalou, como exemplo, que os parques con peor cualificación técnica son os situados na Rolda das Mercedes con Xosé Castiñeira ou río Mandeo, que xa teñen 18 anos, ou os que se atopan en San Fiz, que datan de 2005.

Cómpre subliñar – incidiu Miguel Fernández – que o 47’5% destas instalacións teñen 15 anos ou máis e que unha porcentaxe destacable dos mesmos foi executada por promotores privados no desenvolvemento de unidades de actuación e, posteriormente, cedidos ao Concello para o seu mantemento sendo, na súa gran maioría, de baixa calidade o que provoca continuos labores de coidado e reposición”.

O estudo permitiu coñecer, ademais, que as principais incidencias detectadas gardan relación coas pintadas e coas roturas que se producen no valado perimetral e no firme, froito das inclemencias meteorolóxicas, o paso do tempo ou dos actos vandálicos e que a empresa encargada do mantemento arranxa as incidencias no mesmo día que se comunican, salvo que sexa preciso repoñer algunha peza que dependerá da demora do seu envío.

Todos estes datos nos permitirán deseñar, agora, unha planificación por fases e barrios para atallar as eivas derivadas do avellentamento destas infraestruturas así como dar resposta ás necesidades das que adoezan como pode ser a reparación dos peches, substitución do pavimento ou a incorporación de pezas e bambáns inclusivos, superando os 119 que temos instalados actualmente”, explicou Miguel Fernández.

O tenente de alcaldesa asegurou tamén que “o Plan contempla, así mesmo, a creación de novas zonas de esparexemento co fin de garantir unha oferta de ocio axeitada pero non só para as crianzas, senón dirixida a todos os públicos. Isto implica unha transformación moito máis completa e unha reformulación do propio concepto dos parques infantís – tanto dos futuros, como dalgúns xa existentes – tal e como os coñecemos agora, que deixarán de ser un lugar pensado só para nenos e nenas e comezarán a exercer unha función moito máis integradora na que grupos de todas as idades gocen de espazos propios pero tamén doutros compartidos que predispoñan á convivencia e á solicialización interxeracional”, abondou o edil de Medio Ambiente.

O tenente de alcaldesa informou, igualmente, de que todos estes traballos “se levarán a cabo segundo a urxencia das deficiencias atopadas e duso e afluencia de público que teñan as instalacións, de forma que ningún barrio de Lugo resulte alleo a esa supervisión e ningunha área infantil quede desfasada”, aclarou Fernández.

control será continuo o que tamén permitirá priorizar a celeridade coa que se debe emendar o seu deterioro”, incidiu o concelleiro de Medio Ambiente.

En total, Lugo conta con 80 parques infantís e biosaudables distribuídos por toda a capital, dos que ao redor dun 20% foron rehabilitados ou construídos durante o mandato de Lara Méndez, como o recentemente inaugurado en Novo Freire ou os da Praza de Bretaña e Agro do Rolo.

Logo da remodelación que experimentaron os situados na Praza da Milagrosa, Aquilino Iglesia Alvariño, Campo Castelo, Albeiros e Parque de Rosalía, o executivo municipal traballa, neste intre, na reforma do de Augas Férreas que disporá dunha cuberta para incrementar a súa versatilidade durante todo o ano.

As altas médicas frean lixeiramente unha nova suba significativa de casos logo de detectar 28 positivos

As altas médicas volven salvar as cifras da covid unha xornada máis. E é que a provincia experimentou, de novo, unha suba de positivos detectados no día de onte que se achegaron perigosamente á trintena, cifra que non se acadaba na provincia dende finais do mes de maio e iso, nunha xornada anecdótica. 

Os gromos activos na provincia aínda non están acotados o que prexudica seriamente ás cifras. Así, segundo informa o SERGAS con datos recollidos ata as 6 da tarde de onte, a provincia suma un total de 224 casos  activos, dous máis que na xornada de onte. 

No tocante á presión asistencial, todo continúa igual nos hospitais da provincia. Monforte segue a contar cun só paciente covid ingresado en planta, mentres que o Hula cifra os pacientes covid en 4 persoas, 2 en unidades convencionais de hospitalización e outras 2 na UCI.

Como diciamos o importante freo na suba de casos débese ás altas, que na última xornada, recibiron 24 persoas e que contrarrestou con forza os 28 positivos detectados. E é que Galicia segue sumando casos debido, en parte, ao macro gromo de Mallorca e que xa suma máis de 1000 casos en todo o Estado, e que en Lugo xa rexistra 22 casos relacionados, dos cales 18 son estudantes e os restantes adultos que resultaron contaxios secundarios.

En canto ao gromo de Sarria, dende a área sanitaria de Lugo, Cervo e Monforte, informaron onte que nas últimas horas sumábanse 5 casos máis a este gromo; con todo, aseguran que está acotado e os positivos xa estaban identificados como contactos. Doutra banda, informaron tamén dun novo gromo, pequeno e de orixe familiar que, polo momento, suma outros 3 casos tamén no Concello de Sarria .

En canto á vacinación, Galicia acada xa máis do 51% da poboación completamente inmunizada, é dicir, coa pauta de vacinación xa inoculada ao completo. En concreto, o 51,6% da poboación galega xa conta coas dúas doses e superan así o millón 200 seseta mil persoas co proceso finalizado. Doutra banda, segundo informa Sanidade, un 92% dos galegos maiores de 40 anos xa conta con a lo menos unha dose da vacina.  

Neste senso, a Consellería de Sanidade vén de informar de que o vindeiro luns, 5 de xullo, activará o sistema de autocita de vacinación para menores de 30 anos así como para a repesca de maiores de 39 que todavía non foran inmunizados. O presidente do Executivo, Alberto Núñez Feijóo, precisou que se se cumpren as previsións, a vindeira semana, o SERGAS podería rematar coa inmunización dos maiores de 40 anos e comezar con preto de 60 mil doses á poboación de 37 a 39 anos. Asemade, asegurou que nalgunhas áreas, con menos poboación, xa arrancou a vacinación á poboación de entre 30 e 40 anos de idade.

Sarria publica as bases que rexerán o proceso de matriculación na Escola Municipal de Música

O Concello de Sarria vén de facer públicas as bases que rexerán o proceso de matriculación na Escola Municipal de Música para o vindeiro curso 2021/2022.

Segundo o documento oficial, as persoas interesadas poderán presentar de forma presencial as súas solicitudes nas instalacións da propia Escola de Música en horario de 10 a 14 horas. Aqueles alumnos que xa estiveran matriculados na escola o pasado curso nalgún instrumento, dende hoxe poderán formular as súas solicitude de reserva de praza (matrícula de continuidade), un prazo que remata o 9 de xullo.

Doutra banda, aqueles alumnos da escola, que durante o curso 2020/2021 estiveran matriculados en ‘Música e movemento’ e que solicitan un instrumento por primeira vez solicitarán matrícula preferente entre o 12 e o 16 de xullo. Neste caso, será requisito imprescindible que o ano de nacemento sexa o 2015 ou anterior.

Por último, todos aqueles interesados en ingresar, por primeira vez, na Escola de Música de Sarria e que desexen formalizar unha nova matrícula terán de prazo dende o 19 ao 23 de xullo, para solicitala.

O PP pide que Méndez e Arroxo se pronuncien e medien sobre o futuro do Club Fluvial de Lugo

O voceiro do Partido Popular Ramón Carballo anuncia que pedirá un pronunciamento da alcaldesa socialista de Lugo e do seu vicealcalde sobre a petición de Adega de habilitar “unha zona de baño pública na franxa de 5 metros que o Club Fluvial ocupa xunto ao río”.

Ramón Carballo espera que o Goberno non aproveite esta circunstancia para que os máis de 17.000 socios da entidade lucense perdan o uso e o disfrute desta zona. Nese senso os populares piden a Méndez e Arroxo que medien coa Confederación Hidrográfica para chegar a “unha solución satisfactoria para todos”.

Carballo insiste en que Lugo non ten que apropiarse das instalacións do Club Fluvial, senon que ten que acondicionar “unha ou dúas praias fluviais públicas”. O voceiro popular engadiu que “estas dotacións non se materializan pola incompetencia de PSOE e BNG que, tras anos de reiteradas promesas, confórmanse cunhas charcas no Parque do Miño, sen ningún tipo de peche perimetral, con auga da billa quentada cun quentador”.

O Concello descarta a Noso Capital para xestionar a Estratexia Lugo Transforma por non acreditar solvencia económica suficiente

O Concello de Lugo vén de excluír, esta mañá, en Mesa de Contratación á empresa Noso Capital – unha das dúas firmas que concorreron ao proceso – como xestora dEstratexia Lugo Transforma por non acreditar suficientemente a súa solvencia económica.

A iniciativa pioneiraimpulsada polo Goberno, pretende atraer investimento a través dun fondo municipal dotado con 12 millóns de euros, e propiciar a implantación e consolidación, nun prazo de 5 anos, de pequenas e medianas empresas con alto impacto social e ambiental, xerando á súa vez emprego de calidade.

Un obxectivo para o que resultaba necesario demostrar unha traxectoria empresarial estable e continuada que tamén, economicamente, sexa garante dos intereses locais que se promoven.

Malia a que Noso Capital foi preseleccionada por axustarse aos criterios recollidos nos pregos, na segunda fase do concurso público non conseguiu probar que dispón dos recursos necesarios para asumir a intermediación financeira deste fondo de capital de risco, xa que un dos requirimentos era acreditar a disposición, en peche do exercicio 2019, dun patrimonio neto en balance superior aos 125.000 €.

Outra das esixencias era investir un mínimo de 1 millón de euros nos doce primeiros meses dende a súa constitución.

Trala determinación adoptada hoxe pola Mesa de Contratación, ábrese un prazo de 15 días no que a outra firma concorrente, Torsa Capital, deberá presentar a documentación correspondente que avale a súa solvencia económica para resultar adxudicataria do proceso.

Na selección das ofertas presentadas, e segundo recollían as bases da licitación, valorouse a estratexia de investimento deseñada que debía recoller, entre outros parámetros, a identificación dos sectores empresariais e un análise de mercado obxectivo, así como as políticas previstas de captación de fondos privados e un estudo sobre o impacto socioeconómico do fondo en Lugo. Tamén foi avaliada a estrutura de organización, gobernanza, control e supervisión, externa e interna, por parte do intermediario financeiro, de xeito que se garanta a execución do contrato segundo criterios de transparencia, formalidade e consistencia.

Os prazos marcados polo Concello para desenvolver a estratexia será de dez anos, ata o 30 de xuño do 2031, que é a duración que establece para estes instrumentos financeiros o ‘mecanismo de coinversión’ do regulamento europeo segundo a realidade do mercado.

“A meta é crear riqueza e tamén postos de traballo con vistas á recuperación económica de Lugo na etapa post-covid e, nada mellor que facelo dotándonos dunha ferramenta propia, moi poderosa, que diversificará o tecido produtivo local e servirá de impulso aos nosos sectores estratéxicos, aqueles que van en consonancia co Lugo moderno, sostible e á vangarda que estamos construíndo e que será capaz de xerar oportunidades de futuro para as nosas fillas e fillos”, indicou Lara Méndez.

Por iso, a xestora escollida deberá traballar en proxectos considerados innovadores relacionados coas enerxías limpas, a tecnoloxía, biotecnoloxía, farmacia, servizos avanzados á industria, biocombustibles, produción agroalimentaria sostible, loxística intelixente e sector espacial e aeronáutico, entre outros. Estas empresas non deberán ter unha antigüidade superior aos 7 anos desde a súa constitución e o seu domicilio social ou centro operativo principal deberá estar no municipio.

A Xunta inviste máis de 1,5M€ nos catro obradoiros de emprego promovidos en Ribadeo no último ano

A Xunta de Galicia achegou máis de 1,5 millóns de euros aos catro obradoiros de emprego promovidos en Ribadeo no último ano, dous deles dirixidos á mocidade e compartidos con Barreiros. En total, proporcionan formación a 72 traballadores desempregados.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que, logo de clausurar en decembro un obradoiro dual, actualmente están outros dous en marcha aos que se sumará unha cuarta iniciativa nas próximas semanas.

Arias visitou hoxe aos integrantes do proxecto RibadeoXCamiño, que xira arredor da posta en valor da ruta xacobea ao seu paso polo concello. Está financiado pola Consellería de Emprego e Igualdade con 347.000 euros, e conta con 10 alumnos traballadores na modalidade de Desenvolvemento de produtos multimedia interactivos e outros tantos na de Promoción turística local e información ao visitante.

Os participantes traballan no deseño, planificación e desenvolvemento da Oficina de información ao peregrino e do Centro de interpretación do Santuario de Nosa Señora das Virtudes, en Arante. Igualmente, desenvolven produtos audiovisuais interactivos sobre os recursos patrimoniais que rodean ao Camiño Norte e a pegada da tradición xacobea no termo municipal, e reforzan os recursos e a oferta turística relacionada coa ruta.

O delegado subliñou que esta proposta dá continuidade ao labor realizado no obradoiro Alén do Camiño, rematado o pasado mes de decembro e financiado pola Administración autonómica con 471.800 euros.

Neste momento estase a desenvolver tamén o proxecto Vencellos da Memoria, no que participan 16 mozos e mozas menores de 30 anos que se forman nas especialidades de Produción fotográfica e Operacións de gravación e tratamento de datos e documentos. Rematará o 20 de setembro, pero antes tomará o relevo o taller Territorio Vivo, que seguirá avanzando nas tarefas de tratamento e dixitalización do patrimonio documental e incorporará a especialidade de Educación medioambiental.

A Xunta investiu 369.500 euros en cada un destes obradoiros de garantía xuvenil que comparten Ribadeo e Barreiros.

Os obradoiros de emprego teñen unha duración de entre nove e doce meses e realizan obras e servizos de interese xeral en beneficio dos veciños e veciñas dos concellos que os acollen. Os participantes reciben formación teórica e práctica, mediante un contrato de traballo, en especialidades con boas perspectivas de empregabilidade.

Abre o prazo para solicitar as bolsas para deportistas de modalidades individuais da Deputación

A área de Deportes da Vicepresidencia da Deputación de Lugo destinará 85.500 euros a bolsas para deportistas de modalidades individuais. Este venres, 2 e xullo, abre o prazo para a presentación das solicitudes, que se prolongará ata o 15 de xullo.

As bolsas, que forman parte das distintas liñas de axudas que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo inviste no tecido deportivo afeccionado e profesional, oscilarán entre os 300 e os 1500 euros, dacordo cos criterios establecidos na base da convocatoria. Así, na concesión das axudas, valóranse os resultados acadados en competicións internacionais, estatais e galegas durante o ano 2020. En total, outorgaranse 185 bolsas, 13 delas para deportistas con capacidades diferentes.

O obxectivo deste liña de achegas “é apoiar a participación das e dos deportistas nas distintas competicións e recoñecer os seus méritos deportivos, premiando o esforzo que poñen en avanzar nas súas carreiras deportivas”, segundo sinalou o deputado de Deportes, Efrén Castro, que aproveitou para sinalar que “estas bolsas teñen contribuido, aínda que sexa de forma modesta, a apoiar a traxectoria de deportistas de recoñecemento internacional como Adi Iglesias ou Adrián Ben, protagonistas dos últimos fitos do deporte galego en competicións europeas e mundiais”.

Toda a documentación deberá presentarse a través da sede electrónica da Deputación de Lugo, en formato pdf. O servizo de Deportes atenderá consultas e dúbidas respecto da convocatoria no enderezo electrónico begona.ferreiro@deputacionlugo.org ou no teléfono 982 260 262.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com